Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Xoves, 25 de outubro de 2001 Páx. 13.834

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 18 de outubro de 2001 pola que se modifica a do 28 de maio de 2001 pola que se desenvolven programas para promover iniciativas de desenvolvemento e a mellora dos sistemas productivos no marco dunha agricultura sustentable.

A Orde do 28 de maio de 2001 ten por obxecto establece-las bases das axudas dirixidas ás entidades agrarias co obxecto de promover iniciativas de desenvolvemento que fomenten a cultura emprendedora de creación de emprego a través de actividades privadas dinamizadoras do sector agrario, sempre e cando teñan como cometido algún dos seguintes fins:

a) Creación e afianzamento do emprego agrícola.

b) Busca de actividades agrícolas complementarias das rendas das explotacións baseadas en produccións vexetais con comercialización garantida.

c) Creación de sistemas productivos de réxime asociativo que persigan a reducción de custos e/ou a mellora da calidade.

d) Asenta-las bases estructurais para o establecemento de sistemas de producción respectuosos co medio e a saúde de consumidores e concretamente para a producción integrada.

No seu artigo 8º, punto 1, fíxase o prazo de execución das actuacións previstas nos programas aprobados, figurando o 1 de novembro de 2001.

A importancia dos programas agrarios de desenvolvemento comarcal ou autonómico comportan unha obrigada interacción entre distintos sectores (productor, transformador e comercializador) e a agrupación dos distintos axentes en cada sector fai necesaria, en moitos casos, unha complexa xestión por parte dos titulares dos expedientes aprobados, o que motivou a constatación da insuficiencia dos prazos outorgados para a execución das actuacións contidas nos ditos programas.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30º1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 8, no seu punto 1º, da Orde do 28 de maio de 200l, pola que se desenvolven programas para promover iniciativas de emprego e desenvolvemento para a mellora dos sistemas productivos no marco dunha agricultura sustentable, de xeito que queda redactado como segue:

«1º As actuacións previstas nos programas aprobados finalizaranse antes do l de decembro de 2001.

O director xeral de Producción Agropecuaria poderá conceder excepcionalmente, atendendo ás peculiaridades do proxecto aprobado, unha prórroga non superior a seis meses do dito prazo de execución, que estará condicionada a que o titular do expediente a solicite con anterioridade ó 15 de novembro do ano en curso.

Se se resolve favorablemente a prórroga, esta concederase para a totalidade do programa agrario aprobado e non para investimentos illados.

A agrupación beneficiaria comunicaralle a finalización da execución do programa, preferentemente á delegación provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e xuntará os xustificantes do investimento e, en todo caso, unha memoria explicativa sobre a súa realización, antes da data indicada no parágrafo anterior, aclarando o grao de cumprimento do especificado no anexo III desta orde».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria