Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Luns, 22 de outubro de 2001 Páx. 13.696

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 3 de setembro de 2001, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se aproba o proxecto de execución, se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a L.M.T. enlace A Pobra do Brollón-Bóveda, concellos da Pobra do Brollón e Bóveda. (Expediente 039/1999 A.T.).

Visto o expediente incoado nesta delegación provincial por petición de Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para os efectos de notificación na avda. de Arteixo 171, A Coruña, que solicita aprobación do proxecto, autorización administrativa e declaración da utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

Cumpridos os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os ordenados nos capítulos III do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e nos capítulos III e IV do regulamento de aplicación da Lei 40/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, de aplicación ó presente expediente segundo o establecido pola disposición transitoria primeira da indicada Lei 54/1997, en relación coa disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Visto que durante o período no que se someteu o expediente ó trámite de información pública, se presentou a seguinte alegación:

1ª Carmen Moure Casas que manifesta que a súa parcela, que vén citada como predio de labradío na relación de bens e dereitos afectados, é en realidade un soar edificable que dá a dúas estradas, soar para que se solicitou un proxecto técnico coa intención de trasladar a este a casa familiar, polo que a instalación proxectada prexudicaría a futura edificación, ademais de supoñer un risco para a saúde. Por outra banda, manifesta a alegante que na súa parcela xa existe outra liña eléctrica polo que a nova, en vez de situarse onde a criterio da alegante máis prexudica a parcela, debería de unirse á existente ou situarse xunto a esta o que causaría menos dano ó soar.

Considerando que tales alegacións, vista a contestación a estas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que consta no expediente, non impiden continuar coa súa tramitación polas seguintes razóns:

1. Porque a parcela en cuestión, independentemente de que pola súa situación ou extensión, puidese ser edificable, actualmente está dedicada a labradío. Nembargantes, a súa valoración como soar ou predio rústico non se substancia nesta fase de tramitación do expediente, senón que corresponderá ó Xurado Provincial de Expropiación para o que vostede poderá presenta-la correspondente folla de aprecio na que valorará o predio da forma que considere máis conveniente, así como os prexuízos que lle puidera ocasiona-la instalación eléctrica obxecto deste expediente.

2. Por outra banda, cómpre indicar que os campos electromagnéticos xerados pola instalación eléctrica que nos ocupa están dentro dos límites establecidos na recomendación do Consello de Ministros de Sanidade da Unión Europea (1999/519/CE) relativa á exposición ó público a campos electromagnéticos.

3. Porque a finalidade da presente instalación eléctrica é enlaza-las liñas que se alimentan da subestación do Oural coas que o fan da subestación de Monforte de Lemos, é dicir, preténdese pechar un anel para cubri-los eventuais cortes de subministración na zona, sendo precisamente a liña xa existente na súa parcela na que se pretende pecha-lo devandito anel polo que non é posible a eliminación de ningún tramo desta última.

Vista sobre o terreo a traza da liña eléctrica proxectada, obsérvase que a liña ó seu paso polos predios relacionados na información pública, non se dá ningunha das prohibicións ou limitacións sobre os predios en expropiación, ás que se refiren respectivamente os artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966, en concordancia co artigo 57 da Lei 54/1997, antes citada.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto

2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio de competencias atribuída polos Decretos 2617 e 2619/1966,

RESOLVO:

Primeiro.-Autorizarlle a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da dita instalación eléctrica, coas seguintes características principais:

1. Liña de media tensión aérea con orixe na L.M.T. ó C.T. de Ferreirúa e Pino e remate na L.M.T. ó C.T. Freituxe de 4.652 m de lonxitude a 20 kV sobre apoios de formigón en conductor LA-56.

2. Liña de media tensión aérea con orixe na L.M.T. A Pobra do Brollón-Bóveda e remate no C.T.C. Pacios de Veiga de 862 m de lonxitude a 20 kV sobre apoios de formigón en conductor LA-56.

Segundo.-Declara-la utilidade pública da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sistema eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e de urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente, levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios destes e zonas de servidume pública.

Terceiro.-Prestar aprobación ó seu proxecto de execución e anexo, unha vez cumpridos os trámites que se sinalan no capítulo IV do citado Decreto 2617/1966, e visto o contido do informe técnico de data 10 de maio de 2001, entendendo que os extremos que nel se recollen non teñen entidade suficiente para non proceder á súa aprobación.

Cuarto.-En cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 e 31 do regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, acordo que o representante da Administración dea comezo, en data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ó levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación publicadas no diario El Progreso de data 25 de maio, Diario Oficial de Galicia de data 26 de xuño e no BOP de Lugo do 5 de xuño de 2001, e expostas no taboleiro oficial desta delegación provincial e no taboleiro de edictos dos concellos de Bóveda e A Pobra do Broullón. Ata o momento do levantamento das actas, previas, poderanse formula-las alegacións, por escrito, que se consideren pertinentes para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados, ante esta delegación provincial.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novem

bro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos ou se ignore o lugar de notificación, e así dirixirlle ó Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Esta resolución non é definitiva na vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da súa notificación/publicación. Tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

Lugo, 3 de setembro de 2001.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo