Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Xoves, 18 de outubro de 2001 Páx. 13.569

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 27 de setembro de 2001, da Dirección Xeral de Industria, pola que se lle outorga a Repsol Butano, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas canalizado, no termo municipal de Ares (A Coruña). (Expediente 01/1-0-G).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Repsol Butano, S.A., con domicilio para efectos de notificacións en praza da Palloza nº 3-2º, A Coruña, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 9 de xaneiro de 2001, a empresa Repsol Butano, S.A. solicitou ó amparo da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles aprobado por Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Ares (A Coruña), para o seu efecto presentou o preceptivo proxecto das instalacións obxecto da autorización á que fai referencia o artigo 10 do Decreto 2913/1973.

Segundo.-De conformidade co establecido no citado Decreto 2913/1973, a Dirección Xeral de Industria dictou resolución con data do 18 de xaneiro de 2001 pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa de referencia, que se publicou no DOG do 1 de marzo, no BOP da Coruña do 7 de febreiro e no diario La Voz de Galicia do 25 de xaneiro de 2001. Durante o prazo de información pública non se presentaron alegacións.

As características básicas das instalacións do mencionado proxecto son as seguintes:

-Centro de almacenamento, composto por dous depósitos para G.L.P., aéreos, de 49,5 m de capa

cidade unitaria, dotado de equipo de trasfega, vaporización e regulación axeitados ás necesidades de consumo, así como das instalacións auxiliares de electricidade e protección contra incendios.

-Rede de distribución en M.P.B. en encanamento de polietileno, cunha lonxitude total de 6.887 m e diámetros 110, 90, 63 e 40 mm. Fóra do centro de almacenamento discorrerá soterrada por zonas públicas e calcularase tanto para G.L.P. coma para gas natural.

O orzamento ascende á cantidade de 110.736.870 pesetas.

Terceiro.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial da Coruña.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, cos decretos 2913/1973, do 26 de outubro, e 1775/1967, do 22 de xuño.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Outorgarlle á empresa Repsol Butano, S.A. a autorización administrativa para o almacenamento e distribución de gas propano, no termo municipal de Ares (A Coruña).

Esta autorización administrativa axustarase a cantas prescricións se establecen na Lei 34/1998, do 7 de outubro, no Decreto 2913/1973, do 26 de outubro e a cantas outras disposicións se dictarán ou dicten sobre a subministración de combustibles, así coma as seguintes condicións:

Primeira.-Repsol Butano, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 2.214.737 pesetas, importe do 2% do orzamento das instalacións, para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73, punto 4º da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 13 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia en calquera das formas sinaladas no artigo 11, punto 3º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e que

será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-Dentro do prazo de seis meses, contado a partir da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, Repsol Butano, S.A. deberá solicitarlle á Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia a aprobación do proxecto de execución das instalacións, debendo cumprirse, en todo caso, os prazos previstos no proxecto de autorización administrativa, os ditos prazos poden ser prorrogados por causa xustificada, logo da correspondente solicitude á que se xuntará xustificación técnica ou a exposición da causa de forza maior causante da demora.

Terceira.-As instalacións e as súas montaxes deberán cumpri-lo establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria e Enerxía, do 18 de novembro de 1974, modificada polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía, do 26 de outubro de 1983, 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994, e deberán preverse para responder ós avances tecnolóxicos no campo do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

O cambio das características do gas subministrado ou a substitución por outro intercambiable requirirá a autorización da Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 8, letra c) do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles.

As instalacións receptoras de gas, a partir da acometida, tanto as comúns como as individuais, deberán cumpri-las normas básicas de instalacións de gas en edificios habitados ou, se é o caso, aquelas que as modifiquen ou substitúan.

Cuarta.-O distribuidor deberá manter unha subministración correcta e un adecuado e eficiente servicio de mantemento das instalacións, reparación de avarías, reclamacións e, en xeral, de atención ós usuarios, sendo responsable da conservación e bo funcionamento das instalacións.

Quinta.-A determinación das tarifas de venda de gas rexerase polas disposicións vixentes en cada momento sobre a materia.

Sexta.-Repsol Butano, S.A. poderá transferir en calquera momento a autorización administrativa, requiríndose a autorización previa da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia e subrogándose o novo titular en tódalas obrigas e dereitos do transmitente derivados da autorización.

Sétima.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña coidará do exacto cumprimento das condicións estipuladas por esta resolución.

Oitava.-En casos de incumprimento das obrigas do distribuidor que poidan afecta-la continuidade e seguridade do abastecemento, e co fin de garanti-lo

mantemento do servicio ós usuarios deste, a Xunta de Galicia poderá acorda-la intervención da correspondente empresa distribuidora, de acordo co artigo 128 da Constitución, adoptando as medidas oportunas para mante-los abastecementos.

Novena.-A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realiza-las instalacións aprobadas.

Décima.-A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas sinaladas polo artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2001.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria