Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Xoves, 18 de outubro de 2001 Páx. 13.567

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se lle autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Materiales del Atlántico, S.A., no concello de Narón (A Coruña), e se inclúe no réxime especial de producción de enerxía eléctrica. (Expediente 202/2000).

Examinado o expediente instruído por instancias da empresa Materiales del Atlántico, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na rúa Ourense, 9, 28020 Madrid, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 20 de marzo de 2000, a referida empresa solicitou a autorización administrativa e o recoñecemento da condición de instalación acollida no réxime especial de producción de enerxía eléctrica regulado polo Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración, dunha planta de coxeración para instala-la empresa Materiales del Atlántico, S.A. no termo municipal de Narón (A Coruña). Xúntase á dita solicitude o preceptivo anteproxecto das instalacións e o resto da documentación a que se refírese o artigo 7 do citado Real decreto 2818/1998.

Segundo.-As características básicas da planta de coxeración serán as seguintes:

-Tres motores de combustión interna de 2.140 kWm cada un, a 1.500 rpm funcionando con gas natural.

-Tres xeradores síncronos de 2.619 kVA cada un, 400 V de tensión de xeración e 0,8 de factor de potencia.

-Tres transformadores de 3.000 kVA cada un e relación de transformación 20/0,4 kV.

-Instalacións de alimentación de combustible, aproveitamento térmico, interconexión, protección, mando, sinalización e medida.

Terceiro.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, a Delegación

Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña dictou Resolución do 31 de marzo de 2000 pola que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación de referencia, que se publicou no BOP da Coruña do 31 de maio de 2000 e no DOG do 6 de xuño de 2000, sen que se presentase no período legalmente establecido para iso ningunha alegación.

Cuarto.-O proxecto, que está informado favorablemente pola Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no Decreto 2617/1966, do 20 do outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e coas demais que lle son de aplicación.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa citados.

Segundo.-O proxecto, visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, foi redactado conforme o esixido polos artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, e coas demais disposicións que lle son de aplicación.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

-Autoriza-la instalación da planta de coxeración á empresa Materiales del Atlántico, S.A., sita nas súas instalacións do concello de Narón, na provincia da Coruña.

-Recoñecerlle á planta de coxeración autorizada a condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2818/1998, e incluíla no grupo a.1 do artigo 2 do dito real decreto.

Calquera modificación das instalacións autorizadas requirirá unha nova solicitude de autorización administrativa, de acordo co indicado no artigo 17.4º do Real decreto 1775/1967, do 22 de xullo, que fixa o réxime de instalación, ampliación e traslado das industrias en xeral.

O promotor presentará ante a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, no prazo dun ano contado a partir da data de publicación no DOG da presente resolución, o proxecto de execución da planta de coxeración autorizada, o cal conterá os datos e condicións técnicas para a realización das instalacións de conexión da

central á rede, que serán facilitados pola empresa que distribúa enerxía eléctrica na zona, así coma o punto de interconexión.

Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG do 14 de xullo), no prazo de dous anos desde a publicación da presente resolución, para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 12 do Real decreto 2818/1998, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral no desenvolvemento da dita orde.

Así mesmo, a instalación interconectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2000.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria