Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Xoves, 18 de outubro de 2001 Páx. 13.549

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector do comercio de alimentación.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector do comercio de alimentación, con nº de código 3600315, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 26-7-2001, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios Minoristas e Maioristas do Comercio e a Asociación Provincial de Supermercados e Autoservicios de Pontevedra e, da parte social, polas centrais sindicais UGT, CC.OO., CIG, USO e FETICO, en data 2-7-2001. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 6 de agosto de 2001.

P.A.

Luis Boullosa Nores

Secretario provincial de Pontevedra

Convenio para o sector do comercio

de alimentación da provincia de Pontevedra

Artigo 1º.-Ámbito territorial, persoal e funcional.

O presente convenio afecta no seu contido normativo a toda a provincia de Pontevedra e abrangue tódalas actividades do sector do comercio de alimentación, nas que se inclúen comerciantes por xunto, distribuidores, detallistas, supermercados e autoservicios e similares e, en xeral, tódalas empresas dos sectores do comercio de alimentación e comercio de gandería, rexidas pola Ordenanza laboral do

comercio, a cal é aplicable subsidiariamente a todo o establecido no presente convenio e a todo o persoal destas.

Artigo 2º.-Vixencia.

A duración do presente convenio será desde o 1 de xaneiro de 2001 ata o 31 de decembro de 2001.

A denuncia do convenio entenderase validamente efectuada por calquera das partes, sempre que medie comunicación por escrito á outra parte antes do último mes de vixencia ordinaria do convenio.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas, compensación e absorción.

As melloras económicas pactadas no presente convenio non poderán ser absorbidas nin compensadas por melloras voluntarias anteriores e futuras.

Artigo 4º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo para tódolos traballadores do sector será de corenta horas semanais, de luns a venres, agás comerciante polo miúdo de alimentación, establecementos de cash-almacén, para os que a xornada finalizará o sábado.

Nos almacéns de comerciantes por xunto poderase ter un retén os sábados de ata un máximo de catro persoas, rotativo e de acordo a empresa co comité; o remate da devandita xornada será ás doce horas.

O día 17 de maio considerarase como día festivo non recuperable.

Artigo 5º.-Vacacións.

Tódolos traballadores gozarán anualmente dunhas vacacións retribuídas de acordo coas seguintes condicións:

1. Terán unha duración de 31 días naturais, independentemente da categoría de cada traballador.

2. As vacacións poderanse gozar no transcurso do ano, sendo obrigatorio para a empresa conceder estas, polo menos nun 40% do cadro de persoal, durante o período comprendido entre o 15 de maio e o 30 de setembro, de xeito rotativo.

O calendario de vacacións fixarase en cada empresa. O traballador coñecerá as datas que lle correspondan dous meses antes como mínimo do comezo do goce e anunciaranse no taboleiro de anuncios do centro de traballo.

3. Cando o traballador cese no transcurso do ano terá dereito á parte proporcional das vacacións.

Artigo 6º.-Horas extraordinarias.

De conformidade co disposto na Lei de xornada máxima, pode ser autorizada polo delegado de traballo a realización de horas extraordinarias, que se retribuirán para o persoal indistintamente, cun aumento do 75%, retribuíndose co 150% as realizadas en domingos e festivos.

Enténdese que tales recargos se establecen con carácter xeral e mínimo podendo ser substituídos por outros superiores.

Os límites máximos de horas extraordinarias serán as seguintes:

-Día: 2 horas.

-Mes: 15 horas.

-Ano: 70 Horas.

Artigo 7º.-Licencias e permisos.

O persoal do presente convenio terá dereito a licencia con soldo en calquera dos casos seguintes:

a) Casamento do traballador: 15 días.

b) Necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admiten demora: 2 días.

c) Morte ou enterro do cónxuxe, pais, avós, fillos, netos ou irmáns, enfermidade do cónxuxe, pais, fillos e parto da muller: 3 días.

En caso de desprazamento por estes motivos, a licencia será de 4 días, ampliables a 5 días, se o desprazamento é fóra da provincia.

Os traballadores afectados polo presente convenio terán dereito a unha licencia retribuída de 2 días. Esta licencia non poderá ser acumulada en vacacións, pontes ou calquera outra licencia. Tampouco se poderá desfrutar durante o mes de decembro e esta deberá ser solicitada cunha antelación de cinco días. A súa concesión estará supeditada á orde de prioridade da solicitude, no caso de coincidencia de datas.

Artigo 8º.-Excedencia.

Poderán solicita-la excedencia voluntaria tódolos traballadores e traballadoras da empresa sempre que leven, polo menos, un ano de servicio.

A excedencia voluntaria concederase por un prazo non inferior a dous anos nin superior a cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador o traballadora, se transcorresen catro anos desde o final da anterior excedencia; para ningún efecto se computará o tempo que os traballadores e traballadoras permanecesen nesta situación.

Ó termo da situación de excedencia, o persoal terá dereito a ocupa-la primeira vacante que se produza na súa categoría, se non houbese traballadores e traballadoras en situación de excedencia forzosa.

A empresa concederá preceptivamente a excedencia voluntaria por un tempo non superior a un ano, cando medien fundamentos serios, debidamente xustificados, de orde familiar, terminación de estudios, etc.

Perderase o dereito de reingreso na empresa se non é solicitado polo interesado antes de acaba-lo prazo que lle foi concedido.

Darán lugar á excedencia forzosa calquera das seguintes causas:

a) Nomeamento para cargo que teña que facer por decreto, por designación ou por cargo electivo.

b) Enfermidade.

c) Maternidade, por un prazo non superior a tres anos.

A esta última modalidade de excedencia poderán opta-lo pai ou a nai ós que afecte esta situación.

Artigo 9º.-Complemento de nocturnidade.

O complemento de nocturnidade percibirase na contía do 25% sobre o salario base de cada categoría. Os traballadores e traballadoras de nova contratación percibirano igualmente.

Os traballadores e traballadoras que teñan dereito a percibi-lo complemento de nocturnidade, percibirano na contía establecida no texto do convenio e sobre o salario base mensual de trinta días, aboándose a pro rata do tempo traballado. O devandito complemento percibirase no mes de vacacións.

Artigo 10º.-Pagas extraordinarias.

Todo o persoal afectado percibirá tres pagas extraordinarias consistentes nunha mensualidade dos salarios bases vixentes en cada momento, maila antigüidade e melloras voluntarias que conceden as empresas. Estas serán aboadas:

a) Paga de verán: o día 18 de xullo.

b) Paga do Nadal: o día 22 de decembro.

c) Paga de beneficios: esta aboarase o día 1 de xaneiro, podendo prorrogarse ata o día 31 de marzo.

Artigo 11º.-Condicións económicas.

O incremento salarial para este ano de vixencia do convenio será do 3,5%. Acórdase unha revisión salarial para o suposto en que o IPC real supere a devandita porcentaxe.

Artigo 12º.-Antigüidade.

Complemento de antigüidade: a contía do complemento de antigüidade será a que o 31 de decembro de 1994 figure en nómina como complemento de antigüidade e aboarase nas 15 mensualidades.

Ós traballadores e traballadoras que o 31 de decembro de 1994 cumpran algún trienio aboaráselles este, cuantificándose a partir da dita data a antigüidade por cuadrienios, que comezarán a percibi-los traballadores e traballadoras que a partir da dita data comecen a xerar cuadrienios.

Este concepto denominado complemento de antigüidade introducirase en nómina, o cal será cotizable e non será absorbible por ningún outro concepto salarial.

Será aplicado a este concepto o incremento pactado en cada negociación colectiva.

Antigüidade: en concepto de antigüidade establécense cuadrienios na contía dun 6% sobre o salario do convenio vixente en cada momento e por cada categoría.

Artigo 13º.-Axudas de custo.

Terán dereito a estas tódolos traballadores e traballadoras que, mediante orde expresa do empresario ou persoa que o represente, se vexan obrigados a

realizar asuntos ou traballos de carácter profesional por conta e baixo a dependencia da empresa, con desprazamentos a lugares distantes do centro de traballo que lle imposibiliten o seu regreso e sexa preciso efectuar comidas fóra do seu propio domicilio ou teñan necesidade de se desprazaren a localidades onde tamén esixa a misión encomendada unha permanencia que obrigue a tomar aloxamento.

A súa contía será a seguinte:

-Axuda de custo completa: 5.517 pesetas.

-Comida: 1.789 pesetas.

-Cama: 1.639 pesetas.

-Almorzo: 522 pesetas.

-Cea: 1.567 pesetas.

Artigo 14º.-Complemento asistencial en caso de enfermidade ou accidente.

Durante a situación de incapacidade temporal as empresas aboarán desde o primeiro día o 100% do salario, podendo resarcirse as empresas coas cantidades que a Seguridade Social aboa como prestación pola dita continxencia.

Artigo 15º.-Axuda escolar.

Todo traballador ou traballadora que teña fillos e/ou fillas de ata 16 anos, percibirá por concepto de axuda escolar a contía de 9.693 pesetas anuais por cada fillo e/ou filla; esta cantidade aboarase ó comezo do curso. Será requisito indispensable que os fillos figuren coma beneficiarios na cartilla da Seguridade Social do traballador.

Artigo 16º.-Complemento de incapacidade.

Os traballadores ou traballadoras que teñan algún fillo ou filla subnormal, diminuído físico ou minusválido percibirán a contía de 9.727 pesetas mensuais por cada fillo/filla que se atope nas referidas circunstancias.

Artigo 17º.-Servicio militar.

O persoal abranguido neste convenio ten dereito a que se lle respecte o posto de traballo durante o tempo que dure o servicio militar e dous meses máis.

Así mesmo, o persoal que leve dous anos prestando servicio, durante o tempo que estea prestando o servicio militar, terá dereito a percibir, coma se estivese presente no traballo, o importe de dúas gratificacións extraordinarias fixas, verán e Nadal.

Artigo 18º.-Roupa de traballo.

As empresas estarán obrigadas a facilitarlles ós seus productores/productoras un mínimo de dúas pezas de roupa de traballo por ano. Ós choferes e repartidores facilitaránselles uniformes de traballo acondicionados ás temperaturas de verán e inverno así como roupas de auga. O seu uso será obrigatorio.

Igualmente, o persoal terá a obriga de conservala en bo estado. O traballador estará obrigado a comprala ó seu cargo cando, por abandono ou neglixencia a el imputable ou as estrague de forma clara.

Artigo 19º.-Ingresos.

Terán dereito preferentemente para o ingreso, en igualdade de condicións, as persoas que desempeñasen ou desempeñen funcións na empresa con carácter eventual, interino ou contratado por tempo determinado e tamén os fillos dos traballadores e traballadoras da empresa, xa estean estes e estas en activo, xubilados ou falecidos.

Artigo 20º.-Período de proba.

O ingreso entenderase provisional mentres non se cumprise o período de proba que, para cada grupo profesional dos enumerados na clasificación profesional, se detalla de seguido:

-Grupo I: 6 meses.

-Grupo II: 3 meses.

-Grupo III: 1 mes.

Artigo 21º.-Medidas disciplinarias.

Nos supostos de medidas disciplinarias por parte da empresa, tales como propostas de despedimento, sancións ou amoestacións formais, estas deben ser comunicadas por escrito ó traballador ou traballadora e ó comité de empresa ou delegados correspondentes. Nestes casos, o traballador ou traballadora, se fose chamado ou chamada pola empresa, poderá se acompañado polos seus lexítimos representantes legais.

Artigo 22º.-Repartición.

As empresas de comercio por xunto recomendarán ós seus clientes a necesidade de que os locais onde teña lugar a recepción das mercadorías solicitadas reúnan as debidas condicións para tratar de evitar, no posible, tarefas que supoñan excesivo esforzo físico para os traballadores.

Artigo 23º.-Traballadores en cámaras de conxelación.

O persoal que traballe en cámaras frigoríficas con permanencia nelas por un tempo como mínimo do 25% da súa xornada laboral, con independencia de que sexa dotado de roupa axeitada ó seu cometido, percibirá un complemento do 25% do seu salario regulamentario.

Artigo 24º.-Retirada do carné de conducir e multas.

En caso de retirada do carné de conducir por causa non imputable ó traballador ou traballadora, a empresa comprométese a lle facilitar ó conductor afectado un posto de traballo idóneo, de acordo coa súa categoría profesional, sen que con iso vexa diminuído o seu salario.

A empresa pagará as multas orixinadas por excesos de carga, mal aparcamento no caso de descarga e número de viaxeiros excesivos que teñan a condición de persoal ó servicio da empresa, así como, cando no tacógrafo aparecese un exceso de horario autorizado.

Estes feitos serán responsabilidade da empresa cando proveñan de ordes expresas dela.

Artigo 25º.-Seguridade no posto de traballo.

A todo traballador ou traballadora que, por calquera causa xustificada, non puidese seguir desempeñando o posto de traballo para o que foi contratado, a empresa estará obrigada a lle outorgar un dereito preferente de ocupación das vacantes que existan, sempre e cando as características do posto habilitado sexan aptas ás condicións físicas ou intelectuais do traballador.

Artigo 26º.-Afiliación sindical.

A empresa ten o deber de respecta-lo dereito do traballador á afiliación sindical libre.

As empresas deducirán das nóminas as cotas correspondentes ós afiliados/afiliadas a centrais sindicais. O/A traballador/a interesado/a na relación de tal operación remitiralle á empresa un escrito no que se expresará con claridade a orde de desconto, o sindicato ó que pertence e a contía da cota correspondente.

Artigo 27º.-Garantía ad personam.

As condicións laborais pactadas neste convenio enténdense con carácter de mínimas e deberán ser respectadas as condicións de todo tipo que veñan desfrutando os traballadores e traballadoras en canto que sexan máis beneficiosas cás aquí establecidas.

Artigo 28º.-Visitas médicas.

En caso de saídas ó médico, a empresa aboará o tempo empregado cando a visita coincida co horario de traballo. Para o seu aboamento será preceptivo que o volante estea asinado polo médico, á vez que datado.

Artigo 29º.-Gastos de locomoción.

Tódolos/as traballadores/as percibirán en concepto de complemento de locomoción a cantidade de 7.953 pesetas mensuais. Esta cantidade aboarase nos doce meses do ano.

Artigo 30º.-Comité de empresa.

A empresa facilitará local axeitado, no caso de que dispoña del, para as reunións e consultas do delegado ou comité de delegados cos traballadores e traballadoras, así coma un taboleiro para poñer comunicacións, avisos, carteis, etc.

De acordo co establecido no artigo 68 e) do Estatuto dos traballadores, as horas retribuídas para a representación dos traballadores poderán ser desfrutadas por un ou varios membros dunha mesma organización sindical, sen excede-lo máximo total de horas ás que esta organización sindical teña dereito de acordo cos seus representantes dentro da empresa concreta na que se propón esta acumulación.

Artigo 31º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación, vixilancia e cumprimento do pactado por ámbalas dúas partes no presente convenio, créase unha comisión paritaria que estará composta da seguinte forma:

-Presidenta-secretaria: a que foi do convenio, Pilar Cancela.

-Cinco vocais, representando a parte social.

-Cinco vocais, representando a parte económica.

A referida comisión actuará no ámbito da súa competencia, sen invadi-las esferas daqueles organismos e xurisdiccións que teñan unha competencia determinada e concreta recoñecida na normativa de convenios colectivos.

Artigo 32º.-Xubilación.

A idade de xubilación obrigatoria será ós 65 anos, sempre e cando se reúnan os requisitos legais para acceder á correspondente prestación. A xubilación voluntaria será ós 64 anos, segundo a normativa legal vixente en cada momento e de mutuo acordo, empresa e traballador, ós 60 anos, compensando a empresa as diferencias salariais e de cotización á Seguridade Social ata os 65 anos.

Artigo 33º.-Declaración de principios.

Os representantes sociais asinan o presente convenio comprometéndose formalmente a realizar unha maior productividade que axude á supervivencia de tódalas empresas do sector. Por outra banda, a representación económica observará o estricto cumprimento do convenio, mellorando as condicións laborais de todo tipo e en xeral dos productores ó seu servicio. Ámbalas dúas partes recoñecen e son conscientes de que son un todo para que a empresa poida proporciona-los elementos que correspondan a cada unha delas.

Artigo 34º.-Partes que o concertan.

Este convenio foi concertado pola Asociación Provincial de Empresarios Retallistas e Maioristas de Alimentación de Pontevedra e pola Asociación de Supermercados e Autoservicios de Pontevedra e polas centrais sindicais CIG, UGT, CC.OO., USO e FETICO.

Artigo 35º.-Recoñecementos médicos.

As empresas estarán obrigadas a facilitar un recoñecemento médico obrigatorio, con periodicidade mínima dun ano. Os traballadores/as someteranse voluntariamente ó dito recoñecemento.

Artigo 36º.-Prestación por quilometraxe.

Todos aqueles traballadores e traballadoras que teñan que realizar desprazamentos en vehículo propio en tarefas ou traballos encomendados directamente pola empresa percibirán 29 pesetas por km, respectándose as condicións máis beneficiosas que viñesen desfrutando anteriormente ó asinamento do presente convenio.

O anterior enténdese que non afecta a un traslado voluntario a outro centro de traballo.

Artigo 37º.-Traballadores eventuais.

Todos aqueles traballadores/as temporais e eventuais que a partir do 17 de xuño de 1988 superen tres anos de contratación, nunha ou varias das modalidades temporais de contratación actualmente en vigor, pasarán á situación de fixos.

Para efectos do cómputo da dita duración, contaranse os períodos de traballo efectivo, IT nas súas distintas clases e duración e calquera circunstancia que leve consigo unha suspensión temporal do contrato de traballo (coa excepción de calquera tipo de excedencia).

Para estes efectos, computarase como tempo traballado a permanencia en empresas filiais da principal.

O presente artigo non será de aplicación a aqueles traballadores/as que cesen voluntariamente e retornen á empresa ou que sexan contratados ó abeiro do artigo 42º do presente convenio na súa alínea c.

Artigo 38º.-Premios por xubilación.

Se ó producirse a xubilación o traballador ou traballadora acreditase unha antigüidade na empresa de máis de trinta anos, percibirá por parte desta nun único pagamento, un premio consistente nunha cantidade igual a unha mensualidade do salario real que viñese percibindo.

Artigo 39º.-Descanso semanal.

Cando, por coincidi-lo día de descanso semanal noutro festivo, o traballador ou traballadora afectado/a se vexa privado do seu desfrute, as empresas veranse na obriga de compensar este con outro día de descanso en día laborable, nun prazo non superior a quince días, a partir da data do día do que lle correspondese desfrutar.

Artigo 40º.-Dereito de información en materia de contratación.

Recóllese no presente artigo a Lei 2/1991, do 7 de xaneiro, sobre os dereitos de información dos representantes dos traballadores en materia de contratación. Para a súa aplicación observaranse as seguintes condicións:

1. O presente texto manterá a súa vixencia no convenio ata o momento da derrogación da Lei 2/1991, do 7 de xaneiro, no que quedará sen efecto.

2. O presente texto recollerá no seu contido calquera modificación que se produza no articulado da citada lei.

«Texto da Lei 2/1991 do 7 de xaneiro.

Artigo 1º

1. O empresario entregaralle á representación legal dos traballadores unha copia básica de tódolos contratos que deban celebrarse por escrito, agás os contratos de relación laboral especial de alta dirección, sobre os que se establece o deber de notificación á representación legal dos traballadores.

Co fin de comproba-la adecuación do contido do contrato á legalidade vixente, esta copia básica conterá tódolos datos do contrato agás o número do documento nacional de identidade, o domicilio, o estado civil e calquera outro que, de acordo coa Lei orgánica 1/1992, do 5 de maio, puidese afecta-la intimidade persoal.

A copia básica será entregada polo empresario, nun prazo non superior a dez días desde formalización do contrato ós representantes legais dos traballadores, os que asinarán para os efectos de acreditaren que se produciu a entrega. Posteriormente, a referida copia básica enviarase á oficina de emprego.

Nos contratos suxeitos á obriga do rexistro no Inem, a copia básica remitirase xunto co contrato á oficina de emprego. Nos restantes supostos remitirase exclusivamente a copia básica.

2. O empresario notificaralles ós representantes legais dos traballadores as prórrogas dos contratos de traballo ós que se refire o número 1, así como as denuncias correspondentes a estes no prazo dos dez días seguintes a quen teña lugar.

3. Os representantes legais dos traballadores deberán recibir, polo menos trimestralmente, información acerca das previsións dos empresarios sobre celebración de novos contratos, indicando o número destes e as modalidades e tipos de contratos que serán utilizados, así como dos supostos de subcontratación.

Artigo 2º

Os representantes da Administración, así como os das organizacións sindicais e os das asociacións empresariais que teñan acceso á copia básica do contrato, en virtude da súa pertenza ós órganos de participación institucional que regulamentariamente teñan tales facultades, observarán sixilo profesional e non poderán utilizar esta documentación para fins distintos dos que motivaron o seu coñecemento.

Artigo 3º

1. O empresario, con ocasión da extinción do contrato, comunicaralles ós traballadores a denuncia ou, se é o caso, o aviso previo da súa extinción e deberá xuntar unha proposta de documento de liquidación das cantidades que se deben.

O traballador poderá solicita-la presencia dun representante legal dos traballadores no momento de proceder ó asinamento do recibo de liquidación, facéndose constar nel o feito do seu asinamento en presencia dun representante legal dos traballadores, ou ben que o traballador non fixo uso desta posibilidade. Se o empresario impedise a presencia do representante no momento da sinatura, o traballador poderá facelo constar no propio recibo, para os efectos oportunos.

2. A liquidación dos salarios que correspondan ós traballadores fixos descontinuos, nos supostos de conclusión de cada período de actividade, levarase a cabo con suxeición ós trámites e garantías establecidas no número anterior».

Artigo 41º.-Clasificación do persoal.

O persoal ó servicio das empresas afectadas por este convenio colectivo, quedará encadrado nalgúns dos seguintes grupos profesionais, en función das súas titulacións académicas, aptitudes profesionais e contido xeral da prestación laboral requirida.

As definicións contidas para cada grupo profesional non son exhaustivas senón meramente enunciativas.

Grupo I.

Están abranguidos neste grupo aqueles/as traballadores/as que coordinan, dirixen, establecen e crean políticas xerais, prácticas normativas e procedementos amplos, co alto grao de autonomía a partir de directrices xerais. Exercen a supervisión a través de mandos intermedios, co fin de consegui-los obxectivos operacionais marcados.

Grupo II.

Están abranguidos neste grupo aqueles/as traballadores/as cunha actividade que se desenvolve baixo especificacións precisas e con certo grao de autonomía, podendo coordina-lo traballo dun equipo, e para o seu desenvolvemento requírese unha pericia ou habilidade sistemática en actividades ou procesos técnicos, comerciais, informáticos ou administrativos, estando ou non estandarizados.

Grupo III.

Están abranguidos neste grupo todos aqueles/as traballadores/as en postos que se executen baixo instruccións concretas con dependencia xerárquica e funcional total.

Esíxese o coñecemento total do oficio, e as funcións poden implicar incomodidade temporal ou esforzo físico.

A precedente definición de grupos profesionais non implica a derrogación das categorías profesionais e a súa definición funcional contidas na vixente Ordenanza laboral de comercio.

Artigo 42º.-Modalidades de contratación.

a) Contrato de formación.

Terá unha duración máxima de tres anos, cun salario do 90, 95 e 100% para o primeiro, segundo e terceiro ano, respectivamente, e en relación co salario base da súa categoría profesional.

b) Contratos en prácticas.

A retribución dos traballadores cun contrato en prácticas será do 100% do salario base da súa categoría profesional. A duración máxima deste contrato será de dous anos.

c) Contrato eventual por circunstancias do mercado.

A duración máxima deste contrato será de 12 meses dentro dun período de 18 meses, cunha indemnización dun día de salario por mes traballado se o contrato é superior a seis meses. Os contratos celebrados antes da entrada en vigor do presente convenio continuarán rexéndose pola normativa vixente da data na que se celebraron.

d) Contrato a tempo parcial.

Esta modalidade contractual non poderá exceder na súa duración dos 2/3 da xornada máxima legal establecida.

f) Contrato de obra e servicio.

Este contrato será utilizado única e exclusivamente para aperturas de novos establecementos. Exclúese a posibilidade de celebralo máis dunha vez co mesmo

traballador cando este contrato ten por obxecto a creación de establecementos comerciais.

A súa duración máxima será de dous anos e establécese unha indemnización por fin de contrato de 1 día por mes traballado, rateándose por meses os períodos inferiores.

Artigo 42º.bis).-Estabilidade no emprego.

As empresas deste sector que conten con máis de 30 traballadores terán, a 31 de decembro do ano 2001, un cadro de persoal co 60% de emprego fixo.

Así mesmo, de acordo co establecido na letra B punto 2º da disposición adicional I da Lei 63/1997, ámbalas dúas partes coinciden en que durante toda a vixencia deste convenio (1999-2000) será posible a conversión de tódolos contratos temporais no contrato para o fomento da contratación indefinida regulado na devandita disposición.

Artigo 43º.-Mobilidade xeográfica.

a) Desprazamento: as empresas poderán despraza-lo seu persoal a outros centros de traballo distintos a aquel en que presten os seus servicios, fundamentando o dito desprazamento en razóns técnicas, organizativas, de producción ou de contratación.

b) Traslado: enténdese por traslado ou desprazamento a outro centro de traballo o que implique un cambio de domicilio. Un desprazamento implica cambio de domicilio cando o centro de traballo de novo destino diste máis de 40 km do seu centro actual ou do seu domicilio actual.

Para os supostos de traslados de persoal polos motivos establecidos na lei, establécense os seguintes mecanismos:

-Negociación preceptiva coa representación legal dos/as traballadores/as.

-Intervención dos mecanismos de AGA e, en caso de desacordo, da comisión paritaria.

-Recuperación do posto de traballo anterior en caso de laudo ou sentencia favorable.

-Aviso previo de 45 días.

-Prazo de incorporación ó novo centro de traballo de 30 días.

-Os traslados non terán unha duración inferior a 12 meses nun período de tres anos.

-Se por traslado un dos cónxuxes cambia de residencia, o outro, se fose traballador da mesma empresa, terá dereito ó traslado á mesma localidade.

Os casos de traslado darán lugar ó percibo por parte do traballador/a trasladado/a dos seguintes conceptos compensatorios:

-Billete para o traballador/a e os familiares que vivan ás súas expensas.

-Transporte de mobiliario, roupa e utensilios de fogar.

-Indemnización consistente en dúas veces o salario base mensual de categoría profesional, nun único pagamento.

-Compensación durante doce meses da diferencia do custo da vivenda en alugueiro (vivenda das mesmas características).

-Notificada a decisión de traslado, o/a traballador/a poderá optar pola extinción do seu contrato, percibindo unha indemnización de 40 días de salario por ano de servicio, rateándose por meses os períodos inferiores a un ano e cun máximo de 24 mensualidades.

Artigo 44º.-Réxime disciplinario para o acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto á intimidade e/ou contra a liberdade dos traballadores e das traballadoras, conductas de acoso sexual verbais ou físicos, serán conceptuadas como faltas moi graves, graves ou leves en función da repercusión do feito (poderá seguirse o réxime disciplinario establecido no acordo para a substitución da ordenanza do comercio). Nos supostos en que se leve a cabo servíndose da súa relación xerárquica coa persoa e/ou con persoas con contrato laboral non indefinido, a sanción aplicarase no seu grao máximo.

O comité de empresa, os delegados de persoal, sección sindical e a dirección da empresa, velarán polo dereito á intimidade do traballador/a afectado/a, procurando silencia-la súa identidade, cando así sexa preciso.

Artigo 45º.-Igualdade no traballo.

Respectaranse o principio de igualdade no traballo para tódolos efectos, non admitirá discriminación por razón de sexo, idade, ideoloxía, raza, minusvalía, etc.

Artigo 46º.-Cláusula de submisión ó AGA.

Diante da importancia que pode ter para a resolución dos conflictos laborais a elaboración do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA), asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e as organizacións sindicais CIG, CC.OO., UGT, as partes asinantes deste convenio durante a súa vixencia acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos en que estean formuladas.

Artigo 47º.-Prevención de riscos laborais.

-Formación e crédito horario dos delegados de prevención.

O presente punto ten como fundamento o desenvolvemento das facultades que a negociación colectiva concede á disposición adicional sétima do Real decreto 39/1997, polo que se aproba o Regulamento do servicio de prevención na que se di que na negociación colectiva poderán establecerse os criterios polos que se decida o tempo e os medios de que

dispoñerán para o desempeño da súa actividade os traballadores designados polas empresas e os delegados de prevención, en canto á planificación e formación e materia preventiva.

Así, establécese que no suposto de que a empresa non estea obrigada e non opte pola constitución dun servicio de prevención propio ou mancomunado, nin recorra a un servicio de prevención alleo, e a excepción daquelas empresas en que o empresario poida asumir persoalmente a actividade de prevención, os delegados de prevención recibirán a mesma formación que os traballadores designados pola empresa para se ocuparen da actividade preventiva.

A formación mínima, neste caso, será a sinalada no artigo 34 do regulamento como funcións de nivel básico, co contido indicado na alínea b) do anexo IV do mencionado Regulamento do servicio de prevención.

Nos demais casos, con independencia da modalidade de servicio de prevención que as empresas teñan, o empresario deberá proporcionarlles ós delegados de prevención os medios e a formación en materia preventiva que resulten necesarios para o exercicio das súas funcións.

A formación deberá ser facilitada polo empresario polos seus propios medios ou mediante concerto con organismos ou entidades especializadas na materia que deberán adaptarse á evolución dos riscos e aparición doutros novos, repetíndose periodicamente se fose necesario.

O tempo empregado no desempeño das súas funcións polos delegados de prevención, como sinala o artigo 37 da Lei de prevención de riscos laborais, estará incluído no crédito horario que lle corresponda pola súa condición de representante legal dos traballadores, non obstante, non se imputará ó citado crédito horario o tempo empregado nos seguintes cometidos:

a) As reunións convocadas polos comités de seguridade e saúde.

b) As reunións convocadas polo empresario en materia de prevencións de riscos.

c) Acompaña-los técnicos nas avaliacións de carácter preventivo do medio ambiente de traballo.

d) Acompaña-los inspectores de Traballo e Seguridade Social nas visitas que realicen ós centros de traballo para comproba-los cumprimentos da normativa sobre prevención de riscos laborais.

e) As visitas ós centros de traballo para coñece-las circunstancias que deran lugar a un dano na saúde dos traballadores unha vez que o empresario os informara de tal acontecemento. Neste caso, os delegados de prevención deberán emitir informe detallando as características da visita efectuada e unha copia deste seralle entregada ó empresario.

-Formación xeral sobre prevención de riscos laborais.

Tal e como especifica o artigo 19 da Lei de prevención de riscos laborais, deberase garantir que cada traballador/a reciba unha formación teórica e práctica suficiente e axeitada en materia preventiva, tanto no momento da súa contratación, como cando se produzan cambios nas funcións que desenvolva ou se introduzan novas tecnoloxías ou cambios nos equipos de traballo.

A formación centrarase no posto de traballo ou función de cada traballador, adaptarase á evolución dos riscos e repetirase periodicamente cando sexa necesario.

En virtude do exposto, tódalas empresas incluídas no ámbito de aplicación do presente convenio deberán facilitar unha formación que reúna as seguintes características fundamentais:

a) Obxectivo: coñecemento por parte dos traballadores/as dos conceptos básicos en materia de prevención de riscos laborais e primeiros auxilios, cumprindo así o establecido nos artigos 19 e 20 da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais.

b) Destinatarios: tódolos traballadores.

c) Contido:

-Aspectos xerais da prevención de riscos laborais.

-Riscos xerais do centro de traballo.

-Riscos específicos do posto de traballo.

-Actuación diante de posibles emerxencias.

d) Periodicidade: a incorporación dos traballadores/as á empresa, así como cando se produza un cambio de posto de traballo en calquera outra circunstancia, que aconselle a actualización desta formación.

e) Equipos de protección individual e a súa utilización.

Paralelamente á formación que se lles imparta ós traballadores e cando non se poida eliminar ou limita-lo risco por outros medios, deberán utilizarse equipos de protección individual, como marca o artigo 17 da Lei de prevención de riscos laborais.

Os equipos de protección individual necesarios identificaranse a partir das avaliacións de riscos que se realicen na empresa. Cada posto de traballo terá determinado o tipo de equipo de protección individual que será obrigatorio ou recomendable utilizar segundo a tarefa que se estea realizando, e vixiarase tanto que estes equipos cumpran os requisitos marcados na lexislación vixente, coma a súa utilización por parte dos interesados.

f) Avaliación e saúde dos traballadores.

A vixilancia da saúde dos traballadores ten como obxectivos fundamentais o poder actuar precozmente diante de alteracións de saúde destes, así coma o control do medio de traballo a través das consecuencias que ten sobre eles. Por iso, as empresas garantirán ós traballadores ó seu servicio a vixilancia periódica da súa saúde, en función dos riscos inherentes ó seu traballo.

Os traballadores que así o desexen serán sometidos a recoñecementos nos que se revise o seu estado de saúde nos seguintes supostos:

1. Cando se incorporen a un posto de traballo.

2. Despois dunha ausencia prolongada.

3. A intervalos periódicos que se determinen nos protocolos sobre a vixilancia da saúde que sexan elaborados pola administración sanitaria.

Estes recoñecementos realizaranse tendo en conta os riscos específicos cos que se atopan expostos os traballadores no seu posto de traballo, e os resultados terán a privacidade marcada no artigo 22 da Lei de prevención de riscos laborais.

As empresas e os traballadores en materia de seguridade e saúde laboral respectarán e cumprirán o establecido na Lei de prevención de riscos laborais e nos regulamentos que a desenvolven, permanecendo en vigor o establecido neste artigo durante toda a vixencia da citada lei.

Así mesmo, o contido do artigo sufrirá as modificacións que pola súa vez afecten a lei ou os seus regulamentos.

Disposicións transitorias

Primeira.-Ámbalas dúas partes comprométense a inicia-la negociación do convenio colectivo a partir da segunda quincena do mes de xaneiro de cada ano.

Segunda.-As partes asinantes do presente convenio amosan a súa vontade de que a figura contractual prevista no artigo 42 c) se instrumentalice de acordo coa declaración de motivos contida nel. Para tal efecto a comisión paritaria do convenio fará un seguimento específico, nos termos previstos no artigo 31 do propio texto, a través de reunións que se celebrarán por instancia de cada unha das partes asinantes.

ANEXO

Táboa salarial ano 2001

Categorías Salario base

PesetasEuros

Grupo profesional I

-Nivel salarial A:

Xefe/a de división130.318783,23

Xefe/a de sección administrativa130.318783,23

Xefe/a de persoal130.318783,23

Xefe/a de compras130.318783,23

Xefe/a de división130.318783,23

Xefe/a de vendas130.318783,23

Encargado/a xeral130.318783,23

-Nivel salarial B:

Xefe/a administrativo/a125.747755,75

Xefe/a de almacén125.747755,75

Contable-caixeiro/a125.747755,75

Oficial administrativo/a125.747755,75

Operador/a máquinas contables125.747755,75

Grupo profesional II

-Nivel salarial A:

Prof. de oficio de 1º chofer 1º121.176728,28

Xefe/a de grupo121.176728,28

Viaxante121.176728,28

Xefe/a de supermercado121.176728,28

Categorías Salario base

PesetasEuros

-Nivel salarial B

Corredor de praza116.597700,76

Vendedor/a, poxador/a, comprador/a116.597700,76

Dependente/a maior116.597700,76

Xefe/a de sección mercantil116.597700,76

Encargado/a de establecemento116.597700,76

Secretaria/o116.597700,76

Debuxante/a116.597700,76

Xefe/a de sección de servicios116.597700,76

Visitador/a116.597700,76

Xefe/a de taller116.597700,76

Grupo profesional III

-Nivel salarial A:

Aux. caixa maior 25 anos***116.597700,76

Profesional oficial 2ª chofer 2ª114.312687,03

Capataz112.028673,30

Auxiliar112.028673,30

Dependente/a112.028673,30

Aux. administrativo/a ou perforista112.028673,30

Mozo/a especializado/a112.028673,30

Escaparatista112.028673,30

Mozo/a112.028673,30

-Nivel salarial B:

Auxiliar de caixa 20-22 anos***108.213650,37

Auxiliar de caixa108.213650,37

Axudante/a108.213650,37

-Nivel salarial C:

Axudante/a105.171632,09

Telefonista105.171632,09

Vix., sereno, ordenanza e porteiro/a105.171632,09

Cobrador/a105.171632,09

Cosedor/a de sacos105.171632,09

Conserxe105.171632,09

Empaquetador/a105.171632,09

Persoal de limpeza105.171632,09

Aprendices (salario segundo texto do convenio).

(***) Contratados/as antes 13-9-1994