Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Mércores, 17 de outubro de 2001 Páx. 13.528

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 2001, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do texto do convenio colectivo para o persoal da empresa Aguas de Cabreiroá, S.A. e a súa acta de rectificación.

Visto o texto do convenio colectivo para o persoal da empresa Aguas de Cabreiroá, S.A. e a súa acta de rectificación (código de convenio nº 3200012), con entrada nesta delegación provincial o día 18 de xullo e 2 de agosto de 2001, subscrito con data 12 de xullo de 2001, dunha parte polo director-xerente da empresa e doutra polo comité de empresa, en representación dos traballadores.

Esta delegación provincial, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995 do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo e demais normas aplicables de dereito común;

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispone-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 6 de agosto de 2001.

P.A.

José César Losada Álvarez

Secretario provincial de Ourense

Convenio colectivo de Aguas de Cabreiroa, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio é de ámbito empresarial e de aplicación obrigatoria á empresa Aguas de Cabreiroa, S.A., con domicilio social en Verín (Ourense), dedicada á explotación e envasado de augas minerais naturais. Igualmente afectará as factorías, dependencias, sucursais ou delegacións que a empresa teña con persoal ó seu servicio, incluído en nómina dentro da provincia ou fóra dela.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Estará afectado polo presente convenio o persoal da empresa ó que fai mención o artigo 1º, salvo as persoas que exerzan funcións de alta dirección e alto consello.

Así mesmo, as partes entenden que, para mellora-lo precario sistema de contratación actual, a empresa contratará preferentemente a traballadores procedentes do Inem, aínda que se fose imprescindible a contratación de traballadores a través de empresas de traballo temporal, para labores distintos ós de producción, o salario que se aplicará a estes traballadores achegaríase o máis posible ó vixente para a mesma categoría, nesta empresa, condición que se fará constar na oferta de emprego.

Artigo 3º.-Vixencia, duración e prórroga.

A duración desta convenio será de 1 ano, comezando os seus efectos económicos o 1 de xaneiro de 2001 e rematará a súa vixencia o 31 de decembro de 2001.

O convenio prorrogarase tacitamente de ano en ano, se non fora denunciado por calquera das partes con tres meses de antelación alomenos ó remate da súa vixencia. As condicións da denuncia serán as que determine o Estatuto dos traballadores, permanecendo vixente o texto, ata a sinatura dun novo.

Artigo 4º.-Compensación e absorción.

Tódalas melloras que se implanten por norma xeral serán compensadas e absorbidas ata onde acaden as do presente convenio de forma individualizada e en cómputo anual.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Para resolve-las dúbidas que puideran xurdir sobre a aplicación do convenio constitúese unha comisión mixta composta polos vocais que interviron na negociación e elaboración do convenio.

Artigo 6º.-Clasificación do persoal.

Complétase a ordenanza vixente coa definición das seguintes categorías:

-Técnico titulado de laboratorio: é o que co título de facultativo oficial realiza as funcións de analista de control de calidade, con responsabilidade, dependendo directamente da dirección da empresa.

-Laborante: é o productor experto en análises e traballos de laboratorio que sen título facultativo leva a cabo as funcións indicadas como auxiliar técnico titulado.

-Capataz: é o productor que ten ó seu cargo un grupo de persoas ás que dirixe e orienta na execución dos traballos dun determinado servicio.

-Peón: é o operario que executa labores nos que se require predominantemente esforzo físico, sen necesidade de práctica operativa ningunha. Esta categoría só poderá aplicárselle ó persoal contratado pola tempada para carga e descarga e non ó ingreso como fixo no cadro de persoal como operario de embotellado.

-Operario de fabricación de envases: é o operario encargado de supervisión, control e manipulación das máquinas de fabricación de envases.

Artigo 7º.-Xornadas de traballo.

Establécese unha xornada de 1.784 horas efectivas de traballo en cómputo anual, equivalente ás 40 horas efectivas de traballo semanal. A xornada diaria será de 8 horas de luns a venres. A devandita xornada será flexible e a empresa distribuirá ó longo do ano atendendo as necesidades do envasado e os períodos de maior demanda. Poderá establecerse xornada continuada ou partida, respectándose, en todo caso, os máximos legais.

No caso de realizarse xornada continuada, os traballadores terán dereito a 15 minutos para bocadillo por conta da empresa, que se computará como xornada efectivamente traballada para tódolos efectos.

A empresa poderá establecer quendas de traballo, cando as necesidades de organización do traballo así o aconsellen, sen que isto supoña variación ningunha na retribución do persoal afectado. Os representantes dos traballadores serán informados de calquera variación no sistema de quendas.

Calquera cambio na composición e horario das quendas deberá ser coñecida polos interesados o penúltimo día laborable da semana anterior.

As quendas na sección de extrusión serán de 8 horas efectivas de luns a venres, acumulándose 15 minutos diarios en horas de vacacións, que serán gozadas polo persoal desta sección, de forma adicional ó pactado no artigo 8, durante os meses de outubro a decembro.

Na organización das quendas teranse en conta as circunstancias persoais de cada empregado, sempre que non deterioren a organización do traballo.

Consideraranse festivos para tódolos efectos o Martes de Entroido.

Artigo 8º.-Vacacións.

Todo o persoal comprendido no presente convenio terá dereito a 30 días naturais de vacacións durante o ano 2001.

O salario que se percibirá durante o período de vacacións será o real estipulado no presente convenio.

As vacacións concederanse de acordo coas necesidades do persoal, se ben a empresa resérvase a facultade de concedelas fóra da época de campaña, comprendida entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, ámbalas dúas inclusive.

O calendario laboral, no que se inclúe o período de vacacións, será negociado entre os representantes dos traballadores e a empresa.

Para goza-los 23 días fóra da tempada de verán terase en conta que debe haber como mínimo dúas semanas entre o desfrute dos 7 días de verán e os próximos que se vaian gozar.

Para evitar que unha enfermidade a fin de ano prive un traballador das súas vacacións, establécese que cando o período de vacacións gozadas máis os días que por calquera causa estivera de baixa sexan menos de 35 días naturais, os días que lle queden

de vacacións pendentes ó remata-lo ano, gozaranse no seguinte.

Artigo 9º.-Retribucións.

A retribución constará de:

Salario base.

Complementos salariais.

Artigo 10º.-Salario base.

O salario base será o que se especifica na táboa de salarios anexa.

Artigo 11º.-Antigüidade.

Establécese un complemento por antigüidade consistente en trienios do 4% sobre o salario base.

Artigo 12º.-Gratificación de carencia de incentivos.

Establécese unha gratificación de carencia de incentivos como prima de productividade e asistencia.

A gratificación de carencia de incentivos consistirá no percibo por cada traballador, individualmente e por cada día laborable, das cantidades que constan na táboa de salarios do presente convenio por este concepto. A devandita gratificación en vacacións aboarase polos días naturais do período vacacional.

Artigo 13º.-Sistema de incentivos.

A empresa poderá establecer calquera outro sistema de incentivos á producción non podendo ser menos en cómputo anual ós establecidos no convenio como gratificación de incentivos.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

Consistirán en dúas pagas extraordinarias, dunha mensualidade de salario base máis antigüidade, cada unha, pagadoiras unha en xullo e outra en decembro.

Ademáis, a empresa pagará, en concepto de participación de beneficios, outra mensualidade de salario base máis antigüidade que deberá facerse efectiva no primeiro trimestre de cada ano e por anos vencidos.

A percepción de cada unha das pagas realizarase dentro dos 15 primeiros días do mes que corresponda.

Artigo 15º.-Xubilación.

Ó cesa-lo traballador na empresa por xubilación, e sempre que á data da sinatura do convenio se encontre en activo e cunha relación laboral de carácter indefinido, concederáselle unha indemnización de salario base máis antigüidade en proporción ós seus anos de servicio na empresa de acordo coa seguinte escala:

5 anos: 2 mensualidades.

10 anos: 3 mensualidades.

15 anos: 4 mensualidades.

20 anos: 5 mensualidades.

25 anos: 6 mensualidades.

De 30 anos en adiante: unha anualidade.

Esta cláusula non lles será de aplicación ás novas incorporacións que se produzan a partir da data da sinatura do presente convenio.

Artigo 16º.-Gratificación de vixilancia e garda xurado.

En concepto de perigosidade establécese unha gratificación para os que exerzan as devanditas funcións, consistente no 10% do salario base.

Artigo 17º.-Auxiliares administrativos.

Os auxiliares administrativos, ós tres anos de exerce-las devanditas funcións na empresa, deberán ascender automaticamente á categoría de oficiais administrativos.

Artigo 18º.-Seguro de vida e accidente.

A empresa estará obrigada a manter un seguro para todo o persoal afectado por convenio que cubra as seguintes indemnizacións:

-Morte por accidente: 3.000.000 de pesetas.

-Morte por calquera outra causa: 2.500.000 pesetas.

-Invalidez permanente absoluta e total: 3.000.000 de pesetas.

Os beneficiarios deste seguro serán o cónxuxe viúvo ou, de se-lo caso, os que teñan dereitos do traballador asegurado.

O prazo para concretar este seguro para o persoal de novo ingreso será de 6 meses, a partir do día no que o traballador cause alta na empresa.

Artigo 19º.-Gratificación por matrimonio.

Tódolos traballadores cunha antigüidade de alomenos tres anos na empresa terán dereito cando casen a unha gratificación dun mes de salario base máis antigüidade.

Artigo 20º.-Xubilacións anticipadas.

Os traballadores da empresa comprometanse a facilita-la xubilación anticipada ós 60 anos, aconlléndose ós convenios e normativas que poidan establecerse co réxime da Seguridade Social.

A empresa permitirá a xubilación anticipada da seguinte maneira:

Xubilación ós 61 anos: 4 mensualidades.

Xubilación ós 62 anos: 3 mensualidades.

Xubilación ós 63 anos: 2 mensualiades.

Xubilación ós 64 anos: 1 mensualidade.

Artigo 21º.-Salario anual.

En función do establecido no artigo 26.5º do Estatuto dos traballadores, establécese un salario anual para a categoría de peón, en función das 1.784 horas anuais de 1.471.825 pesetas, sen conta-la antigüidade.

Para os efectos do presente convenio entenderase por mensualidade a doceava parte da anualidade.

Artigo 22º.-Licencias retribuídas.

O persoal afectado por este convenio terá dereito a solicitar licencia retribuída de tres días por falecemento de pais, cónxuxe, fillos ou irmáns, segundo establece o artigo 37 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, e o seu correspondente na ordenanza laboral.

O persoal afectado neste convenio terá dereito a solicitar licencia retribuída dun día por falecemento de familiares de 2º grao e sobriños.

Igualmente, terá dereito a solicitar licencia retribuída dun día, no caso de voda dun fillo, cando esta sexa en día laborable ou sexa noutra provincia distinta á de Ourense.

Igualmente poderá asistir á consulta da Seguridade Social en Verín (incluso para acompañar fillos menores de 12 anos), obrigándose a entregar xustificante emitido polo médico en calquera caso.

Artigo 23º.-Excedencias.

Todo o persoal afectado por este convenio ten dereito á excedencia de acordo coas normas establecidas no Estatuto dos traballadores.

Artigo 24º.-Vestiario.

A empresa subministraralles ós traballadores dous equipos de traballo ó ano.

É obriga dos empregados coida-los equipos de traballo e preocuparse da súa limpeza e correcto uso.

Artigo 25º.-Cota sindical.

Por requerimento dos traballadores afiliados ás centrais sindicais ou sindicatos, a empresa descontará nas nóminas mensuais dos traballadores o importe das cotas sindicais correspondentes. O traballador interesado en tal operación remitiralle á dirección da empresa un escrito no que expresará con claridade a orde de desconto, a central ou sindicato á que pertence, a contía da cota, así como o número de conta á que deberá ser transferida a correspondente cantidade.

Artigo 26º.-Accidente laboral.

No caso de accidente laboral ou enfermidade profesional, a retribución será o 100% do salario base, que se contabilizará desde a consideración como baixa por accidente laboral ou enfermidade profesional.

No caso de baixa por enfermidade, o traballador ou traballadora percibirá o 100% a partir dos 15 primeiros días de baixa. Os accidentes non laborais levarán a prestación económica que en cada momento estableza a lexislación vixente.

Artigo 27º.-Lexislación complementaria.

En tanto non se estableza unha lei que regule as relacións laborais, as partes acóllense ó que determinan o Estatuto dos traballadores, a Lei de liberdade sindical e a Ordenanza laboral do sector.

Artigo 28º.-Contratos de formación.

En caso de que se realicen contratos de formación, o salario para estes traballadores será igual ó salario do axudante de embotellado.

Poderán facérselles a traballadores con idades comprendidas entre os 16 e 21 anos, por un mínimo de 6 meses e un máximo de 24 meses.

Artigo 29º.-Contrato en prácticas.

Tódolos contratos en prácticas, conforme establece a lexislación vixente, faranse por un mínimo de 6 meses e un máximo de 24. O salario que se lles aboará ós traballadores será do 85% do primeiro ano e do 95% o segundo, da categoría para a que se contratan.

Artigo 30º.-Compromiso de contratación indefinida.

Todo traballador que leve na empresa 12 meses ininterrompidos de contrato pasará a ser fixo.

Artigo 31º.-Cláusula de revisión salarial.

Se o IPC o 31-12-2001 supera o 3,5% de inflación, revisaranse as táboas salariais na súa diferencia, desde o 1-1-2001.

Artigo 32º

Na vixencia do presente convenio colectivo e en cumprimento da Lei 30/1995, de ordenación e supervisión dos seguros privados, do 8 de novembro, a empresa obrígase á externalización dos compromisos por pensións en plans de pensións ou pólizas de seguros, que lles garantan ós traballadores que á data da sinatura do convenio se encontren en activo e cunha relación de carácter indefinido, a percepción do premio recollido no artigo 15º do convenio, no suposto de cesamento do traballador na empresa por xubilación.

Táboa salarial. Ano 2001

Salario base

mes (pesetas)

Gratificación

día (pesetas)

Persoal técnico

Licenciados ou titulados156.903

Técnico titulado134.448

Non titulados

Encargado xeral134.448

Encargado de sección125.465

Persoal administrativo

Xefe de 1ª104.3451.250

Xefe de 2ª104.3451.250

Oficial 1ª100.985938

Oficial 2ª99.825830

Auxiliar97.168583

Persoal mercantil

Xefe de vendas144.149938

Inspector de vendas100.985938

Viaxante100.985938

Corredor de praza100.985938

Persoal obreiro

Capataz100.985938

Salario base

mes (pesetas)

Gratificación

día (pesetas)

Oper. embotellamento97.168583

Aprendiz97.168583

Oficial 1ª100.985938

Conductor repartidor100.985938

Oficial 2ª99.825830

Oficial 3ª99.825830

Axudante97.123583

Conductor97.123583

Laborante97.123583

Fabricación de envases

Oper. fabricación envases97.417583

Oficial 2ª100.119830

Oficial 3ª100.119830

Persoal subalterno

Peón89.615464

Almacenista89.615464

Ordenanza89.615464

Viaxante89.615464

Porteiro ou conserxe89.615464

Telefonista89.615464

Limpadores89.615464

Mozo de recados89.615464

Incremento salarial. O incremento salarial para os conceptos retributivos do convenio será do 4% unha vez actualizadas as táboas salariais conforme o artigo 31º do convenio.

Acta única.

Asistentes:

Parte empresarial: Miguel A. Briz Fraile, director xerente.

Parte social: Santos Prieto Fernández (CC.OO.), Rosa Barreira Carballal (CC.OO.), José L. González Sotelo (CC.OO.) e José Baños Farinas (CC.OO.).

Todos eles membros do comité de empresa segundo acta que consta nese rexistro de eleccións sindicais.

Asesor: José Luis Lobato Martínez (CC.OO.)

Reunidas as partes no local da empresa, sendo as 10 horas do día 12 de xuño de 2001 e tras varias deliberacións, chegan os seguintes acordos:

Vixencia. A vixencia do presente convenio será de 12 meses, desde o 1-1-2001 ata o 31-12-2001.

Salario. O incremento salarial para os conceptos retributivos do convenio será do 4% unha vez actualizadas as táboas salariais conforme o artigo 31º.

Xornada. Modifica-lo cómputo anual que se fixa en 1.784 horas/ano. Considérase festivo para tódolos efectos o Martes de Entroido.

Incapacidade temporal. No caso de enfermidade o traballador/a percibirá o 100% a partir dos 15 primeiros días de baixa.

Póliza de seguros. Incrementaranse as rendas en 500.000 pesetas cada unha.

Revision salarial 2001. Se o IPC a 31-12-2001 supera o 3,5% da inflación, revisaranse as táboas salariais na súa diferencia, desde o 1-1-2001.

Seguridade e saúde laboral. Constituirase un comité de seguridade e saúde laboral.

Cláusula derradeira. En todo o que non estea previsto no presente convenio haberá que aterse ó disposto na regulamentación destes establecementos balnearios do 3 de xuño de 1959 e na Lei 8/1980, do 10 de marzo. O presente convenio é asinado pola empresa Aguas de Cabreiroá, S.A. e os representantes dos traballadores no seo da devandita empresa pertencentes á central sindical CC.OO. Tódalas partes con capacidade legal suficiente segundo o Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, do Estatuto dos traballadores.

E non habendo máis asuntos que tratar, levántase esta acta, asinada polos asistentes no lugar referido.