Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Martes, 16 de outubro de 2001 Páx. 13.492

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 27 de setembro de 2001 pola que se convoca proceso de selección para o nomeamento de recadador de zona de Ourense.

Por estar vacante o posto de recadador titular da zona de Ourense e superado o concurso restrinxido entre os actuais recadadores titulares de zona a que se refire o artigo 13.4º do Decreto 51/2000, do 25 de febreiro, polo que se establece a organización recadatoria da Xunta de Galicia e o Estatuto dos recadadores de zona, cómpre convocar, de conformidade co establecido no citado decreto, proceso de selección para o nomeamento de recadador de zona.

En consecuencia, e facendo uso da autorización contida na disposición derradeira primeira do mencionado decreto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócase proceso de selección para o nomeamento de recadador titular da zona de Ourense.

Artigo 2º

Poderán participar na convocatoria pública de selección os que reúnan as seguintes circunstancias:

a) Pertencer como funcionario de carreira a algún dos corpos seguintes:

1. Escala superior de finanzas da Comunidade Autónoma de Galicia ou ó corpo superior de inspectores de finanzas do Estado.

2. Escala técnica de finanzas da Comunidade Autónoma de Galicia ou do corpo de xestión da Facenda Pública do Estado.

b) Contar cunha antigüidade de catro anos de servicios prestados nos corpos ou escalas do punto anterior.

c) Acharse en posesión do diploma de aptitude para o desempeño do cargo de recadador da Comunidade Autónoma de Galicia ou do Ministerio de Economía e Facenda, ou, no seu defecto, contar cunha experiencia mínima de cinco (5) anos no desempeño de tarefas recadatorias propias de órganos de tal natureza e que se consideren axeitadas e suficientes para a tarefa que se vai realizar na prestación do servicio como recadador.

d) Non ter notas desfavorables ou sancións non canceladas ou prescritas nin estar inhabilitado para o exercicio do cargo.

Artigo 3º

1. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Tributos desta consellería, conforme o modelo que figura no anexo I, no prazo de 15 días naturais a partir do seguinte ó da publicación desta orde. Ás solicitudes xuntarase a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos a que se refire a alínea anterior, así como certificacións, expedidas polos órganos competentes, en relación coas circunstancias obxecto de baremo previstas no artigo seguinte. Ademais, achegarase unha memoria relativa á organización, funcionamento e tarefas que se van desenvolver

nunha zona ideal de recadación, que necesariamente incluirá unha simulación do número de valores cargados e contía destes, con proposta do cadro de persoal necesario para a súa xestión.

2. Tódolos requisitos deberán posuírse no día de finalización do prazo de presentación da solicitude.

Artigo 4º

Para a selección dos recadadores baremaranse as seguintes circunstancias:

a) Por cada ano de antigüidade como funcionario de carreira do corpo superior de inspectores de finanzas do Estado ou da escala superior de finanzas da Comunidade Autónoma de Galicia, 0,20 puntos.

Por cada ano de antigüidade como funcionario de carreira do corpo de xestión da Facenda Pública ou da escala técnica de finanzas da Comunidade Autónoma de Galicia, 0,10 puntos.

O límite máximo deste baremo será de 2 puntos.

b) Por cada ano de experiencia no desempeño de funcións recadatorias ó servicio da Comunidade Autónoma de Galicia, 0,20 puntos cun límite máximo de dous puntos.

c) Por cada ano de experiencia no desempeño de funcións recadatorias ó servicio doutras administracións públicas de carácter territorial ou institucional, 0,10 puntos cun límite máximo de dous puntos.

d) Os solicitantes someteranse a unha entrevista que tratará sobre o contido da memoria presentada así como sobre aspectos puntuais do procedemento recadatorio en vía de constrinximento.

Esta entrevista será valorada entre 1 e 4 puntos.

Artigo 5º

As tarefas de selección establecidas na alínea anterior serán realizadas por unha comisión que estará composta por:

-Secretario xeral e do Patrimonio.

-Directora xeral de Tributos.

-Un delegado territorial da Consellería de Economía e Facenda.

-O xefe do Servicio Central de Recadación, que actuará como secretario da comisión.

Disposicións adicionais

Primeira.-O funcionario que sexa nomeado recadador terá que solicitar e obter previamente á súa toma de posesión a situación administrativa de excedencia voluntaria por interese particular.

Segunda.-Para exerce-lo cargo de recadador é necesaria a previa prestación de garantía na contía e forma prevista no capítulo VII do citado Decreto 51/2000.

Terceira.-Esta convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación da comisión poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2001.

Xosé Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda