Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Martes, 16 de outubro de 2001 Páx. 13.487

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 28 de setembro de 2001 pola que se lle dá publicidade ó acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba a modificación das bases reguladoras das axudas deste instituto nas que se prevexa o dictame da Comisión Técnica de Análise e Avaliación de Proxectos.

Tendo en conta a complexidade técnica das funcións que ten que desenvolve-la Comisión Técnica de Análise e Avaliación de Proxectos, regulada mediante Resolución do 13 de xullo de 2001 (DOG

nº 142, do 23 de xullo), e co seu regulamento aprobado con data do 27 de setembro de 2001, considérase conveniente dotala dun período de tempo axeitado para que unha vez constituída poida organiza-las súas tarefas e a dispoñibilidade da información básica necesaria para asegura-lo seu correcto funcionamento, tanto en canto a calidade como a axilidade na elaboración dos seus informes.

Durante este período transitorio débese asegura-la continuidade na tramitación dos expedientes que incorporan a emisión do dictame da comisión como trámite previo á súa resolución.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Único.-Publica-la modificación das bases reguladoras das axudas do Igape nas que se prevexa o dictame da Comisión Técnica de Análise e Avaliación de Proxectos, acordada polo Consello de Dirección do instituto na súa reunión con data do 27 de setembro de 2001 e que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2001.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

ANEXO

Modificación das bases reguladoras das axudas do Igape nas que se prevexa o dictame da Comisión Técnica de Análise e Avaliación de Proxectos

Mentres non se implementen os medios necesarios e suficientes para o desempeño das funcións da Comisión Técnica de Análise e Avaliación de Proxectos do Igape prescindirase do seu dictame e os órganos xestores procederán á tramitación e resolución dos expedientes sen este trámite previo previsto nos procedementos relativos ás:

-Bases reguladoras das axudas para os programas de apoio á continuidade e mellora competitiva da Peme galega (Resolución do 13 de xullo de 2001; DOG nº 142, do 23 de xullo).

-Bases reguladoras das axudas para o programa Emprendedores (Resolución do 13 de xullo de 2001; DOG nº 142, do 23 de xullo).

-Bases reguladoras das axudas para proxectos empresariais de investimento (Resolución do 13 de xullo de 2001; DOG nº 142, do 23 de xullo).

-Bases reguladoras das axudas de salvamento e reestructuración de empresas en crise (Resolución do 13 de xullo de 2001; DOG nº 142, do 23 de xullo).