Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Martes, 16 de outubro de 2001 Páx. 13.462

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 263/2001, do 27 de setembro, polo que se crea a Facultade de Ciencias da Educación no Campus de Ourense da Universidade de Vigo.

A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia (DOG nº 156, do 16 de agosto), supuxo a realización dunha planificación xeral do sistema. A esta planificación contribuíron decisivamente diversos decretos de creación de centros e de autorización de implantación de estudios.

Unha vez rematado o proceso de expansión do sistema universitario de Galicia, trabállase a prol da súa consolidación, atendendo expresamente ós problemas derivados da definición específica de cada campus.

Neste decreto, baixo a formulación xeral exposta, considérase a creación dun novo centro no Campus de Ourense da Universidade de Vigo, unha vez cumpridos xa tódolos requisitos previos ó acto formal de creación por parte da Xunta de Galicia.

Esta creación inscríbese no marco de reorganización dos centros existentes no sistema universitario de Galicia e responde á necesidade de concentración de recursos materiais e humanos en titulacións afíns, distanciadas actualmente do resto dos centros e servicios universitarios, pasando a situarse na zona universitaria do campus.

Por todo isto, en aplicación do artigo 2.4º da Lei 5/1987, do 27 de maio, do Consello Social da Universidade e do Consello Universitario de Galicia, por instancia do Consello Social da Universidade de Vigo, co informe do Consello de Universidades e o informe favorable do Consello Universitario de Galicia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de setembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Créase a Facultade de Ciencias da Educación no Campus de Ourense da Universidade de Vigo.

2. A Facultade de Ciencias da Educación créase pola transformación da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB, na que se imparten as titulacións de mestre especialidade de educación infantil, mestre especialidade de educación primaria, mestre especialidade de educación especial e mestre especialidade de lingua estranxeira, e da Facultade de Humanidades, da que se segregan tres das súas catro titulacións para integrarse na nova facultade: licenciatura en psicopedagoxía, diplomatura en educación social e diplomatura en traballo social.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de setembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria