Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Luns, 15 de outubro de 2001 Páx. 13.373

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 260/2001, do 4 de outubro, polo que se desenvolve a disposición adicional oitava da Lei 5/2000, do 28 de decembro, no relativo á aplicación e xustificación polos concellos beneficiarios do Fondo de Cooperación Local para o exercicio de 2001.

A disposición adicional oitava da Lei 5/2000, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, modificou a tradicional configuración do Fondo de Cooperación Local ó pasar a establecer este como unha porcentaxe de participación sobre os ingresos propios da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

Nesta nova regulación, o fondo desvincúlase das fontes de financiamento de carácter finalista que ata agora o nutrían e que resultaban determinantes, tanto do concreto destino dos investimentos como do procedemento a seguir para a súa posterior xustificación. Ábrese, así, un importante espacio á autonomía de decisión das entidades locais beneficiarias, que ten como único límite a obriga de destina-las cantidades correspondentes á realización de infraestructuras e servicios considerados básicos pola lexislación de réxime local; o que se xustificará ante a Xunta de Galicia mediante certificación ó remate do exercicio correpondente (número 8 da disposición adicional citada).

É de ter en conta, non obstante, que a Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2001, segue a conceptua-las dotacións do Fondo de Cooperación Local como transferencias de capital, o que, no ámbito xurídico-orzamentario, resulta de obrigada observancia para a correcta xestión destes créditos polas entidades locais beneficiarias, sen prexuízo de posibles desenvolvementos normativos futuros que permitan novas posibilidades para a súa aplicación.

Así mesmo, a disposición adicional deixa aberta a posibilidade de que tódolos concellos galegos sexan beneficiarios do Fondo de Cooperación Local. Esta nova característica, unida ó feito, xa posto de manifesto, de tratarse dunha participación nos ingresos propios da comunidade autónoma, permite atribuirlle ó fondo, xunto coa súa tradicional finalidade orientada á compensación de desequilibrios internos de Galicia, unha nova función: a de instrumento mediante o que actuar a previsión constitucional de participación das facendas locais nos ingresos da Comunidade Autónoma, para o que se garanten incrementos acumulativos na dotación do fondo, a razón de 1.000 millóns de pesetas anuais, para os exercicios 2002 a 2004, ambos inclusive.

A Comisión Galega de Cooperación Local, en sesión celebrada o 18 de xuño pasado, no exercicio das competencias que lle atribúe a propia disposición adicional (parágrafo segundo do número 7) facendo súa a proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias, acordou que, neste exercicio, e unha vez deducido o importe da partida dirixida a sufraga-los gastos de mantemento propios

da Fegamp, a dotación total do fondo continúe a destinarse ós concellos que viñan sendo beneficiarios del; isto é, os de poboación non superior a 50.000 habitantes, así como que o seu reparto se realice conforme os criterios recollidos no Decreto 215/2000, do 13 de setembro, de cooperación coas entidades locais para o ano 2000.

De conformidade cos antecedentes citados, e en uso da habilitación contida na disposición derradeira segunda da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, o presente decreto establece as normas de desenvolvemento precisas para a adecuada xestión dos créditos correspondentes.

Na súa virtude, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de outubro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O presente decreto establece, con exclusiva vixencia para o exercicio 2001, o réxime de aplicación dos créditos que os concellos perciban en concepto de participación no Fondo de Cooperación Local, así como os requisitos a observar na posterior xustificación do seu destino ante a Xunta de Galicia.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

De conformidade co establecido na disposición adicional oitava da Lei 5/2000, do 28 de decembro, así como cos acordos adoptados ó seu abeiro, para o presente exercicio, pola Comisión Galega de Cooperación Local, serán beneficiarios os municipios cunha poboación non superior os 50.000 habitantes.

Artigo 3º.-Destino dos créditos.

1. Os concellos comprendidos no ámbito de aplicación deste decreto destinarán os créditos correspondentes ó financiamento de infraestructuras e adquisición de equipamentos vinculados á prestación dos servicios básicos de carácter local.

Como tales entenderanse os que, en atención ó número de habitantes, teñen a obriga de presta-los respectivos concellos e que se enumeran no artigo 81 da Lei de Administración local de Galicia.

2. A determinación das infraestructuras e equipamentos dos servicios que proceda financiar, conforme o establecido no número anterior corresponderá, no exercicio da súa autonomía, ós concellos respectivos.

Artigo 4º.-Réxime de xustificación.

1. A través de certificación emitida ó remate do exercicio e, en todo caso, antes do 31 de marzo de 2002, os concellos xustificarán ante a Consellería de Economía e Facenda, Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios a aplicación dos fondos ás finalidades establecidas no artigo precedente.

2. A referida certificación axustarase ó modelo que se inclúe como anexo a este decreto.

Artigo 5º.-Incumprimento.

Caso de incumprimento da obriga de xustificación, así como de destinarse a participación no Fondo de Cooperación Local a finalidades distintas das previstas neste decreto, aplicarase o disposto na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e as súas disposicións de desenvolvemento.

Artigo 6º.-Incorporación de créditos.

Os importes non executados ó peche do exercicio serán incorporados polos concellos ó orzamento de 2002, para as mesmas finalidades previstas neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-los actos e disposicións precisas en execución do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de outubro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda