Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Xoves, 11 de outubro de 2001 Páx. 13.335

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de xullo de 2001, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do texto do convenio colectivo do comercio de elementos do metal de Ourense para 2001.

Visto o texto do convenio colectivo do comercio de elementos do metal de Ourense 2001 (código de convenio número 3200215), con entrada nesta delegación provincial o día 26 de xuño de 2001, subscrito con data do 26 de xuño de 2001, dunha parte pola Asociación de Empresarios de Comercio de Elementos do Metal de Ourense, en representación da parte empresarial, e doutra, polas centrais sindicais Unión Xeral de Traballadores, Confederación Intersindical Galega e Comisións Obreiras, en representación dos traballadores do sector.

Esta delegación provincial, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo e demais normas aplicables de dereito común,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás

representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 6 de xullo de 2001.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo do comercio de elementos

do metal de Ourense 2001

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Quedan sometidas ás estipulacións do presente convenio tódalas empresas dedicadas ó comercio do metal en xeral.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Quedan comprendidos neste convenio tódolos traballadores das empresas incluídas no ámbito funcional, coas excepcións do Estatuto dos traballadores e dos menores de 16 anos, a contratación dos cales está prohibida.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

As disposicións do presente convenio rexerán en Ourense e a súa provincia.

Artigo 4º.-Ámbito temporal.

A duración do presente convenio será dun ano, comezando a rexe-lo 1 de xaneiro de 2001 e finalizando o 31 de decembro de 2001.

Artigo 5º.-Prórroga.

O convenio prorrogarase por períodos anuais ó non denuncialo calquera das partes, con antelación mínima de tres meses respecto da data da súa terminación. A denuncia farase mediante comunicación escrita á outra parte, na que se fará consta-la representación que se teña e as materias de negociación.

Ó finaliza-la vixencia a que se refire o artigo 4º, manterán a súa vixencia todas e cada unha das cláusulas ata a entrada en vigor do próximo convenio.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas contidas no presente convenio se establecerán con carácter de mínimas, polo que os pactos, acordos ou situacións actualmente implantadas nas distintas empresas que impliquen condicións máis beneficiosas subsistirán para aqueles traballadores que veñan gozándoas.

Artigo 7º.-Compensación e absorción.

As condicións que se establecen neste convenio son compensables e absorbibles en cómputo anual conforme a lexislación vixente, respectándose as situacións persoais en igual forma.

Réxime de traballo

Artigo 8º.-Xeira de traballo.

A xeira de traballo máxima para o persoal comprendido no presente convenio é de 40 horas semanais.

Artigo 9º.-Vacacións.

Tódolos traballadores gozarán anualmente de 30 días naturais de vacacións retribuídas a salario base, gratificación de transporte e antigüidade.

A empresa confeccionará conxuntamente o calendario de vacacións cos representantes legais dos traballadores ou cos mesmos traballadores se non os hai, será exposto no taboleiro de anuncios e coñecerase con 60 días de antelación á saída da primeira data. As datas de vacacións deberán estar comprendidas entre os meses de maio e outubro.

A empresa, por solicitude do traballador, estará obrigada a entregar un xustificante con expresión das datas de inicio e terminación delas. As vacacións non poderán comezar a computar nin en sábado nin en véspera de día santo.

Artigo 10º.-Inasistencias retribuídas.

O traballador, tralo aviso e xustificación, poderase ausentar do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) 15 días naturais no caso de matrimonio.

b) 2 días no caso de enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando por tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) 2 días por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, rexerá o que este dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do 20% das horas laborables nun período de tres meses, poderá pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador polo cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe dela do salario ó que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

f) Por nacemento de fillo/a: 6 días.

g) As traballadoras por lactación dun fillo menor de 9 meses terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderá dividir en dúas fraccións.

A muller pola súa vontade poderá substituír este dereito por unha reducción de xeira en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser gozado indistintamente polo pai ou nai no caso de que os dous traballen.

Réxime económico

Artigo 11º.-Salario base.

Comprende as retribucións que en xeira normal de traballo figuran na táboa salarial do anexo.

Artigo 12º.-Rendemento mínimo.

Dadas as dificultades técnicas que entraña o establecemento dunhas táboas de rendementos mínimos nas actividades encadradas no presente convenio, pola diversidade e diferentes estructuras das empresas afectadas, considerarase o rendemento mínimo adaptado ós usos profesionais de cada actividade comercial da localidade.

Non obstante, as empresas dentro da súa peculiar organización poderán establece-los ditos rendementos.

Artigo 13º.-Incentivos.

Cando as empresas establezan unhas táboas de rendementos e o traballador exceda do mínimo fixado, percibirá unha prima ou incentivo que previamente se establezan de acordo co procedemento que para estes efectos sinala a orde ministerial do 22 de novembro de 1973, sobre ordenanza de salario.

As tarifas de remuneración por incentivo deberanse calcular de modo que o traballador de normal capacidade e rendemento obteña polo menos unha retribución superior nun 25 por cento do salario base establecido no presente convenio para a súa categoría profesional.

Artigo 14º.-Salario hora individual.

De acordo co establecido no Decreto do 17 de agosto de 1973 sobre ordenación de salario e orde ministerial do 22 de novembro de 1973 que o desenvolve, a determinación do salario-hora individual farase mediante a aplicación da fórmula seguinte:

(365+G) x (S+A3)

S.H.I. Dt x horas xeiras máx. legal.

S.H.I.: é o salario individual.

365 é o número de días ó ano.

G: é o número de días retribuídos que corresponde por gratificacións extraordinarias de Nadal, xullo e beneficios.

S: é o salario base diario.

A: os aumentos periódicos por anos de servicios.

Dt.: os días de traballo do ano deducidos domingos, días santos aboables e vacacións.

Artigo 15º.-Aumentos periódicos por anos de servicios.

O persoal comprendido no presente convenio percibirá aumentos periódicos por anos de servicios

consistentes no aboamento de cuadrienios na contía do 5% sobre o salario base.

Cando o traballador ascenda de categoría profesional engadiráselle o soldo base da nova categoría ó número de cuadrienios que viñese gozando, calculándose a contía destes de acordo coa nova categoría acadada.

A data inicial para o cómputo dos aumentos por anos de servicios será a de ingreso na empresa incluído o tempo de aprendizaxe e aspirante, se ben para estes o dito cómputo aplicarase a partir da vixencia do presente convenio.

Artigo 16º.-Gratificación especial por idiomas.

Os traballadores con coñecementos acreditados ante ás súas empresas dunha ou máis linguas estranxeiras, sempre que este coñecemento fose requirido e pactado coa empresa, percibirán un aumento do 10% do seu salario base por cada idioma.

Artigo 17º.-Posto de traballo.

Gratificación especial por ornamentación de escaparates: o persoal que, non estando clasificado como escaparatista, realice non obstante con carácter normal a función de ornamentación de escaparates, terá dereito, en concepto de gratificación especial, a unha gratificación do 10% do seu salario base e aumentos por anos de servicio.

Artigo 18º.-Horas extraordinarias.

O salario-hora que resulte da aplicación da fórmula anterior servirá de base para determina-lo importe das horas extraordinarias. 0 incremento que se aplicará sobre o salario-hora para o pagamento das horas extraordinarias é o seguinte:

-Ó 75% nas extraordinarias de días laborables.

-Ó 150% nas horas extraordinarias de domingos e días santos.

Artigo 19º.-Desprazarnento e axudas de custo.

Os traballadores que mediante orde expresa do empresario ou persoa que os represente se vexan obrigados a realizar viaxes ou traballos de carácter profesional por conta e baixo a dependencia da empresa, con desprazamentos a lugares distantes do centro de traballo e que imposibiliten o seu regreso e sexa preciso efectuar comidas fóra do seu domicilio habitual, ou teñan necesidade de se desprazaren a localidades onde tamén esixa a misión encomendada unha permanencia que obrigue a tomar aloxamento, terán dereito ó cobro de gastos orixinados de acordo coa empresa e unha vez xustificados.

Artigo 20º.-Gratificacións extraordinarias.

Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá tres pagas extraordinarias, consistentes nunha mensualidade dos salarios base vixentes en cada momento, aumentos periódicos por ano de servicio e gratificación de transporte.

A gratificación de transporte fíxase para estes efectos na cantidade de 9.906 pesetas.

Así mesmo, o persoal que leve dous anos prestando servicios na mesma empresa ó tempo de ser incorporado ó servicio militar, ten dereito a percibir, como se estivese traballando, o importe das gratificacións de xullo e Nadal.

Estas pagas serán aboadas: a paga de verán, antes do 20 de xullo; a paga de Nadal, antes do 20 de decembro; a paga de beneficios, antes do 21 de marzo.

O importe das referidas gratificacións será rateado en proporción ó tempo traballado durante o ano, computándose como tal o correspondente a enfermidade xustificada, accidente de traballo, vacacións e permisos retribuídos.

Artigo 21º.-Compensación por accidente de traballo.

En caso de enfermidade común, accidente de traballo ou enfermidade profesional, o persoal en situación de incapacidade temporal percibirá con cargo á empresa, por un período dun ano como máximo, o salario que lle corresponda polo presente convenio, incrementado cos aumentos periódicos por anos de servicios.

A empresa poderá descontar deles durante o dito período de tempo as prestacións económicas que corresponden ó seguro obrigatorio de enfermidade.

Artigo 22º.-Premio de compensación por antigüidade.

Os traballadores que teñan unha antigüidade mínima na empresa de 10 anos e causen baixa por xubilación nesta a partir dos 60 anos e ata os 65 anos, terán dereito a gozar de vacacións retribuídas. Se a baixa se producise ós 60 anos, as vacacións terán unha duración de seis meses, reducíndose un mes por cada ano, ata chegar ós 65.

Os traballadores que, igualmente cesen ós 65 anos de idade, percibirán dous meses de vacacións retribuídas. Se cumpridos os 65 anos de idade e seis meses o traballador non solicitase a xubilación, o traballador perderá o dereito a este complemento.

As ditas mensualidades serán calculadas sobre o salario real. Para a súa precepción deberán solicitarse no prazo de tres meses desde o cumprimento da idade correspondente.

O goce destas vacacións farase efectivo coa correspondente antelación ó seu cesamento efectivo, debendo o traballador comunicar de xeito constatable a súa decisión á empresa. Esta entregaralle ó traballador que solicite o premio de vacacións dun certificado acreditativo do seu goce, no que constará o número de meses a que ten dereito.

Artigo 23º.-Gratificación de transporte.

Establécese unha gratificación de transporte urbano para tódolos traballadores afectados polo presente convenio de 396 pesetas por día traballado.

Artigo 24º.-Delimitacións das funcións do conductor.

As funcións dos conductores de vehículos nas actividades comprendidas no presente convenio fixaraas a comisión paritaria, que para tal fin se reunirá a partir do mes de setembro do presente ano.

Artigo 25º.-Salarios.

O presente convenio incrementarase nun 4% para o ano 2001, con respecto á táboa salarial do ano 2000.

Artigo 26º.-Fomento da contratación.

Para contribuír a darlle estabilidade ó emprego, as partes asinantes do presente convenio comprométense a fomenta-la contratación indefinida como norma xeral, con base nas novas modalidades de contratación en vigor desde a publicación das leis 63 e 64/1997.

Sen embargo, ó ser este un sector cunha problemática específica, propoñémo-los seguintes modelos de contratación:

a) Contrato eventual por circunstancias da producción, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos: as partes asinantes do presente convenio acordan que, de conformidade co establecido no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, co obxecto de aproveitar ó máximo as posibilidades de emprego que ofrecen as circunstancias de mercado no sector do comercio de elementos do metal, a duración máxima do contrato eventual por circunstancias de mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos será de doce meses dentro dun período de 18 meses.

A dita duración máxima será de aplicación tanto para os novos contratos que se pacten a partir da publicación do presente convenio como para aqueles que se asinaran nun momento anterior a esta.

b) Contrato para a formación laboral: o contrato para a formación terá por obxecto a adquisición da formación teórica e práctica necesaria para o desenvolvemento dun oficio ou posto de traballo que requira un determinado nivel de cualificación.

Poderase realizar con traballadores maiores de 16 anos e menores de 21. Debido ás necesidades formativas impostas polas características dos postos de traballo para desempeñar no sector de comercio de elementos do metal, as partes asinantes do presente convenio acordan que, segundo o establecido na Lei 63/1997, a duración mínima do contrato para a formación laboral sexa de seis meses e a máxima de tres anos.

c) Contrato en prácticas: a retribución do traballador contratado baixo a modalidade de prácticas será dun 60% no primeiro ano e dun 75% no segundo, do salario da súa categoría profesional en cómputo anual, quedando incluída neste cómputo anual a gratificación de transporte.

d) Fomento da contratación indefinida: durante a vixencia do presente convenio, a conversión en

indefinidos daqueles contratos que se pactasen de xeito temporal ou por ternpo determinado, independentemente do momento no que se formalice o contrato temporal, acollerase ó disposto no parágrafo b), punto dous, da disposición adiccional primeira da Lei 63/1997, do 26 de decembro, de medidas urxentes para a mellora do mercado de traballo e fomento da contratación indefinida, segundo a cal os ditos contratos quedarán incluídos no réxime previsto para os contratos de fomento da contratación indefinida.

Artigo 27º.-Comisión paritaria.

Para tódalas cuestións que se deriven da aplicación, interpretación e vixilancia deste convenio constitúese unha comisión paritaria formada pola Asociación Provincial de Empresarios e as centrais sindicais que asinan o presente convenio.

Artigo 28º.-Absentismo.

As partes asinantes recoñecen o grave problema que supón o absentismo laboral e entenden que a súa reducción implica tanto un aumento da presencia do traballador no posto de traballo como a correcta organización da medicina da empresa e da Seguridade Social xunto cunhas adecuadas condicións de seguridade, hixiene e ambiente de traballo, para unha efectiva protección da saúde física e mental do traballador.

Artigo 29º.-Igualdade no traballo.

Respectarase o principio de igualdade no traballo para tódolos efectos, e non se admitirá discriminación por razón de idade, sexo, ideoloxía, raza ou minusvalía, etc.

Artigo 30º.-Pezas de roupa de traballo.

Ós traballadores que proceda, a empresa proporcionarálle-lo vestiario adecuado para o traballo, na cantidade de dúas pezas de roupa por ano, que reporá unha vez cada semestre. Así mesmo, facilitaralles luvas e calzado cando así o esixa o traballo que hai que realizar. Ós traballadores que realicen funcións de reparto en moto, a empresa está obrigada a proporcionárlle-lo casco obrigatorio e traxe de augas.

Artigo 31º.-Excedencias.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa.

A forzosa, que dará dereito á conservación do posto de traballo e ó cómputo de antigüidade da súa vixencia, concederáselle pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reingreso deberá solicitarse dentro do mes seguinte ó cesamento do cargo público.

O traballador cunha antigüidade mínima na empresa dun ano ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de se situar en situación de excedencia voluntaria por un prazo non menor de dous anos e non maior de cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorresen catro anos desde o final da anterior excedencia.

Os traballadores terán dereito a un período non superior a tres anos de excedencia para atenderen o coidado de cada fillo, xa sexa por natureza ou adopción, contado desde a data de nacemento deste. Os fillos sucesivos darán dereito a un novo período de excedencia que, se se dá o caso, porá fin ó que se viñese gozando. Cando o pai ou nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Durante o primeiro ano, a partir do inicio de cada situación de excedencia, o traballador terá dereito á reserva do posto de traballo e a que o citado período sexa computado para efectos de antigüidade. Finalizado este e ata a terminación do período de excedencia, serán de aplicación, agás pacto colectivo ou individual ou contrario ás normas que regulan a excedencia voluntaria.

Así mesmo, poderán solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadores que exercen funcións sindicais de ámbito provincial ou superior, mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

O traballador excedente conserva só un dereito preferente ó ingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa que houbese ou se producisen na empresa.

A situación de excedencia poderase estender a outros supostos colectivamente acordados co réxime e cos efectos que alí se prevexan.

Artigo 32º.-Recoñecementos médicos.

As empresas velarán pola práctica de recoñecementos médicos, incluídas análises de sangue e de ouriños, tanto iniciais como periódicas, conforme o establecido nas disposicións vixentes e como mínimo unha ó ano. Pola súa banda, os traballadores estarán obrigados a someterse a cantos recoñecementos médicos dispoñen as empresas por conta delas, tanto en situación activa como en situación de IT ou similar.

Os recoñecementos médicos orientaranse preferentemente ás enfermidades máis habituais do sector e entregaráselle-lo resultado do recoñecemento. Serán entregados nun máximo de cinco días desde a data en que se reciban.

A comisión mixta velará polo seu cumprimento.

Artigo 33º.-Protección á maternidade.

No caso de maternidade, a empresa deberá concede-los permisos de 16 semanas ininterrompidas ampliables por parto múltiple ata 18 semanas. O período de suspensión distribuirase a opción da interesada, sempre que 6 semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto, podendo facer uso destas o pai para o coidado do fillo no caso de falecemento da nai.

Non obstante o anterior, no caso de que a nai ou o pai traballen, aquela ó iniciarse o período de descanso por maternidade poderá optar a que o pai goce de catro das últimas semanas de suspensión, sempre que sexan ininterrompidas e ó final do citado

período, excepto que no momento da súa efectividade a incorporación ó traballo da nai supoña risco para a saúde.

No suposto de adopción, se o fillo adoptado é menor de nove meses, a suspensión terá unha duración máxima de oito semanas, contadas a partir da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción. Se o fillo adoptado é menor de 5 anos e maior de nove meses, a suspensión terá unha duración máxima de 6 semanas.

No caso de que o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer ese dereito.

Artigo 34º.-Réxime disciplinario por acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto e a intimidade ou contra a liberdade dos traballadores, conductas de acoso sexual, verbais ou físicas, serán conceptuadas como faltas moi graves, graves ou leves, en función da repercusión do feito. Nos supostos nos que se leve a cabo servíndose da súa relación xerárquica con persoa ou persoas con contrato laboral non indefinido, a sanción aplicarase no seu máximo grao.

O comité de empresa, xunta de persoal, sección sindical ou representante dos traballadores e traballadoras e da dirección de persoal da empresa velarán polo dereito á intimidade do traballador afectado, procurando silencia-la súa identidade cando así fose requirido.

Dada a falta de normativa existente poderase segui-la descrición de sancións incluídas na Lei de infraccións e sancións da orde social do 7 de abril de 1988.

Artigo 35º.-Período de proba.

Poderase concertar por escrito un período de proba que en ningún caso poderá exceder de 6 meses para os técnicos titulados, nin de 3 meses para os demais traballadores, agás para os non cualificados; en tal caso a duración máxima será de 15 días laborables.

O empresario e o traballador están respectivamente obrigados a realiza-las experiencias que constitúan o obxecto da proba.

Durante o período de proba o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes á súa categoría profesional e ó posto de traballo que desempeñe, como se fose do cadro de persoal, salvo os derivados da resolución laboral, que poderá producirse por petición de calquera das partes durante o seu transcurso.

Transcorrido o período de proba sen que se produza o desistimento, o contrato producirá plenos efectos, e computarase o tempo dos servicios prestados na antigüidade do traballador na empresa.

A situación de incapacidade temporal que afecte ó traballador durante o período de proba interrompe o cómputo del sempre que se produza acordo entre ámbalas partes.

Disposicións adicionais

Primeira.-Exclusivamente para este ano 2001, os atrasos xerados serán aboados a partir da sinatura deste convenio colectivo.

Segunda.-Para o non previsto no presente convenio haberá que aterse ó sinalado no acordo marco para a substitución da ordenanza do comercio asinado o 6 de marzo de 1996 pola Confederación Española de Comercio, por unha banda e polas centrais sindicais CC.00., CIG e UGT, pola outra, e a Lei orgánica de liberdade sindical e Estatuto dos traballadores.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Cláusula de submisión ó AGA: dada a importancia que pode ter para a resolución pacífica de conflictos laborais e elaboración do acordo galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo AGA, asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT, CC.00. e CIG, as partes asinantes deste convenio durante a súa vixencia acordan someterse ás disposicións contidas no AGA, nos propios termos nos que están formuladas.

Segunda.-Partes asinantes: o presente convenio asínano as centrais sindicais UGT, CIG e CC.OO., en representación da parte social, e a Asociación de Empresarios de Comercio de Elementos do Metal en representación da parte empresarial.

Táboa salarial 2001

-Grupo primeiro: 88.361 pesetas/531,06 euros.

Profesional de oficio de terceira.

Vixilante sereno.

Ordenanza porteiro.

Cobrador.

Conserxe.

Empaquetador.

Mozo.

Telefonista.

Limpadora.

-Grupo segundo: 89.786 pesetas/539,62 euros.

Mozo especializado.

Auxiliar administrativo.

Profesional de oficio de segunda.

-Grupo terceiro: 92.014 pesetas/553,01 euros.

Intérprete.

Delineante.

Escaparatista.

Profesional de oficio de primeira.

Oficial administrativo.

Caixeiro.

Viaxante.

Dependente.

Axudante.

-Grupo cuarto: 101.054 pesetas/607,34 euros.

Xefe administrativo.

Contable.

Xefe de división.

Xefe de taller.

Xefe de persoal.

Xefe de compras.

Xefe de vendas.

Xefe de sucursal.

Xefe de almacén.

Xefe de servicio mercantil.

Encargado de establecementos.

Titulado de grao medio.

-Grupo quinto: 110.096 pesetas/661,69 euros.

Director.

Titulado de grao superior.