Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Xoves, 11 de outubro de 2001 Páx. 13.333

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

DECRETO 257/2001, do 20 de setembro, polo que se modifican e delimitan os perímetros afectados pola concentración parcelaria da zona de Vilariño, primeiro e segundo sector (Cambados-Pontevedra).

Con datas do 6 de novembro de 1998 e 27 de agosto de 2001, declarouse de utilidade pública e urxente execución a concentración parcelaria da zona de Vilariño (Cambados-Pontevedra), primeiro e segundo sector, respectivamente.

Realizada a investigación da propiedade do primeiro sector, resultaron actitudes contrapostas respecto dos traballos da concentración manifestadas polos propietarios afectados e, en concreto, respecto dos perímetros e subperímetros cultivados e cultivables, así como da clasificación das terras e fixación previa dos respectivos coeficientes que posteriormente servirán de base para levar a cabo as compensacións que resulten necesarias.

Esta situación fai aconsellable incluír determinados terreos correspondentes ó primeiro sector, no ultimamente decretado, e polo tanto reestructura-los terreos afectados e delimita-los dous sectores co que

se acadaría a necesaria axilización do proceso de concentración co fin de proceder á nova reestructuración da propiedade.

Deste xeito, declarada de utilidade pública toda a zona sur de Vilariño, cómpre delimita-los terreos que corresponden a un e ó outro sector.

Na súa virtude, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e á vista das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de setembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A concentración parcelaria da parroquia de Vilariño (Cambados-Pontevedra), declarada de utilidade pública polos decretos 308/1998, do 6 de novembro, e 205/2001, do 27 de agosto, e dividida en dous sectores, primeiro e segundo respectivamente, queda conformada do xeito seguinte:

-Sector primeiro: a zona de concentración parcelaria de Vilariño, primeiro sector (Cambados-Pontevedra), comprenderá os terreos da parroquia de Vilariño atopados entre os seguintes límites: norte: estrada PO-300 de Cambados a Pontearnelas; oeste: camiño de Fenosa; leste: límite parroquial e municipal; sur: lugar de Covas de Lobos e río Umia.

-Sector segundo: a zona de concentración parcelaria de Vilariño, segundo sector (Cambados-Pontevedra), comprenderá os terreos da parroquia de Vilariño atopados entre os seguintes límites: norte: estrada PO-300 de Cambados a Pontearnelas; oeste: camiño de Fenosa e Vilariño (primeiro sector); leste: parroquia de Cambados; sur: río Umia.

Artigo 2º

Os traballos correspondentes ás fases que xa foron executadas serán conservados e incorporaranse ó sector que corresponda en función dos terreos que afecte.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, para dicta-las disposicións complementarias que requira a execución deste decreto.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de setembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria