A parroquia de Godos, que pertence ó concello de Caldas de Reis, está situada ó noroeste da pro
vincia de Pontevedra, resultando afectadas pola concentración parcelaria aproximadamente 510 ha.
A dispersión parcelaria que presentan os terreos da dita parroquia, posta de manifesto polos agricultores desta mediante solicitude dirixida ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, motivou un estudio de viabilidade e de valoración das posibilidades que ofrece a zona para incrementa-lo rendemento dos recursos agropecuarios, deducíndose a conveniencia de levar a cabo a concentración parcelaria por razóns de utilidade pública e interese social.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, formulada conforme o establecido na Lei galega 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de setembro de dous mil un,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Declarar de utilidade pública e urxente execución a concentración parcelaria da zona de Godos (Caldas de Reis-Pontevedra).
Artigo 2º
O perímetro da zona será, en principio, o correspondente ós terreos da parroquia de Godos. O referido perímetro quedará en definitiva modificado polas rectificacións, inclusións ou exclusións que se acorden, ó amparo dos artigos 23 e seguintes da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia.
Artigo 3º
A esta zona seranlle de aplicación os beneficios económicos programados ou asumidos pola Xunta de Galicia, para mellorar ou moderniza-las explotacións agrarias e, en concreto, os que sinale o artigo 6 da Lei de concentración parcelaria para Galicia.
Artigo 4º
Os traballos de execución desta concentración parcelaria iniciaranse nun prazo non superior ós 6 meses a partir da publicación do presente decreto.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para dicta-las disposicións complementarias que requira a execución do presente decreto.
Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte de setembro de dous mil un.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Juan Miguel Diz Guedes
Conselleiro de Agricultura, Gandería
e Política Agroalimentaria