Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Mércores, 10 de outubro de 2001 Páx. 13.293

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 21 de setembro de 2001 pola que se abre unha segunda convocatoria de solicitudes de concesión de subvencións en relación coa Orde do 18 de xaneiro de 2001 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas encamiñadas á mellora da infraestructura enerxética de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva e se procede á súa convocatoria para o ano 2001.

A orde desta consellería do 18 de xaneiro de 2001 regulou o procedemento para o outorgamento das axudas encamiñadas á mellora da infraestructura enerxética de Galicia.

Con data 27 de xullo de 2001, a Consellería de Economía e Facenda autorizou unha incorporación de crédito ás partidas orzamentarias destinadas á concesión de axudas ó fomento de enerxías renovables.

O artigo 8 da orde de convocatoria, en referencia ós créditos e aplicaciones orzamentarias destinadas a estas axudas, establecese que «Tódalas cantidades antes citadas poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito».

Toda vez que o número de solicitudes presentadas ó capítulo de fomento de enerxías renovables, no epígrafe de empresas privadas, no prazo establecido pola convocatoria, non esgota o crédito dispoñible, resulta oportuno outorgar un novo prazo para que as empresas interesadas poidan presenta-las súas solicitudes.

Na súa virtude e en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Nova convocatoria.

Establécese a apertura dun novo prazo de presentación de novas solicitudes de vinte días hábiles contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, que teñan o seu fundamento en actividades subvencionadas ó abeiro da Orde do 18 de xaneiro de 2001, que se publicou no Diario Oficial de Galicia nº 18, do 25 de xaneiro, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas encamiñadas á mellora da infraestructura enerxética de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva e se procede á súa convocatoria para o ano 2001.

Artigo 2º.-Obxecto e regulación das subvencións.

1. As subvencións reguladas nesta orde teñen por obxecto o investimento dirixido a fomento das enerxías renovables.

2. No referente ós beneficiarios, criterios de adxudicación, contía das subvencións e demais disposicións reguladoras quedan establecidas pola citada Orde do 18 de xaneiro de 2001.

3. O prazo máximo para dictar e notificarlles ós interesados a resolución expresa será de dous meses, contados desde a publicación da presente orde. Ó vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo 3º.-Financiamento.

As novas solicitudes atendidas imputaranse á aplicación orzamentaria cos límites que se indican a continuación:

Aplicación: 08.02.631-B.773.0.

Denominación: empresas privadas fomento das enerxías renovables.

Importes: ano 2001, 88.781.997 pesetas; ano 2002, 85.784.904 pesetas.

Disposición derradeira

Facúltase a Dirección Xeral de Industria para que dicte as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2001.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio