Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Martes, 09 de outubro de 2001 Páx. 13.249

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 1 de outubro de 2001 pola que se abre unha segunda convocatoria de solicitudes en relación coa Orde do 26 de marzo de 2001 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de axudas correspondentes á investigación enerxética do programa apoio á I+D industrial, tecnoloxía industrial do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (PGIDT) en réxime de concorrencia competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2001.

A orde desta consellería do 26 de marzo de 2001 regulou o procedemento para o outorgamento das axudas encamiñadas á investigación enerxética do programa apoio á I+D industrial, tecnoloxía industrial do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (PGIDT).

Toda vez que o número de solicitudes presentadas no prazo establecido pola convocatoria non esgota o crédito dispoñible, resulta oportuno outorgar un novo prazo para que as empresas interesadas poidan presenta-las súas solicitudes, no que se refire exclusivamente ós proxectos que poidan incluírse dentro do obxecto do anexo II axudas para a realización de proxectos de investigación e desenvolvemento (I+D) empresarial nas áreas de eficiencia enerxética e enerxías renovables.

Na súa virtude e en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Nova convocatoria

2. Establécese un novo prazo de presentación de solicitudes de vinte días hábiles contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, que teñan o seu fundamento en actividades subvencionadas ó abeiro da Orde do 26 de marzo de 2001, que se publicou no Diario Oficial de Galicia nº 70, de 9 de abril de 2001, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de axudas correspondentes á investigación enerxética do programa apoio á I+D industrial, tecnoloxía industrial do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (PGIDT) en réxime de concorrencia competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2001.

Artigo 2º.-Obxecto e regulación das subvencións.

1. As subvencións reguladas nesta orde teñen por obxecto o investimento dirixido a axudas encamiñadas á investigación enerxética do programa apoio á I+D industrial, tecnoloxía industrial do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (PGIDT), referíndose en exclusiva ás axudas do anexo II para a realización de proxectos de investigación e desenvolvemento (I+D) empresarial nas áreas de eficiencia enerxética e enerxías renovables.

2. No referente ós beneficiarios, criterios de adxudicación, contía das subvencións e demais disposicións reguladoras quedan establecidas pola citada Orde do 26 de marzo de 2001.

3. O prazo máximo para dictar e notificarlles ós interesados a resolución expresa será de dous meses, contados desde a publicación desta orde. Ó vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo 3º.-Financiamento.

As novas solicitudes atendidas imputaranse á aplicación orzamentaria cos límites que se indican a continuación:

Aplicación: 08.02.432-A.770.2.

Denominación: I+D Enerxía.

Ano 2001: 61.857.520 pesetas.

Año 2002: 53.326.500 pesetas.

Año 2003: 30.000.000 de pesetas.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento e o director xeral de Industria para que dicten as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde. A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Dirección Xeral de Industria resolverán tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación desta convocatoria.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2001.

Jaime Pita Varela Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro da Presidencia Conselleiro de Industria

e Administración Pública e Comercio