Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Mércores, 03 de outubro de 2001 Páx. 13.054

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 236/2001, do 20 de setembro, polo que se acepta o cambio de titularidade a prol da Comunidade Autónoma das estradas provinciais de Lalín a Cruces, de Cruces a Ponte San Xusto e de Agolada a Rodeiro (Alto da Fraga).

O Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra aprobou, en sesión ordinaria con data do 27 de abril de 2001, a iniciación do expediente de cambio de titularidade, a favor da Comunidade Autónoma de Galicia das estradas provinciais que van de Lalín a Cruces (sita nos termos municipais de Lalín e Vila de Cruces), de Cruces a Ponte San Xusto (sita no termo municipal de Vila de Cruces) e de Agolada a Rodeiro (Alto da Fraga) (sita no termo municipal de Agolada).

Con data 27 de xullo de 2001, o Pleno da Corporación Provincial aprobou definitivamente o expediente de cambio de titularidade das estradas provinciais EP-6008 Lalín-Cruces, EP-6401 Cruces-Ponte San Xusto e EP-6307 Golada-Rodeiro (Alto da Fraga); facultando ó mesmo tempo o presidente da deputación provincial para a sinatura do convenio que con tal fin se elabore.

Con data do 6 de setembro de 2001 asinouse o convenio de cambio de titularidade das mencionadas estradas entre o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra e o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Conforme o sinalado no artigo 5 da Lei de estradas autonómica 4/1994, do 14 de setembro, logo de acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de setembro de dous mil un,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Apróbase o cambio de titularidade a favor da Comunidade Autónoma das seguintes estradas provinciais:

* EP-6008, que vai de Lalín a Cruces, nos termos municipais de Lalín e Cruces, que ten unha lonxitude de 17,403 km, con orixe no p.k. 48 da estrada N-525 do treito Santiago-Ourense (T.M. de Lalín) e remate no p.k. 0,000 da estrada provincial EP-6401 no núcleo de Vila de Cruces (T.M. de Vila de Cruces).

* EP-6401, que vai de Cruces a Ponte San Xusto, no termo municipal de Vila de Cruces, que ten unha lonxitude de 10,375 km con orixe no p.k. 0.000 da estrada provincial EP-6401 no núcleo de Vila de Cruces (T.M. de Vila de Cruces) e remate no p.k. 10,375 da estrada provincial EP-6401 no encoro de Portodemouros (T.M. de Vila de Cruces).

* EP-6307, que vai de Agolada a Rodeiro (Alto da Fraga), no termo municipal de Agolada, que ten unha lonxitude de 7,268 km con orixe no p.k. 148,700 da estrada N-640 (T.M. de Agolada) e remate no p.k. 7,268 da estrada provincial EP-6307 (T.M. de Agolada).

Artigo 2º.-A entrega das vías formalizarase mediante a sinatura da correspondente acta en documento público.

Artigo 3º.-As estradas incorporaranse á relación de estradas de titularidade autonómica como sinala o artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia. A aprobación da dita relación farase conforme o plan de estradas.

As mencionadas estradas estarán catalogadas funcionalmente como Rede Primaria Complementaria, e pasaranse a denominar respectivamente como PO-206, PO-207 e PO-212.

Artigo 4º.-Correspóndelle á Xunta de Galicia, a partir da formalización da entrega, tódalas actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Artigo 5º.-De acordo cos artigos 78 e 79 da Lei 3/1985, do ptrimonio da Comunidade Autónoma, e 150 a 152 do seu regulamento, as estradas deberanse incorporar ó inventario xeral de bens da Comunidade Autónoma, quedando adscritas á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Disposición derradeira

Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dicta-los actos que sexan precisos para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, vinte de setembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda