Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Mércores, 03 de outubro de 2001 Páx. 13.050

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 2 de outubro de 2001 pola que se crea o centro de atención ó cidadán en Santiago de Compostela e se dispón, para tódolos efectos, o comezo da súa actividade administrativa.

Dentro do plan para a reforma e modernización administrativa é obxectivo prioritario o achegamento da Administración ós administrados co fin de facer efectivos os dereitos que se lles recoñecen ós cidadáns nas súas relacións coas administracións públicas. Para ese fin o devandito plan prevé a creación de oficinas cunha serie de funcións que exercerán baixo a dependencia orgánica e funcional da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

A creación das devanditas oficinas supón recoller unha das contribucións máis transcendentais e positivas da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. A vontade e o compromiso desta Administración, reflectida no plan para a reforma e a modernización administrativa, convértese nunha obriga que vai coadxuvar, en definitiva, á efectividade dos dereitos dos cidadáns e facer realidade o servicio a estes, principio que ademais de xustifica-la súa existencia debe presidi-la súa actividade.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase o Centro de Atención ó Cidadán en Santiago de Compostela, rúa doutor Teixeiro, nº 26, entreplanta, que dependerá orgánica e funcionalmente da Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia, e que comezará o exercicio da súa actividade a partir do día catro de outubro de dous mil un.

Artigo 2º

O centro á que fai referencia o artigo anterior exercerá as seguintes funcións:

a) Rexistro xeral de escritos, solicitudes e comunicacións dirixidas a calquera órgano da Administración autonómica de Galicia, así como a outras administracións públicas nos termos establecidos na lei.

Concluído o trámite de rexistro, daráselles traslado dos escritos, solicitudes e comunicacións ós seus destinatarios sen dilación e directamente.

b) Información xeral da Administración autonómica.

c) Información particular sobre aqueles expedientes tramitados pola Administración autonómica nos que o solicitante sexa interesado e nos termos establecidos na lei.

d) Atención e asistencia ó cidadán.

Artigo 3º

O centro ó que fai referencia o artigo 1º da presente orde contará co cadro de persoal que se estableza regulamentariamente e permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O establecido nesta orde non supón incremento de gasto.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública