Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 02 de outubro de 2001 Páx. 13.008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do laudo arbitral do convenio colectivo do sector do comercio de alimentación.

Visto o texto do laudo arbitral sobre a interpretación do artigo 11, parágrafo terceiro, do vixente convenio colectivo para o sector de comercio de alimentación da provincia de Pontevedra, dictado por Carlos Domenech de Aspe, con data 18 de maio de 2001, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 12-7-2001. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, artigo 24.4º do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA) e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da provincia de

Pontevedra en Vigo,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que conste nesta delegación provincial, e a notificación

ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 26 de xullo de 2001.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Laudo arbitral

Carlos Domenech de Aspe, designado árbitro en acta de compromiso arbitral de data 7 de maio de 2001, subscrita polas representacións empresarial e dos traballadores compeñentes da comisión paritaria do convenio colectivo do sector de comercio de alimentación da provincia de Pontevedra, con base no establecido no Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), visto o expediente e oídas as alegacións das partes, dicta o presente laudo:

Obxecto da arbitraxe.

As diferencias entre as partes xorden como consecuencia da interpretación do artigo 11 do vixente convenio colectivo de comercio de alimentación da provincia de Pontevedra, en concreto o seu parágrafo terceiro que establece a cláusula de revisión salarial para o segundo ano de vixencia.

Antecedentes.

O árbitro convoca ás partes, comparecendo en data 14 de maio de 2001, coa asistencia de Pilar Cancela Rodríguez, secretaria do Consello Galego de Relacións Laborais, as representacións das empresas e traballadores do sector de comercio de alimentación da provincia de Pontevedra integrantes da comisión paritaria do devandito convenio, expoñendo ó árbitro o punto de desacordo e formulando as alegacións que estimaron convenientes.

Consideracións e fundamentos xurídicos.

A discrepancia sometida a arbitraxe contráese á interpretación e aplicación do artigo 11 do convenio

colectivo provincial do convenio de comercio de alimentación que textualmente establece:

Artigo 11º.-Condicións económicas.

O incremento salarial para o primeiro ano de vixencia do convenio será do 3%.

Acórdase unha revisión salarial para o suposto en que o IPC real supere a devandita porcentaxe.

Para o segundo ano, páctase un incremento salarial consistente no IPC previsto+0,25, cunha revisión na contía en que ó final do ano o IPC real supere o IPC previsto.

O punto de discrepancia limítase ó último parágrafo do precepto citado no que se refire á revisión salarial para o segundo ano, ano 2000.

A parte empresarial interpreta que o que se garante, a través deste precepto, é a contía do IPC previsto+0,25 puntos e que a revisión pretende compensa-la cantidade en que o IPC real supere aquela garantía.

Pola súa parte, a representación dos traballadores interpreta que o que pretende garanti-la revisión prevista é o poder adquisitivo máis un 0,25% e que esta cláusula foi sempre así redactada e interpretada, polo que debe aplicarse a revisión sobre aquela cantidade en que o IPC real supere exclusivamente o IPC previsto sen engadírselle a este o 0,25%.

O árbitro, para decidir esta cuestión, debe limitarse á interpretación do último parágrafo do artigo 11 do convenio colectivo sen entrar en consideracións de intereses das partes xa que claramente se trata dunha arbitraxe en dereito; e para unha interpretación xuridicamente correcta é preciso acudir ás regras de interpretación que sinala o artigo 3 do Código Civil («As normas interpretaranse segundo o sentido propio das súas palabras, en relación co contexto, os antecedentes históricos e lexislativos e a realidade social do tempo que deben ser aplicadas, atendendo fundamentalmente ó espírito e finalidade daquelas»).

Do exame da literalidade do expresado no parágrafo sobre o que existe controversia non lle caben dúbidas ó árbitro na súa interpretación. En efecto, textualmente dice que a revisión debe efectuarse na contía en que ó final do ano o IPC real supere o IPC previsto, sen que se faga mención algunha ó 0,25% que, sobre o IPC previsto, se contempla no incremento salarial para ese segundo ano. Da interpretación gramatical deste precepto non cabe extraer outra conclusión que o que nel se pretende garantir é un incremento do 0,25% sobre o poder adquisitivo. En efecto, cando se fala do incremento para o segundo ano exprésase que consiste no IPC previsto ó que se debe suma-lo 0,25%, e cando posteriormente se establece a revisión, cífrase expresamente a contía desta na diferencia entre o IPC previsto e o IPC real sen mención algunha a que ó IPC previsto debe engadírselle a porcentaxe do 0,25%, o que leva á conclusión de que tanto no previsto como no real se manterá esa porcentaxe de superación.

A propia redacción dos dous primeiros parágrafos do artigo 11 avala esta interpretación, pois, cando se quixo garanti-lo IPC real no parágrafo segundo, non se fai mención ó IPC previsto en relación co real, senón que clara e expresamente se alude á diferencia entre este e o incremento xeral acordado antes de coñece-lo IPC real.

Por tódalas consideracións apuntadas dicta a seguinte resolución:

A revisión salarial a aplicar en virtude do artigo 11 do convenio colectivo provincial do comercio de alimentación da provincia de Pontevedra debe ser efectuada tendo en conta, para determina-la súa contía, exclusivamente a diferencia entre o IPC previsto e o IPC real sen que proceda incrementa-lo primeiro co 0,25% para o cálculo desa diferencia.

O presente laudo poderá ser impugnado ante a xurisdicción social de acordo co punto 5º do artigo 24 do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2001.

Carlos Domenech de Aspe

Árbitro