Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 02 de outubro de 2001 Páx. 12.989

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 228/2001, do 20 de setembro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto á Comunidade Autónoma de Galicia dunha parcela, no termo municipal de Carballo (A Coruña), para a construcción dun edificio para os xulgados de Carballo.

O Pleno da Corporación municipal do Concello de Carballo, reunido en sesión que tivo lugar o día 27 de marzo de 2001, acordou cederlle á Comunidade Autónoma de Galicia unha parcela de 637 m de superficie, no termo municipal de Carballo (A Coruña), para a construcción dun edificio para os xulgados de Carballo.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; aínda que non se consideran carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Carballo acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de setembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta dunha parcela de 637 m de superficie, situada no termo municipal de Carballo (A Coruña), que a seguir se describe:

Urbana: soar número 26 na urbanización denominada O Iglesario ou Tenza do Iglesario, na vila de Carballo, cunha superficie de 637 m. Linda: norte, soar número 7; sur, rúa Río Grande; leste, soar número 7; e oeste, soar de Flora Tasende, e edificio de Jesús Couto Tasende, e, en parte, soar número 7.

Inscrita a favor do Concello de Carballo no tomo 1.134, libro 395, folio 158, predio nº 36.590, inscrición 1ª;

Artigo 2º

A parcela cedida destinarase á construcción dun edificio para os xulgados en Carballo.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte de setembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda