O Decreto 22/1999, do 5 de febreiro, regula o procedemento para habilitar entidades de carácter asociativo e representativas dos diversos sectores comercial e industrial como instrumentos colaboradores da Oficina de Tramitación Única de Industrias para a información e recepción de solicitudes e demais documentación relacionados coa posta en funcionamento de novas industrias, traslado ou ampliación dun establecemento industrial.
Para levar a cabo esta habilitación subscribiuse un convenio de colaboración entre as consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Industria e Comercio e a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo, cumprindo os requisitos establecidos no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de marzo de 1991.
Mediante este convenio regúlanse as funcións que debe desenvolve-la devandita Cámara de Comercio, Industria e Navegación, referidas ós expedientes administrativos para a posta en funcionamento dunha nova industria ou o traslado ou ampliación dun establecemento industrial, así como os compromisos e requisitos que deben cumprir.
Ó dispoñe-la Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo da infraestructura técnica prevista no convenio.
DISPOÑO:
Artigo 1º
1. De conformidade co establecido no Decreto 22/1999, do 5 de febreiro, e de acordo co convenio de colaboración subscrito entre as consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Industria e Comercio e a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo, habilítase esta cámara como instrumento coadxuvante da Oficina de Tramitación Única de Industrias (OTU) dependente da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio en Pontevedra para o exercicio de funcións de información e asesoramento en materia de creación de industrias e recepción de solicitudes e demais documentación relativa á posta en funcionamento de novas industrias ou o traslado ou ampliación de establecementos industriais xa existentes.
2. Recoñécese a validez e eficacia dos asentos realizados no Rexistro da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo, na materia sinalada no parágrafo anterior da documentación dirixida a Oficina de Tramitación Única de Industrias, conforme o establecido no artigo 38 da Lei 30/1992,
do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, conforme a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.
3. Para os efectos do previsto no artigo 3.c) do Decreto 22/1999, do 5 de febreiro, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo, deberá remitir, con carácter inmediato, á Oficina de Tramitación Única de Industrias da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra as solicitudes e documentos presentados polos particulares interesados nos procedementos administrativos regulados no Decreto 223/1998, do 24 de xullo.
Artigo 2º
1. A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo, exercerá as seguintes funcións:
a) Recepción e rexistro das solicitudes e documentos que se presentan para as autorizacións de posta en funcionamento dunha industria, traslado ou ampliación dun establecemento industrial.
b) Información e asesoramento en materia de autorizacións administrativas para a creación de industrias.
c) Información do estado de tramitación dos expedientes OTU iniciados tanto na propia Cámara de Comercio, Industria e Navegación como en calquera Oficina OTU da Xunta de Galicia.
Disposicións derradeiras
Primeira.-O establecido nesta orde non supón incremento de gasto.
Segunda.-Facúltase a Inspección Xeral de Servicios e a Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos para dicta-las normas precisas para o desenvolvemento desta orde.
Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa públicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2001.
Jaime Pita Varela
Conselleiro da Presidencia e Administración Pública