Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Luns, 01 de outubro de 2001 Páx. 12.971

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 10 de setembro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental, do 3 de setembro de 2001, do proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro de residuos sólidos urbanos de Mougá, Ferrol (A Coruña), promovido polo Concello de Ferrol e pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental.

Antecedentes.

A Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, estipula que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización de obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Á vista das características do proxecto, e con data 18 de xuño de 2001, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificou o proxecto como sometido a avaliación de impacto ambiental.

O proxecto ten como obxecto a adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro de residuos sólidos urbanos situado no lugar denominado Poza da Lagoa, no monte comunado de Campaíñas entre as parroquias de San Xurxo e San Xoán de Esmelle, no concello de Ferrol, co fin de recupera-la zona degradada e reduci-los efectos negativos sobre as augas superficiais e subterráneas afectadas pola presencia do vertedoiro.

O vertedoiro sitúase na zona de maior cota do monte estendéndose cara á ladeira oeste e adaptándose á valgada existente. Xunto ó límite leste do vertedoiro localízase a antiga planta de compostaxe da mancomunidade de municipios da ría de Ferrol.

No vertedoiro atópanse principalmente residuos urbanos soterrados e incinerados parcialmente, residuos hospitalarios e industriais sen selección nin segregación. Tamén existen residuos voluminosos de electrodomésticos, mobles vellos e madeiras. O volume destes residuos no momento da redacción do proxecto estímase nuns 552.000 m.

Proxéctase a adecuación da masa de residuos para garantir unhas condicións óptimas de estabilidade e proceder posteriormente a illa-los residuos acumulados, controlar e xestiona-los gases xerados, controla-las augas superficiais como medida de reducción de lixiviados, captar, controlar e xestiona-los lixiviados mediante a construcción dun depósito de lixiviados e dunha unidade de depuración para o seu tratamento, e recupera-la calidade paisaxística da zona ocupada polo vertedoiro.

Na rexeneración proponse realizar unha sementeira de herbáceas e arbustivas, e unha hidrosementeira de noiros coas seguintes especies: Poa pratensis (poa), Dactylis glomerata (dáctilo), Phleum pratense (fleo), Festuca ovina (uceiras), Festuca rubra (festuca encarnada), Lotus corniculatus (trevo de cornos), Trifolium repens e Trifolium subterraneum (trevo). Ademais, plantarasen unidades de Erica arborea (uz), Retama sphaerocarpa e Genista florida (piorno).

No anexo I resúmese a situación actual e a prevista trala execución do proxecto, ademais das medidas preventivas e correctoras contempladas no estudio ambiental presentado.

O estudio ambiental do proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro de residuos sólidos urbanos de Mougá someteuse ó trámite de información pública, polo prazo de 30 días, mediante Resolución do 19 de xuño de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 131, do 6 de xullo. O certificado de exposición pública na Delegación da Consellería de Medio Ambiente na Coruña recíbese con data do 20 de agosto de 2001, non tendo constancia da presentación de alegacións.

Con data 19 de xuño de 2001 consúltase a Dirección Xeral de Saúde Pública e o organismo Augas de Galicia. Non tendo constancia da emisión destes informes no prazo legalmente establecido, e á vista do tempo transcorrido, procede prosegui-la tramitación de conformidade co artigo 83 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Formalizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula para os efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro de residuos sólidos urbanos de Mougá, promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o Concello de Ferrol.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o Concello de Ferrol, a obriga de asumi-lo mantemento e conservación das obras unha vez recibidas será do Concello de Ferrol. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinado o documento do proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro de residuos sólidos urbanos de Mougá (Ferrol). Tomos I e II. Xuño 2001 e tendo en conta o carácter de corrección ambiental das obras, estímase a necesidade de realiza-lo proxecto.

Nembargantes, coa finalidade de optimizar estas medidas e co obxecto de minimiza-las posibles afeccións ambientais negativas, deberanse aplicar ademais das medidas que se propoñen no proxecto, as recollidas na presente declaración de impacto ambiental, todo isto para cumprir co disposto na Lei 10/1997, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

No caso de que exista contradicción entre o establecido na documentación avaliada e a presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Condicionado.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro de Mougá (Ferrol).

2. Sobre o nivel sonoro ambiental.

Aplicarase o disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (Diario Oficial de Galicia do 20 de agosto), así como o estipulado, se é o caso, pola ordenanza municipal ó respecto.

3. Sobre a calidade do aire.

A maquinaria utilizada na obra cumprirá coa normativa de emisións de aplicación, debendo dispor de documentación acreditativa ó respecto.

Durante a adecuación da masa de residuos, consideraranse as condicións metereolóxicas, evitando a remoción de residuos en presencia de vento, alta temperatura ou elevada pluviosidade.

Así mesmo, na escavación de residuos procederase á súa aireación, co obxecto de evitar explosións.

Procederase a queima-lo biogás tal como se recolle no proxecto.

Cos datos obtidos nas analíticas propostas no proxecto, realizarase un estudio de viabilidade económica do aproveitamento do biogás que é enviado ó facho de combustión, e en función do resultado deste estudio, procederase a realiza-lo aproveitamento enerxético deste gas.

4. Sobre as augas.

Para o vertido de efluentes, será preceptiva a autorización administrativa outorgada polo organismo Augas de Galicia.

Efectuaranse regas para evita-la emisión de po de xeito que se humecte o solo, pero evitarase que se formen anegamentos e regatos.

Terase en conta na execución dos movementos de terras e residuos, que non se impida o libre fluxo de auga, evitando a formación de anegamentos ou doutras formas que dificulten a súa circulación.

Os lixiviados recollidos na balsa serán conducidos ata o sistema depurador proxectado.

Garantirase o adecuado tratamento das augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos.

As augas de escorrega superficial conduciranse a través das canles de intercepción proxectadas, incorporándose ó medio sen producir fenómenos erosivos mediante a colocación, se é o caso, de elementos disipadores de enerxía nos puntos de vertedura.

Realizaranse periodicamente labores de mantemento, co fin de asegura-lo correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e de lixiviados.

As reparacións e cambios de aceite da maquinaria móbil realizaranse en talleres autorizados.

Os condensados obtidos no equipo compacto de aspiración-combustión deberán ser xestionados como lixiviados.

5. Sobre o solo.

De maneira previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas, de maneira que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio e restrinxíndose o movemento da maquinaria ás zonas destinadas para o efecto.

Queda expresamente prohibido depositar calquera tipo de residuo fóra da superficie delimitada para o vertedoiro.

Os materiais sobrantes de escavacións, os residuos da obra e calquera outro elemento contaminante, xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexislación vixente. Os residuos almacenados temporalmente á espera da súa entrega a xestor autorizado, deberán poñerse en contedores localizados nun lugar debidamente sinalizado.

Os materiais precisos para a adecuación e selaxe do vertedoiro deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada.

6. Sobre a restauración.

A mestura de sementes que se utilizarán na revexetación deberá estar formada por especies presentes na zona.

Ata asegura-la viabilidade da sementeira e da plantación, procederase á rega regular e á fertilización mineral de reforzo anual, e á resementeira das superficies nas que se aprecie a presencia de calvas e á reposición de marras no caso de que se produzan.

7. Sobre a protección e control de accesos.

Adoptaranse as medidas precisas para evita-la aparición de focos de vertedura, tanto na fase de adecuación e selaxe como na fase posclausura.

O peche perimetral deberá asegura-la súa función en todo momento.

8. Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo, o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódolas incidencias que se produzan, rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro que estará á disposición da administración competente. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración dos informes que se remitirán a esta dirección xeral.

As analíticas que se realizarán serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar así mesmo a toma de mostras.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante esta dirección xeral.

8.1. Informe final de obras.

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo, como mínimo os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Plano en planta a escala 1:1.000 dotado de coordenadas UTM, no que se localicen os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras, así como a localización exacta dos dispositivos de control. Este plano acompañarase de relación de coordenadas UTM que defina o perímetro da parcela.

c) Reportaxe fotográfica da zona, que reflicta o estado final do lugar. Esta reportaxe irá acompañada dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

d) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados durante a obra, que non puideran ser obxecto de depósito no vertedoiro.

e) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso e vertedura. Así mesmo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 9.2 desta declaración.

f)Resultados dos controis propostos antes e durante as obras segundo o indicado no anexo 9. Plan de seguimento e control ambiental do proxecto.

8.2. Informe de seguimento ambiental.

Presentarase con periodicidade semestral, contada desde o final das obras e ata que esta dirección xeral informe da súa finalización. O seu contido será o indicado no anexo 9. Plan de seguimento e control ambiental do proxecto, debendo incluír ademais a seguinte documentación:

a) Resultado do estudio de viabilidade económica do aproveitamento do biogás requirido no punto 3 desta declaración.

b) Documentación acreditativa da entrega dos lodos da depuradora a xestor autorizado.

c) Na analítica do efluente tratado á saída da depuradora teranse en conta os límites de vertedura da correspondente autorización.

d) Reportaxe fotográfica da superficie selada e revexetada, das zonas nas que quedaron implantados os diversos elementos, do peche perimetral e da eficacia do sistema de disuasión de verteduras. Esta reportaxe irá acompañada dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

Se durante o período de control posclausura se producise unha variación significativa na calidade das augas superficiais ou nos lixiviados, ou un incremento importante na producción destes últimos, deberá notificarse inmediatamente a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control posclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la lista dos parámetros que hai que controlar, así como a frecuencia dos controis que se realizarán.

9. Condicións adicionais.

9.1. O Concello de Ferrol poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada a presente declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó concello o acordo adoptado.

9.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento a esta dirección xeral.

9.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada, deberá ser notificado previamente a esta dirección xeral, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

9.4. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental poderá paralizar cautelarmente a obra ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.

9.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

9.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial das condicións impostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

9.7. A presente resolución adoptada por esta dirección xeral, non exime ó promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala, incluídos se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou Normas Subsidiarias.

9.8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

Resumo do proxecto

Localización e descrición do vertedoiro

SituaciónMougá, Concello de Ferrol

Superficie ocupada por residuos93.000 m

Volume de residuos actual552.000 m

Tipos de residuosRSU, algúns incinerados, residuos industriais e hospitalarios, voluminosos (electrodomésticos, mobles vellos...), verteduras incontroladas de entullos de obra, terra, madeiras...

Tipo de vertedoiroTipo terraplén

Uso do vertedoiro30 anos

Situación actual e situación prevista coa realización do proxecto

Situación

actual

Proxecto

LixiviadosFondo impermeabilizadoNon, terreo naturalNon, terreo natural

Drens lixiviadosNonSi

Captación de lixiviadosNonSi

TratamentoNon (vertido directo)Si, sistema depurador

GasesDrensNonSi

Captación Non12 pozos

TratamentoNonSi, facho de queimado

PluviaisFoxos de recollida perimetralNonSi

Punto de verteduraNonTerreos colindantes

CubertaLámina/capa impermeableNonSi

Terra vexetalNon30 cm

VexetaciónNonSi

EstabilidadeEstabilidadeSiSi

AccesosPosibilidade de accesoSiNon

Vixilancia ambientalPlan de vixilancia ambientalNonSi

Compoñentes do sistema de selaxe

Superficie do vertedoiro

Capa de acondicionamento30 cm

Protección da capa de impermeabilización Xeotéxtil antipunzamento de 220 g/m

Capa de impermeabilizaciónLámina mixta xeotéxtil-bentonita-xeotéxtil

Capa de drenaxeXeodrén

Capa de cobertura40 cm de solo seleccionado e 30 cm de terra vexetal

Resumo das medidas preventivas e correctoras.

* Separación de concas mediante a construcción dunha canle perimetral que recolla as augas pluviais que acceden ó vertedoiro.

* A maquinaria empregada durante a fase de selaxe deberá cumprir coa lexislación vixente en materia de gases e ruídos de vehículos de motor. Caso de que non se cumpran os límites legais serán inmediatamente substituídas.

* Existencia dun sistema de captación e destrucción de biogás.

* Construcción dun depósito de lixiviados e dun sistema depurador para o seu tratamento.

* Sistema de confinamento dos residuos que evitará o seu contacto coas augas pluviais.

* A fase de colocación dos residuos levarase a cabo en condicións metereolóxicas adecuadas.

* Control da estabilidade das zonas seladas.

* Realización do plan de seguimiento e control ambiental.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental