Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Mércores, 19 de setembro de 2001 Páx. 12.492

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

XESTIÓN URBANÍSTICA DE OURENSE, S.A.

BASES da convocatoria para a cobertura dun posto de responsable do departamento financeiro.

Bases da convocatoria

-Obxecto.

A contratación dun licenciado en ciencias económicas e empresariais para ocupa-lo posto de responsable do departamento financeiro, por tempo indefinido, cun período de proba segundo o establecido legalmente.

-Presentación de solicitudes.

As solicitudes deberanse presentar en man, no rexistro xeral de Xestur Ourense, S.A., sita na rúa Curros Enríquez nº 1-planta 8ª, de Ourense, no prazo de 15 días hábiles contados desde o seguinte ó da publicación deste anuncio no DOG e antes das 14 horas e tamén se publicarán as bases nun diario de difusión xeral. Non se admite a entrega das solicitudes por correo.

-Requisitos esixidos.

Formación académica:

Licenciado en ciencias económicas e empresariais.

Outros coñecementos:

Cursos de iniciación e perfeccionamento de galego, coñecementos de informática a nivel de usuario e outros que se acrediten.

-Documentación que hai que presentar.

Instancia solicitude segundo modelo das bases que se xunta no anexo nº 1.

Documento nacional de identidade.

Título acreditativo da formación esixida, expedido polo Ministerio de Educación e Ciencia.

Diploma e demais documentos que acrediten os coñecementos e formación non regrada, reflectida na solicitude polo candidato.

A documentación ten que ser orixinal ou copia compulsada.

-Tramitación e probas.

No prazo de cinco días hábiles desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes, porase ó público no taboleiro de anuncios de Xestur Ourense, S.A., a lista provisional de candidatos admitidos e habilitarase un prazo de 3 días hábiles para aqueles candidatos que consideren presentar reclamación.

Unha vez resoltas as posibles reclamacións no prazo máximo de cinco días hábiles, porase a lista definitiva de candidatos no taboleiro de anuncios de Xestur Ourense, S.A. e sinalarase o lugar e a data para realiza-las probas de selección seguintes:

Probas psicotécnicas.

Entrevista persoal.

-Criterios de puntuación.

Para a contratación do candidato elixirase o que obteña mellor puntuación, téndose en conta os criterios seguintes:

Currículo: ata 38 puntos.

Que se desagregan como segue:

Estudios regrados: 20 puntos.

Cursos de especialización: 10 puntos.

Coñecementos de galego: 03 puntos.

Outros coñecementos: 05 puntos.

Probas psicotécnicas: ata 37 puntos.

Que se obteñen da media ponderada dos test que a continuación se detallan:

Test de habilidades cognitivas (BAS), composto pola súa vez por tres subtests, que avalían a) Razoamento lóxico-abstracto, b) Razoamento verbal e c) Razoamento matemático.

Cuestionario ocupacional de personalidade (COP).

Entrevista persoal: ata 25 puntos.

Entrevista conductual estructurada. A entrevista céntrase no que a persoa pode facer e no que fará no posto de traballo.

-Resolución da convocatoria.

As probas de selección faranse a través dunha empresa de selección de persoal, que presentará ó Consello de Administración de Xestur Ourense, S.A. a proposta dos resultados para a súa resolución por este.

Xestur Ourense, S.A. formalizará a contratación no prazo máximo de tres meses contados desde a notificación ó seleccionado.

Ourense, 10 de setembro de 2001.

Juan Carlos Cabanelas Rodríguez

Xerente de Xestur Ourense, S.A.