Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Venres, 14 de setembro de 2001 Páx. 12.320

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 3 de setembro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental do 11 de xullo de 2001, do proxecto de planta de transformación de productos M.E.R. no complexo medioambiental de Sogama, promovido por Sogama, S.A.

Antecedentes

O 31 de xullo de 1997, a Comisión Galega de Medio Ambiente formula a declaración de impacto ambiental (DIA) da planta de reciclado, tratamento e elaboración de C.D.R., planta de coxeración e planta termoeléctrica para o tratamento de residuos sólidos urbanos (complexo medioambiental), no concello de Cerceda (A Coruña), promovido pola Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama, S.A.).

O proxecto obxecto da presente declaración ten como obxecto a realización dunha industria de transformación de material especificado de risco (M.E.R.), que se localizará no concello de Cerceda, nunha parcela situada dentro do antedito complexo medioambiental de Sogama, anexa ó almacén de combustible derivado de residuos e á planta termoeléctrica.

Considerando a necesidade de que as medidas adoptadas para a erradicación e control das encefalopatías esponxiformes transmisibles dos animais das especies bovina, ovina e caprina, non leve consigo unha merma das condicións ambientais esixibles para todo tipo de proxecto, obra ou actividade susceptible de afecta-lo medio ambiente; e considerando a necesidade de garantir que a xestión de residuos se leve a cabo sen poñer en perigo a saúde das persoas e sen prexudica-lo ambiente, como mecanismo de intervención e control necesario, procedeuse a cualifica-lo proxecto como sometido á tramitación establecida no Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia (DOG do 25 de setembro).

O 22 de marzo de 2001 acórdase de oficio a aplicación da tramitación de urxencia ó procedemento de avaliación de impacto ambiental do referido proxecto, reducíndose á metade os prazos establecidos na normativa reguladora.

O estudio de impacto ambiental someteuse ó trámite de información pública mediante Resolución do 23 de marzo de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 71, con data do 10 de abril de 2001. O certificado de información pública emitido pola Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente da Coruña recíbese o 11 de maio de 2001, e o da Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Coruña o 29 de maio de 2001, tendo constancia da presentación das alegacións de carácter ambiental que se recollen no anexo III desta declaración.

O 21 de marzo de 2001 consúltanse as direccións xerais de Producción Agropecuaria, Patrimonio Cultural e Saúde Pública e o 10 de abril de 2001 o Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental (CITA).

O 3 de maio de 2001 recíbese o informe da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, o 10 de maio de 2001 o do CITA e o 11 de maio o da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Non tendo constancia da emisión do informe da Dirección Xeral de Saúde no prazo legalmente establecido, e á vista do tempo transcorrido, procede prosegui-la tramitación de conformidade co artigo 83 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Solicitada documentación de emenda ó promotor, o 7 de xuño de 2001 preséntase correctamente.

As alegacións de carácter ambiental respecto das molestias (por olores e ruído), da autorización de vertido, tivéronse en conta, no que procede, nos puntos B.1, B.2, B.3, C.1, C.2.4, C.3 e C.7 do condicionado desta declaración. Respecto da localización da planta de transformación, no punto A.2 da presente declaración inclúense as coordenadas UTM que definen o perímetro da parcela onde se vai situa-la planta.

Formalizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula, para os sós efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental do proxecto de planta de transformación de productos M.E.R. no complexo medioambiental de Sogama, no concello de Cerceda (A Coruña).

O órgano substantivo para este proxecto é a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e o órgano ambiental a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

O anexo I comprende o resumo do proxecto e das medidas protectoras e correctoras consideradas no estudio ambiental.

O anexo II inclúe o resumo dos informes dos organismos consultados, que foron tidos no que procede no condicionado da presente DIA.

O anexo III inclúe o resumo das alegacións de carácter ambiental presentadas.

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada polo promotor:

-«Proyecto básico de planta de transformación de productos M.E.R. no complexo medioambiental de Sogama. As Encrobas. Cerceda (A Coruña). Febreiro 2001»,

-«Estudio de impacto ambiental da planta de transformación de productos M.E.R. no complexo medioambiental de Sogama. As Encrobas. Cerceda (A Coruña). Febreiro 2001»,

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente declaración de impacto ambiental as seguintes condicións, ademais das incluídas na documentación presentada, de xeito que se asegure a minorización dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última. En calquera caso, a prelación da documentación é a seguinte: declaración de impacto ambiental, estudio de impacto ambiental e proxecto básico, por esta orde.

A. Ámbito da declaración.

1. A presente declaración de impacto ambiental refírese á execución e explotación da planta de transformación de productos M.E.R. que se situará no complexo medioambiental de Sogama, na parroquia das Encrobas, pertencente ó concello de Cerceda.

2. A planta estará situada nunha parcela duns 7.000 m, entre a planta termoeléctrica e o almacén de combustible derivado de residuos, tal e como recolle o plano titulado Situación de maio de 2001,

dentro do perímetro delimitado polas seguintes coordenadas UTM:

Coordenadas UTMXY

1545.6614.780.416

2545.7344.780.374

3545.6954.780.304

4545.6214.780.346

3. A superficie ocupada pola nave será de 2.000 m, e no seu interior instalarase toda a maquinaria de proceso. Proxéctase ademais a execución de dúas edificacións anexas á nave principal, unha para sala de caldeiras e outra para sala de compresores, ademais de dispor na parcela dunha zona de limpeza e desinfección e da depuradora de augas residuais de proceso.

4. Na planta levaranse a cabo as seguintes operacións:

-Recepción.

-Tratamento: trituración (ata obter un tamaño de partículas menor ou igual a 50 mm) e dixestión térmica (T>133º C durante un tempo mínimo continuado de 20 minutos e a 3 bar de presión absoluta).

-Separación e almacenamento de aceites-graxas e producto fariñoso.

-Valorización enerxética das graxas para producción de vapor nas caldeiras.

B. Fase de obras.

1. Durante a fase de obras, haberá que aterse ó disposto na DIA do complexo medioambiental de Sogama no referente a entulleiras, residuos de obra, instalacións de maquinaria, ruídos e augas de escorrega.

2. No referente ós niveis de ruído, terase en conta ademais do indicado no punto anterior, a normativa vixente.

3. Tal e como recolle o EsIA, o sistema de recollida de augas fecais procedentes dos servicios da caseta de obras, conectarase coa rede de augas residuais e a depuradora do complexo medioambiental.

C. Fase de explotación.

1. Sobre o nivel sonoro ambiental.

1.1. Tendo en conta a existencia do complexo medioambiental, garantirase que coa actividade da planta obxecto da presente declaración, non se superen no complexo os límites dispostos no artigo 8 do anexo á Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como o indicado, se é o caso, nas ordenanzas municipais.

1.2. As medicións de ruídos realizaranse conforme o disposto no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica (DOG nº 100, do 27 de maio), debendo ser efectuadas por entidade homologada.

2. Sobre a calidade do aire.

2.1. Respecto á posible xeración de olores, garantirase que estes non sexan percibidos de forma habitual polos habitantes da zona. Para iso disporase o sistema de depuración proposto (extracción, tratamento por vía húmida e termodestructor).

2.2. Para a incineración dos aceites-graxas haberá que aterse ó disposto na normativa vixente.

2.3. As chemineas polas que se realicen emisións á atmosfera, estarán provistas dos orificios necesarios para poder realiza-la toma de mostras, estes orificios estarán dispostos de xeito que se eviten turbulencias e outras anomalías que poidan afecta-la representatividade das medicións.

2.4. Na planta de tratamento existirá un libro rexistro no que se farán consta-los resultados das medicións e análise de contaminantes, así como calquera tipo de incidencia. Este libro rexistro estará a disposición da administración competente na materia.

3. Sobre as augas.

3.1. As augas pluviais conduciranse ata a canalización de augas pluviais do complexo, incorporándoas ó medio sen producir fenómenos erosivos, mediante a colocación, se é o caso, de elementos disipadores de enerxía nos puntos de vertido.

3.2. Tal e como se recolle no EsIA, os condensados, as augas de limpeza da planta, as augas de lavado e desinfección de camións e contedores, as purgas dos lavadores de gases e as augas fecais serán tratadas na depuradora que e vaia construír na planta de transformación de M.E.R., e unha vez tratadas, serán vertidas á rede xeral do complexo medioambiental, garantindo que tralo tratamento na depuradora do complexo se cumpran os límites de vertido da correspondente autorización de Augas de Galicia.

3.3. As augas de lavado e desinfección de camións e contedores non poderá ser recirculadas en tanto non se demostre que o tratamento proposto (decantador, separación de graxas, filtro de area) é suficiente para garantir que a calidade obtida é axeitada para a súa reutilización.

3.4. No tratamento que se vaia aplicar ás aguas residuais deberá garantirse a eliminación dos axentes patóxenos.

4. Sobre o proceso de desactivación do prión.

4.1. De acordo co informe do órgano substantivo, nas instalacións deberá:

a) Realizarase un rexistro continuo e gráfico de todo o proceso de tratamento, onde se recollan os datos relativos á presión, tempo e temperatura de tratamento. O aparato que recolla toda esta información non será susceptible de manipulación, e será calibrado e contrastado coa periodicidade que tecnicamente se estableza.

b) Existir un libro rexistro, onde se anotarán absolutamente tódalas anomalías ou incidencias que se presenten, ben sexan por unha parada imprevista,

un corte no fluído eléctrico, caídas de presión, avaría en calquera aparello, etcétera, que dean lugar a que un ciclo non poida ser completado, así como as reparacións e revisións que se realicen e o calibrado da trituradora para garanti-lo tamaño máximo de partícula.

4.2. Ademais, terase en conta que a presión absoluta de 3 bar que hai que manter durante 20 minutos acadarase na zona onde se atopa o producto, e non na camisa do dixestor.

5. Sobre os residuos.

5.1. Para a xestión das fariñas xeradas na planta de transformación de M.E.R., haberá que aterse ó disposto na Orde do 26 de decembro de 2000 pola que se regula o réxime de autorización como xestor de residuos das actividades transformadoras de desperdicios de orixe animal e animais mortos (DOG nº 3, do 4 de xaneiro de 2001).

5.2. Todo residuo perigoso procedente de calquera das etapas de transformación dos productos M.E.R. e, se é o caso, os derivados dos procesos de depuración de gases e augas, serán entregados ós correspondentes xestores legalmente autorizados, para garanti-la súa correcta xestión cumprindo os requisitos da normativa vixente.

6. Sobre o patrimonio cultural.

Se no transcurso dos traballos de acondicionamento e explanación da parcela na que se situará a planta aparecesen restos de carácter arqueolóxico, estes deberán poñerse en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no Servicios de Arqueoloxía/Arquitectura, Instituto de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

7. Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é garantir ó longo do tempo, o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudio ambiental e no condicionado da presente declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor.

Tódolos controis realizados no seguimento e tódalas incidencias producidas durante o funcionamento, rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro que estará á disposición da administración competente na materia. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración dos informes a remitir a esta dirección xeral.

Tódalas analíticas que se vaian realizar serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análises.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse por triplicado perante esta dirección xeral, a través do órgano substantivo:

7.1. O promotor deberá presentar nun prazo mínimo de 48 horas antes do inicio das obras de construcción:

a) O plan de obras indicando a data exacta para o seu inicio.

b) Datos do responsable do seguimento en cumprimento do indicado no punto D.4 da presente DIA.

7.2. Durante a execución das obras presentarase, xunto co correspondente informe de seguimento mensual do «Programa de vigilancia ambiental plantas R.S.U. Meirama. Fase de construcción.», a seguinte documentación:

a) Plan de obras actualizado da planta de transformación de M.E.R.

b) Informe sobre o avance da obra, no que se inclúa:

-Reportaxe fotográfica onde se reflicta o desenvolvemento dos traballos.

-Plano en coordenadas UTM a escala 1:500 ou maior detalle, onde aparezan os elementos construídos, a localización do parque de maquinaria e dos puntos de toma de fotografías.

-Memoria na que se recollan as actividades realizadas co fin de aplica-las medidas protectoras e correctoras consideradas na presente DIA e o resultado dos controis propostos no programa de vixilancia ambiental proposto no punto 5.2 do estudio de impacto ambiental (EsIA). Nesta memoria incluiranse datos sobre: calidade de aire, amoreamentos de terras, xestión de residuos e de sobrantes de terras, operacións de mantemento de equipos de obra, estado das redes (conduccións, foxos, arquetas, etcétera) e xestión de vertidos líquidos (augas fecais e pluviais).

-Incidencias acontecidas durante a realización das obras.

7.3. Informe final de obras; presentarase antes dun (1) mes dende o remate dos traballos, comprendendo, ó menos:

a) Reportaxe fotográfica das zonas nas que se implantaron os distintos elementos e plano en coordenadas UTM a escala 1:500 ou maior detalle, onde aparezan tódolos elementos construídos e a localización dos puntos de toma de fotografías.

b) Memoria resumo na que se recollan as actividades realizadas co fin de aplica-las medidas protectoras e correctoras consideradas na presente DIA e o resultado dos controis propostos no programa de vixilancia ambiental proposto no punto 5.2 do

estudio de impacto ambiental (EsIA). Acompañando esta memoria indicaranse as incidencias acontecidas durante a realización das obras.

7.4. Previamente ó inicio da actividade; presentarase a seguinte documentación na forma e cos contidos referidos a continuación:

a) Definición das vías de xestión para cada un dos residuos que se van producir como consecuencia do funcionamento da planta (incluíndo os resultantes de todo o proceso e os procedentes dos sistemas de depuración de augas e gases); diferenciando os perigosos dos non perigosos, e indicando o xestor final de cada un deles.

b) Proposta de programa de control de olores da instalación. Este programa deberá considerar:

-Modo de obtención dos seguintes datos, mediante tecnoloxía adecuada que permita o rexistro automático de: temperatura (ºC), humidade (%), dirección e velocidade do vento.

-Modo de obtención e rexistro dos seguintes datos: distancia á que se detectan olores (m), condicións nas que se realiza a actividade e calquera outro dato que resulte de interese.

-Rexistra-las queixas que se poidan producir.

-Defini-las actuacións a realizar no caso de detectar un incumprimento do indicado no punto C.2.1 da presente DIA, ou de recibir unha queixa ó respecto.

c) Xustificación da suficiencia do tratamento de aguas de limpeza segundo o indicado no punto C.3.3 e C.3.4, incluiranse neste epígrafe os valores límites dos parámetros de caracterización destas augas por debaixo dos que poderán ser recirculadas.

d) Datos sobre a altura e diámetro do/s foco/s emisor/es, así como unha memoria xustificativa dos cálculos de altura da/s cheminea/s, segundo o indicado no artigo 10 da O.M. do 18 de outubro de 1976, sobre prevención e corrección da contaminación atmosférica de orixe industrial. Acompañando esta documentación indicaranse os caudais máximo e medio, en Nm/h, das emisións gaseosas previstas, e concentración de cada tipo de contaminante antes do seu paso polas instalacións depuradoras e á súa saída.

e) Caracterización da composición dos aceites-graxas e previsión xustificada das emisións derivadas da súa combustión. En caso de que sexa necesario someter estes aceites-graxas a algún tratamento previamente á súa combustión, deberá achegarse información sobre este, incorporando o balance de materia (producto inicial, reactivos, producto final, subproductos e residuos) e unha avaliación ambiental deste proceso, indicando, se é o caso, as medidas correctoras e protectoras que se van adoptar e os labores de vixilancia que se van incluír no programa de vixilancia ambiental da planta.

f) Proposta de plan de vixilancia das emisións á atmosfera, desenvolvido tendo en conta o indicado no punto anterior e no punto C.2 da presente DIA. Nesta proposta deberán incluirse:

-Controis da fase de arranque e posta en marcha, controis continuos e controis periódicos.

-Descrición das características dos equipos de medida que se van empregar para cada parámetro, indicando o nivel mínimo de detección, precisión, método de medida e frecuencia coa que se rexistrarán as medicións.

-Definición das medidas que se van tomar no caso de que os controis reflictan que se superan os límites legais vixentes ou un incremento importante nos niveis medidos (o valor umbral que defina este incremento deberá indicarse nesta proposta de plan de vixilancia).

Será necesaria a aprobación da documentación solicitada neste punto C.7.4, por parte desta dirección xeral. Unha vez feita esta avaliación, remitiráselle ó promotor o resultado, non podendo proceder ó inicio da actividade ata contar co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

7.5. Informe de seguimento de carácter ambiental; o contido deste informe integrarase no informe resultante do plan de vixilancia ambiental do complexo medioambiental de Sogama, presentándose con periodicidade trimestral. O seu contido será como mínimo o seguinte:

a) Datos de control do proceso, tendo en conta o indicado no punto C.4 da DIA.

b) Memoria na que se recollan as actividades realizadas co fin de aplica-las medidas protectoras e correctoras consideradas na presente DIA e o resultado dos controis propostos no programa de vixilancia ambiental proposto no punto 5.2 do estudio de impacto ambiental (EsIA). Nesta memoria incluiranse datos sobre: control de niveis de emisión da planta de transformación de M.E.R. segundo a proposta que se vai presentar en cumprimento do punto C.7.4.b, C.7.4.e e C.7.4.f, ruídos, xestión de residuos, operacións de mantemento de equipos, estados das redes (conduccións, foxos, arquetas, etcétera) e xestión de vertidos líquidos (augas fecais, pluviais e de proceso tratadas na depuradora da planta de transformación de M.E.R.). Acompañando esta memoria, indicaranse as incidencias acontecidas durante a explotación da planta, que deberán estar reflectidas no libro rexistro.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade explotadora, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-los parámetros a controlar, así como a frecuencia dos controis que hai que realizar.

Se durante o período de explotación se producise unha variación significativa nos valores dos parámetros de control de ruído e/ou emisións, así como

calquera outra incidencia relevante de carácter ambiental, deberá notificarse inmediatamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

7.6. Informe ambiental previo ó abandono; presentarase nun prazo máximo de seis (6) meses previos á finalización da explotación da planta de transformación de M.E.R., e conterá as accións previstas para o efecto.

7.7. Informe posterior ó abandono; nun prazo máximo de dous (2) meses contados a partir da fin das accións de carácter ambiental proxectadas para o desmantelamento ou clausura de calquera dos elementos da instalación, enviarase informe que conteña: a descrición detallada das accións de carácter ambiental, especialmente no relativo a toda clase de residuos; documentación gráfica e reportaxe fotográfica na que se reflicta a situación final; e accións levadas a cabo para a recuperación dos terreos afectados.

D. Condicións adicionais.

1. Para efectos de seguimento da presente DIA o órgano substantivo comunicaralle ó órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

2. O promotor comunicaralle á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, a data de comezo da actividade.

3. As condicións indicadas nesta DIA son de obrigado cumprimento para o promotor. Nembargantes, este poderá solicitar ó órgano ambiental, a través do órgano substantivo, a revisión das medidas indicadas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no funcionamento, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican.

Nesta circunstancia, o promotor solicitarao, nun prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente DIA polo órgano substantivo, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionada, o órgano ambiental avaliaraa, comunicándolle o acordo adoptado ó promotor, que non poderá comeza-la actividade antes de contar coa resolución desta dirección xeral para o efecto.

4. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable deste, notificándolle o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.

5. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada, deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e deci

dirá sobre a súa aceptación, comunicando así mesmo, se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

6. Se unha vez emitida esta DIA se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que están sexan corrixidas.

7. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación da planta, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

8. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial das condicións impostas nesta DIA poderán ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

9. En materia urbanística, o proxecto terá que aterse ó abeiro do disposto na Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

10. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala.

11. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O obxecto do proxecto é a realización dunha industria de transformación de material especificado de risco (M.E.R.). Esta planta localizarase no concello de Cerceda, nunha parcela situada dentro do complexo de Sogama, anexa ó almacén de combustible derivado de residuos e á planta termoeléctrica. A capacidade da planta é de 20.000 t de producto cru/ano, e funcionará 24 horas/día. Nesta planta levaranse a cabo as seguintes operacións:

-Recepción.

-Tratamento: trituración (ata obter un tamaño de partículas menor ou igual a 50 mm) e dixestión térmica (T>133º C durante un tempo mínimo continuado de 20 minutos e a 3 bar de presión absoluta).

-Separación de graxas e producto fariñoso.

-Almacenamento de graxas e productos fariñosos.

-Valorización enerxética das graxas para producción de vapor nas caldeiras.

-Equipos auxiliares: caldeiras xeradoras de vapor, frigoríficos, material para a recepción e manipulación de contedores, sistema de desodorización e depuradora de augas residuais.

Resumo das medidas protectoras e correctoras

Fase de construcción:

Adecuación da velocidade dos vehículos de obra. Os vehículos e maquinaria de obra adecuarán a súa velocidade de forma que as emisións sonoras producidas sexan reducidas naquelas situacións nas que a actuación simultánea de varios elementos poida producir emisións excesivas. É necesario informar e conciencia-lo persoal da necesidade de ser respectuosos coas persoas e coa posible fauna da zona.

Xestión dos residuos xerados. É necesario coida-lo aspecto xeral das obras en canto á presencia de residuos, terras sobrantes, entullos, lixo, desperdicios e calquera outro tipo de residuo xerado e preve-lo seu almacenamento e xestión axeitados. As áreas onde se desenvolvan traballos de obra deberán estar dotadas de bidóns e outros elementos de recollida de residuos sólidos e líquidos (aceites, graxas, pezas substituídas, etcétera), así como os lixos xerados polo persoal legalmente autorizado. Trala súa recollida, os residuos serán tratados en función da súa natureza, entregándose a un xestor ou depositándose en vertedoiro legalmente autorizado. O parque de maquinaria, almacén de residuos, lavados e postas a punto da maquinaria débese realizar nos lugares seleccionados e que estes se atopen perfectamente sinalizados e en coñecemento de todo o persoal da obra.

Depuración das augas fecais. As augas fecais procedentes dos servicios da caseta de obra conectaranse coa rede de augas residuais e a depuradora existentes.

Utilización de foxos e pozos de decantación para escorregas. Utilizarase a rede de pluviais existente para a recollida da escorrega na zona das obras ou, no seu defecto, disporanse foxos e pozos de decantación que pemitan recolle-los sólidos en suspensión arrastrados polas augas de chuvia, evitando así que cheguen ós cursos.

Fase de explotación:

Illamentos acústicos na edificación e medidas correctoras nos equipos xeradores de ruído e vibracións. As características constructivas dos materiais que se van empregar para as cubertas e cerramentos da nave e edificacións anexas garantirán o nivel de illamento de ruído aéreo e de ruído de impacto esixido pola Norma Básica de Edificación NBE-CA-88. En canto ás máquinas e equipos da planta identificados como focos xeradores de ruído e vibracións, tomaranse as seguintes medidas:

-Os seus órganos móbiles manteranse en perfecto estado de conservación, principalmente no que se refire á actividade dos seus rodamentos, que estarán ben lubricados.

-Evitarase colocar estas máquinas sobre paredes, teitos, forxados e elementos estructurais do edificio.

-Situaranse de forma que as partes máis saíntes, ó final da carreira de desprazamento queden a unha distancia mínima de 0,7 m dos muros perimetrais. Non existen muros medianeiros.

-Asentaranse en bancadas independentes, sobre o solo e illadas da estructura da edificación e do solo por medio de estructuras de anclaxe que actúan como absorbentes das vibracións.

-No caso de equipos que sexan identificados como focos xeradores de ruído e estean situados no exterior, dotarase a estes dos elementos do amortecemento necesario.

Sistema de depuración de gases e corrección da contaminación atmosférica. Os gases causantes de malos olores xerados polo proceso serán sometidos a un proceso de desodorización. Para iso serán estraídos mediante campás extractoras nos puntos nos que se produzan: bocas de carga a dixestores, descarga a percoladores, prensas continuas, trituradores de reses, moega de crus dobre, depósitos de axitación de graxas e decantador de graxas. Tamén a extracción xeral de renovación da nave se conducirá ó proceso de desodorización. Estes gases serán depurados por vía húmida por medio de dúas torres de lavado de contacto turbulento.

Nun primeiro lavador vertical a corrente gasosa é enfriada con auga, quedando retidos os posibles finos, po e partículas en suspensión. Esta corrente gasosa pasa a un segundo lavador horizontal de tres etapas e é lavada con auga, hipoclorito sódico e sosa, producíndose a oxidación, neutralización e decantación dos compostos xeradores de malos olores e partículas en suspensión. Ademais instalarase un queimador en vea no conducto final de saída dos gases para a termodestrucción. Non existirá ventilación natural ó exterior nin sequera na entrada da materia prima ó proceso, para o que se dotará á planta dunha antecámara ou corta ventos que englobe ó camión completo co correspondente xogo automático de portas. A cheminea da sala de caldeiras será dimensionada segundo o diposto na Orde do 18 de outubro de 1976, sobre prevención e corrección da contaminación atmosférica industrial e contará cos orificios para toma de mostras na forma prevista na dita orde.

Depuración e reciclaxe de augas residuais. Os cinco tipos de efluentes xerados serán tratados nunha depuradora de augas residuais por etapas: tratamento físico-químico de clarificación, stripping e neutralización, tratamento biolóxico convencional e tratamento de fangos. Primeiramente as augas residuais serán desbastadas nun tamiz rotativo autolimpante e vertidas por gravidade a un depósito de homoxenización con axitación para minimiza-las variacións de caudal e cargas contaminantes. Logo aplícase un tratamento de sediflotación DAF por aire disolto con dosificación de reactivos. Os aceites, graxas e espumas flotan e ascenden á superficie sendo reti

rados mediante rasquetas; a auga clarificada é recollida mediante un vertedeiro somerxido na parte lateral do flotador; e as partículas máis pesadas son arrastradas ó fondo e depositadas nun cono central. A continuación elévase o pH ata 9-10, por adición de NaOH e a temperatura a 35º C, por medio dunha caldeiriña, co fin de adecua-la auga residual ás condicións do proceso de stripping para elimina-lo nitróxeno amoniacal. Introdúcese a auga residual pola parte superior dunha columna de stripping, saíndo o NH pola parte superior en forma de gas. O gas é conducido a unha torre de lavado na que é capturado con HSO, e recollido como (NH)SO. A auga libre de nitróxeno amoniacal neutralízase por adición de ácido. O tratamento biolóxico elimina a carga orgánica, estabilizándoa por contacto con fangos activados nun proceso de oxidación total en balsa de aireación e clarificación nun decantador estático, con recirculación do fango decantado e purga do xerado en exceso. O efluente final así

depurado será conducido á EDAR do complexo medioambiental de Sogama.

Os fangos xerados no flotador e os producidos en exceso polo tratamento biolóxico, son comprimidos por gravidade nun espesador cilíndrico-cónico con axitación, rebordando un sobrenadante que é conducido á cabeza de proceso. Posteriormente os fangos espesados serán deshidratados por evaporación e filtración en eiras de secado; ou ben mecanicamente, por aplicación de presión entre dúas bandas filtrantes (filtro prensa). A auga é extraída e retornada á cabeza de tratamento e os fangos deshidratados evacuados a contedor mediante un sinfín transportador.

As augas de limpeza e desinfección da ponte de lavado de camións e contedores serán sometidas a un sistema de reciclaxe. Para iso serán recollidas mediante foxos e conducidas a un decantador de lodos. Os fangos deposítanse no fondo e o sobrenadante pasa a través dunha arqueta separadora de graxas onde as graxas e espumas se separan por flotación e a auga residual é impulsada ata un filtro de area para elimina-las partículas de sucidade aínda presentes. O filtro de area vai equipado cun sistema de enxaugue en contracorrente para a súa limpeza. Finalmente, a auga reciclada é almacenada nun depósito pulmón e será reutilizada para os procesos de lavado. A auga que non poida ser reciclada será conducida á depuradora descrita anteriormente.

Xestión dos residuos. Tanto os residuos urbanos derivados das actividades das oficinas, como os inertes industriais xerados pola planta e operacións auxiliares (depuración de augas residuais, operacións de mantemento, ...) serán depositados en contedores apropiados segundo o sistema de recollida e tratamento final implantado por Sogama. Igualmente os residuos xerados na planta serán recollidos en

depósitos ou recipientes estancos apropiados e almacenados adecuadamente un máximo de seis meses, ata a súa entrega a xestor legalmente autorizado. En caso de que sexan entregados a xestores autorizados, manterase rexistrada a documentación necesaria para iso (solicitude de admisión de residuo, notificación previa de traslado, documento de seguimento e control).

Reducción do impacto visual. As novas construccións non superarán as alturas das existentes, así como as formas e acabados finais, que serán similares.

ANEXO II

Resultado das consultas realizadas

A Dirección Xeral de Producción Agropecuaria emite «Informe observacións sobre estudio de impacto ambiental do proxecto da planta de transformación de productos M.E.R. no complexo medioambiental de Sogama», no que se recolle:

Revisado o proxecto referenciado, considérase correcto, toda vez que é a través do tratamento proposto con presión, tempo, temperatura e tamaño de partícula, como se garante a inactivación do prión como paso previo ó almacenamento ou incineración dos roxóns, fariña de carne e óso e graxas obtidas na planta que se vai construír.

Non obstante, se ben ó longo de todo o proxecto se vai clarificando todo o procedemento de tratamento, non é menos certo que este debe estar clarificado desde o principio.

A sistemática que se vai seguir é a de indicar en cada epígrafe aquelas cuestións que deben ser matizadas.

Na páxina 5 en exame de alternativas, indícanse os condicionantes mínimos que se van cumprir nos tratamentos, que son os establecidos no anexo I do R.D. 1911/2000, pero, se ben do contido posterior do proxecto se deduce que o sistema que se ten previsto utilizar é o descontinuo, en ningún momento se indica, polo que debería indicarse encadrándoo nos previstos no R.D. 2224/1993.

Na páxina 7 indícase no parágrafo 7 que se obtén un producto máis manexable (fariña). É preciso indicar que os productos da transformación de subproductos, decomisos e cadáveres (sexan ou non M.E.R.) son basicamente os seguintes:

* Roxón, precursor de fariña de carne e óso previo prensado para a extracción da graxa e molturación.

* Graxas ou aceites.

* Vapor de auga e condensados, causantes en grande medida dos olores que se xerarán nestas plantas.

Para evitar incorreccións, debe empregarse o termo de fariña de carne e óso soamente cando se está

ante este producto, e non referido ó seu precursor. Este termo é utilizado tamén nos guións 2 e 3 da páxina 8.

A redacción do parágrafo 7 da páxina 7 debería quedar da seguinte forma:

«Parece pois, aconsellable, a transformación dos subproductos, comisos e cadáveres (sexan ou non M.E.R.) en productos máis manellables (roxóns, fariñas de carne e óso e trazas), con menor contido en auga e, polo tanto, con mellores posibilidades de combustión».

Na páxina 9 o parágrafo terceiro, debería te-la seguinte redacción:

«Así mesmo, na parcela referida dispodra dunha zona de limpeza e desinfección de vehículos e contedores, e instalarase a depuradora das augas residuais do proceso».

É preciso matizar no último parágrafo, onde se deduce que o sistema de tratamento é descontinuo, que a presión absoluta de 3 bar é na zona interior onde se atopa o producto, e non na camisa do dixestor.

Na páxina 10 no parágrafo primeiro «Separación de graxas», indícase que se obtén un producto fariñoso, cando debería indicarse que se obtén un producto sólido sobrenadante en graxa que se descarga nun tanque percolador onde se fai unha primeira separación, obtendo graxa e roxón (non utiliza-lo termo fariña, pois aínda non o é).

O parágrafo 6 debería ser redactado da seguinte forma:

«Prevese a valorización enerxética destes productos así obtidos (roxón, fariña de carne e óso e graxas-aceites), nas instalacións ...».

No parágrafo 7 indícase o tratamento final previsto para as graxas-aceites descríbese no seguinte punto, sendo este a utilización como combustible nas caldeiras de producción de vapor. Debe considerarse tamén a posibilidade de ser utilizado noutro tipo de caldeiras ou motores para outras produccións, como pode se-la enerxía eléctrica.

No punto 7.5. puntos de control:

Neste epígrafe, dos máis importantes en todo o proceso, xa que é no que debe quedar constancia do correcto tratamento dos subproductos, comisos e cadáveres (sexan ou non M.E.R.) para a inactivación do prión ou de calquera patóxeno que poida atoparse contaminando as materias primas, debe recollerse ademais do xa considerado, o seguinte:

* Rexistro continuo e gráfico de todo o proceso de tratamento, onde se recollan os datos relativos á presión, tempo e temperatura de tratamento. O aparello que recolla toda esta información non será susceptible de manipulación, e será calibrado e contrastado coa periodicidade que tecnicamente se estableza.

* Así mesmo, existirá un libro rexistro, onde se anotarán absolutamente tódalas anomalías ou incidencias que se presenten, ben sexan estas por unha parada imprevista, un corte no fluído eléctrico, caídas de presión, avaría en calquera aparello, etcétera, que dean lugar a que un ciclo no poida ser completado, así como as reparacións e revisións que se realicen e o calibrado da trituradora para garanti-lo tamaño máximo de partícula.

Na páxina 14, no parágrafo 4 indicouse que se deseñou un sistema de depuración dos gases producidos, por vía húmida. Se ben posteriormente se indica que se colocará un termodestructor que reduce considerablemente o problema de olores, sería necesario, indicalo xa neste punto, para que quede claro que non soamente se vai a realiza-lo tratamento por vía húmida mediante lavado, senón que serán tratados tamén mediante un termodestructor que practicamente elimina a totalidade dos olores producidos.

Na páxina 141 fase de explotación 10.2.2.

Deben de incorporarse os controis correspondentes á correcta inertización do prión que se consideran na páxina 3 do anexo de síntese como son: aplicación correcta da temperatura mínima prevista de tratamento; o tamaño de partícula máximo previsto, a presión e tempo mínimos de traballo, todos eles imprescindibles para elimina-lo impacto ambiental que provocaría a non inactivación do prión.

O Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental remite informe no que expón as seguintes observacións:

O estudio baséase na construcción dunha planta para a transformación de productos M.E.R. (despoxos e cadáveres enteiros) en fariñas, que terán un menor contido en auga e, polo tanto, mellores posibilidades de combustión.

Esta transformación realizarase aplicando o anexo I do R.D. 1911/2000, do 24 de novembro, polo que se regula a destrucción dos materiais especificados de risco en relación coas encefalopatías esponxiformes transmisibles.

A valorización enerxética das fariñas realizarase en Sogama mediante instalacións de coincineración, que utilizarán o combustible derivado dos residuos como combustible habitual para producir enerxía eléctrica.

A nova planta de transformación de productos M.E.R. preténdese situar dentro do complexo medioambiental de Sogama, en Cerceda. Na mesma parcela crearase unha sala de caldeiras, unha sala de compresores, unha zona de desinfección de contedores e instalarase unha depuradora para as augas residuais de proceso.

As operacións básicas do proceso son: recepción, tratamento, separación de graxas, producto final e as operacións auxiliares.

O producto final consiste en: fariña (30% do producto cru) e graxas (15% do producto cru). Así mesmo, extraerase un 55% de auga do total de producto cru. Esta auga condénsase, tratándose os condensados como auga residual.

Prevese a valorización enerxética da fariña obtida.

É necesaria a existencia de caldeiras xeradoras de vapor para satisface-la demanda punta de 8.000 kg/h en total. Isto cubrirase cunha caldeira que queimará os aceites-graxas proveintes do proceso, que se valorizarán, así, enerxeticamente; outra caldeira queimará gas natural, que servirá de apoio á anterior.

Existen equipos para a eliminación de olores: campás extractoras de gases en diversos puntos de proceso e torres de lavado e oxidación e neutralización por vía química. Outros equipos son os dedicados á depuración dos condensados, así como as augas de limpeza e desinfección.

En canto á capacidade de tratamento indícase que se poden procesar ó día 100 t de producto cru. Polo tanto, funcionando en réxime continuo de 24 horas e cunha disponibilidade do 85%, garante unha producción anual superior ás 30.000 t.

Observacións.

Segundo o Real decreto 1911/2000, do 24 de novembro, polo que se regula a destrucción dos materiais especificados de risco en relación coas encefalopatías esponxiformes transmisibles, a destrucción dos M.E.R. deberá realizarse «...mediante inhumación nun vertedeiro autorizado despois do procesamento do material...» ou ben empregando «...instalacións de incineración que cumpran os requisitos previstos na normativa vixente sobre residuos perigosos».

Atmosfera.

No epígrafe 7.7.1. do EIA considérase á actividade incluída no grupo C do catálogo de actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera, sen xustifica-lo porqué da dita inclusión.

Indícase que a combustión dos aceites-graxas non debe provocar nos gases resultantes directamente dos seus compostos emisións distintas das procedentes do gasóleo ou unha concentración de emisións maiores que as resultantes da combustión de gasóleo. Non se inclúen datos sobre a composición dos aceites-graxas que permitan afirma-lo anterior. Ademais, para a incineración dos aceites-graxas seríalle de aplicación o R.D. 1217/1997, do 18 de xullo, sobre a incineración de residuos perigosos.

Vertidos líquidos.

Dentro dos vertidos líquidos fálase das augas procedentes da limpeza tanto da planta como dos camións e contedores que transportan M.E.R., dos que un 15% non poderá ser reciclado. É necesario realizar analíticas das ditas augas que nos permitan asegurar que xa non teñen consideración de residuos

perigosos. Isto tamén será aplicable ós lodos procedentes da EDAR.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, emite informe no que se recolle:

* É necesario destaca-la existencia de informes baseados en traballos de campo relativos ó impacto da explotación sobre o patrimonio arqueolóxico, informados favorablemente por esta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural con data 23 de xullo de 1997, con motivo do estudio de impacto ambiental da planta de reciclado, tratamento e elaboración de C.D.R., planta de coxeneración e planta termoeléctrica para tratamento de residuos sólidos urbanos (Cerceda, A Coruña).

* A zona onde se localiza a planta de transformación de productos M.E.R. no complexo medioambiental de Sogama inclúese na área da planta de reciclado, tratamento e elaboración de C.D.R., planta de coxeración e planta termoeléctrica para tratamento de residuos sólidos urbanos.

* A zona que abrangue o proxecto, queda fóra do ámbito de afección dos xacigosos arqueolóxicos PU970605T01 e PU970605T02, atopados no complexo medioambiental de Sogama (Cerceda, A Coruña).

Por todo iso, dende o punto de vista do Patrimonio Cultural, consideran informar favorablemente a realización do E.I.A. da planta transformación de productos M.E.R. no complexo medioambiental de Sogama (Cerceda, A Coruña).

Se no transcurso dos traballos de acondicionamento e explanación da planta apareceran restos de carácter arqueolóxico, estes deberán poñerse en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural á seguinte dirección:

Servicios de Arqueoloxía/Arquitectura.

Instituto de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Sto. Domingo de Bonaval, s/n.

Teléfonos: 981 54 65 92/93

ANEXO III

Resumo das alegacións de carácter

ambiental presentadas

María Rivas Barbeito, realiza as seguintes alegacións de carácter ambiental:

-O plano de situación non está claro, debería recoñecerse claramente a zona e non é así.

-O estudio de impacto ambiental realizado pretende vender un mundo fantástico ó falar de incremento no sector servicios en 1991 e atribuílo á influencia da Central Térmica de Meirama e Sogama.

-Amósase un absoluto desprezo cara ós habitantes da zona, posto que os estudios de contaminación realízanse en zonas máis alonxadas e non nas máis próximas. Así, non recollen: a presencia masiva e

molesta de gaivotas, o aumento de roedores e mosquitos, as molestias dos camións que circulan a velocidades inaxeitadas durante as vintecatro horas do día, e outras máquinas pesadas que ocasionan ruídos e vibracións, os malos olores provenientes destes camións e da propia Sogama, e os numerosos danos persoais e materiais que ocasionaron as obras construídas por culpa de Sogama (vía férrea, gas, ...).

-Di o estudio que o funcionamento do complexo contribúe a mellora-lo benestar da sociedade, a sanidade e o nivel de vida dos habitantes do contorno. ¿Crerao alguén? A realidade é outra. Desde o primeiro momento existe lixo repartido por diante das casas, non se pode descansar nin de día nin de noite polo tránsito de camións, malos olores, vibracións e ruídos.

-Os que vivimos ó lado da estrada Cerceda-Mesón non temos malas comunicacións, ó contrario, temos unhas das mellores de Galicia, e non entendemos como puideron situar Sogama xunta ás casas, nin como se pretende traer máis contaminación.

-Parécenos que temos demasiada contaminación de todo tipo e non queremos máis.

Por todo iso solicita que non se aprobe o estudio de impacto ambiental de transformación dos productos M.E.R. nesta zona, porque son materiais de risco e nós queremos vivir.

José Antonio Folgueira Madarro, en nome propio e como presidente da Federación de Asociacións de Veciños da Coruña, fai as seguintes alegacións de carácter ambiental:

-Só está exposto o estudio de impacto ambiental elaborado pola empresa Cotecno que fai continuas referencias ó proxecto básico de obra elaborado pola mesma empresa, pero que non existe na Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, e polo tanto, trátase claramente de ocultar información, o que invalida as actuacións realizadas ata o momento.

-Na propia resolución fai referencia ós lugares onde estará exposto ó público, non figurando o concello de Cerceda, o que imposibilita ós principais afectados o acceso á documentación, co agravante de que os anteriores proxectos eleborados por Sogama, foron sempre expostos no Concello de Cerceda.

-A cartografía que expoñen é falsa, resúmese a un anaco do plano de situación nº 45-III do mapa topográfico nacional de España, sen coordenadas e coa situación do mapa de edición do franquismo (desde aquela o propio Instituto Geográfico Nacional corrixiu a propia folla 45-III ó menos en sete ocasións, adecuando os nomes á normativa legal en Galicia). Ignórase a cartografía elaborada tanto pola Presidencia da Xunta, como pola Consellería COTPV,

que son moito máis actuais e sobre todo legais. (Xúntase copia do Mapa Topográfico Nacional de España. Cerceda. 45-III. 1:25000).

-Enmárcase nun círculo a localización, pero sen coordenadas e sitúase a obra en Vila da Igrexa, que corresponde na actualidade á propia capitalidade municipal e os terreos dispoñibles aí son xustamente os relativos á igrexa, ó concello e o cemiterio. Afirman que na zona marcada co círculo, Sogama non posúe practicamente ningún terreo.

-Falta de información sobre a suficiencia da capacidade de Juan M. Ruiz Caaveiro, para facer estudios de flora e fauna como os subscritos por el, e da súa independencia para a elaboración do estudio. Polo que solicitan que se rexeite o estudio presentado por Sogama e Cotecno.

-Carencia de autorización de vertido de Sogama e solicitude de non autoriza-lo vertido solicitado por Sogama polas razóns aducidas por Emalcsa, agravadas por que neste caso se pretende facer un vertido maior e en peores condicións. (Xuntan alegación presentada por Emalcsa na tramitación da autorización de vertido de Sogama).

-Non se suxire a realización dun estudio epidemiolóxico.

-Solicitan que se rexeite o estudio e que no caso de non facelo así, que alomenos se cumpran tódalas medidas relacionadas na Resolución do 18 de agosto de 1997 (da que xuntan copia) e catro máis:

* Control de olores, dado que no presunto estudio só se fai referencia á legalidade vixente e non á garantía de ausencia de olores.

* Se determine se son falsos os estudio de flora e fauna aquí supostamente realizados, ou os realizados pola Xunta de Galicia e por Sogama, pois son totalmente contradictorios.

* Medidas de control do nivel de dioxinas nos alimentos que toman os habitantes e os animais do concello de Cerceda e das parroquias de Leira, Ardemil e Mercurín do concello de Ordes, pois dado o tipo de residuos que se queren tratar, é posible que o aumento de dioxinas no corpo humano sexa máis do 95% dos casos pola cadea alimentaria, especialmente leite, carne e pescado, e os dous primeiros son o activo económico principal da zona.

* Estudio das razóns técnicas ambientais polas que se pretende verter á subconca do Barcés, e non á subconca do Tambre, inmesamente máis afascada e que conflúe exactamente no lugar de Morzós onde se pretende face-las instalacións.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental