Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 13 de setembro de 2001 Páx. 12.214

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se autoriza e se aproba o proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita. (Expediente IN407A 00/302-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que a continuación se detalla:

Solicitante: Central Eléctrica Sestelo y Cía, S.A.

Domicilio social: avda. Gabino Bugallal, 44, 36860 Ponteareas.

Denominación: C.T. e centro de distribución en San Roque.

Situación: Ponteareas.

Descricións técnicas: C.T. de 160 kVA, relación de transformación 20 kV-380/220 V e un centro de distribución, na zona de San Roque, no concello de Ponteareas.

Realizada a información pública presentáronse alegacións por parte de Jorge Gabriel Philippón de Arriba no senso de que neste momento se encontra realizando dilixencias previas no Xulgado número dous de Ponteareas relativas a este asunto, que existen diferencias entre o proxecto e a obra xa executada, que está situado en zona verde de acordo coas normas subsidiarias, que existe unha oposición por parte da corporación municipal e que a licencia de obras outorgada polo concello non é válida por referirse a outro proxecto.

O Bloque Nacionalista Galego alega, pola súa vez, o asentamento en zona verde en contra das normas subsidiarias, non acredita-la titularidade dos terreos nos que se vai situar, que a obra está executada, que pola súa situación pode estar suxeita a inundacións e que, en definitiva, existe un forte impacto estético.

A asociación dos veciños A Ponte Vella alega a existencia de dilixencias previas xa mencionadas, así como que se encontra en zona verde, que as características do proxecto non se respectaron e que a licencia de obra do concello non é válida, así que supón un risco para a saúde.

Trasladadas as alegacións á compañía eléctrica, a mesma alega indicando que non é certo que a obra estea terminada, que cumpriu a normativa en

vigor solicitando as correspondentes autorizacións entre as que se inclúe a licencia de obra do concello, que é certo que esta instalación substituirá outras existentes que desapareceran, que o lugar do asentamento foi indicado polo concello manifestado pola súa comisión de goberno e referendado pola oficina técnica e que a finalidade é a mellora do abastecemento eléctrico no barrio de San Roque.

Considerando que o principal problema é o asentamento da instalación que os alegantes consideran zona verde de acordo coas normas subsidiarias e que esta delegación, en cumprimento do Decreto 2617/1966, remitiu con data 27-12-2000 separata para que o Concello de Ponteareas, como órgano competente, establecera os condicionados ou alegacións que estimara pertinentes en relación coa instalación, que o 5-5-2001 se lle reiterou, facéndolle constar expresamente a existencia de alegacións, polo que deberían considerar no seu informe o plan de ordenación urbana, que con data 22-2-2001 se recibe o condicionado do concello no que se indica que non se formula ningún con base en que no seu día se outorgou licencia municipal de acordo cos informes emitidos pola oficina técnica municipal e a Dirección Xeral de Patrimonio, achegando as copias.

Considerando que este centro con data 6-3-2001 oficina novamente ó Concello de Ponteareas indicando que as datas que aparecen nos informes son previas á iniciación do presente expediente, polo que puideran corresponder a outro anterior no que o asentamento era diferente, e que, habendo alegacións, deben considera-lo novo proxecto, e que con data 23 de marzo se lle require de novo para que de forma definitiva o dito concello indique se existe algún condicionado ou prohibición para que a delegación de Industria poida autoriza-la dita instalación, facendo mención expresa que a non contestación significa a inexistencia de obxección ningunha e que a responsabilidade no caso contrario é total e absoluta dese concello. Requirimento que é contestado polo dito concello indicando que esa corporación non formula ningún condicionado ó citado expediente con base en que no seu día se outorgou licencia municipal que se axusta á lexislación urbanística en vigor.

Considerando que a aplicación das normas subsidiarias é responsabilidade total e absoluta do concello e que este se reafirma en que se cumpre a normativa en vigor e que, pola súa parte, a Confederación Hidrográfica no Norte á que se oficia acompañando separata con data 27-12-2000 e posteriormente o 5-2-2001 non contesta, e que de acordo co Decreto 2617/1966, artigo 13.2º.b cando transcorresen os prazos sen que se reciba resposta teranse por aprobadas as especificacións técnicas propostas polo peticionario da instalación.

Considerando que para a autorización e aprobación do proxecto non é necesario que se acredite a titularidade dos terreos, que os riscos para a saúde nunha instalación a 20 kV non se demostraron, que

as posibles inundacións non foron consideradas polo organismo competente que é a Confederación Hidrográfica do Norte e que a existencia dunhas dilixencias previas no Xulgado número dous de Ponteareas non detén a tramitación nin a autorización, de acordo coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Vistos e cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, e nos capítulos III e IV do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, esta delegación provincial

RESOLVE:

Autorizar e aproba-lo proxecto de execución das devanditas instalacións, nas que as características se axustarán en tódalas súas partes ás que figuran nel e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que estime pertinente ó seu dereito.

Pontevedra, 23 de abril de 2001.

Carmen Bianchi Valcarce

Delegada provincial de Pontevedra