Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Mércores, 12 de setembro de 2001 Páx. 12.160

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

AUGAS DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 27 de agosto de 2001 pola que se somete a información pública o proxecto constructivo das obras e instalacións constitutivas do salto hidroeléctrico pertencente a un aproveitamento hidroeléctrico no río Umia nos concellos de Cuntis e A Estrada. (Expediente 4/253/4).

Con data do 13 de decembro de 2000 o presidente de Augas de Galicia dictou resolución pola que se outorgou a Enerxía de Galicia, S.A. (Engasa) a concesión para o aproveitamento de augas do río Umia, nos concellos de Cuntis e A Estrada (Pontevedra), con destino á producción de enerxía eléctrica para uso público.

Na mencionada resolución de outorgamento especificábase que debería ser redactado un proxecto constructivo que recollera unha serie de medidas correctoras impostas no condicionado concesional.

Deste xeito, a sociedade concesionaria presentou o dito proxecto, asinado por Jorge Mestres Lucas, enxeñeiro de camiños, Canles e Portos (Col. nº 7325) en Santiago de Compostela, xullo de 2001.

Nos anexos que se inclúen máis abaixo transcríbense os datos máis relevantes do proxecto en cuestión, cunha breve descrición das obras que se van executar. Xúntase tamén a relación de propietarios, bens ou dereitos afectados por tales obras.

Co presente anuncio, sométese ó trámite de información pública a relación de propietarios, xunto cos seus bens e dereitos, que resulten afectados coas obras hidroeléctricas de referencia, co fin de que aquelas persoas naturais ou xurídicas que se consideren afectadas nos seus dereitos poidan formular, por escrito, cantas alegacións, observacións, suxestións e reclamacións estimen procedentes (indicando a clave sinalada no encabezamento deste anuncio), persoalmente ou por medio do seu representante con poder suficiente, ante o Rexistro Xeral do Organismo Autónomo Augas de Galicia, na rúa Camilo Díaz Valiño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela, dentro do prazo improrrogable de vinte (20) días hábiles.

Este trámite de información pública efectúase en cumprimento do disposto no artigo 86 da Lei das administracións públicas e do procedemento administrativo común, do 26 de novembro de 1992, que faculta os interesados para formula-las alegacións que teñan por conveniente durante o prazo establecido no parágrafo anterior.

O prazo comezará a contarse a partir da data da última das publicacións que corresponde facer do presente anuncio no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Pontevedra. Transcorrido o dito período de tempo non se admitirá nin se terá en conta escrito ningún.

Para os expresados efectos, este anuncio, ademais da súa inserción nas publicacións mencionadas, exponrase ó público no taboleiro de anuncios dos concellos de Cuntis e A Estrada, nos que tamén se atopará a disposición dos interesados un exemplar do proxecto constructivo obxecto deste trámite de información pública.

Os que se consideren interesados terán, para efectos informativos, á súa disposición unha copia dos proxectos técnicos para que poidan ser examinados, nos días e horas habituais de oficina, nas seguintes dependencias administrativas:

-Augas de Galicia-Demarcación Centro. Praza Camilo Díaz Valiño (Estación de Autobuses), Santiago de Compostela.

-Concello de Cuntis. Praza da Constitución, 4, Cuntis. Pontevedra.

-Concello da Estrada. Praza da Constitución, 1, A Estrada. Pontevedra.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2001.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Presidente do ente público Augas de Galicia

ANEXO I

Descrición das obras proxectadas

Denominación: proxecto constructivo do aproveitamento hidroeléctrico do río Umia nos TT.MM. da Estrada e Cuntis (Pontevedra). Santiago de Compostela, xullo de 2001.

Promotor: Energía de Galicia, S.A. (Engasa). Rúa Londres, 11 B-baixo. Polígono das Fontiñas. Santiago de Compostela (A Coruña).

Obxecto: producción de enerxía eléctrica.

Caudal: 5,330 m/s.

Tramo ocupado: cotas 320,50-250,10 m.s.n.m.

Desnivel: 70,40 m.

Potencia total instalada: 2.994 Kw.

Concellos afectados: Cuntis e A Estrada (Pontevedra).

Presa.

A presa será de gravidade co umbral do vertedoiro situado na elevación 320,50 m. A altura do aliviadoiro da presa sobre o leito será de 3 m e sobre os alicerces de 4,038 m.

Canle de alimentación.

Terá unha lonxitude total de 1.630,942 m cunha sección de dimensións interiores de 3 m (largo)x1,450 m. A pendente da canle é dun 0,10%. Ó final desta canle atoparase unha cámara de carga provista dun pequeno sedimentador, co obxecto de conduci-las augas derivadas do río Umia ata o tubo forzado.

Tubo forzado.

O tubo terá unha lonxitude de 239,6 m, 1.500 mm de diámetro e desenvolverase en toda a súa lonxitude soterrada.

Central.

O edificio da central terá forma rectangular e localizarase nunha parcela na elevación 255,10 m. Terá unhas dimensións exteriores de 25mx10m e situarase na marxe esquerda do río Umia.

Equipos electromecánicos.

A central estará dotada de dúas turbinas tipo Francis de eixe horizontal de de 2,665 m/s de caudal máximo e un salto neto nominal de 64,85 m. A potencia total en bornas de xerador será de 2.994 Kw.

ANEXO II

Relación de bens, dereitos e propiedades afectados

Concello de Cuntis

Nº predio: 1.

Propietario: comunidade de montes de Sevil.

Cultivo: monte.

Superficie (m): 5.100.

Servidume (m): 850.