Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Mércores, 12 de setembro de 2001 Páx. 12.142

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2001 pola que se fai público o contido da addenda ó convenio de apoio financeiro ó sector pesqueiro galego subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras.

Con data do 21 de xuño o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e 18 entidades financeiras asinaron un convenio co obxecto de establecer unha liña de axudas de apoio financeiro ó sector pesqueiro galego, complementarias das axudas directas concedidas ó abeiro do Decreto 201/2000,

da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, someténdose ás directrices tanto horizontais como sectoriais dictadas pola Comisión Europea, ás normas específicas contidas no citado convenio e ás que posteriormente se poidan dictar para o seu funcionamento operativo. O dito convenio foi publicado no Diario Oficial de Galicia mediante Resolución do 22 de xuño de 2001 (DOG nº 133, do 10 de xullo).

Con data do 30 de xullo o Igape e as ditas entidades financeiras asinaron unha addenda ó dito convenio, aprobada mediante acordo do Consello de Dirección do Igape de data 26 de xullo, na que se modifican as cláusulas 1ª, 2ª, 4ª e o anexo VII.

Polo que antecede, e en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12 a) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica e do artigo 11.1º a) do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento do Igape,

RESOLVO:

Facer público o texto da addenda ó convenio coas entidades financeiras que figura como anexo I a esta resolución.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2001.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de

Promoción Económica

ANEXO I

ADDENDA Ó CONVENIO DE APOIO FINANCEIRO Ó SECTOR PESQUEIRO GALEGO SUBSCRITO O 21 DE XUÑO DE 2001 ENTRE O IGAPE E AS ENTIDADES FINANCEIRAS

De conformidade coas seguintes cláusulas, modíficase o convenio do 21 de xuño de 2001 de apoio financeiro ó sector pesqueiro galego:

1ª A cláusula primeira: obxecto e dotación orzamentaria pasa a te-la seguinte redacción:

«Cláusula 1ª.-Obxecto e dotación orzamentaria.

O presente convenio ten por obxecto defini-los termos de colaboración entre ****** e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa finalidade de establecer liñas de financiamento subsidiadas para titulares de empresas pertencentes ó sector pesqueiro de Galicia, someténdose ás directrices horizontais e sectoriais dictadas pola Comisión Europea, ás normas específicas contidas no presente convenio e ás que posteriormente se poidan dictar para o seu funcionamento operativo.

As axudas establecidas neste convenio son complementarias ás establecidas no Decreto 201/2000, do 6 de xullo, e nas ordes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia de datas 14 de xullo de 2000 reguladora de axudas á renovación da flota e modernización de buques,

17 de xullo de 2000 reguladora de axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización de productos, 26 de xullo de 2000 reguladora de axudas ós investimentos en acuicultura mariña e 21 de setembro de 2000, reguladora das axudas a investimentos en equipamento e servicio dos portos pesqueiros.

As axudas reguladas neste convenio financiaranse con cargo ós orzamentos do Igape 2001-2006, condicionándose a súa concesión á previa existencia de crédito adecuado e suficiente. Para o ano 2001, o crédito dispoñible para a concesión de axuda ascende a un máximo de 1.200 millóns de pesetas (7.212.145,25 euros), que se financiarán con cargo á partida 02.01.01/01/10.656700. Durante a vixencia do convenio, anualmente publicarase no DOG o límite de crédito dispoñible para a concesión de axudas e as partidas orzamentarias asignadas ó seu financiamento».

2ª O epígrafe 2.1 da cláusula segunda: beneficiarios, pasa a te-la seguinte redacción:

«2.1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas no presente convenio aqueles armadores, empresas de manipulación, transformación e comercialización de productos de pesca e titulares de establecementos de cultivos mariños, con centros productivos situados na Comunidade Autónoma de Galicia, que formalicen operacións de préstamo ó abeiro do presente convenio, para financiar proxectos de investimento subvencionados pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia conforme as ordes da citada consellería do 14 de xullo de 2000, 17 de xullo de 2000, 26 de xullo de 2000 ou 21 de setembro de 2000».

3ª A cláusula cuarta: modalidade e destino da axuda, pasa a te-la seguinte redacción:

«Cláusula 4ª.-Modalidade e destino das axudas.

A axuda consistirá na subsidiación dos tipos de xuro dos préstamos concertados ó abeiro do presente convenio e destinados ó financiamento de proxectos de investimento subvencionados ó abeiro das ordes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura de datas 14 de xullo de 2000, 17 de xullo de 2000, 26 de xullo de 2000 e 21 de setembro de 2000».

4ª O anexo VII ó convenio (instancia de solicitude), modifícase quedando tal e como se une a esta addenda.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2001.

Pola entidade financeiraPolo Igape:

***************

Asdo:************José Antonio Orza Fernández

DNI: ********Presidente do Instituto

Galego de Promoción

Económica