Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Martes, 11 de setembro de 2001 Páx. 12.099

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

XUNTA ELECTORAL DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 10 de setembro de 2001 pola que se dá publicidade ó Acordo da Xunta Electoral de Galicia do 6 de setembro de 2001, referente á documentación acreditativa da condición política de galego.

A Xunta Electoral de Galicia, na súa reunión do 6 de setembro e en exercicio das facultades previstas no artigo 18 a) da Lei autonómica 8/1985, do 13 de agosto, prestou a súa aprobación a un acordo interpretativo sobre a documentación acreditativa da condición de galego en relación coa presentación de candidatos ás eleccións ó Parlamento de Galicia.

A Xunta Electoral Central, con data 10 de setembro, tomou coñecemento confirmando o referido acordo.

Xa que logo, e para xeral coñecemento, disponse a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 10 de setembro de 2001.

Jesús Souto Prieto

Presidente da Xunta Electoral de Galicia

Acordo da Xunta Electoral de Galicia do 6 de setembro de 2001, referente á documentación

acreditativa da condición política de galego

I Antecedentes

1. A Xunta Electoral Central, na súa instrucción do 15 de marzo de 1999 sobre a documentación

que debe xuntarse á presentación de candidaturas nas eleccións municipais e de deputados do Parlamento Europeo, estableceu, na súa norma primeira, punto 2, que non era condición necesaria para ser candidato a inscrición no censo electoral ou no padrón municipal de habitantes.

2. A Xunta Electoral Central, na súa instrucción do 20 de xaneiro de 2000, sobre a documentación que debe xuntarse na presentación de candidaturas nas eleccións xerais, reiterou na súa norma segunda o criterio antecedente.

Este criterio, en contraposición coa Lei de eleccións ó Parlamento de Galicia, resulta contradictorio e debe ser resolto respecto ás xuntas electorais provinciais por razóns de certeza xurídica, facendo uso da salvidade contida na norma terceira da instrucción do 15 de marzo de 1999.

II

Fundamentos xurídicos

Primeiro.-Aplicación da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ó Parlamento de Galicia.

O artigo 4.1º da referenciada lei preceptúa que para seren elixibles os cidadáns deben reuni-la condición de electores, e o artigo 2.1º di que os electores deben, entre outros requisitos, reuni-la condición política de galegos segundo o disposto no artigo 3 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Segundo.-Aplicación do Estatuto de autonomía.

O punto 3.1 do Estatuto de autonomía explicita que gozan da condición política de galegos os cidadáns españois que, de acordo coas leis xerais do Estado, teñan veciñanza administrativa en calquera dos municipios de Galicia.

Este requisito, de conformidade coa lexislación vixente, acreditarase coa inscrición no censo electoral ou por certificación de empadroamento do seu respectivo municipio.

Terceiro.-Constitucionalidade da esixencia da veciñanza administrativa en calquera dos municipios galegos como requisito de elixibilidade.

As STC números 60/1987, 107/1990, 109/1990 e 26/1992, do 5 de marzo, declararon razoable a esixencia desta condición e sosteñen a constitucionalidade deste requisito respecto á veciñanza administrativa, esixido polas leis autonómicas de eleccións.

III

Acordo

Polo anteriormente exposto e facendo uso da facultade prevista no artigo 18 a) da Lei autonómica 8/1985, do 13 de agosto, a Xunta Electoral de Galicia, na súa reunión do 6 de setembro acordou por unanimidade:

1. As candidaturas que se presenten ás eleccións autonómicas galegas nas circunscricións electorais provinciais deberán acompañarse:

-Da documentación prevista na norma primeira da instrucción do 20 de xaneiro de 2000 da Xunta Elec

toral Central, ou sexa, de fotocopia simple do documento nacional de identidade de cada candidato, e mais escrito asinado de aceptación da candidatura e de non estar incurso en inhabilitación ou en causa de inelixibilidade.

-De certificación acreditativa de que o candidato está inscrito no censo electoral ou empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia, por se-lo requisito da veciñanza administrativa, esixido para gozar da condición política de galego.

2. Notifica-lo presente acordo á Xunta Electoral Central para o seu coñecemento e ás xuntas electorais provinciais para a súa aplicación.

A Coruña, 6 de setembro de 2001.

Jesús Souto Prieto

Presidente da Xunta Electoral de Galicia