Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Luns, 10 de setembro de 2001 Páx. 12.026

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 3 de setembro de 2001 pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, sinala, no artigo 56.2º, que a formación permanente constitúe un dereito e un deber de todo o profesorado, polo que, periodicamente, terá que realizar actividades de actualización científica, didáctica e profesional.

A Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, a avaliación e o goberno dos centros docentes, no artigo 32, recomenda ás administracións educativas promove-la actualización e o perfeccionamento da cualificación profesional do profesorado e a adecuación dos seus coñecementos e métodos á evolución do eido científico e da metodoloxía didáctica no ámbito da actuación docente.

Por outra banda, o Decreto 245/1999, do 29 de xullo, polo que se regula a formación permanente do profesorado que imparte ensinanzas de niveis non universitarios, establece os servicios e as estructuras de formación do profesorado da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e os principios xerais que orientan a formación do profesorado, a súa programación, coordinación e avaliación.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pretende fixar un marco preciso e estable que dea unha resposta axeitada ás necesidades formativas do sistema educativo e dos docentes e permita conxuga-la oferta xerada pola propia administración coas propostas procedentes doutras institucións e entidades que organizan actividades de formación.

Os plans anuais de formación son os instrumentos de planificación que garanten a asunción, por parte da Administración educativa, da maior parte da oferta de formación permanente do profesorado, que abrangue unha ampla e variada gama de accións para mellora-la preparación e actualización metodolóxica do docente e, ó mesmo tempo, prevé a participación das universidades e outras entidades colaboradoras.

Por todo iso, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Concepto de formación permanente.

Considerarase formación permanente, para os efectos do seu recoñecemento por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a todas aquelas actividades que contribúan a mellora-la pre

paración científica, didáctica e profesional do profesorado, ó que fai referencia o artigo 2º, que sexan convocadas e realizadas segundo o disposto nesta orde.

Artigo 2º.-Destinatarios.

As actividades de formación permanente, desenvolvidas segundo establece esta orde, irán dirixidas ó profesorado e persoal especializado que reúna os requisitos establecidos para o exercicio das súas funcións en centros públicos ou privados, todos eles dentro do ámbito de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nos que se impartan ensinanzas de réxime xeral e de réxime especial e en servicios técnicos de apoio a eles.

Artigo 3º.-Entidades convocantes.

Terán a consideración de actividades de formación permanente do profesorado as desenvolvidas polas seguintes entidades:

a) A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

b) Outras administracións educativas do Estado.

c) As universidades.

d) Os movementos de renovación pedagóxica, as organizacións sindicais representativas do sector educativo e aqueloutras entidades públicas ou privadas dotadas de personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro, vinculadas ó mundo do ensino, que contemplen entre os seus obxectivos específicos ou estatutarios a realización de actividades relacionadas coa formación do profesorado.

Artigo 4º.-Efectos do recoñecemento.

As actividades de formación permanente realizadas de acordo co disposto nesta orde poderán valorarse como mérito ou requisito de participación nos procedementos selectivos e nos concursos de traslados convocados pola administración educativa, nos termos que establezan as normas ou bases polas que se rexan. Así mesmo, producirán efectos no sistema retributivo dos funcionarios docentes de acordo coa normativa específica que resulte de aplicación. Todo o anterior condicionado á acreditación da participación mediante a certificación correspondente e á inscrición no rexistro, regulado no capítulo VI desta orde.

Capítulo II

Modalidades e características das actividades de formación

Artigo 5º.-Modalidades de formación.

As actividades de formación do profesorado clasifícanse -para efectos de recoñecemento, certificación e rexistro- en tres modalidades básicas: cur

sos, seminarios permanentes e grupos de traballo, e proxectos de formación e asesoramento en centros. As actividades de formación que non se correspondan con algunha das modalidades anteriores asimilaranse a algunha delas en función das súas características.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá establecer outras modalidades formativas ou modificar e concreta-las características esenciais das modalidades existentes e delimitará tamén os campos ou ámbitos de formación.

Artigo 6º.-Cursos.

a) Os programas dos cursos desenvolverán contidos pedagóxicos, científicos, técnicos e culturais a partir, fundamentalmente, das achegas de especialistas.

b) O deseño do curso concretarase pola institución ou entidade convocante, tendo en conta as necesidades e demandas dos destinatarios.

c) A coordinación da actividade correrá por conta dunha persoa coa formación necesaria para realiza-las tarefas de deseño, seguimento e avaliación dela.

d) A convocatoria desta modalidade, ofertada polos servicios propios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, publicarase no Plan Anual de Formación do Profesorado e nela fixaranse os aspectos necesarios para o seu desenvolvemento.

Artigo 7º.-Seminarios permanentes e grupos de traballo.

a) Teñen como base a importancia da colaboración entre o profesorado como elemento fundamental da formación en servicio. Constitúenos un grupo de profesores e profesoras co obxecto de traballar, investigar e experimentar sobre algún aspecto concreto da realidade educativa co fin de desenvolver propostas didácticas, elaborar materiais ou investigar temáticas innovadoras.

b) Nos seminarios permanentes, o proxecto que vaian realizar é decidido libremente polos seus integrantes, con temática referente ás distintas áreas ou disciplinas que integran o currículo.

c) Nos grupos de traballo, para a elección do tema séguense as directrices establecidas polo Centro de Formación e Recursos ou polo Servicio de Formación do Profesorado, co fin de que se traten aspectos de interese formativo non abordados noutras modalidades de formación.

d) Os grupos de traballo poderán contar para o desenvolvemento do tema elixido con docencia de relatores externos ó grupo.

e) Para a avaliación do traballo desenvolvido nestas modalidades de formación terase en conta o material e a memoria elaborados, así como as actas das

sesións de traballo realizadas e o informe do asesor do Centro de Formación e Recursos, se é o caso.

f) As bases que rexen a convocatoria destas modalidades publicaranse no Plan Anual de Formación do Profesorado e nelas fixaranse os aspectos necesarios para o seu desenvolvemento.

g) Ámbalas convocatorias resolveraas o Servicio de Formación do Profesorado ou as comisións dos centros de formación e recursos.

Artigo 8º.-Proxectos de formación e asesoramento en centros.

a) Os proxectos de formación e asesoramento en centros teñen como referente fundamental o centro educativo como lugar de cambio e innovación educativa. O seu obxectivo é contribuír á posta en marcha de proxectos conxuntos de innovación curricular, organizativa e pedagóxica.

b) Deben estar baseados nas necesidades reais de cada centro, considerando as características deles e desenvolvendo accións concretas que dean resposta ás demandas establecidas.

c) Cada proxecto poderá ser proposto por un grupo de profesores dun centro, debendo ser ratificado polo claustro e polo consello escolar do centro.

d) Todo proxecto de formación e asesoramento en centros deberá contar cun coordinador ou coordinadora que asumirá as funcións que lle asigne a convocatoria e colaborará coa persoa asesora do Centro de Formación e Recursos na xestión do proxecto.

e) A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará cada curso a elaboración de proxectos de formación e asesoramento en centros axustándose ó establecido na presente orde. Na convocatoria anual de proxectos de formación e asesoramento en centros fixaranse tódolos aspectos necesarios para o seu axeitado desenvolvemento.

Capítulo III

Procedemento de homologación das actividades

Artigo 9º.-Carácter preceptivo da homologación.

O recoñecemento da formación derivada da participación en actividades organizadas polas entidades indicadas na letra d) do artigo 3º, esixe, con carácter previo, a homologación da actividade por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Estas actividades responderán á modalidade de formación expresada no artigo 6º da presente orde.

As entidades colaboradoras deberán xuntar unha copia compulsada da acta fundacional e dos estatutos visados pola administración ó presentaren unha solicitude de homologación por vez primeira ou cando sufran algunha modificación estatutaria.

Artigo 10º.-Instruccións do procedemento de homologación.

As entidades colaboradoras poderán presentar unha programación anual de actividades e/ou unha solicitude de homologación individualizada por actividade. As solicitudes achegaranse, como mínimo, cun mes de antelación antes do comezo da actividade para poder seren examinadas polo órgano regulado no artigo seguinte; efectuaranse conforme o modelo normalizado que figura como anexo I desta orde e deberán ser enviadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo San Caetano, bloque 2, 15771 Santiago de Compostela. Xunto coa solicitude, deberase presenta-la seguinte documentación:

1. Deseño previo da actividade que se vai realizar e que conteña, polo menos, os seguintes aspectos:

a) Entidade convocante.

b) Denominación da actividade.

c) Modalidade formativa.

d) Obxectivos previstos.

e) Contidos.

f) Metodoloxía que se vai empregar.

g) Plan de avaliación da actividade.

h) Datas de realización.

i) Horario.

l) Lugar onde se levará a cabo a actividade.

m) Valoración en horas de formación, con indicación expresa, se procede, das horas non presenciais.

n) Número de prazas.

ñ) Destinatarios.

o) Coordinador ou coordinadores (dous como máximo).

p) Relación nominal dos relatores.

q) Custo da matrícula, se procede.

r) Orzamento por partidas, no caso de caso de que a actividade teña cota de inscrición.

s) Criterios de selección, se procede.

t) Tipo e ámbito de difusión.

u) Modelo de convocatoria pública que recollerá o contido das letras a), b), c), h), i), l), m), n), ñ), q) e s).

Artigo 11º.-Comisión de Recoñecemento de Formación.

1. A Comisión de Recoñecemento de Formación reunirase, polo menos, unha vez ó mes e estará integrada polos seguintes membros:

a) Subdirector xeral de Ordenación Educativa ou persoa en quen delegue.

b) Xefe do Servicio de Formación do Profesorado.

c) Un representante da Inspección Educativa.

d) Un asesor especialista da Subdirección Xeral de Ordenación Educativa.

e) Un funcionario da Subdirección Xeral de Ordenación Educativa que actuará como secretario.

Cada un dos sindicatos da Mesa Sectorial Docente poderá nomear un representante para a asistencia ás sesións da comisión, con voz e sen voto.

2. Son funcións da comisión as seguintes:

a) Examina-las solicitudes de homologación de actividades, previa á súa realización e de carácter condicional, tendo en conta o interese da proposta, a súa relación coas funcións propias e estatutarias da entidade que a propón e a relación coa oferta do Plan de Formación Permanente do Profesorado.

b) Propoñer, se procede, a resolución de homologación condicionada da actividade á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

c) Avalia-la adecuación dos informes finais, ós que fai mención o artigo 14º da presente orde, ó deseño previo da actividade e propoñe-la súa resolución definitiva.

Artigo 12º.-Resolución condicionada da solicitude.

1. Unha vez examinadas as solicitudes e a restante documentación pola Comisión de Recoñecemento de Formación, o director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional resolverá, nun prazo máximo de dous meses, contados desde a data de presentación da solicitude.

2. A dita resolución declarará que a homologación estará condicionada a que o desenvolvemento da actividade se adecue ó explicitado no deseño previo.

3. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13º.-Efectos da resolución.

A homologación supón a asunción das seguintes obrigas:

a) Desenvolve-la actividade de acordo co deseño presentado.

b) Presenta-lo informe final nun prazo non superior a un mes despois de rematada a actividade.

c) Facilitar, en calquera momento do proceso, toda aquela información e documentación referida á actividade de formación solicitada polos órganos competentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A desatención deste requirimento ou a detección de falsidade na documentación dará lugar a unha resolución negativa da homologación de xeito automático.

d) A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional poderá comproba-lo desenvolvemento das actividades durante a súa realización.

Artigo 14º.-Informe final.

Para consegui-la homologación definitiva da actividade, as entidades organizadoras deberán presentar á Comisión de Recoñecemento de Formación para a súa valoración un informe final da actividade que incluirá:

a) A valoración global da actividade na que se fará constar unha síntese do desenvolvemento da actividade, un resumo da avaliación dos asistentes segundo o modelo que aparece como anexo II, e que a entidade organizadora deberá proporcionar coa antelación suficiente e recoller posteriormente, e a relación dos relatores participantes expresando a titulación e a experiencia profesional deles.

b) A acta de avaliación final, na que o coordinador ou coordinadora da actividade incluirá as relacións pechadas, seladas e asinadas dos asistentes con dereito a certificación, dos asistentes que non superaron a actividade, con indicación dos motivos, e doutros participantes con dereito a certificación. Na relación dos participantes con dereito a certificación figurarán, polo menos, nome e apelidos, número de DNI, número de rexistro persoal, se procede, e o centro de traballo, se é o caso.

c) No caso de seminarios e grupos de traballo e proxectos de formación e asesoramento en centros, copia das actas das sesións celebradas.

d) Cando se considere oportuno, a documentación elaborada na actividade.

Artigo 15º.-Resolución definitiva da actividade e inscrición no rexistro.

1. Por proposta da Comisión de Recoñecemento de Formación, o director xeral de Ordenación Edu

cativa e Formación Profesional resolverá, con carácter definitivo, a homologación da actividade, inscribíndose no rexistro coa data desta última resolución.

2. O prazo de resolución será de dous meses contados a partires da recepción do informe final acreditativo da realización da actividade.

3. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo IV

Avaliación

Artigo 16º.-Horas de formación permanente.

A valoración das actividades de formación permanente virá expresada en horas de formación, de acordo cos seguintes criterios:

1. Calquera modalidade de formación terá unha duración de dez horas como mínimo; a fase de traballo non presencial non superará o 20% da duración total da actividade, agás nas actividades de formación realizadas con procedementos a distancia.

2. Para os grupos de traballo, seminarios permanentes e proxectos de formación e asesoramento en centros o número de horas que hai que certificar será o que estableza a comisión correspondente, unha vez analizadas as memorias e informes de cada actividade.

3. As actividades de menos de dez horas non serán computables nin poderán acumularse, agás no caso dos relatores.

Artigo 17º.-Avaliación dos asistentes.

1. Para a avaliación dos asistentes o coordinador ou coordinadora terá en conta tanto a participación activa nas fases presenciais como a execución das diversas propostas de traballo que se programen para as fases non presenciais. Así mesmo, teranse en conta cantos informes, individuais ou de grupo, sexan oportunos.

2. Nas fases presenciais establecerase un sistema de comprobación de asistencia, que será obrigatoria nun 85% da súa duración total; polo tanto as faltas de asistencia non poderán supera-lo 15% das horas que hai que certificar, independentemente de cal sexa a causa que a provoca. Os instrumentos utilizados serán as follas de comprobación de asistencia, asinadas individualmente polos presentes en cada sesión para a modalidade de cursos; no caso dos seminarios permanentes, grupos de traballo e

proxectos de formación e asesoramento en centros teranse en conta as actas das sesións realizadas.

Capítulo V

Certificados

Artigo 18º.-Expedición dos certificados.

Finalizada a actividade e efectuada a avaliación final, as institucións ou entidades convocantes procederán á expedición dos correspondentes certificados de participación. Por cada actividade poderanse emitir certificados de asistente, coordinador ou coordinadora e relator ou relatora, respectando en calquera caso os seguintes criterios:

Os asistentes unicamente poderán recibi-la certificación que acredite a superación íntegra da actividade. Non poderán emitirse certificacións parciais ou de asistencia sen aproveitamento.

As persoas que exerzan a función de coordinación recibirán a correspondente certificación pola actividade que coordinen, cun máximo de dúas persoas por actividade, e acreditándolles tantas horas como horas totais teña a actividade.

Os relatores ou relatoras recibirán unha única certificación por actividade, aínda no caso de que as súas intervencións aborden temáticas diferentes e se dean separadas no tempo.

1. No caso de que unha mesma persoa sexa coordinadora dunha actividade e, ó mesmo tempo, teña actuado como relatora, especificaranse na certificación as horas totais da actividade que coordinou e as horas que actuou como relatora.

2. No caso de que unha mesma persoa sexa asistente a unha actividade e, ó mesmo tempo, teña actuado como relatora, sempre que non supere o tempo que actuou o 15% da duración total da actividade, poderase emitir un certificado no que se especificarán as horas totais da actividade á que asistiu e as horas que actuou como relatora.

3. A constatación documental de que se está a participar nunha actividade de formación permanente só será entregada a solicitude do interesado e expresará claramente que a actividade non está concluída, sen facer referencia ningunha ó número de horas de formación.

Artigo 19º.-Contido dos certificados.

1. Os certificados acreditativos da participación axustaranse ós modelos que figuran como anexos III, IV e V desta orde e nos que constarán os seguintes datos:

Institución ou entidade organizadora da actividade.

Nome e cargo de quen expide a certificación en representación da institución ou entidade organizadora.

Nome, apelidos e DNI da persoa á que se lle vai face-lo certificado.

Denominación da actividade.

Lugar e datas de celebración.

Tipo de participación: coordinador/a, relator/a ou asistente.

Nº de horas que corresponda con cada participación.

Identificación no rexistro xeral de actividades de formación do profesorado ou data de homologación, se é o caso.

Lugar e data de expedición do certificado.

Sinatura e selo.

No caso dos relatorios tamén o título do relatorio.

2. Os mencionados certificados serán expedidos e entregados ós interesados pola institución ou entidade organizadora da actividade unha vez realizada a avaliación. No caso das actividades suxeitas ó proceso de homologación, a entrega terá lugar unha vez examinado o informe final da actividade, recollido no artigo 9º.2 desta orde, pola comisión de recoñecemento de formación.

3. O persoal docente que preste os seus servicios na rede de formación e nos servicios técnicos que se determinen, non poderá recibir certificados por asistencia, dirección, coordinación ou como persoas relatoras en actividades de formación permanente desenvolvidas polos Centros de Formación e Recursos, o Servicio de Formación do Profesorado ou o servicio técnico no que estean destinados. A este persoal computaránselle, cunha certificación específica da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, 20 horas de formación anuais por cada ano de exercicio da súa función.

Capítulo VI

Rexistro

Artigo 20º.-Natureza do rexistro.

1. O rexistro de formación permanente do profesorado, dependente da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, é un instrumento de publicidade e xestión dos datos relativos á participación do profesorado non universitario nas actividades de formación permanente que se axusten a esta orde.

2. Para que unha actividade de formación permanente produza os efectos profesionais e económicos establecidos, deberá estar inscrita no rexistro

xeral de actividades de formación permanente do profesorado, ou ben contar coa homologación definitiva outorgada pola comisión de recoñecemento de formación.

Artigo 21º.-Procedemento de inscrición.

1. Realizarase de oficio a inscrición dos certificados relativos á participación en actividades de formación realizadas de conformidade co Plan Anual de Formación Permanente do Profesorado polo Servicio de Formación do Profesorado ou polos Centros de Formación e Recursos.

2. As actividades de formación suxeitas ó procedemento de homologación quedarán inscritas, de oficio, no rexistro unha vez entregado e avaliado o preceptivo informe final e segundo o disposto na letra c), punto 2 do artigo 11º.

3. Para as actividades homologadas, contempladas no artigo 22.2º, que implican a realización dunha nova especialidade que cualifica profesionalmente, a maiores do contemplado no punto anterior, terán de publicarse as listas definitivas de persoas declaradas aptas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 22º.-Oficinas delegadas do rexistro.

Están situadas nas sedes dos Centros de Formación e Recursos. Os directores ou directoras destes, de acordo coas instruccións da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, poderán practica-las inscricións correspondentes ós certificados de participación que atinxan ás actividades organizadas por estes centros.

Artigo 23º.-Dereito de acceso ó rexistro.

O rexistro regulado neste capítulo é público e poderá ser consultado, nos termos establecidos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, por calquera persoa que acredite un interese lexítimo.

Capítulo VII

Actividades equiparables ás de formación

permanente. Valoración

Artigo 24º.-Proxectos de investigación.

1. As actividades de investigación avaladas polos organismos públicos competentes terán efectos como formación permanente se pertencen a algunha das categorías seguintes:

a) Que se realizaran no desenvolvemento dunha convocatoria pública de proxectos de investigación, efectuada por algún organismo pertencente ás administracións públicas ou ás universidades.

b) Que se inscriban nos programas de investigación de institucións privadas ou fundacións que teñan

algún convenio coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. Para a solicitude de valoración os interesados deberán achega-los seguintes documentos:

a) Documentación acreditativa da participación.

b) Copia do proxecto inicial de investigación.

c) Memoria da actividade realizada.

d) Resultados obtidos.

e) Documentación acreditativa de que o proxecto se desenvolveu en función dunha convocatoria pública ou que estivo organizado ou promovido por unha universidade ou un organismo público.

3. Os proxectos de investigación deben ter unha duración mínima dun ano.

4. Achegada a documentación esixida outorgaranse as horas que correspondan en función da calidade do traballo efectuado. Poderán outorgarse como máximo 50 horas a cada membro do equipo investigador.

Artigo 25º.-Actividades de innovación educativa.

1. A participación en actividades de innovación educativa poderá te-la consideración de actividade de formación permanente do profesorado, sempre que o proxecto sexa convocado, promovido ou avaliado por un organismo público.

2. Establécense as seguintes equivalencias das actividades que se relacionan:

-Escolas viaxeiras: 15 horas por cada unha, ata un máximo de 30 horas por sexenio.

-Intercambios escolares: 15 horas por cada un, ata un máximo de 30 horas por sexenio.

-Actividades para a adquisición de novas especialidades: 500 horas.

-Profesor ou profesora no plan de anticipación da primeira lingua estranxeira no segundo ciclo de educación infantil e primeiro ciclo de educación primaria: 20 horas por ano, ata un máximo de 50 horas por sexenio.

-Profesor ou profesora no plan de potenciación de idiomas estranxeiros: 20 horas por ano, ata un máximo de 50 horas por sexenio.

-Participación nos programas de mellora da calidade na educación: 20 horas por ano, ata un máximo de 50 horas por sexenio.

-Participación en actividades en empresas en convenio coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: o número de horas será o determinado en cada actividade.

-Premios de innovación educativa: 50 horas como máximo.

Artigo 26º.-Titulacións universitarias.

1. As titulacións universitarias de carácter oficial e os títulos propios de cada universidade terán efecto como formación permanente, sempre que non se aleguen como requisito para o acceso á función pública docente.

2. A valoración será a seguinte:

-Titulacións de primeiro ciclo: por cada diplomatura, enxeñería técnica, arquitectura técnica ou títulos declarados legalmente equivalentes e polos estudios correspondentes ó primeiro ciclo dunha licenciatura, arquitectura ou enxeñería: 300 horas de formación.

-Titulacións de segundo ciclo: polos estudios correspondentes ó segundo ciclo de licenciaturas, enxeñerías, arquitectura ou títulos declarados legalmente equivalentes: 300 horas de formación.

-Outros estudios de posgrao:

Por supera-lo programa de doutoramento: 300 horas de formación. Pola obtención do título de doutor: 300 horas de formación.

-Outros títulos: os títulos propios da universidade, cursos de posgrao e outros certificados e diplomas expedidos pola universidade valoraranse segundo a documentación presentada.

Artigo 27º.-Ensinanzas de réxime especial.

1. As titulacións das ensinanzas de réxime especial outorgadas polas escolas oficiais de idiomas e conservatorios profesionais e superiores de música poderán ter validez para efectos do seu recoñecemento como formación permanente.

2. A valoración en horas de formación será a seguinte:

-Grao medio de música e danza:100 horas.

-Grao elemental de idiomas:100 horas.

-Grao superior de idiomas:100 horas.

Artigo 28º.-Participación en programas internacionais.

1. A participación en programas internacionais poderá te-los efectos correspondentes ás actividades de formación permanente.

2. A valoración en horas de formación para cada tipo de acción determinarase na convocatoria de cada unha ou realizarase de acordo coas instruccións que

para o efecto dicte a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

Artigo 29º.-Titoría de prácticas.

1. O exercicio das funcións de titoría legal ou regulamentariamente previsto con relación ás prácticas que habiliten o profesorado para o exercicio da función docente, ou que son inherentes ós procedementos selectivos en materia de función pública docente, será considerado como actividade de formación permanente.

2. A valoración en horas de formación será a seguinte:

-Funcións de titoría de prácticas: 30 horas por curso, ata un máximo de 60 horas por sexenio.

Capítulo VIII

Réxime de recursos

Artigo 30º.-Réxime de recursos.

Contra esta orde os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Nos termos previstos na lexislación vixente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria recoñecerá, respecto do profesorado con destino nesta comunidade, a formación derivada da participación en actividades realizadas fóra do seu ámbito de xestión.

Segunda.-A comisión regulada no artigo 11º desta orde poderá recoñece-la formación correspondente á participación en actividades convocadas e realizadas por centros e organismos estranxeiros. A solicitude do interesado deberá ir acompañada dos documentos acreditativos da participación e da duración en horas da actividade así como dunha traducción oficial do programa.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 13 de decembro de 1994 pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria