Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Luns, 10 de setembro de 2001 Páx. 12.022

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 31 de xullo de 2001 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de sete bolsas de colaboración en diversas actividades que se están a desenvolver no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), e se anuncia a súa convocatoria.

O Decreto 114/1982, do 1 de setembro, sobre asunción de transferencias en materia educativa, establece que as competencias transferidas en virtude do Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autonóma de Galicia en materia de educación, serán exercidas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; entre esas competencias figurarán a elaboración e desenvolvemento de proxectos de experimentación e investigación educativos.

O artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, en harmonía co artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, establece a competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a promoción e ensino da lingua galega e o fomento da investigación.

Dentro do plan de actividades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para 2001 figura a convocatoria pública de bolsas de investigación e colaboración para realizar proxectos concretos sobre museísmo pedagóxico.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no artigo 3 do Decreto 268/2000, do 2 de novembro (DOG do 13 de novembro), polo que se crea o Museo Pedagóxico de Galicia.

Na súa virtude, apróbanse as seguintes bases:

Primeira.-Finalidade.

Unha das finalidades fundamentais que ten o Museo Pedagóxico de Galicia é a recuperación, estudio, mostra e difusión do legado pedagóxico da nosa Comunidade Autónoma.

Segunda.-Obxecto.

O concurso ten por obxecto a adxudicación de sete bolsas de colaboración nos proxectos concretos que se están a desenvolver no Museo Pedagóxico de Galicia, e que se inclúen como anexos á presente orde, nos que se detallan os requisitos específicos que deben reuni-los solicitantes.

Terceira.-Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

-Unha asignación mensual de 150.000 pesetas, coa retención fiscal que corresponda, que será incompatible con calquera outra axuda ou actividade remunerada.

-Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.

Para o gasto que se proxecta existe crédito adecuado e suficiente na partida orzamentaria 0701321A480.0 correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente, logo do informe do coordinador científico do Museo Pedagóxico de Galicia, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Cuarta.-Duración.

A data de incorporación ó centro será dentro dos dez días seguintes ó da notificación da adxudicación. O bolseiro que non se incorpore no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa xustificada de retraso apreciada polo coordinador científico do Museo Pedagóxico de Galicia.

Por resolución do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, a concesión da bolsa será ata o día 31 de decembro de 2001, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo total, incluídas as prórrogas, de tres anos, á vista do traballo realizado polo bolseiro, sempre que o proxecto ó que estea vinculado requira do seu labor e así o permitan as dispoñibilidades orzamentarias. No suposto de prórroga a dotación económica poderá incrementarse de acordo co índice de prezos ó consumo que se estableza para cada ano.

Quinta.-Requisitos xerais.

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión do título de licenciado.

c) Acreditar coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

d) Non ter sido separado do servicio de ningunha Administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

e) Non poderán participar nesta convocatoria persoas que, reunindo estes requisitos, resultasen beneficiarios dunha bolsa ou contrato en concursos anteriores do Museo Pedagóxico de Galicia.

Sexta.-Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se xunta como anexo, irán dirixidas ó secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e presentarse no rexistro xeral da consellería ou ben, en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico

das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación da presente convocatoria no DOG, acompañadas da documentación seguinte:

-Certificación académica persoal completa.

-Currículum vitae, acompañado de cantos documentos poidan avalalo.

-Acreditación coñecemento lingua galega nivel perfeccionamento.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada comprometéndose a renunciar, se fose seleccionado, á percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas, e tamén de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

-Declaración xurada de non percibir outras axudas ó inicio e ó remate da bolsa.

-Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas, ou concedidas, para un mesmo proxecto, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Tódolos documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

Vistas tódalas solicitudes daráselle un prazo de 10 días para emenda-la falta de documentación, transcorridos estes días sen a devandita emenda arquivaranse os devanditos expedientes.

Sétima.-Comisión de valoración.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión presidida polo secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e composta polo coordinador científico do Mupega e dous vocais nomeados polo secretario xeral, actuando un deles como secretario.

O presidente da comisión elevará informe sobre os candidatos e candidatas seleccionados e suplentes, se é o caso, ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá). A resolución publicarase no DOG.

As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de tres meses desde a data da súa publicación no DOG.

Oitava.-Baremo para a selección dos bolseiros.

-Titulación do solicitante e expediente académico: ata un máximo de catro puntos.

-Currículum vitae do solicitante e experiencia investigadora en proxectos de investigación similares: ata un máximo de catro puntos.

-Ademais do exame da documentación presentada, a comisión podera convoca-los solicitantes a unha entrevista persoal para valora-los seus coñecementos sobre o tema de investigación: ata un máximo de dous puntos.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes nas súas instancias que non estean acreditados documentalmente.

Novena.-Condicións de desfrute.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o desfrute doutro tipo de bolsas ou axudas.

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria poderá conceder interrupcións no desfrute da bolsa por petición razoada do interesado, logo do informe do seu director de proxecto. As interrupcións non poderán ser nunca superiores a 3 meses ó longo da duración da bolsa e as posibles renovacións e non darán lugar, en ningún caso, a posibilidade de recupera-lo período interrompido. O interesado nesta interrupción temporal da bolsa non terá dereito a percibi-las mensualidades correspondentes ó período que dure a súa renuncia.

Se algún dos beneficiarios destas bolsas decidise renunciar a ela, fose seleccionado para outra bolsa, axuda ou proxecto ou se producise algunha circunstancia determinante de incompatibilidade co desfrute da bolsa, deberá comunicarllo ó Museo Pedagóxico de Galicia, que procederá á suspensión da bolsa correspondente. Caso de que esta suspensión se producise no prazo dun ano a partir da data de publicación da resolución de nomeamento das bolsas convocadas nesta orde, a bolsa vacante poderá ser adxudicada ó candidato seguinte da lista de suplentes sempre que as necesidades do proxecto sigan sendo as mesmas. En tal caso, o período máximo de desfrute da bolsa non poderá excede-lo prazo de tres anos contados a partir da data do primerio nomeamento.

Décima.-Aceptación das bolsas.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión das bolsas polos beneficiarios, estes, no prazo de catro días naturais, comunicarán por escrito ó Museo Pedagóxico de Galicia a aceptación ou renuncia a elas. Se transcorridos eses catro días non se fixera manifestación en ningún sentido, entenderase como renuncia á bolsa.

Undécima.-Obrigas.

Os bolseiros seleccionados quedarán obrigados a desenvolve-lo seu traballo de acordo coas indicacións técnicas do Museo Pedagóxico de Galicia e cunha dispoñibilidade horaria fixada polos servicios do museo e que nunca excederá das 30 horas sema

nais. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa, e en todo caso a obtención concorrente de bolsas ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes público ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nas presentes bases suporá a perda da bolsa concedida, e de se-lo caso, o reintegro das cantidades xa cobradas e poderáselle atribuir ó aspirante que ocupe o primeiro lugar na lista de suplentes, ou o seguinte ou seguintes cando os chamados non puideran presta-la súa colaboración por calquera motivo, tendo en conta as necesidades do proxecto.

A condición de bolseiro non dará lugar a relación contractual ningunha nin laboral nin administrativa coa Xunta de Galicia.

Unha vez finalizada a bolsa presentarase un informe da actividade realizada, co visto e prace do director do proxecto.

Duodécima.

A resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición nun prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO I

Catro bolsas para colaborar no proceso de inventario e catalogación de fondos do Mupega.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-las bolsas á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base quinta desta orde:

-Ser licenciado en historia ou humanidades.

-Coñecementos doutras linguas, ademais do galego.

-Manexo de procesadores de texto e bases de datos a nivel de usuario.

-Nivel aceptable de mecanografía.

ANEXO II

Unha bolsa para colaborar na catalogación dos fondos bibliográficos do Mupega.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar na catalogación dos fondos bibliográficos e documentais existentes no Museo Pedagóxico de Galicia.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base quinta desta orde:

-Ser licenciado en historia.

-Acreditar coñecementos e experiencia en traballos de documentación e bibliotecas.

-Coñecementos de informática no nivel de usuario.

ANEXO III

Dúas bolsas para traballos de investigación sobre museísmo pedagóxico.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar nos traballos que no eido do museísmo pedagóxico se realicen no Mupega.

Requisitos específicos dos solicitantes:

-Ser licenciado en pedagoxía, historia ou humanidades.

-Posuír coñecementos acreditados de francés, inglés e alemán (ou doutros idiomas ademais dos oficiais de Galicia).

-Ter coñecementos de informática a nivel de usuario.

-Ter coñecementos de fotografía, museoloxía, biblioteconomía e arquivística.

-Ter experiencia acreditada en centros de documentación, servicios museísticos e/ou actividades expositivas.