Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Xoves, 06 de setembro de 2001 Páx. 11.942

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DA CORUÑA

ANUNCIO do 16 de xullo de 2001, do Instituto Municipal A Coruña Espectáculos, das bases da convocatoria do concurso-oposición para a contratación en réxime laboral do posto de animador sociocultural neste instituto.

Primeira.-Obxecto.

As presentes bases teñen por obxecto rexe-la convocatoria do concurso-oposición, para a contratación en réxime laboral dun posto de animador sociocultural incluída na oferta de emprego público do Instituto Municipal A Coruña Espectáculos, organismo autónomo local de carácter administrativo, para o ano 2001.

Segunda.-Condicións dos aspirantes.

Para tomar parte no proceso selectivo, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos, referidos todos e cada un á data en que termine o prazo de presentación de solicitudes.

a) Ser español, ou nacional dun Estado membro da Unión Europea conforme o disposto na Lei 17/1993, do 23 de decembro, sobre acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Unión Europea.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade.

c) Título de bacharel, formación profesional de segundo grao ou equivalente ou en condicións de obtelo na data en que termine o prazo de presentación de instancias.

d) Posuí-la capacidade funcional para o desempeño das tarefas habituais da praza á que se aspira.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio ó Estado, ás comunidades autónomas ou ás entidades locais, nin estar inhabilitado para o exercicio das funcións públicas. Idéntico será esixido ós nacionais dos demais estados membros da Unión Europea, se é o caso.

Terceira.-Características do posto.

Principais funcións:

-Dinamización da programación do auditorio e das salas de cine do Fórum Metropolitano, que inclúe:

a) Propostas de programas.

b) Deseño da difusión dos ditos programas.

c) Análise do funcionamento dos ditos espacios.

-Elaboración, seguimento e avaliación do programa de ocio do Fórum, que inclúe:

a) Proposta de actividades.

b) Elaboración dos perfís dos monitores que deben participar nel e coordinación destes.

c) Difusión da oferta de actividades.

d) Elaboración do proceso de inscrición dos participantes.

e) Seguimento das actividades e elaboración de propostas correctoras das deficiencias que se vaian presentando.

f) Valoración de cada ciclo de actividades unha vez finalice.

Réxime de dedicación: normal.

Retribucións brutas: 3.124.416 pesetas.

Cuarta.-Presentación de instancias.

As instancias nas que solicite tomar parte no proceso selectivo dirixiranse ó presidente do IMCE e presentaranse no rexistro do IMCE, sito en av. Alfonso Molina s/n (edificio Coliseum), durante o prazo de vinte días naturais contados desde o seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado. Poderán así mesmo, remitirse na forma determinada na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Para ser admitidos e tomar parte nas probas selectivas, bastará con que os aspirantes manifiesten nas súas instancias que reúnen todos e cada un dos requisitos esixidos na base 2ª, referidos sempre ó día en que termine o prazo de presentación de instancias.

Quinta.-Admisión de aspirantes. Data e lugar de realización das probas.

Terminado o prazo de presentación de instancias, o presidente do IMCE dictará resolución pola que declarará aprobada a lista de admitidos e excluídos, con indicación do prazo de emenda que nos termos da Lei 30/1992, LRXAP e PAC se lles concede ós aspirantes excluídos, e determinando así mesmo lugar e hora de realización das probas e a composición do tribunal.

Esta resolución será publicada no BOP e exporase no taboleiro de anuncios do IMCE.

A publicación desta resolución no BOP será determinante dos prazos para efectos de posibles impugnacións ou recursos.

Sexta.-Tribunal cualificador.

O tribunal cualificador do proceso selectivo designarase a teor e de conformidade co sinalado no R.D. 896/1991, polo que se establecen as regras básicas e programas mínimos a que debe axustarse o procedemento de selección dos funcionarios da Administración local e estará composto polos seguintes membros.

Presidente: o do IMCE ou membro en quen delegue.

Secretario: o do Consello de Administración do IMCE ou membro en quen delegue.

Vocais: tres vocais designados polo presidente; un deles serao por proposta dos órganos de representación sindical.

Un vocal representante da Comunidade Autónoma.

Os vocais deberán posuír titulación ou especialización iguais ou superiores ás esixidas para o acceso ás prazas convocadas.

Os membros do tribunal deberán absterse de formar parte destes cando concorran as circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, notificándollo á autoridade convocante, ou cando realizasen tarefas de preparación a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

Os aspirantes poderán recusalos de acordo co artigo 29 da mencionada lei.

O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de máis da metade dos seus membros, titulares ou suplentes.

Para os efectos de percepción de asistencias polos membros concorrentes ás sesións dos tribunais, estes estarán clasificados nas categorías que establece o número 2º do artigo 33 do R.D. 236/1998, sobre indemnizacións por razón do servicio, coa revisión establecida pola Resolución do 11 de febreiro de

1991, da Subsecretaría de Economía e Facenda e para as Administracións Públicas.

O tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas.

Sétima.-Desenvolvemento do proceso selectivo.

O proceso selectivo desenvolverase en dúas fases. Terá lugar primeiro a fase de concurso e posteriormente a fase de oposición, na forma indicada nas presentes bases.

Na mesma resolución aprobatoria da lista definitiva de admitidos e excluídos determinarase o lugar, data e hora de comezo das probas.

Os aspirantes serán convocados para a realización dos exercicios en chamamento único e acudirán provistos do documento nacional de identidade.

Desenvolvemento do concurso.

Será previa á de oposición, non eliminatoria, e non poderá terse en conta para supera-la fase de oposición. A valoración máxima será de 8 puntos.

Para esta fase os aspirantes presentarán conxuntamente coa instancia para tomar parte no proceso selectivo unha relación dos méritos que aleguen, enumerados segundo a orde que se establece a continuación.

O tribunal procederá a valora-los méritos alegados polos aspirantes tendo en conta que o ámbito sociocultural de actuación que se avaliará comprenderá todas aquelas propostas que desenvolven as capacidades das persoas e promoven a participación activa na súa formación persoal e social en canto membros da cidade ou usuarios dos seus servicios e das instalacións municipais. O baremo de méritos será:

a) Por experiencia de traballo desempeñado no ámbito sociocultural que se define no parágrafo anterior. Poderase outorgar ata un máximo de 4 puntos.

a.1. Por labores de posta en práctica de programas desenvolvidos en escolas/obradoiros de entre dúas e cinco horas á semana.

Por períodos bimestrais: 0,2 puntos ata un máximo de 2.

As fraccións inferiores a dous meses non se computan.

a.2. Por labores de responsabilidade na elaboración de programas e/ou coordinación de grupos de animadores que desenvolvan tales programas.

Por períodos bimestrais: 0,2 puntos ata un máximo de 2 puntos.

As fraccións inferiores a dous meses non se computarán.

A experiencia acreditarase con certificado expedido polo órgano competente da administración de que se trate. No caso de experiencia noutras empresas ou institucións, acreditarase con certificado de empresa e da xustificación da función desempeñada nela.

b) Por titulacións académicas oficialmente recoñecidas, distintas ás esixidas na convocatoria, que teñan relación co ámbito sociocultural definido. Poderase outorgar ata un máximo de 1,5 puntos.

b.1 Por ciclos formativos superiores de servicios socioculturais e atención á comunidade e actividades físico-deportivas: 0,25 puntos.

b.2 Por diplomaturas de ciencias da educación e da actividade física: 0,5 puntos.

b.3 Por licenciaturas de ciencias da educación e da actividade física: 1 punto.

c) Por participar en calidade de relator, dirixir, presentar comunicacións, paneis, coordinar ou tutorizar congresos, xornadas, cursos de formación, grupos de traballo, seminarios...recoñecidos por organismos oficiais que teñan relación co ámbito sociocultural definido. Outorgaranse 0,25 puntos por cada certificación acreditativa ata un máximo de 1,5 puntos.

d) Por asistencia a congresos, xornadas, ou cursos de formación impartidos por organismos oficiais que teñan relación co ámbito sociocultural definido. Outorgaranse 0,25 puntos por cada 10 horas de cursos superadas ata un máximo de 1 punto.

Tódolos méritos deberán ser alegados e probados documentalmente polos aspirantes no momento de presentaren a instancia na que soliciten tomar parte no concurso-oposición, con documentos orixinais ou compulsados debidamente, téndose por non achegados en caso contrario.

O tribunal poderá en calquera momento solicitar aclaracións e datos complementarios sobre os méritos alegados.

Antes da fase de oposición serán publicadas no taboleiro de anuncios do IMCE as puntuacións asignadas ós aspirantes polos méritos acreditados.

Desenvolvemento da oposición.

Constará de dúas probas que se realizarán no mesmo día. A primeira consistirá en desenvolver por escrito un tema determinado por sorteo inmediatamente antes da iniciación do exercicio e relacionado co temario que se xunta á convocatoria. A segunda consistirá no desenvolvemento dun suposto práctico que proporá o tribunal inmediatamente antes do comezo do exercicio, relativo ós contidos funcionais propios do posto. Os opositores disporán dun tempo máximo de catro horas para a realización dos dous exercicios.

Co fin de avalia-la adecuación dos candidatos ó perfil profesional da praza, a súa capacidade de expresión e aptitudes relativas ó desempeño do posto, ambos exercicios, o tema e o suposto práctico, leranse e defenderanse publicamente ante o tribunal, no lugar e hora que determine o presidente do IMCE. A orde de actuación dos aspirantes iniciarase pola letra que resulte do sorteo que efectúe a Secretaría de Estado para a Administración Pública ou, no seu

defecto, pola que determine o tribunal logo de sorteo realizado para o efecto.

A cualificación destes exercicios será conxunta, cualificándose cada unha das probas cun máximo de 10 puntos. Para superar esta fase será preciso obter unha puntuación mínima de 10 puntos.

A cualificación final do concurso-oposición estará determinada pola suma dos méritos do concurso e dos resultados obtidos na fase de oposición.

O tribunal, á vista dos resultados totais, proporalle ó órgano competente o nomeamento do aspirante que obtivese as maiores puntuacións, para efectos de formaliza-lo contrato laboral, e publicará no taboleiro de anuncios do IMCE o nome do candidato aprobado.

Oitava.-Presentación de documentos.

O aspirante proposto achegará dentro do prazo de vinte días naturais contados a partir da publicación do nome do candidato seleccionado, a seguinte documentación:

1. Fotocopia (que deberá presentarse co orixinal para compulsar) do seu documento nacional de identidade.

2. Copia autentificada ou fotocopia (que deberá presentarse co seu orixinal para compulsar) do título conn base no cal se procedeu á admisión, ou ben xustificante de cumprir tódolos requisitos para a súa expedición. Se estes documentos estivesen expedidos despois da data de terminación do prazo de presentación de instancias, deberá xustificarse a data en que finalizaron os correspondentes estudios.

3. Certificado acreditativo de posuí-la capacidade funcional para o desempeño das tarefas habituais da praza á que se aspira, que será expedido polo médico do persoal municipal.

4. Declaración xurada de non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio do Estado ás comunidades autónomas ou ás entidades locais, nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas por sentencia firme.

5. Declaración xurada de non estar incurso en ningún dos supostos de incapacidade específica conforme a normativa vixente.

6. Declaración xurada de non incorrer en ningún dos supostos de incompatibilidade establecidos na lexislación sobre a materia.

7. Fotocopia da cartilla da Seguridade Social (no caso de ter estado dado de alta).

8. Unha foto tamaño carné.

Para o suposto de que tivese a condición de empregado público, estará exento de xustificar documentalmente as condicións e requisitos xa demostrados para obte-lo seu anterior nomeamento, debendo presentar certificación do organismo do que dependa, acreditando a súa condición e demais circunstancias que consten no seu expediente persoal, ou folla de servicios.

Se se tratarse de nacionais de estados membros da Unión Europea, presentarán a documentación esixida pola Lei 17/1993, do 23 de decembro, ademais da sinalada nos números 2, 3, 5, 6 e 7 da anterior relación.

Novena.-Formalización do contrato e periodo de proba.

Se dentro do prazo indicado na base 8ª, salvo caso de forza maior, o aspirante proposto non presentase toda a documentación ou non reunise tódolos requisitos esixidos non poderá procederse á súa contratación, quedando anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo das responsabilidades en que puidese incorrer por falsidade na instancia na que solicitaba tomar parte no proceso selectivo.

A formalización do contrato laboral efectuarase no prazo de 5 días, contados desde a presentación de toda a documentación a que se fai referencia na base anterior.

Ata tanto non se formalice o contrato e non se incorpore ó traballo, o aspirante non terá dereito a ningunha prestación económica.

O contrato quedará sometido a un período de proba de seis meses.

Décima.

O tribunal queda autorizado para resolve-las dúbidas que se presenten e toma-los acordos necesarios para a boa orde do proceso selectivo no non previsto nestas bases.

Así mesmo, rexerán a lexislación básica do Estado sobre función pública e o R.D. 896/1991, polo que se establecen as regras e programas mínimos a que debe axustarse o procedemento de selección dos funcionarios de Administración local. No non previsto nelas, a regulamentación que para o ingreso na función pública establece a Comunidade Autónoma de Galicia e supletoriamente, o Regulamento xeral de ingreso do persoal ó servicio da Administración do Estado.

Décimo primeira.

As presentes bases serán publicadas no BOP e extracto no Boletín Oficial del Estado.

As bases da convocatoria e tódolos actos administrativos que se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados polos interesados mediante a interposición de recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses (artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa), ou ben, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o órgano autor do acto impugnado, no prazo dun mes (artigo 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administraciones públicas e do procedemento administrativo común), sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que estimen conveniente.

Temario anexo á convocatoria

1. A Constitución española de 1978: estructura e principios xerais.

2. Dereitos e deberes dos cidadáns.

3. Organización territorial do Estado. O Estatuto de autonomía de Galicia.

4. O réxime local español. Principios constitucionais e regulación xurídica.

5. O municipio. A organización municipal.

6. As facendas locais.

7. O acto administrativo. O procedemento administrativo.

8. O servicio público na esfera local. Modos de xestión dos servicios públicos.

9. Contratación das corporacións locais. Clases de contratos. A contratación administrativa.

10. Concepto, discurso e contidos da animación sociocultural.

11. A animación sociocultural e a pedagoxía do ocio.

12. A animación sociocultural e o desenvolvemento comunitario.

13. Animación sociocultural na infancia.

14. Animación sociocultural na mocidade.

15. Animación sociocultural nas persoas adultas.

16. Animación sociocultural e atención á diversidade.

17. A cidade como escenario; o papel da animación sociocultural no medio urbano.

18. A cidade educadora: recursos urbanos e animación sociocultural. Un caso práctico.

19. Pensar na cidade, investiga-la cidade e interpreta-la cidade; didáctica da cidade por descubrimento.

20. Servicios socioculturais desde un centro cívico.

21. A percepción das necesidades socioculturais do contorno urbano.

22. Elaboración e seguimento de proxectos e programas desde un centro cívico.

23. A animación sociocultural como práctica: estratexias metodolóxicas para un cambio social.

24. Dos centros de interese ós proxectos de traballo como modelos didácticos globalizadores na animación sociocultural.

25. Aprender a aprender; fases do proceso da información e estratexias de aprendizaxe.

26. Estratexias e modelos para acceder e usa-la información desde as novas tecnoloxías.

27. Aprender a facer; o desenvolvemento de competencias e procedementos na cidadanía.

28. Aprender a ser; o desenvolvemento dos valores cívicos desde a transversalidade.

29. Estratexias e técnicas para a formación de actitudes cidadás.

30. A avaliación de programas de animación sociocultural.

31. O perfil da persoa que traballa no ámbito da animación sociocultural: trazos e valores.

32. A formación permanente na animación sociocultural: modalidades de formación.

33. A linguaxe da animación na dinamización teatral.

34. A linguaxe da animación na música.

35. A linguaxe de animación nas actividades plásticas.

36. A linguaxe de animación nos itinerarios urbanos.

37. A linguaxe de animación e a cultura popular.

38. A linguaxe de animación e a publicidade.

39. A linguaxe de animación e a dinámica de grupos.

40. A linguaxe de animación e a participación social.

A Coruña, 16 de xullo de 2001.

José Luis Méndez Romeu

Presidente do Instituto A Coruña Espectáculos