Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 04 de setembro de 2001 Páx. 11.802

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental do 16 de xullo de 2001 do proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedeiro municipal de residuos urbanos do Rosal, en Pontevedra, promovido pola Subdirección de Calidade Ambiental e o Concello do Rosal.

Antecedentes.

O Real decreto lexislativo 9/2000, do 6 de outubro, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, estipula que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización de obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Á vista das características do proxecto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificou

o proxecto como sometido a avaliación de impacto ambiental con data do 17 de abril de 2001.

O proxecto ten como obxecto a adecuación, clausura e selaxe do vertedeiro do Rosal, localizado en Couselo, próximo a uns campos de viñedos, no espacio natural da Serra do Argalo.

No vertedeiro atópanse principalmente residuos urbanos soterrados sen pretratamento de incineración, aínda que parte deles atópanse incinerados. O volume destes residuos no momento da redacción do proxecto estímase nuns 12.500 m, prevéndose que no momento da súa clausura cheguen os 15.000 m.

Proxéctase a adecuación da masa de residuos para garantir unhas condicións óptimas de estabilidade e proceder posteriormente a illa-los residuos amoreados, controlar e xestiona-los gases xerados, controla-las augas superficiais como medida de reducción de lixiviados, captar, controlar e xestiona-los lixiviados producidos, e recupera-la calidade paisaxística da zona ocupada polo vertedoiro.

Na rexeneración proponse realizar unha sementeira de herbáceas e arbustivas e hidrosementeira de noiros coas seguintes especies: Lolium perenne, Lolium multiflorum, Trifolium pratense, Cytisus scoparius e Ulex europaeus. Ademais, plantarasen 10 unidades de Pinus pinaster.

No anexo I resúmese a situación actual e a prevista trala execución do proxecto, ademais das medidas preventivas e correctoras consideradas no estudio ambiental presentado.

O estudio ambiental do proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro de residuos urbanos do Rosal someteuse ó trámite de información pública, polo prazo de 30 días, mediante Resolución do 30 de abril de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 109, do 6 de xuño. O certificado de exposición pública na Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente en Pontevedra recíbese con data do 16 de xullo de 2001, non tendo constancia da presentación de alegacións.

Con data do 27 de abril de 2001 consúltase á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, tendo entrada o informe elaborado por esta Dirección Xeral o 13 de xullo de 2001.

No anexo II resúmese o contido do antedito informe.

Cuberta a tramitación, conforme se establece no Decreto 442/1990, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula para os sós efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedeiro de residuos urbanos do Rosal, promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o Concello do Rosal.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o Concello do Rosal, a obriga de asumi-lo mantemento e conservación das obras unha vez recibidas será do Concello do Rosal. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinado o documento proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedeiro de residuos urbanos do Rosal. Tomos I e II. Xullo 2000 e tendo en conta o carácter de corrección ambiental das obras, estímase a necesidade de realiza-lo proxecto.

Nembargantes, coa finalidade de optimizar estas medidas e co obxecto de minimiza-las posibles afeccións ambientais negativas, deberanse aplicar ademais das medidas que se propoñen no proxecto, as recollidas na presente declaración de impacto ambiental, todo isto para cumprir co disposto na Lei 10/1997, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

No caso de que exista contradicción entre o establecido na documentación avaliada e a presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Condicionado.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedeiro do Rosal.

2. Sobre o nivel sonoro ambiental.

Haberá que aterse ó disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (Diario Oficial de Galicia do 20 de agosto), así como ó estipulado, se é o caso, pola ordenanza municipal ó respecto.

3. Sobre a calidade do aire.

Durante a adecuación da masa de residuos, consideraranse as condicións metereolóxicas, evitando a remoción de residuos en presencia de vento, alta temperatura ou elevada pluviosidade.

Así mesmo, na escavación de residuos procederase á súa aireación, co obxecto de evitar explosións.

4. Sobre as augas.

Para calquera afección no dominio público hidráulico, zona de servidume e policía de leitos, consecuencia da realización do proxecto, así como para o vertido de efluentes, será preceptiva a autorización administrativa outorgada polo correspondente organismo de conca.

As regas previstas para evita-la emisión de po efectuaranse de xeito que se humecte o solo, pero non se formen encharcamentos nin regatos. Este aspecto tamén deberá ser tido en consideración durante os movementos de terras e residuos.

Terase en conta na execución dos movementos de terras e residuos, que non se impida o libre fluxo de auga, evitando a formación de encharcamentos ou doutras formas que dificulten a súa circulación.

Os lixiviados existentes na balsa no momento en que se proceda a executa-las obras de selaxe serán recollidos e entregados a un xestor autorizado. Na fase postclausura, os lixiviados recollidos na balsa serán conducidos ata unha estación depuradora de augas residuais segundo o proxectado.

Garantirase o adecuado tratamento das augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos.

As augas de escorrega superficial conduciranse a través das canles de intercepción proxectadas, incorporándose ó medio sen producir fenómenos erosivos mediante a colocación, se é o caso, de elementos disipadores de enerxía nos puntos de vertido.

Realizaranse periodicamente labores de mantemento, co fin de asegura-lo correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e de lixiviados.

As reparacións e cambios de aceite da maquinaria móbil realizaranse en talleres autorizados.

5. Sobre o solo.

Queda expresamente prohibido depositar calquera tipo de residuo fóra da superficie delimitada para o vertedeiro.

Os materiais sobrantes de escavacións, os residuos da obra e calquera outro elemento contaminante, xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexislación vixente. Os residuos almacenados temporalmente á espera da súa entrega a xestor autorizado, deberán poñerse en contedores localizados nun lugar debidamente sinalizado.

Tal e como se recolle no proxecto, o solo contaminado por lixiviados debido ó rebordamento producido nas balsa existente, serán selados xuntamente cos residuos.

Os materiais precisos para a adecuación e selaxe do vertedeiro deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada.

6. Sobre a restauración.

Ata asegura-la viabilidade da sementeira e da plantación, procederase á rega regular e ó aboado mineral de reforzo anual, á resementeira das superficies nas que se aprecie a presencia de calvas e á reposición de marras no caso de que se produzan.

7. Sobre a protección e control de accesos.

Adoptaranse as medidas precisas para evita-la aparición de focos de vertido, tanto na fase de adecuación e selaxe como na fase postclausura.

O peche perimetral deberá asegura-la súa función en todo momento.

8. Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo, o cumprimento das medidas protectoras

e correctoras consideradas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódolas incidencias que se produzan, rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro que estará á disposición da administración competente. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración dos informes a remitir a esta dirección xeral.

As analíticas que se van realizar serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar así mesmo a toma de mostras.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8.1. Informe final de obras.

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo, como mínimo os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Plano en planta a escala 1:500 dotado de coordenadas UTM, no que se localicen os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras, así como a localización exacta dos dispositivos de control. Este plano acompañarase de relación de coordenadas UTM que defina o perímetro da parcela.

c) Reportaxe fotográfica da zona, que reflicta o estado final do lugar. Esta reportaxe acompañarase dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

d) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados durante a obra, e que non puideron ser obxecto de depósito no vertedeiro, e do destino final das terras escavadas.

e) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso e vertido. Así mesmo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 9.2 desta declaración.

8.2. Informe de seguimento ambiental.

Presentarase con periodicidade semestral, contado desde o final das obras e ata que esta dirección xeral informe da súa finalización. O seu contido será o indicado no anexo 13. Plan de Seguimento e Control Ambiental do proxecto, debendo incluír ademais a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da entrega dos lixiviados a xestor autorizado.

b) Reportaxe fotográfica da superficie selada e revexetada, das zonas nas que quedaron implantados os diversos elementos, do peche perimetral e da eficacia do sistema de disuasión de vertidos. Esta reportaxe acompañarase dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

Se durante o período de control postclausura se producise unha variación significativa na calidade das augas superficiais ou nos lixiviados, ou un incremento importante na producción destes últimos, deberá notificarse inmediatamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control postclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la lista dos parámetros que hai que controlar, así como a frecuencia dos controis que hai que realizar.

9. Condicións adicionais.

9.1. O Concello do Rosal poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada a presente declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó concello o acordo adoptado.

9.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

9.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada, deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

9.4. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.

9.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia, poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

9.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial, das condicións impostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

9.7. A presente resolución adoptada por esta dirección xeral, non exime ó promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou normas subsidiarias.

9.8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

Resumo do proxecto

Localización e descrición do vertedoiro

LocalizaciónCouselo, Concello do Rosal

Superficie da parcela11.000 m

Superficie ocupada por residuos4.000 m

Superficie que hai que selar3.595 m (8.950 m que se vai

revexetar)

Volume de residuos actual12.491

Volume de residuos que hai que

selar

15.037 m

Tipos de residuosRSU, algúns incinerados

Tipo de vertedoiroRecheo de oco

Uso do vertedoiro8 anos

Situación actual e situación prevista coa realización do proxecto:

Situación actualProxecto

LixiviadosFondo impermeabilizadoNon, terreo naturalNon, terreo natural

Drenes lixiviadosSiSi

Captación de lixiviadosBalsa cubertaBalsa cuberta

TratamentoNon (vertido

directo)

Traslado a EDAR

GasesDrenesNonSi

CaptaciónNon3 pozos de

captación pasiva

TratamentoNonNon

PluviaisFoxos de recollida

perimetral

NonSi

Punto de verquidoNonÓ medio

CubertaLámina/capa

impermeable

NonSi

Terra vexetalNon30 cm

VexetaciónNonSi

EstabilidadeEstabilidadeSiSi

AccesosPosibilidade de accesoSiNon

Vixilancia

ambiental

Plan de vixilancia

ambiental

NonSi

Compoñentes do sistema de selaxe.

Superficie do vertedoiro

Capa de acondicionamento10 cm

Protección da capa de impermeabilizaciónXeotéxtil antipunzamento de 280 g/m

Capa de impermeabilizaciónLámina de PEAD de 2 mm de espesor

Capa de drenaxeXeodrén

Capa de cobertura70 cm de solo seleccionado e 30 cm de terra vexetal

Resumo das medidas preventivas e correctoras.

* A maquinaria empregada durante a fase de selaxe deberá cumprir coa lexislación vixente en materia de gases e ruídos de vehículos de motor. Caso de que non se cumpran os límites legais serán inmediatamente substituídas.

* Os residuos perigosos que se xeren durante a fase de selaxe (aceites, envases empregados con residuos perigosos, etcétera) xestionaranse conforme a lexislación vixente.

* Os materiais empregados nas labores de selaxe deberán cumprir tódolos controis de calidade e as especificacións técnicas necesarias.

* Terase especial coidado en que o levantamento de po durante a fase de construcción sexa o menor posible, cinguíndose unicamente ás zonas proxectadas.

* Protección das canles con herbáceas, co fin de evita-la erosión dos seus laterais.

* Localización e saneamento dos puntos de filtración de lixiviados, por medio do seu recubrimento e trala reparación da selaxe.

* No caso de que as canles de erosión e a acumulación de terras ó pé, indican que a vexetación exerce unha protección deficiente, pode recorrerse ó tratamento con estabilizadores de solos, mentres a vexetación se renova.

* Os afundimentos e saídas de fumes poden ser síntomas de enérxicas fermentacións locais, sendo en tal caso, recomendable levanta-las mouteiras afectadas extinguindo as combustións se as houber, ou parando a fermentación mediante achega de terras, seguida de remoción, compactación e restauración da selaxe.

* Os defectos de drenaxe poden esixir un subsolado seguido de adicións de material groso, para mellora-la textura.

* O control do estado da vexetación esixirá corrixi-los erros de plantación, mellorar e fertiliza-lo solo, e indaga-las causas polas que podan verse afectadas as zonas sen cobertura suficiente. A presencia

destas mouteiras indicará erros que haberá que identificar e corrixir: mala aplicación das técnicas de revexetación, asfixias de raíz por afundimento do substrato e asolagamentos.

ANEXO II

Resumo do informe

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural emite informe no que se recolle:

A documentación entregada está integrada polos documentos titulados:

* Proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedeiro municipal de residuos urbanos do Rosal (Pontevedra). Volume I. Memoria. Anexos á memoria.

* Proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedeiro municipal de residuos urbanos do Rosal (Pontevedra). Volume II. Planos. Prego de prescricións técnicas particulares. Orzamento.

Con base nesta documentación e no informe do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural emítese informe no que se recolle:

O vertedoiro sobre o que se pretende actuar localízase no concello do Rosal, tendo por enderezo Couselo, na parroquia de San Miguel de Tobogán.

O obxectivo do proxecto previsto é a adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro de referencia, que veñen persegui-los seguintes obxectivos particulares:

* Illamento dos residuos acumulados.

* Control e xestión dos gases xerados pola acumulación de residuos urbanos.

* Control das augas superficiais, como medida de reducción dos lixiviados.

* Captación, control e xestión dos lixiviados producidos.

* Recuperación da calidade paisaxística da zona ocupada por cada vertedeiro.

Revisada a documentación presentada exponse que os obxectivos que se perseguen, así como a súa presentación e desenvolvemento, imprimen unha calidade adecuada para a precisa integración ambiental. Non cabe polo tanto máis que referir que se adecue a execución e seguimento postclausura ó establecido no proxecto e estudio ambiental para así mante-los impactos negativos a un nivel de aceptabilidade.

Infórmase isto sempre dentro do ámbito competencial que lles é propio, polo que se emite este informe sen prexuízo das comunicacións, autorizacións ou outros informes que sexan precisos.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental