Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 03 de setembro de 2001 Páx. 11.707

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2001, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do texto do convenio colectivo do comercio téxtil da provincia de Ourense para o ano 2001.

Visto o texto do convenio colectivo do comercio téxtil da provincia de Ourense para o ano 2001 (código de convenio número 3200145), con entrada esta delegación provincial o día 7 de xuño de 2001, subscrito con data 28 de maio de 2001, dunha parte pola Asociación Empresarial do Comercio Téxtil de Ourense, en representación da parte empresarial, e doutra, pola central sindical Comisións Obreiras, en representación dos traballadores do sector. Esta delegación provincial de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Estatuto dos traballadors, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982,

do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo e demais normas aplicables de dereito común

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relación Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 15 de xuño de 2001.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo do comercio téxtil

da provincia

de Ourense para o ano 2001

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio aféctalles a tódalas empresas dedicadas ó comercio téxtil con centro de traballo na provincia de Ourense, aínda que a súa sede social tivera o seu domicilio noutra distinta, e servirálle-la súa aplicación igualmente ás empresas que durante a vixencia deste convenio se instalasen na provincia.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Este convenio aféctalles a tódalas empresas dedicadas ó comercio téxtil e a tódolos traballadores incluídos no ámbito de aplicación territorial deste, salvo os que exerzan funcións do alto consello ou alta dirección.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

As disposicións deste convenio comprenderán a todo o territorio da cidade de Ourense e da súa provincia.

Artigo 4º.-Vixencia, duración e denuncia.

Este convenio terá unha duración dun ano, desde o 1 de xaneiro de 2001 ó 31 de decembro de 2001, e será de aplicación na súa totalidade ata que se asine outro que o substitúa.

O convenio prorrogarase de ano en ano, mentres que calquera das partes non o denuncie con antelación de alomenos tres meses ó termo en que expire a prórroga en curso.

A forma de denuncia será mediante comunicación escrita da parte que inste a negociación, á outra parte na que se fará consta-la representación que ten, así como o ámbito de aplicación do convenio e modificacións que se propoña negociar.

Artigo 5º.-Publicidade.

As empresas afectadas por este convenio deberán ter un exemplar deste no centro de traballo para o coñecemento do persoal. Así mesmo, as empresas colocarán no taboleiro de anuncios copias dos boletíns de cotización á Seguridade Social, co fin de

que os traballadores constaten a súa situación laboral mensualmente.

Artigo 6º.-Soldo do convenio.

Os salarios das distintas categorías profesionais do persoal deste convenio son os que se detallan na táboa salarial que figura como anexo, respectándose para todo o persoal con contrato de traballo ou sen el unha vez cumpridos os 18 anos.

Artigo 7º.-Gratificacións extraordinarias.

As empresas deberán aboar tres pagas extraordinarias: unha en xullo, outra en decembro e outra de beneficios, pagadoira entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo. Cada unha estará integrada por unha mensualidade do salario total do convenio e o premio de antigüidade, que será estimado, de se-lo caso, sobre o salario actualizado á data en que sexa pagado, e incluso cos beneficios para aqueles que regulamentariamente ou por pacto os teñan recoñecidos de tal maneira que o importe destas ha de ser igual ó das mensualidades ordinarias, constituíndo 15 pagas anuais.

Artigo 8º.-Premio de antigüidade.

Os aumentos periódicos por anos de servicio serán cuadrienios na contía do 6% do salario base correspondente á categoría na que estea clasificado o traballador, e que figure neste convenio.

A acumulación dos incrementos por antigüidade non poderá, en ningún caso, supoñer máis do 10% ós 5 anos, do 25% ós 15 anos, do 40% ós 20 anos e do 60%, como máximo, ós 25 ou máis anos.

Artigo 9º.-Xornada laboral.

A xornada laboral para o 2001 será de 40 horas semanais, que normalmente se distribuirán de luns a sábado. A xornada terminará ás 13.30 horas do sábado para este ano exclusivamente.

Non obstante, os empresarios e traballadores afectados por este convenio poderán modifica-la distribución do horario laboral seguindo o establecido no artigo 41 do texto refundido do Estatuto dos traballadores, R.D.L. 1/1995, do 24 de marzo.

Os traballadores afectados por este convenio terán dereito a dous días laborables e non recuperables, como consecuencia da aplicación do calendario laboral. Estes días fixaranse de común acordo entre a empresa e os traballadores. Na falta de acordo, os traballadores terán dereito a goza-los días 9 e 23 de novembro.

Fíxanse como días para traballar como consecuencia das festas do Nadal, e de acordo coa tradición que se vén realizando, os seguintes sábados pola tarde do mes de decembro: o 15, 22 e 29, e o 5 e 12 de xaneiro de 2002.

Aqueles traballadores que realicen o seu traballo o sábado pola tarde terán dereito ó descanso equivalente e na mesma proporción ás horas traballadas, ou á súa compensación económica se así o acordan entre a empresa e os traballadores.

Como consecuencia da instalación en Ourense dunha gran superficie como é Continente, ámbalas partes manifestan que, no caso de que esta inflúa no comercio téxtil de Ourense, se reunirá a comisión

paritaria do convenio para analiza-la situación e toma-las medidas que se consideren máis idóneas para palia-la situación.

Artigo 10º.-Dereitos adquiridos.

Respectaranse os dereitos adquiridos así como as cantidades superiores pactadas a título persoal que teñan establecidas as empresas á entrada en vigor deste convenio.

Artigo 11º.-Compensación e absorción.

As melloras deste convenio serán compensadas e absorbidas ata onde alcance no cómputo anual con aqueloutras que puideran establecerse por disposición legal, que estiveran establecidas pola empresa salvo que expresamente se pacte o contrario.

Artigo 12º.-Premio por compensación da antigüidade.

Aqueles traballadores que leven polo menos 10 anos traballando na empresa e causen baixa nela de xeito voluntario a partir dos 64 anos terán dereito a gozar dun mes de vacacións retribuídas.

O gozo das vacacións retribuídas farase efectivo coa correspondente antelación ó cesamento efectivo da empresa, debendo comunicarlle o traballador fidedignamente a súa decisión de cesar voluntariamente.

A empresa entregaralle un certificado da concesión do mencionado premio de vacacións, acreditativo da solicitude deste por parte do traballador.

Artigo 13º.-Dereitos e garantías sindicais.

a) As empresas deben cumpri-la Lei 1/1995, do 24 de marzo, e os acordos nacionais asinados entre ámbalas partes sobre esta materia de forma clara e progresiva. Os delegados de persoal exercerán mancomunadamente ante o empresario a representación para a que foron elixidos, intervindo en cantas cuestións se presenten en relación coas condicións de traballo e de persoal que representan, formulando reclamacións ante a autoridade laboral, entidades xestoras da Seguridade Social segundo proceda sobre o cumprimento das relativas á seguridade e hixiene no traballo e Seguridade Social. Os comités de empresa recibirán información, que lles será facilitada trimestralmente, alomenos, sobre a situación de producción e vendas da empresa, sobre a súa programación de producción e evolución probable do emprego na empresa, coñece-lo balance de resultados, a memoria, e no caso de revesti-la forma xurídica de sociedade, dos demais documentos que se lles dean a coñecer ós socios e nas mesmas condicións

que a estes. Emitir informe con carácter anterior sobre a reestructuración de cadros de persoal e cadros bancarios.

b) En tódolos contratos, modificacións e prórrogas destes, poderase incluír xunto coa sinatura do empresario e traballador, a dun representante sindical dos traballadores, entendéndose por estes os membros das seccións sindicais, comité de empresa e delegados de persoal.

c) A dirección da empresa, no prazo de unha semana, entregarálle-la copia do contrato ou documento que o modifique ós representantes sindicais dos traballadores.

d) Cláusula sobre liquidacións. Tódolos recibos de liquidación deberán especificar con claridade, xunto cos demais conceptos que se lle deban ó traballador, os correspondentes atrasos de convenio e os derivados da aplicación das cláusulas de revisión.

e) As relacións laborais serán prioritariamente de carácter indefinido. Non obstante, cando as circunstancias o esixan, poderán realizarse contratos por tempo determinado, respectando o principio xeral de estabilidade e garantindo en todo caso a estricta causalidade da contratación. Por isto, a empresa notificaralles ós representantes dos traballadores para determinar se as circunstancias específicas xustifican o uso de calquera das modalidades de contratación temporal.

Artigo 14º.-Calendario laboral.

Tódalas empresas afectadas por este convenio están obrigadas a confeccionar un calendario laboral nos tres primeiros meses do ano.

Artigo 15º.-Vacacións.

As vacacións serán de 30 días naturais para todo o persoal afectado por este convenio.

Fixaranse de común acordo entre empresa e os representantes dos traballadores, que poderán convir na división do período en dous, para facilita-la realización de quendas rotativas conforme as necesidades dos traballadores e da empresa.

Artigo 16º.-Fomento á contratación.

De conforrnidade co establecido no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, en prol dunha menor precariedade do emprego que se deriva do actual ciclo económico, o contrato por circunstancias de mercado, ó que se refire o devandito artigo, poderá realizarse cunha duración mínima de 6 meses, e un máximo de 12 meses. O seu réxime xurídico será equivalente ó do contrato por tempo indefinido en canto ó gozo de beneficios salariais, complementos, etc.

Este contrato sométese a un réxime específico de extinción con esixencia de aviso previo escrito con, alomenos, 15 días de antelación e cunha indemnización de 12 días por ano traballado, entendéndose que esta indemnización corresponde por finalización do contrato ou das súas prórrogas. Se o contrato se rescindira antes de remata-la súa duración máxima, ou de cada unha das súas prórrogas por causa non imputable ó traballador, este terá dereito a percibi-la indemnización que legalmente lle corresponda por despedimento.

No suposto de non se produci-la extinción ó remate do tempo máximo de duración dos doce meses, se o traballador seguise prestándolle os seus servicios á empresa, o contrato transformarase en indefinido.

Este contrato só poderá realizarse a xornada completa.

As partes asinantes deste convenio comprométense a recornendarlles ós seus afiliados a utilización deste tipo de contrato, sempre que resulte aplicable, en lugar doutras modalidades de contratación temporal que están en vigor actualmente.

Artigo 17º.-Contratos formativos.

Os contratos para a formación regulados polo R.D. 488/1998 realizaránselles a traballadores maiores de 16 anos e menores de 21 anos. Terán unha duración máxima de 3 anos e mínima de 6 meses, de conformidade co estipulado no artigo 19 do R.D. 488/1998. No non previsto neste convenio, en relación cos ditos contratos, haberá que aterse ó sinalado no devandito real decreto e lexilación vixente.

A retribución será a seguinte:

No primeiro ano o traballador percibirá o 75% do salario da categoría do sector.

No segundo ano o 85% da categoría do sector.

No terceiro ano o 95% da categoría do sector.

Artigo 18º.-Contratos en prácticas.

Os contratos en prácticas regularanse polo preceptuado no R.D. 488/1998, se ben a retribución dos traballadores contratados non poderá ser inferior ó 70% do salario do convenio para a categoría profesional na que vaia realiza-las prácticas, para o primeiro ano, e o 80% do salario do convenio para a súa categoría profesional, para o segundo ano. No non previsto neste convenio, para esta contratación haberá que aterse ó sinalado no devandito R.D. 488/1998 e na lexislación que lle sexa de aplicación.

Artigo 19º

Modifícase o parágrafo 5º do número 1 do artigo 40 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, R.D.L 1/1995, do 24 de marzo, que terá a seguinte redacción:

O traballador que non optase pola extinción do contrato e se mostre desconforme coa decisión empresarial, poderá impugnala ante a xurisdicción competente. Neste caso o traslado non se levará a cabo ata a resolución xudicial firme sobre este, a sentencia que declare xustificado ou inxustificado o traslado. No caso de ser xustificado o traslado, o traballador incorporarase ó seu novo centro de traballo no prazo máximo de 10 días naturais, contados desde a notificación da sentencia.

En todo o demais manterase integramente o texto do artigo 40 do menciona do texto refundido.

Artigo 20º.-Horas extraordinarias.

Queda prohibida a realización de horas extraordinarias que non teñan caracter estructural.

Terán carácter estructural as que viñeran esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros danos que poñan en perigo as instalacións e/ou materias primas almacenadas, as derivadas de avarías que requiran a reparación inmediata, así como as debidas a cambios de tempada, exposicións ou reorganización do almacén.

O resto das horas extraordinarias só terán a consideración de estructurais cando exista acordo expreso cos representantes sindicais. Cando se constate que o número de horas extraordinarias supera a cantidade de 40 horas semanais nunha mesma sección ou servicio da empresa, esta procederá á contratación do número de traballadores necesario para substituí-la realización das ditas horas extraordinarias.

En todo caso, as horas extraordinarias serán compensadas con tempo de descanso a razón de 1,75 horas por hora extraordinaria realizada. O dito tempo de descanso gozarase de común acordo entre a empresa e os traballadores afectados, e unicamente serán remuneradas cando o traballador así o solicite.

A realización de horas extraordinarias rexistrarase día a día e totalizarase semanalmente, e entregaráselles unha copia resumo mensual ó traballador e outra ós representantes sindicais dos traballadores.

Artigo 21º.-Baixa por IT.

No caso de baixa por accidente de traballo percibirase o 100% do salario correspondente ó traballador en baixa a partir do primeiro día de baixa. No que respecta á enfermidade común ou profesional, o persoal en situación de IT percibirá con cargo á empresa, polo período dun ano como máximo, o salario que lle corresponda por este convenio, incrementado cos aumentos por anos de servicio.

Artigo 22º.-Igualdade no traballo.

Respectarase o principio de igualdade no traballo para tódolos efectos, e non se admitirá discriminación por razóns de idade, sexo, ideoloxía, raza ou minusvalidez, etc. Así mesmo, as empresas garantirán o percibo de igual salario en igual función.

Artigo 23º.-Réxime disciplinario para o acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto ou a intimidade e/ou contra a liberdade dos traballadores/as, conductas de acoso sexual verbais, graves ou leves en función da repercusión do feito (*), nos supostos que se leven a cabo servíndose da súa relación xerárquica coa persoa e/ou persoas con contrato laboral non indefinido, a sanción aplicarase no seu grao máximo.

O comité de empresa, a xunta de persoal, a sección sindical ou os representantes dos traballadores/as e a dirección de persoal da empresa, velarán polo dereito á intimidade do traballador/a afectado/a ou procurando silencia-la súa identidade cando así fora requirido.

(*) Dada a falta de normativa existente, poderá seguirse a descrición de sancións incluídas na Lei de infraccións e sancións na orde social, do 7 de abril de 1988.

Artigo 24º.-Protección á maternidade.

No caso de maternidade a empresa deberá concede-los permisos de 16 semanas ininterrompidas, ampliables por parto múltiple ata 18 semanas. O período de suspensión distribuirase a opción da interesada, sempre que as seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto, e poderán facer uso destas o pai para o coidado do fillo no caso de falecemento da nai.

Malia o anterior, no caso de que a nai e o pai traballen, aquela, ó iniciarse o período de descanso por maternidade poderá optar a que o pai goce de ata catro das últimas semanas de suspensión sempre que sexan ininterrumpidas e ó final do citado período, excepto que no momento da súa efectividade a incorporación ó traballo supoña un risco para a saúde.

No suposto de adopción, se o fillo adoptado é menor de 9 meses, a suspensión terá unha duración máxima de 8 semanas, contados a partir da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción. Se o fillo é menor de 5 anos e maior de 9 meses, a suspensión terá unha duración máxima de 6 semanas.

No caso de que o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

No non previsto neste convenio haberá que aterse ó sinalado na Lei 39/1999, do 5 de novembro, para promove-la conciliación da vida laboral e familiar.

Artigo 25º.-Cláusula de desvinculación.

As empresas afectadas por este convenio só podarán non aplica-lo réxime salarial pactado nel por acordo maioritario da comisión paritaria do convenio e referendo da maioría da totalidade do cadro de persoal de traballadores da empresa, ós que lles é de aplicación o convenio, mediante asemblea legalmente constituída. Ademais a disvinculación do réxime salarial deberá servir para superar unha situación de crise económica da empresa provocada por perdas nos últimos exercicios contables.

A empresa afectada deberá solicitarlle á comisión paritaria a aplicación desta cláusula por escrito, no que conste os datos da empresa, a reducción salarial proposta e a duración da desvinculación. Así mesmo, deberá achega-la documentación que lle sexa solicitada pola comisión paritaria para a resolución da petición, a cal deberá producirse no prazo dun mes.

No caso de considerar fundada a solicitude, a comisión paritaria establecerá o nivel retributivo para aplicar na empresa afectada, que en ningún caso lle afectará á estructura establecida para o salario do convenio.

En todo caso, o beneficio da non aplicación só se estende ata a finalización do período de vixencia establecido para o nivel retributivo vixente no momento da solicitada. Unha vez rematado este, a empresa deberá recupera-lo nivel establecido no convenio seguinte.

Os acordos da comisión paritaria e da asemblea de traballadores reflectiranse nas actas que se rexistrarán no SMAC.

Artigo 26º.-Inasistencias retribuídas.

O traballador, tralo aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) 15 días naturais no caso de matrimonio.

b) 2 días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, cando con tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días. Igualmente o traballador terá dereito a dous días no caso de hospitalización de fillos e parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade cando por tal motivo o traballador deba facer un desprazamento para o efecto o prazo será de catro días.

c) 1 día por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber público e persoal comprendido no exercicio do sufraxio activo. Cando conste nunha norma

legal ou convencional un período determinado, haberá que aterse ó que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido a máis do 20% das horas laborais nun período de 3 meses, a empresa poderá pasar ó traballador afectado á situación de excedencia regulada no número 1º do artigo 46 desta lei.

No suposto de que o traballador polo cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario a que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

f) Polo tempo indispensable para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto que deban realizarse dentro da xornada de traballo.

g) As traballadoras por lactación dun fillo menor de 9 meses terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora coa mesma finalidade Este permiso poderá ser gozado indistintamente pola nai ou o pai no caso de que ámbolos dous traballen.

h) Quen por razóns de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou a un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo coa diminución proporcional do salario entre, alomenos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todo o non previsto por este convenio haberá que aterse ó disposto na ordenanza laboral para o comercio en xeral en tanto en canto ámbalas partes non acorden a súa substitución por convenio en caso de que aquela fora derrogada, así como as demais disposicións legais vixentes.

Segunda.-As partes asinantes deste convenio son a Asociación Provincial de Empresarios do Comercio Téxtil de Ourense e a central sindical CC.OO. Todo isto de conformidade co previsto na Lei 1/1995, que aprobou o texto refundido do Estatuto dos traballadores.

Terceira.-Establécese unha comisión paritaria para a interpretación e vixilancia deste convenio, e baseándose na representación que teñen as ditas partes. Esta comisión paritaria estará composta por membros da patronal e sindicatos sinalados na disposición adicional segunda.

Cuarta.-Ámbalas partes fan constar que a táboa salarial que figura como anexo a este convenio supón un incremento con respecto á táboa do convenio do ano 2000 dun 4,5%.

Quinta.-Cláusula de revisión.

No caso de que o IPC superase a 31 de decembro de 2001 o 4%, efectuarase unha revisión salarial con efecto desde 1 de xaneiro de 2001

Sexta.-Cláusula de submisión ó AGA.

Ante a importancia que poida ter para a resolución de conflictos laborais a elaboración do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos (AGA) asinado pola Confederación de Empresarios de Galicia e as centrais sindicais UGT, CC.OO. e CIG, as partes asinantes deste convenio, durante a vixencia deste, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos en que están formulados.

Disposición derradeira

Ámbalas partes asinantes deste convenio acordan mante-las reunións e contactos que foran necesarios para a elaboración e estudio da situación real do sector do comercio téxtil, que poida permiti-la redacción e sinatura dun convenio de carácter xeral do comercio da provincia de Ourense, e se as condicións obxectivas así o aconsellaran.

Este convenio é asinado pola Asociación Empresarial do Comercio Téxtil de Ourense e o sindicato CC.OO.

ANEXO I

Táboa salarial

Xefe de compras e encargado xeral126.210 pesetas.

Xefe de sucursal e xefe administrativo112.824 pesetas.

Xefe de sección mercantil112.824 pesetas.

Encargado de establecemento108.840 pesetas.

Viaxante112.824 pesetas.

Corredor de praza108.440 pesetas.

Dependente107.699 pesetas.

Dependente maior118.462 pesetas.

Axudante94.234 pesetas.

Xefe administrativo126.261 pesetas.

Xefe de sección administrativo115.120 pesetas.

Contable caixeiro113.630 pesetas.

Oficial administrativo107.699 pesetas.

Auxiliar administrativo96.927 pesetas.

Auxiliar de caixa107.699 pesetas.

Escaparatista118.455 pesetas.

Axudante de montaxe96.927 pesetas.

Persoal de oficio96.927 pesetas.

Mozo especializado96.927 pesetas.

Mozo96.927 pesetas.

Telefonista96.927 pesetas.

Empaquetadora96.927 pesetas.

Costureira96.927 pesetas.

Operador técnico107.699 pesetas.

Persoal de limpeza675 pesetas.