Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Venres, 31 de agosto de 2001 Páx. 11.676

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2001, da Secretaría Xeral da Consellería de Medio Ambiente, pola que se fai pública a convocatoria de poxa para o alleamento das madeiras que se citan.

Por esta resolución convócase a poxa para o alleamento de madeiras dos lotes que se citan no anexo, e de acordo co disposto no Decreto 244/1998, do 24 de xullo, da Consellería de Medio Ambiente e na orde da Consellería de Medio Ambiente do 8 de setembro de 1998 (DOG do 16 de setembro).

A celebración da poxa terá lugar no edificio administrativo da Xunta de Galicia, sito na Ronda da Muralla, 70 de Lugo.

Para esta poxa rexerán as ordes antes citadas e mailos pregos de condicións técnico-administrativas xerais e particulares destas que figuran no expediente correspondente no Servicio de Montes e Industrias Forestais de Lugo, sito na Ronda da Muralla, 70 desa cidade, onde poderán ser examinados polos interesados a partir do día da publicación no DOG da presente resolución.

As ofertas poderanse presentar -durante os vinteseis días naturais seguintes ó da publicación no DOG da presente resolución- no rexistro da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente de Lugo ou en calquera das formas legalmente establecidas.

A apertura das proposicións será realizada pola mesa de contratación, que se reunirá ás once horas do noveno día hábil, que non cadre en sábado, contados a partir do termo do prazo de presentación das ofertas.

Cada licitador presentará dous sobres pechados para cada oferta. O sobre A coa documentación administrativa e o sobre B, coa oferta económica.

O sobre A, que contén a documentación administrativa, poderá ser único para tódalas poxas que se celebran ante a mesa e na mesma sesión.

Deberá conte-la seguinte documentación:

1. Acreditación da personalidade xurídica do empresario e, se é o caso, a súa representación.

2. Os xustificantes acreditativos de que están constituídas as fianzas provisionais, 2% do prezo de taxación, de acordo co disposto no artigo 35 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas.

3. Declaración responsable de non estar incursa en prohibición de contratar, consonte os artigos 15 a 24 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas.

4. Os que acrediten a cualificación empresarial do licitador.

5. Os que acrediten encontrarse ó día no cumprimento das obrigacións tributarias e da Seguridade Social impostas nas disposicións vixentes.

No caso de que o licitador estea dado de alta no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma deberá indicar na parte exterior do sobre o seu número, e incluír copia da inscrición da empresa no dito rexistro e os xustificantes acreditativos das fianzas provisionais.

O sobre B, recollerá a proposición económica e presentarase no modelo normalizado que se encontra ó dispor dos interesados no Servicio de Montes e Industrias Forestais de Lugo. Cada un dos lotes deberá figurar nun sobre B individual.

O adxudicatario constituirá a fianza definitiva do 4% do prezo de adxudicación dentro dos vinte días seguintes ó da data na que regulamentariamente se lle comunique que a adxudicación é definitiva.

Dentro dese mesmo prazo deberá aboar:

1. O importe total do remate ou o importe do primeiro prazo, segundo se indique no prego de condicións particulares de cada poxa.

2. O importe das taxas.

3. Os gastos proporcionais deste anuncio.

4. Os demais que se establezan nos pregos particulares de aproveitamento.

O adxudicatario deberá aboar, ademais das cantidades expresadas no anuncio, a porcentaxe que corresponda, segundo o réxime especial ou xeral que aplique a propiedade do monte, en concepto de IVE.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2001.

José Luis Aboal García-Tuñón

Secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente