Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Mércores, 29 de agosto de 2001 Páx. 11.552

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2001 pola que se convocan probas selectivas para o ingreso por promoción interna na súa escala administrativa.

En cumprimento do disposto nos estatutos desta universidade, aprobados por Resolución do 16 de setembro de 1993 (DOG do 22 de outubro), e co obxecto de atende-las necesidades de persoal de administración e servicios desta universidade.

Este rectorado, en uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 18 da Lei 11/1983, do 25 de agosto (BOE do 1 de setembro), de reforma universitaria, en relación co seu artigo 3.2º e), resolve convocar probas selectivas para o ingreso na escala administrativa da Universidade de Vigo con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir 97 prazas polo sistema de promoción interna. Reservaranse 3 prazas para persoas cun grao de minusvalía igual ou superior ó 33% (de acordo coa Lei 23/1988, do 28 de xullo), que de non cubrirse se acumularán ás da quenda de promoción interna.

1.2. O proceso selectivo constará de dúas fases, concurso e oposición, coas probas e puntuacións que se especifican no anexo I.

1.3. O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura no anexo II desta convocatoria.

1.4. As presentes probas selectivas axustaranse ó disposto na Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo; á Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 4/1991, e pola Lei 3/1995; ó Real decreto 364/1995, do 10 de marzo; ó Decreto 93/1991, do 20 de marzo; ós estatutos da Universidade de Vigo e ó disposto na presente convocatoria.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán posuí-los seguintes requisitos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes:

a) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

b) Ter cumpridos os dezaoito anos e non ter alcanzada a idade de xubilación.

c) Estar en posesión ou en condicións de obte-lo título de bacharelato superior, formación profesional de segundo grao ou equivalente. Así mesmo, considéranse equivalentes para efectos da presente convocatoria:

Ter aprobadas as probas de acceso á universidade para maiores de vintecinco anos ou en condicións de obte-lo certificado correspondente na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes.

De conformidade co establecido polo Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, na súa disposición adicional novena, ter unha antigüidade de 10 anos nun corpo ou escala de administración do grupo D, ou ter unha antigüidade de cinco anos e a realización do curso de formación convocado pola Resolución do 20 de abril de 2001.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non estar separado mediante expediente disciplinario de calquera das administracións públicas, nin inhabilitado para o desempeño de funcións públicas por sentencia firme. No caso de nacionais dun Estado estranxeiro non estar sometido a sanción disciplinaria ou condena penal firme que impida no seu Estado o acceso á función pública.

2.2. Ademais, os aspirantes deberán:

a) Ser funcionarios de carreira dalgún dos corpos ou escalas de administración do grupo D, acreditar unha antigüidade de, polo menos, dous anos de servicios efectivos prestados nos devanditos corpos ou escalas e estar a prestar servicios na Universidade de Vigo, na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

b) Ser persoal laboral fixo que estea a prestar servicios na Universidade de Vigo en postos reservados ó persoal funcionario, na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e acredite o cumprimento destes requisitos cunha antigüidade de polo menos dous anos.

Con carácter absolutamente excepcional e exclusivamente para os efectos de dar cumprimento ó plan 1998-2001 de promoción interna, os servicios recoñecidos ó abeiro da Lei 70/1978, do 26 de decembro, correspondentes a corpos ou escalas do grupo D, serán computables para efectos de antigüidade referida nos puntos 2.1.c) e 2.2.a)

3. Solicitudes.

3.1. As solicitudes para tomar parte nestas probas selectivas axustaranse ó modelo que figura como anexo III desta convocatoria e deberán presentarse acompañadas de fotocopia do DNI ou documento acreditativo de ser nacional dun Estado membro da Unión Europea, así como de copia dos títulos e diplomas acreditativos dos cursos alegados (alínea B.d. do anexo I).

3.2. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Vigo no prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3.3. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade de Vigo ou nos rexistros auxiliares dos campus de Ourense, Pontevedra e Lagoas-Marcosende, así como nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.4. Os aspirantes que concorran pola quenda reservada a minusválidos deberán facelo constar no recadro nº 7 da instancia, no recadro nº 6 indicarase o grao de minusvalidez que padecen e no recadro nº 8 as adaptacións de tempo e medios que, para a realización das probas, consideren necesarias.

3.5. Os erros de feito que se puidesen advertir, poderán emendarse en calquera momento, de oficio ou por pedimento do interesado.

3.6. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fixesen constar na súa solicitude, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 3.2. para a presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo non se admitirá ningún pedimento desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, o rector da Universidade de Vigo publicará no taboleiro de anuncios do Rectorado, no prazo dun mes, resolución pola que se aprobe a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos, con expresión das causas que motivaron a exclusión e o prazo de emenda dos posibles defectos, que será de 10 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación da devandita resolución.

4.2. Os aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o seu dereito a seren incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos da realización das probas mediante resolución que se publicará no taboleiro de anuncios do rectorado, e na que se indicará o lugar, data e hora de celebración do exercicio.

4.3. En todo caso, co obxecto de evitar erros e, no suposto de se produciren, para posibilita-la súa emenda en tempo e forma, os aspirantes comprobarán fidedignamente non só que non figuran na lista de excluídos, senón que os seus nomes constan correctamente na relación de admitidos.

5. Tribunal.

5.1. A composición do tribunal cualificador destas probas será publicada no taboleiro de anuncios do Rectorado cunha antelación de, alomenos, un mes respecto da data de inicio do exercicio e terá a categoría terceira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25).

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ó rector da Universidade, cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, ou se tivesen participado en tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas dentro dos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non se encontrar incursos nas circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992.

Así mesmo, os aspirantes poderán recusar ós membros do tribunal cando concorran as circunstancias citadas.

5.3. Logo da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal coa asistencia do presidente e o secretario ou, se é o caso, de quen os substitúa, e a metade alomenos dos seus membros. Nesta sesión o tribunal acordará tódalas decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.4. Para os efectos de celebración de sesións, deliberacións e adopción de acordos, requirirase a asistencia dos membros do tribunal especificadas no punto anterior.

5.5. O tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos. O procedemento de actuación do tribunal axustarase ó disposto na Lei 30/1992.

5.6. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que estime pertinentes, limitándose os ditos asesores a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas. Serán nomeados polo rector da Universidade de Vigo, por proposta do tribunal, mediante resolución que será publicada no taboleiro de anuncios do Rectorado, seralles de aplicación o previsto na base 5.2. e deberán pertencer ó grupo de titulación igual ou superior ó das prazas convocadas.

5.7. Os membros do tribunal cualificador deberán posuír titulación igual ou superior á esixida para ser admitido ás probas.

5.8. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos nos que resulta necesario, de forma que os aspirantes con minusvalidez gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ó resto dos aspirantes. Para as persoas con minusvalidez que o soliciten na forma prevista na base 3.4., estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios.

5.9. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos ante o tribunal, sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes, utilizando para iso os impresos aprobados pola orde do Ministerio da Presidencia do 18 de

febreiro de 1985 (BOE do 22) ou calquera outros equivalentes. O tribunal excluirá aqueles opositores que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.10. Para efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Rectorado da Universidade de Vigo, rúa Areal nº 46-Vigo, teléfono 986 81 20 00.

5.11. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos aspirantes iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra T, de conformidade coa resolución da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 14 de febreiro de 2001 (DOG do 23).

6.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

6.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun único chamamento sendo excluídos da oposición os que non comparezan, agás non casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal.

6.4. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración dos exercicios será efectuada polo tribunal nos lugares onde se celebrase o anterior, así como na sede do tribunal e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilita-la súa máxima divulgación, con 48 horas de antelación, polo menos á data sinalada para a súa iniciación.

6.5. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos aspirantes carece dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo da audiencia do interesado, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da Universidade de Vigo, comunicándolle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo aspirante na solicitude para os efectos procedentes.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluída a fase de oposición, o tribunal fará pública nos lugares de celebración deles e no rectorado a relación de aspirantes que os superasen, con indicación da puntuación obtida e do documento nacional de identidade.

7.2. Rematada a fase de oposición, e para os aspirantes que a superasen, o servicio de xestión de persoal expedirá de oficio, certificacións acreditativas dos méritos (consonte o disposto no anexo I) e o tribunal fará públicos os puntos obtidos na fase de concurso.

7.3. A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e na fase de concurso. Os puntos obtidos

nesta última en ningún caso poderán sumarse para efectos de supera-la fase de oposición. No caso de empate daráselle preferencia ó candidato que tivese maior antigüidade no corpo ou escala á que pertenza na data de remate do prazo de presentación de solicitudes. De persisti-lo empate acudirase á maior puntuación na fase de oposición, ó nivel de C.D., ó grao persoal consolidado e á formación, nesta orde.

7.4. O tribunal fará pública a lista de aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada un deles, fosen seleccionados, que en ningún caso poderá contar cun número de candidatos superior ó das prazas convocadas.

7.5. Rematado o proceso selectivo, o presidente do tribunal elevará ó rector a relación definitiva de aspirantes aprobados segundo o respectivo sistema de acceso e por orde de puntuación, na que constarán as cualificacións da fase de concurso e de cada un dos exercicios da fase de oposición, e a suma total.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de vinte días naturais, a partir do seguinte a aquel no que se fagan públicas as relacións definitivas de aprobados, estes deberán presentar no rexistro xeral da Universidade de Vigo:

Fotocopia compulsada do título ou certificación académica que acredite ter realizados os estudios para a obtención do título de bacharelato superior, formación profesional de segundo grao ou equivalente ou ben acreditación de ter realizado o curso previsto na base 2.1.

8.2. Os que dentro do prazo fixado, agás caso de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base 2.1, non poderán ser nomeados funcionarios e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

9. Nomeamento.

9.1. Concluído o proceso selectivo, aqueles que o superen serán nomeados funcionarios de carreira da escala administrativa da Universidade de Vigo, mediante resolución rectoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9.2. Por mor da natureza deste proceso selectivo, ós aspirantes que o superen e accedan á escala administrativa da Universidade de Vigo adxudicaráselles con carácter definitivo o posto que estivesen desempeñando nese momento.

9.3. A toma de posesión dos aspirantes que aproben o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da data de publicación da devandita resolución de nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

10. Norma derradeira.

A presente convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma esta

blecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ademais, a Universidade de Vigo poderá, se é o caso, proceder á revisión das resolucións do tribunal consonte o previsto na devandita lei.

Vigo, 23 de xullo de 2001.

Domingo Docampo Amoedo

Rector da Universidade de Vigo

ANEXO I

Exercicios e valoración

A) Fase de oposición:

Consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de 100 preguntas tipo test, con 4 respostas alternativas, das que só unha será correcta, baseado no contido do programa.

O tempo máximo de realización será de 120 minutos. Este exercicio terá carácter selectivo e eliminatorio.

Cualificarase de 0 a 100 puntos. As preguntas incorrectas non puntuarán negativamente.

B) Fase de concurso:

A puntuación máxima que se poderá acadar na fase de concurso será de 40 puntos. Valoraranse os seguintes méritos:

a) Antigüidade: valorarase a antigüidade na Administración pública referida ó día de remate do prazo de presentación de solicitudes, ata un máximo de 16 puntos, a razón de:

-1 punto por ano (0,08 por mes completo) de servicios prestados como funcionario de carreira ou funcionario interino do grupo D ou contratado laboral en postos de administración reservados a funcionarios do grupo D.

-0,60 puntos por ano (0,05 por mes completo) polos restantes servicios efectivos recoñecidos ó abeiro da Lei 70/1978, do 26 de decembro.

Non se computarán os servicios que se prestasen simultaneamente con outros igualmente alegados.

b) Grao persoal consolidado, segundo o grao persoal que se teña consolidado e formalizado a través do acordo de recoñecemento de grao pola autoridade competente o día de remate do prazo de presentación de solicitudes, outorgarase a seguinte puntuación:

GraoPuntos

206

195,5

185

174,5

164

153,5

143

132,5

12 ou inferior2

c) Nivel de complemento de destino, correspondente ó posto de destino definitivo que teña adxudicado a/o funcionaria/o o día de remate do prazo de presentación de solicitudes (o nivel de C.D. das/os funcionarias/os doutras administracións destinadas/os en comisión de servicios na Universidade de Vigo será o 14). Cualificarase do seguinte xeito:

Nivel C.D.Puntos

20 ou superior12

1910,7

189,4

178,1

166,8

155,5

14 ou inferior4,2

d) Cursos: valoraranse, ata un máximo de 6 puntos, os cursos directamente relacionados coas funcións propias dos corpos e escalas do grupo D, de acordo cos seguintes criterios:

Certificado de aptitude ou aproveitamento: 0,06 puntos/hora.

Certificado de asistencia: 0,04 puntos/hora

Curso de iniciación á lingua galega (ou validación): 0,04 puntos/hora (de non consta-la duración considerarase que esta foi de 60 horas).

Curso de perfeccionamento da lingua galega (ou validación): 0,06 puntos/hora (de non consta-la duración considerarase que esta foi de 75 horas)

No caso de acreditar máis dun grao de coñecemento só se computará o superior.

Cando no certificado non conste o número de horas, considerarase que a duración do curso é de 10 horas.

ANEXO II

Programa

I. Dereito administrativo.

1. A competencia administrativa. Delegación, avocación, encomenda de xestión e suplencia. Abstención e recusación.

2. Os interesados: concepto e capacidade de obrar. Representación. Dereitos públicos subxectivos e intereses lexítimos: concepto e diferencia. Dereitos dos cidadáns nas súas relacións coa Administración.

3. O acto administrativo: concepto, clases e elementos. A súa motivación e notificación. Eficacia e validez dos actos administrativos.

4. O procedemento administrativo: a Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Contido e ámbito de aplicación. Idea xeral da iniciación, ordenación, instrucción e terminación do procedemento administrativo.

5. Os recursos administrativos. Concepto e clases. Recurso ordinario e recurso de revisión. Revisión de oficio.

II. Xestión de persoal e Seguridade Social.

1. O persoal funcionario ó servicio da Administración pública de Galicia. Selección e provisión de postos de traballo. Promoción profesional dos funcionarios.

2. Adquisición e perda da condición de funcionario. Situacións dos funcionarios: supostos e efectos de cada unha delas.

3. Dereitos e deberes dos funcionarios. Sistema de retribucións e indemnizacións. Incompatibilidades. Réxime disciplinario.

4. O persoal laboral ó servicio das administracións públicas. Selección, deberes e incompatibilidades. O contrato laboral: contido, duración e suspensión. Convenios colectivos.

5. O sistema español de Seguridade Social na Lei xeral de Seguridade Social: estructura e contido. Afiliación, altas, baixas e cotización.

III. Xestión universitaria.

1. A Lei de reforma universitaria. A Lei de ordenación do sistema universitario de Galicia. As universidades. Natureza xurídica. Os estatutos das universidades. Organización académica: departamentos, institutos universitarios.

2. Os estatutos da Universidade de Vigo. Estructura e órganos de goberno. O estudio, a investigación e os servicios da Universidade de Vigo.

3. O profesorado da Universidade de Vigo: clases, réxime retributivo e incompatibilidades. Réxime xurídico do persoal de Administración e servicios da Universidade de Vigo.

4. Réxime xurídico do alumnado da Universidade de Vigo: dereitos e deberes. Acceso e permanencia. Obtención, expedición e homologación de títulos universitarios.

IV. Xestión financeira.

1. O orzamento. O ciclo orzamentario. O orzamento universitario.

2. Crédito orzamentario e modificacións orzamentarias. Liquidación e peche do exercicio. Control do gasto público.

3. A execución orzamentaria e a contratación administrativa. Especial referencia ó contrato de obras, de xestión de servicios públicos e de subministracións. Os contratos de asistencia técnica con empresas consultoras e de servicios.