De conformidade co disposto na base común 9, punto 6 da orde desta consellería do 8 de marzo
de 2001 (DOG do 12 de marzo), pola que se convocaban procedementos selectivos de ingreso e acceso ó corpo de profesores de ensino secundario e profesores técnicos de formación profesional, e procedemento de adquisición de novas especialidades polos funcionarios de carreira dos anteditos corpos, esta consellería
DISPÓN:
Primeiro.-Facer pública, por materias, a lista dos funcionarios do mesmo corpo que superaron o procedemento de adquisición de novas especialidades no anexo I desta orde.
Segundo.-Facer pública por corpos, materias e número de orde, a lista dos opositores que superaron os procedementos selectivos para o acceso ós corpos de profesores de ensino secundario e profesores técnicos de formación profesional nos anexos II e III desta orde, respectivamente.
Terceiro.-Os relacionados nos anexos II e III que estean cumprindo o servicio militar ou por outra causa para que, a xuízo da Dirección Xeral de Persoal, necesiten aprazamento da incorporación á fase de prácticas, deberano solicitar por escrito ante a Dirección Xeral de Persoal xuntando os documentos xustificativos.
Cuarto.-Os opositores aprobados relacionados nos anexos II e III deberán presentar ante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a documentación que se relaciona na base común 10 da Orde do 8 de marzo de 2001 (DOG do 12 de marzo), no prazo de 20 días naturais contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde.
Quinto.-Os participantes nestes procedementos selectivos poderán retira-la documentación presentada, eles mesmos ou por medio de persoa autorizada, no Servicio do Profesorado de Ensino Secundario, Formación Profesional e de Réxime Especial desta consellería (San Caetano-Santiago de Compostela), no prazo dun mes contado a partir de transcorridos dous meses desde a publicación desta orde.
Sexto.-A Dirección Xeral de Persoal adoptará tódalas medidas que sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.
Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2001.
P.D.
José Eduardo López Pereira
Director xeral de Universidades