Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Xoves, 23 de agosto de 2001 Páx. 11.287

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 31 de xullo de 2001 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público para a concesión de axudas para a realización de dous proxectos de investigación relativos ós centros de educación non universitaria de Galicia.

O Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento PGIDT 1999-2001 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 18 de decembro de 1998, prevé a utilización de diferentes instrumentos para levar a cabo a execución dos seus programas. Ademais dos instrumentos ordinarios, considéranse outros máis específicos, con frecuencia de utilización esporádica e que responden ós obxectivos concretos de cada programa. Neste epígrafe encádrase a presente convocatoria e con ela a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento pretende, en coordinación coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a realización de proxectos de

investigación relativos ós centros de educación non universitarios de Galicia, por parte de equipos de investigación integrados nunha institución pública da Comunidade Autónoma, co fin de estimula-la investigación sectorial no ámbito educativo.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

Un.-Convócase concurso público para a concesión de axudas para a realización de dous proxectos de investigación relativos ós centros de educación non universitaria de Galicia que versarán sobre os seguintes temas:

Proxecto A: «A investigación educativa en Galicia», que incluirá os seguintes obxectivos:

1. Obxectivo xeral:

a) Coñece-la investigación educativa realizada nos dez últimos anos no noso país co fin de dar pulo a liñas e propostas de interese pedagóxico e social, así como diagnostica-las necesidades de investigación educativa no inmediato futuro.

2. Obxectivos específicos:

a) Coñece-las características da investigación educativa en Galicia no período 1990-2000.

b) Coñece-las tendencias da investigación educativa na década 1990-2000.

c) Delimitar motivos, fontes e canles de financiamento da investigación educativa na nosa Comunidade Autónoma ó longo da derradeira década do século XX.

d) Propor liñas de traballo que supoñan a mellora da investigación e a do seu impacto no coñecemento e na práctica da educación.

Proxecto B: «A educación especial en Galicia: análise da situación actual e propostas de futuro», que incluirá os seguintes obxectivos:

1. Obxectivo xeral:

Realizar unha análise profunda da situación actual da educación especial en Galicia tendo en conta os problemas creados con motivo da integración de minorías étnicas, inmigrantes, alumnos con trastornos de conducta, etc.

2. Obxectivos específicos:

a) Análise da normativa actual en Galicia.

b) Necesidades educativas especiais neste momento.

c) Tipoloxía de centros e estructuras.

d) Valoración de resultados obtidos en función dos recursos empregados.

e) Necesidades que se acentúan no momento actual.

f) Análise comparada de lexislación co resto do Estado español.

g) Propostas de solucións a curto prazo.

Dous.-Para a concesión das axudas obxecto desta convocatoria destinarase, como máximo, un total de doce millóns de pesetas (12.000.000 de pesetas 72.121,45 euros) con cargo á aplicación orzamentaria 04.07.432A.740.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2001 e 2002, de acordo coa seguinte distribución:

Ano 2001Ano 2002Total

Proxecto A:4.000.000 de ptas.4.000.000 de ptas.8.000.000 de ptas.

24.040,48 euros 24.040,48 euros48.080,96 euros

Proxecto B:2.000.000 de ptas.2.000.000 de ptas.4.000.000 de ptas.

12.020,24 euros 12.020,24 euros24.040,48 euros

Artigo 2º

As solicitudes, no modelo oficial PXI-19 a carauta do cal se publica como anexo á presente orde e dispoñible na Internet nas direccións: http://www.cesga.es/sxid e http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm, co visto e prace do representante

legal do correspondente organismo, asinadas por investigadores de centros públicos de investigación da Comunidade Autónoma, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

-Composición do equipo que levará a cabo o correspondente estudio.

-Currículum vitae normalizado de cada un dos membros do equipo.

-O equipo investigador deberá dispoñer de tempo para a realización do proxecto solicitado; para tal efecto, indicaranse os proxectos vixentes de que dispoñen os seus membros así como a data de finalización destes, utilizando para iso o impreso de declaración de financiamento vixente que figura no modelo de solicitude.

-Metodoloxía que se vai empregar e medios dos que dispón o equipo para a realización do traballo.

-Plan do traballo.

-Prazo de execución do traballo (o traballo deberá estar acabado antes do 31 de decembro de 2002).

-Declaración xurada do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

As solicitudes presentaranse desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no DOG ata o 15 de setembro de 2001.

Non adaptarse ós termos da convocatoria será causa de desestimación da solicitude presentada.

Artigo 3º

Por parte dos servicios da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento comprobarase que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e, no caso de que a solicitude non estivera convenientemente cuberta ou acompañada da correspondente documentación, requirirase o solicitante para que, no prazo máximo de dez días, emende a falta e engada os documentos preceptivos, con indicación de que, de non facelo, considerarase desistido da súa petición e procederase, logo de resolución, ó arquivo desta, de acordo co disposto no artigo 71.1º da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

Artigo 4º

A selección dos beneficiarios das axudas, previa a súa valoración por expertos, será realizada por

unha comisión constituída por cinco membros, dos que tres serán designados pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (un deles actuará como presidente e outro como secretario), e os outros dous designados pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento. A comisión elevará a proposta de resolución ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública e ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que resolvan conxuntamente.

A comisión terá en conta os seguintes criterios:

-O informe técnico elaborado polos expertos.

-A valoración dos resultados obtidos, polos investigadores que formen equipo en proxectos realizados anteriormente.

-Os medios de que dispón o equipo.

-O plan de traballo.

Artigo 5º

O libramento da axuda realizarase a través do correspondente organismo, logo da presentación das correspondentes certificacións de gasto e de acordo coa normativa vixente. Poderán efectuarse anticipos ou pagamentos parciais segundo o establecido no artigo 41-un da Lei 4/2000, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001.

Así mesmo, antes do derradeiro pagamento, os beneficiarios presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Os beneficiarios quedan obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Ó finaliza-lo proxecto, os beneficiarios das axudas deberán presenta-lo informe final no que se resuma a totalidade do traballo realizado.

O incumprimento dos compromisos adquiridos de acordo cos termos do proxecto presentado e coas bases da presente convocatoria dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas, de conformidade co disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e da función pública e actuación administrativa.

Artigo 6º

O prazo máximo para resolve-las solicitudes presentadas ó amparo desta convocatoria será de 6

meses, contados a partir da publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que se deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó de recepción da correspondente notificación no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

De non estima-la presentación deste recurso poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó de recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

Artigo 7º

Os beneficiarios das axudas concedidas ó abeiro do disposto nesta orde quedan obrigados a facilitar toda información que lles sexa requirida pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. Así mesmo, os beneficiarios deberán proceder ó reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Artigo 8º

As resolucións de concesión de axudas dictadas ó abeiro da presente orde poderán modificarse no caso de alteración das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión.

Artigo 9º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2001.

Jaime Pita VarelaCelso Currás Fernández

Conselleiro da Presidencia eConselleiro de Educación e

Administración PúblicaOrdenación Universitaria