Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Venres, 17 de agosto de 2001 Páx. 11.041

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de xullo de 2001 pola que se establece o plan experimental de potenciación da aprendizaxe de linguas es-

tranxeiras nos institutos de educación se-

cundaria autorizados para o efecto.

A Orde do 30 de abril de 1999 pola que se fixou o plan experimental de potenciación de aprendizaxe de linguas estranxeiras nos institutos de educación secundaria establece as condicións para a participación do seu alumnado e profesorado. Este plan, en consonancia coas recomendacións do Consello de Europa, pretende establecer canles de acceso maioritario ás ensinanzas de idiomas que complementen as ensinanzas de réxime xeral para que o alumnado poida acceder a bolsas, estudios posteriores e estadías noutros países da Unión Europea e, deste xeito, asegurarlle a posibilidade de mobilidade laboral. Igualmente, coa finalidade de facilitarlle ó profesorado o acceso á información ligada á súa profesión e, así mesmo, de favorece-la utilización dos recursos da tecnoloxía da comunicación, cómpre poñer ó seu alcance unha oferta de ensino das linguas estranxeiras ligada ós seus intereses de ámbito profesional e á súa condición de persoa adulta.

Trala súa aplicación, a experiencia acumulada permite facer unha avaliación da primeira fase do plan que aconsella a introducción de modificacións que permitan a súa mellora. En consecuencia, a presente orde ten por finalidade realizar unha nova convocatoria que, mantendo o carácter experimental do plan, permita aproximarse a unha actuación máis definitiva.

O Real decreto 967/1988, do 2 de setembro, ordena con carácter xeral as ensinanzas correspondentes

ó primeiro nivel das ensinanzas especializadas de idiomas e o Real decreto 1523/1989, do 1 de decembro, establece os contidos mínimos para estas ensinanzas.

Por outro lado, a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece, no seu artigo 50.3º, que para acceder ás ensinanzas das escolas oficiais de idiomas será requisito imprescindible ter cursado o primeiro ciclo do ensino secundario obrigatorio ou estar en posesión do título de graduado escolar, do certificado de escolaridade ou de estudios primarios.

No contexto das accións de fomento da aprendizaxe de linguas estranxeiras que a administración educativa está a realizar na nosa comunidade, establécese o presente plan experimental de potenciación da aprendizaxe de linguas estranxeiras nos institutos de educación secundaria que inclúe a súa adscricción ás escolas oficiais de idiomas para a impartición neles das ensinanzas correspondentes ó ciclo elemental do primeiro nivel das ensinanzas especializadas de idiomas reguladas polo Real decreto 967/1988, do 2 de setembro, como tamén a formación lingüística de alumnos de ciclos formativos e profesores.

En consecuencia co anteriormente exposto, e en virtude das competencias que lle son atribuídas pola normativa vixente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O obxecto desta orde é establecer un plan experimental de potenciación da aprendizaxe de linguas estranxeiras a través dos institutos de educación secundaria.

2. Ábrese a convocatoria para a autorización destas ensinanzas nos institutos de educación secundaria que así o soliciten, de acordo co establecido no artigo 4º da presente orde.

3. Son ensinanzas do plan de potenciación de linguas estranxeiras as seguintes modalidades:

3.1. Modalidade 1: as ensinanzas correspondentes ó ciclo elemental do primeiro nivel das ensinanzas especializadas de idiomas reguladas polo Real decreto 967/1988, do 2 de setembro, e polo Real decreto 1523/1989, do 1 de decembro, que establece os contidos mínimos para estas ensinanzas. Estas cursaranse en réxime oficial e impartiranse con carácter complementario ás ensinanzas de réxime xeral. A finalidade será a de achegar estas ensinanzas ás localidades onde non haxa oferta oficial delas.

3.2. Modalidade 2: as ensinanzas dirixidas ó alumnado de ciclos formativos co fin de que desenvolva as capacidades comunicativas necesarias para poder optar por realiza-la formación en centros de traballo noutros países da Unión Europea e asegura-la posibilidade de mobilidade laboral que lle permita competir con outros cidadáns da Unión Europea no mundo do traballo.

3.3. Modalidade 3: as ensinanzas dirixidas ó profesorado para a adquisición de competencias concretas -comprensión e expresión oral e escrita- de tipo xeral ou ligadas a unha determinada especialidade profesional. Neste tipo de modalidade cabe a posibilidade de introducir diversos niveis.

4. As ensinanzas do presente plan experimental impartiranse durante o curso académico e cursaranse con carácter voluntario.

Artigo 2º.-Organización e profesorado.

1. Os centros ofertarán estas ensinanzas en horario que lles permita ós seus destinatarios asistir fóra do horario lectivo que estean a seguir.

2. O número mínimo de alumnos para constituír un grupo será de 15. Con carácter excepcional, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional poderá autoriza-la formación de grupos cun número menor de alumnos.

3. Estas ensinanzas poderán ser impartidas unicamente polo profesorado de idiomas con destino definitivo no centro.

4. Dado o carácter experimental do plan de potenciación, a súa posta en marcha non suporá en ningún momento incremento do cadro de persoal do centro.

5. As programacións didácticas dos departamentos de linguas estranxeiras incluirán, se é o caso, estas ofertas, no marco do establecido na normativa que define as distintas ensinanzas. As programacións didácticas das ensinanzas correspondentes ó ciclo elemental do primeiro nivel das ensinanzas especializadas de idiomas serán as establecidas polo correspondente departamento da escola oficial de idiomas á que estea adscrito o centro. En todo caso, estas programacións didácticas deberán aterse ó establecido no Real decreto 1523/1989, do 1 de decembro, polo que se aproban os contidos mínimos do primeiro nivel das ensinanzas especializadas de idiomas estranxeiros.

6. A coordinación das ensinanzas establecidas no plan experimental definido na presente orde, en cumprimento co disposto no artigo 75 do Decreto 324/1996, do 26 de xullo, recaerá no xefe ou xefa do departamento correspondente de linguas estranxeiras do instituto de educación secundaria no que se impartan.

Artigo 3º.-Calendario.

As clases para as tres modalidades seguirán o calendario escolar establecido para ás ensinanzas de réxime xeral.

Artigo 4º.-Autorización.

1. Os institutos de educación secundaria que estean interesados en impartir estas ensinanzas presentarán a súa solicitude na correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria antes do 30 de xuño, indicando o tipo de ensinanzas que pretenden ofertar de entre as que se sinalan no artigo 1º desta orde, así como o número de alumnos pre-inscritos por curso e nivel. Os centros de nova autorización na modalidade 1 só poderán imparti-lo 1º curso do ciclo elemental.

2. A delegación provincial remitirá as solicitudes á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, acompañadas do informe da inspección educativa, antes do 10 de xullo. No mesmo farase consta-la dispoñibilidade horaria do profesorado que vai imparti-la modalidade.

3. Tanto os centros de nova solicitude como os que xa están a participar no plan e non teñan o número mínimo de alumnos establecido no artigo 2º, deben cursa-la pertinente solicitude de autorización ante a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Sen este requisito non se reconocerá a participación no plan.

4. Correspóndelle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a autorización, antes do 31 de xullo, da impartición destas ensinanzas nos institutos de educación secundaria considerando a dispoñibilidade horaria do profesorado e os recursos existentes no centro e na localidade.

5. Os servicios provinciais da inspección educativa remitirán á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, antes do 31 de outubro, a relación de centros que estea a participar nas distintas modalidades, facendo consta-lo número de alumnos por grupo, curso, idioma e nivel.

Capítulo II

Modalidade 1: ensinanzas de réxime especial correspondentes ó ciclo elemental impartidas polas escolas oficiais de idiomas

Artigo 5º.-Acceso.

Poderán cursar estas ensinanzas os alumnos e alumnas que estean matriculados no segundo ciclo da educación secundaria obrigatoria, bacharelato ou formación profesional específica. O alumnado que

non estivera matriculado previamente nestas ensinanzas de réxime especial de idiomas poderá acceder a 2º ou 3º curso do ciclo elemental tras supera-la proba oficial de nivel das escolas oficiais de idiomas.

Artigo 6º.-Matrícula.

1. A matrícula para cursa-las ensinanzas establecidas na presente orde realizarase nos institutos de educación secundaria nos que se vaian impartir. Estes centros serán considerados adscritos á escola oficial de idiomas que por criterios de proximidade xeográfica lles corresponda e, xa que logo, os seus alumnos estarán matriculados e recibirán as certificacións oficiais de dita escola.

2. A preinscrición para a modalidade 1 realizarase do 15 ó 30 de xuño e a matrícula formalizarase do 1 ó 14 de setembro, debendo xunta-la documentación que se determine para o efecto e, se é o caso, o xustificante do pagamento das taxas que correspondan.

3. Os institutos de educación secundaria remitiranlle á escola oficial de idiomas a que estean adscritos, non máis tarde do 20 de setembro, a documentación dos alumnos que se matriculen nas ensinanzas do ciclo elemental das ensinanzas especializadas de idiomas, xuntando unha certificación da dirección de que os alumnos cumpren os requisitos.

Artigo 7º.-Distribución horaria.

Estas ensinanzas, concebidas como complementarias das de réxime xeral, terán unha asignación horaria de tres horas lectivas semanais para o 1º curso do ciclo elemental e de catro para o 2º e 3º curso.

Artigo 8º.-Memoria.

1. Os centros que estean a participar na modalidade 1 deberán remitir á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, antes do 30 de xuño, unha memoria final.

2. A devandita memoria deberá recoller alomenos os seguintes epígrafes: resultado da avaliación continua (número de alumnos e alumnas presentados ás probas parciais e finais, porcentaxe de aprobados e cualificacións obtidas, calendario e lugar de realización das probas finais); coordinación entre a escola oficial de idiomas e o instituto de educación secundaria adscrito. Deberá leva-lo visto e prace do xefe/a de departamento. Así mesmo, deberase xunta-la relación dos desprazamentos, coas correspondentes datas e horas de comenzo e remate, que o profesorado realizou a outro centro ou á escola oficial de idiomas para as reunións de coordinación ou probas finais, xunto coa folla oficial de datos de axudas de custo debidamente cubertas en tódolos seus epígrafes.

3. Igualmente, tralas probas de setembro deberá remitirse memoria dos exames finais e relación de desprazamentos. En ámbolos dous casos, xuño e setembro, deberá consta-lo visto e prace da dirección do centro.

Artigo 9º.-Avaliación e acreditación.

1. O profesorado que imparta estas ensinanzas realizará unha avaliación continua do proceso de aprendizaxe dos alumnos.

2. Para os alumnos e alumnas que, ó abeiro da presente orde, cursen as ensinanzas do ciclo elemental das ensinanzas especializadas de idiomas, convocaranse ó remate de cada curso, nas condicións que se determine, probas finais tanto orais como escritas. Estas probas serán avaliadas conxuntamente por un profesor de educación secundaria e un profesor da escola oficial de idiomas que corresponda. A cualificación final destes alumnos deberá incluír tanto o resultado obtido na proba final como o no proceso de avaliación continua ó longo do curso.

3. Ós alumnos e alumnas que superen o ciclo elemental das ensinanzas especializadas de idiomas, a escola oficial de idiomas que corresponda expedirálle-la correspondente certificación académica da que se deixará constancia no seu expediente, de acordo co establecido no Real decreto 967/1988, do 2 de setembro.

Capítulo III

Modalidade 2: ensinanzas de idiomas dirixidas ó alumnado de ciclos formativos

Artigo 10º.-Acceso.

Terán acceso a estas ensinanzas tódolos alumnos que estean cursando un ciclo formativo. Os alumnos que poden acceder poden ser non só do propio centro senón tamén doutros.

Artigo 11º.-Inscrición.

As inscricións para esta modalidade deberán efectuarse no centro que estea a imparti-la devandita modalidade, na primeira quincena de setembro. No caso dos alumnos procedentes doutros centros, deberán xuntar unha certificación expedida polo seu centro conforme cumpren o requisito establecido no artigo anterior.

Artigo 12º-Distribución horaria.

Ás ensinanzas correspondentes a esta modalidade, concibidas como complementarias das ensinanzas de réxime xeral, corresponderálle-lo seguinte horario:

1. Dous períodos lectivos semanais para o alumnado que curse un ciclo formativo que inclúa algún módulo de lingua estranxeira.

2. Tres períodos lectivos semanais para o alumnado que curse un ciclo formativo que non inclúa algún módulo de lingua estranxeira.

Artigo 13º.-Memoria.

1. Os centros que estean a participar nesta modalidade deberán remitir á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, antes do 30 de xuño, unha memoria final.

2. Dita memoria final deberá recolle-los seguintes apartados: programa levado a cabo, obxectivos acadados, actas de asistencia e acta final na que se faga consta-la modalidade, o idioma e o nivel coas cualificacións de apto ou non apto e o DNI dos asistentes. Na devandita acta deberá figura-lo visto e o prace do director.

Artigo 14º.-Avaliación e acreditación.

1. O alumnado que ó final do curso obteña puntuación positiva recibirá unha acreditación expedida polo centro educativo de ter realizado un curso académico no idioma e no nivel de coñecementos correspondente, de acordo co que se especifique na acta de avaliación final.

Capítulo III

Modalidade 3: as ensinanzas de linguas

estranxeiras dirixidas ó profesorado

Artigo 15º.- Acceso.

Estas ensinanzas están destinadas ó profesorado de centros educativos sostidos con fondos públicos. Poden acceder non só os profesores do propio centro senón tamén doutros.

Artigo 16º.-Inscrición.

As inscricións para esta modalidade deberán efectuarse no centro que impartirá as ensinanzas, na primeira quincena de setembro. No caso dos profesores que pertenzan a outros centros, deberán xuntar unha certificación, expedida polo seu centro, conforme se cumpre o requisito establecido no artigo anterior.

Artigo 17º.-Distribución horaria.

Estas ensinanzas terán unha asignación horaria de dous períodos lectivos semanais.

Artigo 18º.-Memoria.

1. Os centros que estean a participar na modalidade 3 deberán remitir á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, antes do 30 de xuño, unha memoria final .

2. Esta memoria final deberá recolle-los seguintes epígrafes: programa levado a cabo, obxectivos acadados, actas de asistencia e acta final na que se faga constar a modalidade, o idioma e o nivel coas cualificacións. Na devandita acta deberá figura-lo visto e o prace do director.

Artigo 19º.-Avaliación e certificación.

1. O profesorado que obteña avaliación positiva recibirá unha certificación de 50 horas de formación permanente no idioma e o nivel de coñecementos que corresponda. A devandita certificación será expedida pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional á vista das actas presentadas polos centros. Establecerase un sistema de comprobación da asistencia, que será obrigatoria nun 85% da duración total destas ensinanzas.

Disposiciones transitorias

Primeira.-De forma excepcional, no curso 2001-2002 no referente o artigo 6º non será obrigatorio ter feita a pre-inscrición no mes de xuño. A matrícula para a modalidade 1 realizarase na segunda quincena do mes de setembro, xunta-la documentación que se determine para o efecto e, se é o caso, o xustificante do pagamento das taxas que correspondan.

Segunda.-Os directores dos centros de educación secundaria remitiranlle á escola oficial de idiomas á que estean adscritos, non máis tarde do 15 de outubro, a documentación dos alumnos que se matriculen nas ensinanzas do ciclo elemental das ensinanzas especializadas de idiomas, xuntando unha certificación de que os alumnos cumpren os requisitos.

Terceira.-De forma excepcional no curso 2001-2002 no referente ós artigos 11º e 16º as inscricións para as modalidades 2 e 3 realizarase na segunda quincena de setembro.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada a Orde do 30 de abril de 1999 (DOG do 3 de xuño), pola que se establece o plan experimental de potenciación da aprendizaxe de linguas estranxeiras nos institutos de educación secundaria autorizados para o efecto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional e a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dictar cantas normas sexan oportunas para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria