Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Venres, 03 de agosto de 2001 Páx. 10.601

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 11 de xullo de 2001 pola que se declara de interese galego a Fundación Nazareth e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 28 de xuño de 2001 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 6 de xuño de 2001, pola que se clasifica como de interese benéfico-asistencial a Fundación Nazareth, adscribíndoa á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 7 dos seus estatutos, ten como obxecto traballar pola integración social das persoas marxinadas e/ou colectivos con problemas de carácter social, para a mellora da súa calidade de vida e conseguir unha integración social plena en tódolos ámbitos: persoal, familiar, cultural, social, profesional, sanitario etc.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Nazareth, ó cumpri-los seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación Nazareth no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a lle render contas anualmente ó protectorado e xustificar a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como presentarlle o proxecto de orzamento ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2001.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais