Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Xoves, 02 de agosto de 2001 Páx. 10.526

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 179/2001, do 12 de xullo, polo que se acepta a cesión, a título gratuíto, do uso dun local situado no polígono de Labañou, termo municipal da Coruña, feita polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para instalar unha aula para cursos de formación ocupacional.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo acordou, mediante Resolución do 10 de setembro de 1998, a cesión do uso e desfrute, polo prazo de dez anos, do local situado no polígono de Labañou, termo municipal da Coruña, para instalar unha aula para cursos de formación ocupacional.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da dita lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Instituto Galego da Vivenda e Solo acordou a cesión de uso, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de xullo de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase, nos termos fixados na resolución da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo con data do 10 de setembro de 1998, a cesión gratuíta do uso feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia. Inmoble denominado local nº 15, co número de conta 9015, bloque F-portal nº 11, que está integrado no conxunto urbano situado na parroquia de San Pedro de Visma, lugar de Labañou, termo municipal da Coruña. O dito bloque F está composto de dúas plantas e ático. Fai ponte sobre a rúa interior que serve de entrada ó conxunto urbano. Contacta coa citada rúa a través dunha pequena parte edificada no extremo esquerdo del, na que se atopan o portal, cun pequeno vestíbulo, a caixa de escaleiras e a do ascensor. Todo o bloque está destinado a un único local de uso comunitario, de 576,15 m de superficie útil. Figura inscrito no

Rexistro da Propiedade nº 2 da Coruña, no libro 972, folio 70, predio 63.986 N, inscrición 2ª.

Artigo 2º

O inmoble do que se cede o uso destinarase pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a aula para cursos de formación ocupacional.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, doce de xullo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda