Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Venres, 27 de xullo de 2001 Páx. 10.292

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de xuño de 2001 pola que se convocan premios á innovación educativa.

A calidade da educación depende en grande medida da capacidade dos profesores e do sistema educativo para renovarse de acordo coas novas demandas sociais, as circunstancias sempre cambiantes do alumnado, os novos coñecementos científicos e didácticos, e os correspondentes métodos e instrumentos que estes coñecementos permiten. A innovación educativa, ó introducir novidades ou renova-la práctica docente, constitúe un elemento interno da calidade da educación.

O desenvolvemento dos currículos de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato para a Comunidade Autónoma de Galicia, é competencia dos centros, tanto a nivel de proxecto curricular como de programación de aula. Neste marco de desenvolvemento curricular, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pretende impulsa-la innovación educativa nos niveis non universitarios e recoñece-lo traballo realizado polos profesores e profesoras que, individual ou colectivamente, están a levar adiante prácticas educativas innovadoras. Por todo isto, a presente orde establece as bases para a convocatoria e concesión de premios á innovación educativa.

En consecuencia co anteriormente exposto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das competencias que ten atribuídas,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é a convocatoria de dezaseis premios á innovación educativa para as distintas etapas correspondentes ás ensinanzas non universitarias.

Artigo 2º.-Dotación económica.

Os dezaseis premios ós que se alude no artigo anterior estarán dotados economicamente segundo a seguinte distribución:

Un primeiro premio de 250.000 pesetas.

Cinco segundos premios de 150.000 pesetas.

Dez terceiros premios de 100.000 pesetas.

A cantidade total destinada a premios é, polo tanto, de dous millóns de pesetas, e o seu pagamento farase con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.322I.640.1 unha vez realizada a retención correspondente.

Artigo 3º.-Condicións.

1. Poderá participar na presente convocatoria o profesorado dos centros públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que estea en activo e imparta ensinanza nos niveis non universitarios.

2. Os concursantes, de xeito individual ou en grupo, deberán presentar un traballo de aplicación práctica na aula sobre calquera aspecto do currículo desenvolvido antes da data límite de entrega.

3. Os traballos presentados poderán abranguer calquera etapa, ciclo ou curso do ensino non universitario, e deberán explicita-los aspectos establecidos no punto 8 do presente artigo.

4. Os traballos que concorran deberán ser orixinais e non premiados con anterioridade.

5. O prazo de presentación dos traballos finaliza o 30 de setembro de 2001.

6. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá proceder á reproducción, publicación e divulgación daqueles traballos que resulten premiados.

7. Os concursantes deberán presenta-lo traballo en soporte informático e en soporte papel (no caso do software educativo presentarase en papel unha descrición breve das súas características e finalidades), por triplicado, no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través das distintas delegacións provinciais ou polas canles establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de proceder ó envío certificado por correo, a instancia que debe acompaña-lo traballo estará datada e cuñada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

8. Os traballos deberán ir acompañados da seguinte documentación:

a) Instancia dirixida á directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, asinada polo autor ou, se é o caso, polo coordinador responsable do grupo de traballo, segundo o modelo do anexo da presente orde.

b) Certificación do director do centro educativo, acreditativa de que os concursantes prestan os seus servicios como persoal docente no devandito centro ou de que estiveron destinados neste durante a realización da experiencia.

c) Memoria descritiva, dun máximo de 20 folios, da experiencia educativa, na que se reflectirá a xustificación da actividade no marco do proxecto curricular de etapa e da programación de aula, os obxectivos e contidos desenvolvidos, a metodoloxía empregada, datas ou períodos da súa realización, desenvolvemento da experiencia e criterios e procedementos de avaliación. Farase fincapé na transferibilidade da experiencia e no traballo en equipo. Igualmente, poderá consta-la valoración, tanto dos profesores como dos alumnos participantes, sobre o traballo realizado respecto da consecución dos obxectivos previstos.

d) Anexos dos traballos ou actividades realizados polos alumnos durante a experiencia, se procede.

e) Declaración xurada de que a experiencia educativa presentada non foi premiada con anterioridade.

Artigo 4º.-Composición e funcións da comisión.

1. Os traballos que concursen e se axusten á presente convocatoria serán examinados e avaliados por unha comisión composta polos seguintes membros:

A directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, ou persoa na que delegue, que actuará de presidente.

O subdirector xeral de Ordenación Educativa.

A subdirectora xeral de Formación Profesional e de Educación de Adultos.

O inspector xefe da Inspección Central.

O xefe do servicio de Ordenación e Innovación Educativa.

Un funcionario ou funcionaria do servicio de Ordenación e Innovación Educativa, que actuará como secretario, con voz pero sen voto.

2. A comisión, se é o caso, poderá contar co asesoramento de especialistas.

3. Os premios poderán ser declarados desertos.

4. Con carácter excepcional, e por acordo motivado da comisión, a directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional poderá efectua-la redistribución dos premios declarados desertos entre os adxudicados.

5. O prazo máximo de resolución será de tres meses contados a partir da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

6. A proposta de concesión de premios emitida pola comisión avaliadora elevarase ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1892, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 5º.-Certificación.

A Administración educativa poderalles recoñecer ós participantes os traballos dos cales sexan avaliados positivamente, mediante expedición de certificado, as actividades de innovación realizadas no marco da presente convocatoria.

Artigo 6º.-Retirada da documentación.

Os interesados ou os seus representantes legais poderán retira-la documentación dos traballos non premiados, na Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional no prazo de 30 días a partir da publicación da resolución da presente convocatoria.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria