Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Xoves, 26 de xullo de 2001 Páx. 10.218

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 2001, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, pola que se regula o acceso e a admisión de alumnado ós ciclos formativos das familias profesionais de Artes Plásticas e Deseño durante o curso 2001-2002.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, establece que as ensinanzas de artes plásticas e deseño comprenderán os estudios relacionados coas artes aplicadas, os oficios artísticos e o deseño nas súas diversas modalidades, así como a conservación e restauración de bens culturais, organizadas en ciclos formativos de grao medio e grao superior.

A disposición adicional quinta do Real decreto 676/1993, do 7 de maio, pola que se establecen as directrices xerais sobre os títulos e as correspondentes ensinanzas mínimas de Formación Profesional, dispón que as ensinanzas de artes plásticas e deseño se organizarán en ciclos formativos conforme o que nel se indica.

O Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, modificado polo Real decreto 173/1998, do 16 de febreiro, establece o calendario de implantación dos ciclos formativos de artes plásticas e deseño.

A Orde do 25 de abril de 2000 (DOG do 30 de maio) pola que se regulan as probas de acceso ós ciclos formativos de grao medio e grao superior das familias profesionais de Artes Plásticas e Deseño, establece o proceso de admisión para quen non reúne os requisitos académicos establecidos con carácter xeral e para aquelas persoas que, reunindo os requisitos académicos, deben supera-la proba específica definida na mesma orde.

Na súa virtude, esta dirección xeral

DISPÓN:

I. Condicións de acceso.

Primeiro.-Acceso directo a ciclos formativos de grao medio.

Terá acceso directo ós ciclos formativos de grao medio de Artes Plásticas e Deseño o alumnado:

a) Que posúa o título de técnico ou técnico superior de Artes Plásticas e Deseño nunha especialidade da mesma familia profesional á que pretenda acceder.

b) Que teña superado os tres cursos comúns correspondentes ó plan de estudios de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos que establece o Decreto 2127/1963, do 24 de xullo (BOE do 6 de setembro) e que se desenvolve pola Orde do 27 de decembro de 1963 (BOE do 23 de xaneiro de 1964).

c) Que superara os dous cursos comúns do plan experimental de ensinanzas artísticas da Comunidade Autónoma de Galicia establecido polo Decreto 179/1988, do 7 de xullo (DOG do 18).

Segundo.-Acceso directo a ciclos formativos de grao superior.

Terá acceso directo ós ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño o alumnado que:

a) Posúa o título de bacharelato na modalidade de Artes e teña superada a materia de fundamentos de deseño, así como as dúas materias de modalidade

que se determinan para cada ciclo formativo no anexo I desta resolución.

b) Teña superados os estudios experimentais de bacharelato artístico definido na Orde do 21 de outubro de 1986 (BOE do 6 de novembro).

c) Posúa o título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño noutro ciclo formativo da mesma familia profesional.

d) Estea graduado en Artes Aplicadas e Oficios Artísticos da familia profesional á que pretenda acceder.

Terceiro.-Acceso mediante proba a ciclos de grao medio e a ciclos de grao superior.

Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, terán acceso ós ciclos formativos de grao medio e superior aquelas persoas que, non reunindo as condicións académicas descritas nos puntos primeiro e segundo desta resolución, superen a proba de acceso respectiva regulada na Orde do 25 de abril de 2000 (DOG do 30 de maio).

II. Admisión en centros sostidos con fondos públicos.

Cuarto.-Distribución da oferta de prazas.

Nos centros sostidos con fondos públicos, as prazas dispoñibles para cursar cada ciclo formativo distribuiranse do seguinte xeito:

-Grao medio: os centros reservarán un 10% das prazas dispoñibles para quen estivera en posesión do título de técnico ou técnico superior correspondente a outro ciclo formativo da mesma familia profesional.

Reservarán, así mesmo, outro 10% das prazas para os aspirantes que tivesen cursado con aproveitamento os tres cursos comúns de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos dos plans de estudios que establece o Decreto 2127/1963, do 24 de xuño (BOE do 6 de setembro), que se desenvolve pola Orde do 27 de decembro de 1963 (BOE do 23 de xaneiro de 1964), ou os que superasen os dous cursos comúns do plan experimental de ensinanzas artísticas da Comunidade Autónoma de Galicia establecido polo Decreto 179/1988, do 7 de xullo (DOG do 18).

As prazas non adxudicadas por este sistema serán engadidas ó sistema de acceso mediante proba e viceversa, unha vez finalizada a actuación da Comisión de Escolarización Autonómica.

-Grao superior: os centros reservarán un 50% das prazas ofertadas para os aspirantes que superasen os estudios experimentais de bacharelato artístico definido na Orde do 21 de outubro de 1986 (BOE do 6 de novembro) ou bacharelato na modalidade de Artes e teñan superadas as materias de modalidade que se determinan para cada ciclo formativo no anexo I desta resolución.

Reservarán, así mesmo, un 10% das prazas ofertadas para aqueles aspirantes que posúan o título de técnico superior correspondente a outro ciclo formativo ou graduado en Artes Aplicadas e Oficios Artísticos da mesma familia profesional á que pretendan acceder.

As prazas non cubertas por este sistema engadiranse ó número de prazas para acceso por proba e viceversa, unha vez finalizada a actuación da Comisión de Escolarización Autonómica.

Quinto.-Solicitudes de admisión.

Para a formalización das solicitudes de admisión, os centros facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo que se xunta como anexos II e III a esta resolución. Unha vez cuberta, entregarase unha única instancia na secretaría do centro autorizado a imparti-lo ciclo formativo ó que solicita acceder, xunto coa documentación que, se é o caso, sexa necesaria para a acreditación dos datos consignados:

-Fotocopia do DNI ou partida de nacemento.

-Título académico.

-Certificado de estudios no que figuren as cualificacións das diferentes materias cursadas e ter realizado o depósito do correspondente título.

-Certificado da proba de acceso ó ciclo formativo, se fora o caso.

Ás solicitudes para acceso ós ciclos formativos de grao medio deberáselles xuntar tamén a seguinte documentación:

-Fotocopia da declaración da renda do exercicio 2000 ou certificación da Delegación de Facenda de non te-la obriga de presentala.

-Certificación de empadroamento do concello. Para aqueles ciclos formativos que se imparten nun único centro considerarase como zona de influencia do centro o ámbito da Comunidade Autónoma.

-Certificación, no caso de minusvalidez, expedida polo Equipo de Valoración e Orientación da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

-Fotocopia do carné de familia numerosa, se é o caso.

A solicitude de inscrición será única para cada grao.

Sexto.-Selección dos aspirantes a ciclos formativos de grao medio:

Cando o número de solicitantes para o acceso ós ciclos formativos de grao medio, xa sexa mediante acceso directo ou trala superación da proba, sexa maior có número de prazas dispoñibles, a selección dos aspirantes realizarase por aplicación dos criterios de baremación indicados no anexo I da Orde do 24 de abril de 2000 (DOG do 30 de maio).

Sétimo.-Selección dos aspirantes a ciclos formativos de grao superior.

1. Requisitos e proceso de admisión por acceso directo.

No caso de que o número de solicitantes para o acceso directo ós ciclos formativos de grao superior sexa maior có número de prazas que se ofertan, establecerase unha prelación segundo a maior puntuación media do seu expediente académico que para estes efectos se calculará segundo se indica a seguir:

No caso de alumnado que cursase o bacharelato que se establece na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, a puntuación obtida como media aritmética das cualificacións acadadas nas diferentes materias de ámbolos dous cursos, expresadas con dúas cifras decimais. En caso de empate neste colectivo, procederase á súa ordenación de acordo coa puntuación da nota media obtida nas materias de modalidade que figuran no anexo I desta resolución.

De persisti-lo empate, por sorteo público efectuado polo órgano competente.

Para efectos do cálculo da cualificación representativa do expediente académico das persoas que soliciten acceder ós ciclos formativos, despois de ter aprobado o bacharelato experimental, ou estean en posesión do graduado en Artes Aplicadas e Oficios Artísticos, aplicaranse as seguintes equivalencias:

-Suficiente/aprobado: 5.5.

-Ben: 6.5.

-Notable: 7.5.

-Sobresaliente/matrícula de honra: 9.0.

O resultado de aplica-la táboa de equivalencias indicada anteriormente expresarase coa media aritmética das diferentes materias que integran os cursos dos respectivos plans de estudio, con dúas cifras decimais.

Para determina-la media do expediente académico non se considerarán as materias ou áreas que o alumno teña validadas ou nas que estivese exento.

2. Proceso de admisión mediante proba.

No caso que o número de solicitantes para o acceso mediante proba ós ciclos formativos de grao superior supere o número de prazas que se ofertan, aplicarase a seguinte orde de prioridade:

1º Maior puntuación na proba.

2º De persisti-lo empate, por sorteo público.

Oitavo.-Relación de persoas admitidas.

Ó remate do período establecido para a formalización das inscricións e unha vez comprobado que as persoas solicitantes reúnen as condicións que se establecen na Orde do 25 de abril de 2000, os centros farán pública a relación de persoas admitidas ás correspondentes probas indicando, ó mesmo tempo, o seu lugar de realización.

III. Inscrición e desenvolvemento das probas.

Noveno.-Inscrición e calendario da proba de acceso.

As probas para os ciclos formativos serán elaboradas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de acordo co establecido na Orde do 25 de abril de 2000.

A comisión avaliadora tomará como referencia os criterios de avaliación que se indican no documento engadido a esta resolución como anexo IV para a proba de acceso e como anexo V para a proba específica.

A inscrición na proba farase nas escolas de artes do 1 ó 10 de setembro, ámbolos dous inclusive, segundo o modelo do anexo I da Orde do 25 de abril de 2000.

As probas de acceso realizaranse nos días e horas que se indican a continuación:

-Grao medio:

Día 13 de setembro.

Proba de acceso:

Parte sociocultural:

a) De 9 a 10 horas.

b) De 11 a 12 horas.

Parte de educación plástica e visual: de 16 a 19 horas.

Día 21 de setembro.

Proba específica:

Primeiro exercicio de 10 a 11 horas.

Segundo exercicio de 12 a 14 horas.

Terceiro exercicio de 17 a 19 horas.

-Grao superior:

Día 13 de setembro.

Proba de acceso:

Parte de materias comúns: de 9 a 12 horas.

Parte de materias de modalidade:

a) De 13 a 14 horas.

b) De 17 a 21 horas.

Día 17 de setembro.

Proba específica para as familias profesionais de: deseño de interiores; deseño gráfico; deseño industrial; artes aplicadas ó libro.

Primeiro exercicio de 10 a 11 horas.

Segundo exercicio de 12 a 14 horas.

Terceiro exercicio de 17 a 19 horas.

Día 25 de setembro.

Proba específica para as familias profesionais de: artes aplicadas da escultura; artes aplicadas á indumentaria; cerámica artística, xoiería de arte.

Primeiro exercicio de 10 a 11 horas.

Segundo exercicio de 12 a 14 horas.

Terceiro exercicio de 17 a 19 horas.

Calquera posible variación sobre este calendario requirirá autorización expresa da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

Décimo.- Exencións á proba de acceso.

Para resolve-las exencións relativas ás materias comúns das probas de acceso previstas no artigo décimo sétimo da Orde do 25 de abril de 2000, as persoas integrantes da comisión avaliadora, que deban actuar como vocais da parte relativa ás materias comúns da proba, constituiranse en comisión de valoración da documentación presentada polo aspirante para efectos de exención desta parte. O resultado da valoración entregaráselle mediante informe ó director ou directora do centro oficial onde se fixera a inscrición, que deberá dictar unha resolución expresa individualizada e comunicaráselle ó aspirante antes da data de realización da proba. O contido da resolución xuntaráselle á solicitude de inscrición do aspirante mediante a correspondente dilixencia.

No caso de resolución denegatoria, esta deberá ser motivada e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada ante o delegado provincial correspondente, quen resolverá.

IV. Proceso de inscrición e matrícula.

Décimo primeiro.-Inscrición, matrícula e constitución de grupos de ciclos formativos.

1. O alumnado que queira acceder ós ciclos formativos en centros sostidos con fondos públicos efectuarán unha inscrición do 1 ó 10 de setembro, ámbolos dous inclusive, no centro que oferta as ensinanzas do ciclo formativo que desexa cursar e que foi elixido como primeira opción.

2. Os centros farán públicas as listas de persoas admitidas por reserva de prazas estipuladas no punto cuarto desta resolución antes do 15 de setembro.

3. Antes do 27 de setembro exporase nos taboleiros de anuncios dos centros nos que se realizaron as probas a relación do alumnado ordenado de maior a menor

puntuación e remitiráselle á delegación provincial a documentación do alumnado que non obtivo praza no centro e solicitaba ademais outros centros.

4. A Comisión de Escolarización Provincial e de se-lo caso a Comisión de Escolarización Autonómica resolverán sobre o que proceda e publicarán en tódolos casos, antes do día 30 de setembro, na delegación provincial e nos centros docentes, a relación do alumnado admitido para cursar un determinado ciclo, tanto por acceso directo como a través de proba.

5. As persoas admitidas deberán formaliza-la súa matrícula antes do 2 de outubro no correspondente centro. A non formalización da matrícula nos prazos estipulados, salvo causas debidamente xustificadas, implicará a perda do dereito a acceder a estas ensinanzas no curso 2001-2002.

6. Para cada ciclo formativo constituirase, con carácter xeral, un único grupo de alumnos por centro. O número de alumnos de cada grupo dependerá das características pedagóxico-didácticas e das posibilidades das instalacións e medios de cada ciclo e centro en particular, non debendo superar en ningún caso os 30 alumnos. Calquera modificación deste límite requirirá autorización previa e expresa da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

7. A matrícula para cursar ciclos formativos en centros privados formalizarase antes do 1 de outubro de 2001.

Décimo segundo.-Órganos competentes para resolve-la admisión do alumnado.

1. Tal e como se establece no artigo 17 do Decreto 87/1995, o Consello Escolar de cada centro público é o órgano competente para resolver sobre a admisión de alumnos. Nos centros privados concertados, as persoas titulares serán as responsables do estricto cumprimento das normas xerais sobre a admisión do alumnado e correspóndelle ó Consello Escolar garanti-lo seu cumprimento.

2. Unha vez concluído o proceso de admisión, o Consello Escolar publicará as listas de persoas admitidas e non admitidas, en orde decrecente segundo a puntuación asignada. Contra a resolución do Consello Escolar, as persoas interesadas poderán presentar reclamación segundo se establece no punto 9.1 deste decreto.

3. Os centros comunicaranlle á delegación provincial o número de persoas admitidas e o número de prazas vacantes en cada ciclo formativo nos prazos que dispoña a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Tamén lle remitirán as solicitudes e documentación de todas aquelas persoas que non obtiveran praza no centro.

Décimo terceiro.-Información pública do proceso.

Os centros docentes financiados con fondos públicos que oferten ciclos formativos deberán expoñer nos seus taboleiros de anuncios:

a) Normativa reguladora da admisión do alumnado.

b) Prazas que oferten nos diferentes ciclos que teñan autorizados.

c) Calendario de publicación da relación de alumnado admitido, así como dos prazos para presentar reclamacións sobre as resolucións do Consello Escolar.

d) Calendario e normas para formalizar a matrícula.

Décimo cuarto.-Comisións de escolarización.

Para resolver sobre a escolarización daquelas persoas que no obtiveron praza no centro solicitado en primeira opción, poderanse constituí-las seguintes comisións:

1. Comisión de Escolarización Provincial:

1.1. Os delegados provinciais poderán constituír unha Comisión de Escolarización das Ensinanzas de Artes Plásticas e Deseño de grao superior para resolver sobre as solicitudes que non obtiveron praza nos centros que se solicitaban en primeira opción.

1.2. No caso de se constituír, as funcións da comisión de escolarización serán:

-Informar das prazas existentes para este tipo de ensinanzas nos centros financiados con fondos públicos.

-Resolver sobre as solicitudes non atendidas polos centros solicitados en primeiro lugar.

-Resolve-las reclamacións presentadas.

1.3. As Comisións Provinciais de Escolarización estarán formadas por:

a) Un/unha inspector/a de Educación designado/a polo delegado provincial, que será o/a presidente/a e a quen lle corresponderá a dirección técnica do proceso.

b) Os/as directores/as de escolas de artes da provincia financiadas con fondos públicos.

c) Un/unha representante dos pais de alumnos/as designado/a polas asociacións ou federacións de asociacións de pais.

Actuará como secretario/a da comisión, con voz e sen voto, un funcionario/a da correspondente delegación provincial.

1.4. No caso de que non se constitúa a Comisión de Escolarización Provincial, as súas funcións serán asumidas pola Inspección Educativa.

2. Comisión de Escolarización Autonómica.

2.1. A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, poderá constituír, cando o considere oportuno, unha Comisión de Escolarización Autonómica que deberá resolver sobre as solicitudes daquelas persoas que non puideron ser escolarizadas polas comisións provinciais.

2.2 Unicamente serán remitidas a esta comisión as solicitudes daquelas persoas que non foron escolarizadas pola comisión provincial e que solicitaron algún ciclo formativo que non se imparte na súa provincia. Así mesmo, a comisión provincial comunicará o número de prazas dispoñibles en cada un dos ciclos formativos do seu ámbito territorial.

2.3. A Comisión de Escolarización Autonómica estará formada por:

a) O subdirector xeral de Formación Profesional e de Educación de Adultos que actuará como presidente.

b) O/a inspector/a de Educación de cada unha das provincias por proposta do delegado provincial e designados/as pola Inspección Central.

Actuará como secretario/a da comisión, con voz e sen voto, un/a funcionario/a da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

Décimo quinto.-Reclamacións.

1. Contra as resolucións dos consellos escolares, das comisións de escolarización ou da inspección educativa, se é o caso, as persoas interesadas poderán presentar reclamación no prazo de dous días, contados a partir da data da súa publicación, ante o órgano que as dictou, que deberá resolver no prazo máximo de cinco días.

2. Contra as resolucións que se indican no punto anterior, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes, ante o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da provincia na que se dictou a resolución recorrida. A resolución deste porá fin á vía administrativa.

3. Contra a resolución da Comisión de Escolarización Autonómica, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes, ante a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, a resolución desta porá fin á vía administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2001.

María Pilar del Mar Pérez Marsó

Directora xeral de Ordenación Educativa

e Formación Profesional

ANEXO I

FAMILIA PROFESIONALCICLO FORMATIVOMATERIA DE MODALIDADE

ARTES APLICADAS Ó LIBROGRAVADO E TÉCNICAS DE ESTAMPACIÓN-FUNDAMENTOS DE DESEÑO-DEBUXO ARTÍSTICO I-IMAXE

DESEÑO GRÁFICOGRÁFICA PUBLICITARIA-FUNDAMENTOS DE DESEÑO-DEBUXO ARTÍSTICO I-IMAXE

DESEÑO GRÁFICOFOTOGRAFÍA ARTÍSTICA-FUNDAMENTOS DE DESEÑO-DEBUXO ARTÍSTICO I-IMAXE

DESEÑO GRÁFICOILUSTRACIÓN-FUNDAMENTOS DE DESEÑO-DEBUXO ARTÍSTICO I-IMAXE

DESEÑO DE INTERIORESPROXECTOS E DIRECCIÓN DE OBRAS DE DECORACIÓN-FUNDAMENTOS DE DESEÑO-DEBUXO ARTÍSTICO II-DEBUXO TÉCNICO

DESEÑO DE INTERIORESARQUITECTURA EFÉMERA-FUNDAMENTOS DE DESEÑO-DEBUXO ARTÍSTICO II-DEBUXO TÉCNICO

DESEÑO INDUSTRIALMOBLAXE-FUNDAMENTOS DE DESEÑO-DEBUXO ARTÍSTICO II-DEBUXO TÉCNICO

ARTES APLICADAS Á INDUMENTARIAESTILISMO DE INDUMENTARIA-FUNDAMENTOS DE DESEÑO-DEBUXO ARTÍSTICO I-TÉCNICAS DE EXPRESIÓN GRÁFICO- PLÁSTICA

ARTES APLICADAS Á INDUMENTARIAMODELISMO DA INDUMENTARIA-FUNDAMENTOS DE DESEÑO-DEBUXO ARTÍSTICO I-TÉCNICAS DE EXPRESIÓN GRÁFICO-PLÁSTICA

ARTES APLICADAS DA ESCULTURAARTES APLICADAS DA ESCULTURA-FUNDAMENTOS DE DESEÑO-DEBUXO ARTÍSTICO II-VOLUME I

ARTES APLICADAS DA ESCULTURAARTES APLICADAS DA MADEIRA-FUNDAMENTOS DE DESEÑO-DEBUXO ARTÍSTICO II-VOLUME I

CERÁMICA ARTÍSTICACERÁMICA ARTÍSTICA-FUNDAMENTOS DE DESEÑO-DEBUXO ARTÍSTICO II-VOLUME I

XOIERÍA DE ARTEXOIERÍA ARTÍSTICA-FUNDAMENTOS DE DESEÑO-DEBUXO ARTÍSTICO II-VOLUME I

ANEXO IV

Proba de acceso ós ciclos formativos de grao medio da familias profesionais de artes plásticas de deseño.

A proba de acceso constará de dúas partes:

Primeira parte: sociocultural.

A) Desenvolvemento por escrito, durante o tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen sobre lingua galega e lingua castelá a partir dun texto escrito.

Neste exercicio valorarase a madurez e o nivel de coñecementos sobre esta área propia do currículo da educación secundaria obrigatoria.

B) Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen referidas a contidos socioculturais.

Neste exercicio valorarase a madurez e o nivel de coñecementos referidos ás ciencias sociais, ciencias da natureza e tecnoloxía das correspondentes áreas do currículo da educación secundaria obrigatoria.

Segunda parte: educación plástica e visual.

Realización, durante un tempo máximo de tres horas, dun exercicio de composición de libre interpretación e técnica, baseado nun modelo proposto.

Neste exercicio valorarase a sensibilidade artística e a creatividade do aspirante.

Proba de acceso ós ciclos formativos de grao superior das familias profesionais de artes plásticas e deseño.

A proba de acceso constará de dúas partes:

Primeira parte: materias comúns.

A) Versará sobre as materias comúns propias do currículo do bacharelato: a) lingua e literatura galegas, b) lingua castelá e literatura, c) filosofía, d) historia, e) linguas estranxeiras. O alumno seleccionará tres das devanditas materias e desenvolverá por escrito unha cuestión de entre catro que lle fosen propostas, de cada unha das tres elixidas. O tempo máximo para realizar este exercicio será de tres horas.

Neste exercicio valorarase o grao de madurez do aspirante en canto á correcta comprensión de conceptos, a utilización da linguaxe e a capacidade de análise e síntese.

Segunda parte: materias específicas de modalidade.

A) Versará sobre a análise das cuestións que se formulen sobre historia da arte, a partir dun texto escrito e/ou a documentación gráfica ou audiovisual que se facilite. O tempo máximo para realizar este exercicio será dunha hora.

Neste exercicio valorarase a madurez, o nivel de coñecemento e a sensibilidade ante as creacións artísticas e funcionais.

B) Realización, durante un tempo máximo de catro horas, dun exercicio compositivo de libre interpre

tación e técnica, baseado nun modelo exento e inanimado.

Neste exercicio valoraranse as habilidades e destrezas, a sensibilidade artística e a creatividade do aspirante.

ANEXO V

Proba específica para acceso a ciclos formativos de grao medio de artes plásticas e deseño.

-Primeiro exercicio, proba escrita:

Desenvolvemento nun tempo máximo dunha hora dun tema proposto nun texto sobre artes plásticas e coñecementos histórico-artísticos. Neste exercicio valoraranse as capacidades lingüísticas e os coñecementos histórico-artísticos.

-Segundo exercicio, realización:

Realización, nun tempo máximo de dúas horas, de debuxos e bosquexos sobre un tema proposto para a súa aplicación posterior. Neste exercicio valoraranse as destrezas específicas e as capacidades de observación, percepción e aptitude para os estudios concretos das distintas familias profesionais.

-Terceiro exercicio, execución:

Execución durante un tempo máximo de dúas horas, cos bosquexos e debuxos realizados no exercicio segundo. Valorarase a capacidade artística e a creatividade do aspirante, o sentido do espacio, a composición e a predisposición para os estudios concretos das distintas familias profesionais.

Proba específica para acceso a ciclos formativos de grao superior de artes plásticas e deseño.

-Primeiro exercicio, proba escrita:

Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, de temas propostos nun texto ou por medio de documentación gráfica relacionados coas artes plásticas.

Valoraranse as capacidades lingüísticas e os coñecementos histórico-artísticos.

-Segundo exercicio, realización:

Realización, durante un tempo máximo de dúas horas, de bosquexos e debuxos sobre un tema proposto que han servir de base para a posterior realización. Valoraranse as destrezas, as habilidades, capacidades de percepción, de observación e de aptitude a predisposición para os estudios concretos dos ciclos correspondentes á familia profesional.

-Terceiro exercicio, execución:

Execución, durante un tempo máximo de dúas horas, do xeito que determine o tribunal cos bosquexos realizados no exercicio anterior, dun traballo relacionado co ciclo ó que o alumno aspira a acceder. Valorarase a capacidade artística e a creatividade do aspirante, o sentido do espacio e a capacidade compositiva, así como a predisposición para os estudios concretos dos ciclos correspondentes á familia profesional.