Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Xoves, 19 de xullo de 2001 Páx. 9.881

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2001 pola que se convocan unhas xornadas sobre a nova Lei de axuizamento civil (Lei 1/2000, do 7 de xaneiro).

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2001, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas Xornadas sobre a nova Lei de axuizamento civil (Lei 1/2000, do 7 de xaneiro), convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes

Bases:

1. Obxectivos.

A nova Lei de axuizamento civil constitúe o texto legal máis extenso que se aprobou, ata o momento, durante o período democrático instaurado trala aprobación da Constitución española, constituído por 827 artigos, 4 disposicións adicionais, 7 disposicións transitorias, 1 disposición derrogatoria e 21 disposicións derradeiras e suporá unha notable transformación da xustiza civil co fin de lograr unha efectividade na tutela xudicial atribuída exclusiva e excluintemente a xuíces e maxistrados, integrantes do Poder Xudicial no marco dun proceso con plenitude de garantías procesuais.

As xornadas proxectadas pretenden ofrecer unha panorámica xeral, tanto desde o punto de vista dogmático como práctico -non en van o desenvolvemento destas corre a cargo de profesores universitarios, algúns dos cales se dedican á avogacía ou desem

peñaron ou desempeñan funcións xurisdiccionais-, das máis notables novidades lexislativas que supón a Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil.

Obxectivos dos distintos relatorios:

-O relatorio relativo ás actuacións xudiciais abordará a presentación de novidades tan destacadas coma a nova regulación da recusación e abstención, a introducción de institucións, ata o momento ausentes na lexislación procesual civil, aínda que recoñecidas xurisprudencialmente -tales como a sucesión procesual (inter vivos ou mortis causa), a intervención procesual-, o recoñecemento da lexitimación dos grupos de asociacións de consumidores e usuarios, a nova regulación da xurisdicción e a competencia, a acumulación de accións, os actos de comunicación, etc.

-O relatorio referido ó xuízo ordinario e verbal centrarase, basicamente, na exposición das distintas fases que integran ámbolos dous procedementos ordinarios, e prestaralles especial atención ás importantes novidades que en materia de proba se incorporan co novo texto legal, polo que se abordarán múltiples problemas que os distintos comentaristas da Lei de axuizamento civil xa tiveron ocasión de presentar, tales como o alcance do principio de preclusión da alegación de feitos e fundamentos de dereito, contido no artígo 400 Lei de enxuizamento civil, a nova regulación da reconvención, das excepcións reconvencionais relativas á compensación e á nulidade do negocio xurídico, a subsistencia ou non do xuízo verbal do automóbil, etc.

-O relatorio relativo ós recursos no proceso civil presentará, entre outras cuestións, a nova regulación dos recursos de apelación, casación, extraordinario por infracción procesual- con especial atención, en relación con este, ás novidades que lles suporán a atribución deste recurso ós tribunais superiores de xustiza unha vez que sexa aprobada a Lei orgánica de reforma da Lei orgánica do Poder Xudicial- , o recurso en interese de lei, etc.

-En canto ó relatorio centrado na execución, cabe sinalar, igualmente, a introducción de novidades tan destacadas coma as referidas á regulación dunha execución forzosa única, con normas comúns tanto para títulos xudiciais coma extraxudiciais, á realización dunha única poxa, á nova regulación da execución provisional, etc.

-E, por último, no relativo ós procesos especiais, contidos no libro IV da Lei de enxuizamento civil, sen dúbida, pola transcendencia e importancia práctica dos procedementos, prestaráselles especial atención ó proceso monitorio, ó xuízo cambiario e ós procedementos matrimoniais.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-As actuacións xudiciais.

-O xuízo ordinario e o xuízo verbal.

-Os recursos no proceso civil.

-A execución.

-O proceso preventivo.

-Os procesos especiais.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Delegación Provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública de Lugo (Ronda da Muralla, s/n, da citada cidade) os días 6 e 7 de setembro de 2001.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o mércores día 4 de setembro de 2001.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: (981) 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, o día 5 de setembro, de 8:30 a 14:30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública