Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Xoves, 19 de xullo de 2001 Páx. 9.880

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 11 de xullo de 2001 pola que se abre un novo prazo de presentación de solicitudes, na concesión de axudas a investimentos no ámbito da acuicultura en augas continentais, convocadas pola orde da Consellería de Medio Ambiente do 3 de abril de 2001.

Por orde da Consellería de Medio Ambiente do 3 de abril de 2001 (Diario Oficial de Galicia nº 76, do 19 de abril ) pola que se establecen as normas para a concesión de axudas a investimentos no ámbito da acuicultura en augas continentais, estableceuse no seu artigo 11, que o prazo de presentación de solicitudes e documentación sería dun mes, contado a partir do día seguinte a aquel no que tivera lugar a publicación da orde no DOG.

Tendo en conta a adaptación das instalacións existentes á normativa de pesca fluvial e de protección do medio ambiente actualmente vixentes require, en moitos casos, da elaboración e redacción de proxectos técnicos complexos e da tramitación de expedientes de autorización perante outros organismos.

Estas circunstancias particulares que concorren nos investimentos subvencionables, e coa finalidade de facilita-la presentación daqueles proxectos nos

que a súa complexidade técnica non posibilitou o comprimento dos prazos anteriormente establecidos, esta consellería considera oportuno abrir un novo prazo de presentación de solicitudes.

En consecuencia, en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e do Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Ábrese un novo prazo de presentación de solicitudes na concesión de axudas a investimentos no ámbito da acuicultura en augas continentais convocadas pola orde da Consellería de Medio Ambiente do 3 de abril de 2001, sen prexuízo da validez das presentadas con anterioridade ó abeiro da dita orde.

2. O prazo de presentación terá unha duración de vinte (20) días hábiles, e comezará a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2001.

Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente