Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Luns, 16 de xullo de 2001 Páx. 9.656

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DA CORUÑA

ANUNCIO (MPG 2/2001).

O Concello da Coruña, en sesión do día 9 xullo de 2001, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

Único: aprobar incialmente a modificación puntual do PXOM no que respecta á ordenanza reguladora de usos e tipoloxías da norma zonal número 11, a que quedará redactada como segue:

Artigo 7.2.11 Norma zonal 11. Equipamentos.

1. Ámbito.

Comprende as áreas delimitadas e grafadas no plano nº 5 de clasificación, cualificación e regulación do solo e da edificación no solo urbano e de núcleo rural. Rede viaria e aliñación coa trama de equipamentos, que se corresponden coas instalacións dalgún dos usos e equipamento regulados no título V e así cualificados no plan xeral, tanto sexan de carácter público como privado.

2. Uso e tipoloxía característicos.

En tódolos casos o uso característico é o de equipamento e a tipoloxía edificatoria responde á específica da actividade desenvolvida, ben con características de edificación aberta ou pechada.

3. Obras admitidas.

Admítense tódalas incluídas nos artigos 1.4.8, 1.4.9 e 1.4.10 do título I.

4. Condicións da edificación.

Regularanse polas condicións da norma zonal no que estea incluído o equipamento, e pola normativa específica e sectorial do tipo de equipamento ó que corresponda a actividade desenvolvida.

a) Para determina-la edificabilidade correspondente ás parcelas, distínguense dúas situacións:

a.1) Parcelas aínda non edificadas:

A súa edificabilidade será determinada pola aplicación dos seguintes parámetros:

-As parcelas de equipamento incluídas dentro da norma zonal 2 terán unha edificabilidade máxima de 1,5 m/m e de ordenación de volume mediante un estudio de detalle.

-As parcelas de equipamento incluídas dentro da norma zonal 4 de colonias protexidas, 5 de edificación en vivenda unifamiliar ou 6, solo urbano de núcleos, regularanse polas condicións da norma zonal 3, de edificación aberta, con limitación de altura máxima a catro (4) plantas e edificabilidade máxima dun (1) m/m.

a.2) Parcelas edificadas:

Con carácter xeral, manterase a edificabilidade existente no momento de entrada en vigor do PXOM. Non obstante, no caso de parcelas edificadas no que a edificabilidade real non alcance as permitidas no punto a.1) anterior, aplicaranse estas.

a.3) Condicións das obras de ampliación.

Excepto das incluídas en normas zonais 4 e 5, os edificios existentes cualificados como equipamentos, poderán amplia-las súas instalacións cunha edificabilidade que pode alcanzar un máximo do vinte por cento (20%) por enriba da existente, sempre que este incremento se destine ó devandito uso, se xustifique polas necesidades da súa actividade ou pola súa lexislación específica e se tramite mediante un estudio de detalle que deberá garantir que no se ocasionan prexuízos nin se altera a ordenación dos predios contiguos.

Nos casos de edificios ou parcelas catalogadas teranse en conta as limitacións impostas polo nivel de protección a que estean sometidas.

Deberase cumpri-las normas de uso do título V e as xerais da edificación do título VI destas normas, coas limitacións que se establecen de seguido:

b) Parcela mínima.

Para efectos de parcelamento, reparcelamento, agregacións e segregacións, establécense as seguintes dimensións de parcela mínima:

En solo urbano ou planeamentos de desenvolvemento de solo urbano, considerarase parcela mínima a de 500 (quiñentos) metros cadrados, salvo indicación en contra da normativa sectorial específica.

En solo urbanizable, cando os plans parciais remitan esta norma zonal as superficies son as sinaladas no anexo ó Regulamento de planeamento vixente, normativa sectorial específica o título V do plan xeral, e no seu defecto, a de mil (1.000) metros cadrados.

Non se autorizan parcelamentos nin segregacións por debaixo de parcela mínima establecida.

c) Altura de pisos.

A altura mínima de pisos será como mínimo a establecida nas normas xerais.

d) Equipamentos de continxencia.

Nas parcelas cualificadas como de equipamento de continxencia (identificado nos planos con o código XX), para a substitución por outro alternativo de equipamento existente, entendendo como tal a última actividade nela desenvolvida, requirirase informe previo favorable do organismo competente en tanto a súa falta ou da maior necesidade o uso proposto na súa substitución en función das demandas do ámbito de implantación no que se encontre.

Esta substitución de usos non poderá realizarse nos restanes equipamentos por considerarse necesario o mantemento dos usos existentes.

O que se fai público para xeral coñecemento, con fin de que á vista do expediente poidan formularse as alegacións que se consideren pertinentes, durante o prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia. O expediente pode consultarse no Servicio de Urbanismo, oficina de planeamento, sito na Avenida da Mariña, 18, en horario laboral de 11 a 13 horas, de luns a venres.

A Coruña, 9 de xullo de 2001.

Salvador Fernández Moreda

Concelleiro de Urbanismo