Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Luns, 16 de xullo de 2001 Páx. 9.609

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 6 de xullo de 2001 pola que se convocan prazas nas residencias xuvenís para o curso 2001/2002.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude desenvolve, a través da Dirección Xeral de Xuventude, o programa fomento da actividade xuvenil, para o que dispón dunha serie de instalacións, entre as que se atopan as residencias xuvenís.

Como é habitual, as citadas instalacións póñense á disposición dos mozos e mozas estudiantes durante o curso académico, ofrecéndolles aloxamento e manutención, desenvolvéndose nelas unha serie de actividades convivenciais e educativas, a través das que se intenta fomenta-los valores sociais, culturais e deportivos dos residentes e de calquera outro que puidese beneficiarse do labor sociocultural nas actividades que se programan.

Por todo isto, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convoca-la presente oferta de prazas para mozos e mozas estudiantes nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para o curso académico 2001/2002, no réxime de internado, e establece-las bases para a súa concesión.

O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias son as seguintes:

Réxime de internado

CidadeResidenciaPrazasHome/muller

LugoEijo Garay90Home

LugoIrmáns Pedrosa75Muller

OurenseFlorentino L. Cuevillas56Home/muller

VigoAltamar90Home/muller

Para os efectos do uso das instalacións, o curso académico 2001/2002 abarcará desde o 1 de outubro de 2001 ó 30 de xuño de 2002.

Artigo 2º.-Solicitude.

2.1. A solicitude efectuarase utilizando o impreso normalizado que figura no anexo I.

2.2. Xunto coa solicitude, presentarase a seguinte documentación:

-Certificación académica na que figure a nota media das disciplinas correspondentes ó último curso. No caso de que fose COU, xuntarase certificación académica da selectividade.

-Fotocopia compulsada do DNI para españois ou equivalente para estranxeiros da Unión Europea, ou tarxeta de residencia do solicitante no caso de naturais doutros países.

-Fotocopia compulsada da preinscrición na facultade ou escola universitaria correspondente para os alumnos que vaian cursa-lo 1º ano de estudios universitarios de grao medio ou superior.

-Fotocopia das follas do libro de familia na que figuren os membros da unidade familiar, ou fotocopia compulsada do título de familia numerosa, se é o caso.

-Xustificación de ingresos da unidade familiar: copia compulsada da declaración do IRPF, correspondente ó ano 2000, de cada membro da unidade familiar obrigado a declarar.

No caso de non ter obriga de presentar declaración:

1. Os solicitantes de devolución rápida (mod. 104) achegarán copia compulsada da comunicación que lles envía a Axencia Estatal de Administración Tributaria en aplicación do artigo 81 da Lei 40/1998, do 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.

2. As persoas non obrigadas a declarar e que non solicitan devolución rápida (mod. 104) achegarán certificación dos datos existentes na Administración, expedida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, en aplicación do artigo 16 da Lei 1/1998, do 26 de febreiro, de dereitos e garantías dos contribuíntes.

-Acreditación da condición de orfo.

-Acreditación de que o cabeza de familia sexa inválido ou estea afectado de enfermidade permanente que o imposibilite para o traballo, e que a única fonte de ingresos sexa a pensión percibida pola dita invalidez, ou que estea en situación de paro, sen percepción do subsidio de desemprego.

-Acreditación, a través dun certificado de empadronamento, de posuí-la residencia familiar en Galicia, ou ser fillo de emigrantes.

2.3. No caso de seren admitidos, no prazo de dez días terán tamén que presenta-los seguintes documentos:

-Fotocopia da cartilla da Seguridade Social, ou no seu defecto calquera outro documento de asistencia médica e farmacéutica.

-Certificado de non padecer enfermidade infecto-contaxiosa e de vacinacións.

-Tres fotografías tamaño carné.

-Xustificante bancario de pagamento de dúas mensualidades (outubro/2001 e xuño/2002).

-Fotocopia compulsada do xustificante de matrícula correspondente ós estudios que vai cursar ou, no caso dos alumnos de 3º ciclo, certificado do xefe do departamento universitario correspondente conforme o interesado está realizando o doutoramento naquel, sen prexuízo do establecido no artigo 6º.5.

2.4. A solicitude, xunto coa restante documentación, deberán presentala na delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude correspondente á provincia onde radica a residencia, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2.5. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados desde o día seguinte ó da publicación no DOG da presente orde.

Artigo 3º.-Requisitos dos solicitantes.

Poderán optar ás prazas obxecto da presente convocatoria os mozos e mozas estudiantes que reúnan os seguintes requisitos:

-Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro residente en España no momento da solicitude de praza.

-Que non supere os 30 anos de idade antes da data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

-Que no concello onde se atopa a súa residencia familiar non haxa oferta pública do curso, nivel ou grao correspondente ós estudios que vaia cursa-lo alumno solicitante.

Artigo 4º.-Criterios de selección.

Cando o número de solicitudes para cada residencia supere a dispoñibilidade de prazas, estas serán asignadas por orde de preferencia segundo os criterios básicos preferentes de selección que a continuación se establecen:

a) Aqueles que xa foron residentes no anterior curso, e que o seu comportamento e rendemento académico os fagan merecentes.

A consideración deste dato queda condicionada á inexistencia de informe desfavorable do director da residencia xuvenil, baseado no incumprimento das normas de réxime interno do centro en relación ó comportamento na actividade desenvolvida polo interesado na residencia respectiva.

Este criterio preferente tampouco se terá en conta para o caso daqueles residentes que abandonasen a residencia xuvenil antes de remata-lo curso académico, excepto por enfermidade persoal ou dalgún familiar cos que conviva.

b) Cursar estudios universitarios.

c) Rendemento académico.

d) Renda da unidade familiar. Terase en conta a relación de ingresos/número de membros da unidade familiar. Para estes efectos, poderanse incluír como membros da unidade familiar os fillos de ata 30 anos de idade, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, nos termos previstos na lexislación tributaria.

e) Situación de familia numerosa.

f) Condición de orfo.

g) Que o cabeza de familia sexa inválido ou estea afectado de enfermidade permanente que o imposibilite para o traballo, e que a única fonte de ingre

sos sexa a pensión percibida pola dita invalidez, ou que estea en situación de paro, sen percepción do subsidio de desemprego.

h) Te-la súa residencia familiar en Galicia, ou ser fillo de emigrantes.

Artigo 5º.-Comisión cualificadora.

A valoración das solicitudes para cada residencia efectuarase na delegación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia onde radica aquela, mediante unha comisión cualificadora creada para tales efectos e constituída polo xefe do Servicio de Xuventude que actuará como presidente, o xefe da Sección de Xuventude e os directores das residencias xuvenís situadas nesa provincia. Actuará como secretario un funcionario nomeado polo delegado provincial correspondente.

Artigo 6º.-Resolución da convocatoria.

6.1. Cada comisión cualificadora confeccionará unha lista por orde de preferencia das solicitudes recibidas para a respectiva residencia e elevará proposta de resolución no prazo máximo de vinte días naturais contados desde o día seguinte ó da data de remate do prazo de presentación de solicitudes ó delegado/a provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego Muller e Xuventude, que será o que resolva.

6.2. Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela pódese interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, de acordo co previsto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6.3. Unha vez resolta a presente convocatoria para cada unha das residencias xuvenís, os respectivos servicios de xuventude das delegacións provinciais notificaranlles ós interesados a resolución de adxudicación. Así mesmo, as listas dos admitidos serán expostas nas residencias xuvenís, no rexistro xeral e nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, na Dirección Xeral de Xuventude e no Centro de Información Administrativa e Atención ó Cidadán de Santiago de Compostela.

6.4. No caso de non dictar resolución expresa nun prazo de 4 meses desde a data de publicación da orde no DOG deberá entenderse desestimada a petición correspondente.

6.5. Os admitidos terán que presenta-la documentación referida no artigo 2º.3 no Servicio de Xuventude da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia onde radique a residencia xuvenil correspondente, no prazo de 10 días contados desde aquel en que reciban a comunicación de admisión, excepto a fotocopia compulsada do xustificante de matrícula ou o certificado do xefe do departamento universitario correspondente, que poderán presen

tala ata o 31 de outubro de 2001, con excepción do establecido no artigo 2º.2 punto 3 para o caso de alumnos de 1º curso. No caso de que o interesado non poida presenta-la fotocopia compulsada do xustificante de matrícula no referido prazo por causa imputable ó centro no que vaia cursa-los seus estudios, deberá comunicar esta circunstancia por escrito, presentando unha fotocopia compulsada da preinscrición na facultade ou escola universitaria correspondente, debendo non obstante presenta-la fotocopia compulsada do xustificante de matrícula no momento en que a faga.

Artigo 7º.-Renuncia.

7.1. A renuncia dunha praza de que foran adxudicatarios deberase facer por escrito enviado á delegación correspondente. Esta renuncia producirá os efectos económicos do artigo 8º.2.

En todo caso, aqueles adxudicatarios que non presenten a documentación requirida no prazo establecido, entenderase decaído no seu dereito.

7.2. En ambos casos, a praza que resulte vacante cubrirase conforme a lista confeccionada pola comisión cualificadora. Utilizarase este mesmo procedemento cando durante o curso escolar se produza algunha vacante nas prazas ofertadas.

Artigo 8º.-Condicións económicas.

8.1. De acordo co estipulado no punto C do anexo I da Orde do 28 de decembro de 2000, pola que se fixan as tarifas e prezos correspondentes á prestación de servicios nas instalacións xuvenís, expedicións de carnés dirixidos á xuventude e participación en actividades promovidas pola Dirección Xeral de Xuventude, durante o ano 2001 (DOG nº 4 do 5 de xaneiro de 2001) a cota que haberá que aboar por mes será:

Residentes internos: 38.100 pesetas.

A cota poderase aboar por trimestre ou por mes. Os pagamentos faranse nos cinco primeiros días de cada trimestre ou mes, segundo a modalidade de pagamento escollida, durante a duración do curso, desde o 1 de outubro de 2001 ó 30 de xuño de 2002, non habendo descontos por vacacións, permisos, etc.

8.2. Unha vez comunicada a admisión, farase unha entrega de dúas mensualidades en concepto de pagamento polo primeiro e o derradeiro mes do curso (outubro/2001 e xuño/2002). A renuncia voluntaria que se comunique despois do 15 de outubro dará lugar á perda da devandita cantidade entregada, e a que se comunique ata a dita data dará lugar a devolución da cantidade entregada excepto da parte proporcional a media mensualidade, debendo neste caso solicita-la devolución da cantidade correspondente no impreso que figura no anexo II desta orde.

Artigo 9º.-Servicios ofertados.

9.1. Ademais dos servicios de aloxamento e mantenza, as residencias xuvenís ofrecen con carácter xeral os seguintes:

-Aula de estudio-biblioteca.

-Salas de xogos.

-TV e vídeo.

-Actividades culturais e deportivas.

-Información ós pais que o pidan sobre o comportamento do seu fillo/a.

9.2. A asistencia médica e de botica será por conta do residente, debendo trae-lo día da incorporación a fotocopia da cartilla da Seguridade Social ou calquera outra documentación do seguro médico do que sexa beneficiario (Muface, Sanitas, Adeslas, etc.). Con todo, en cada residencia haberá un caixa de primeiros auxilios.

9.3. Por descanso do persoal, as fins de semana e festivos non se prestarán servicios de comedor.

Artigo 10º.-Obrigas dos residentes.

10.1. Os residentes comprometeranse a respectar e cumpri-las normas de réxime interno da residencia xuvenil. O seu incumprimento, logo de tramitación do expediente sancionador no que se respectará en todo caso o trámite de audiencia, poderá dar lugar, se é o caso, á perda da condición de residente.

10.2. Nos períodos de vacacións correspondentes ó Nadal e Semana Santa, os residentes deberán baleira-los cuartos se lles fose requirido pola dirección da residencia e, inescusablemente, o derradeiro día do mes de xuño.

10.3. Os desperfectos ocasionados polo mal uso das instalacións, material e utensilios, serán de responsabilidade individual dos seus autores ou colectivamente de quen teña asignadas as dependencias concretas ó seu uso, tendo que aboa-lo seu custo.

10.4. Os adxudicatarios deberán incorporarse ás residencias xuvenís durante os cinco primeiros días do mes de outubro, salvo causa de forza maior debidamente acreditada. No seu defecto entenderase que renuncia á praza adxudicada, perdendo os seus dereitos, e procederase a cubri-la vacante conforme o disposto no artigo 6º desta orde.

10.5. O estado de saúde do residente deberá en todo momento permiti-lo normal desenvolvemento da vida residencial, debendo, en caso contrario e por prescrición facultativa abandona-la residencia ata a súa recuperación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2001.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude