Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 13 de xullo de 2001 Páx. 9.549

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

AUGAS DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2001 pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do aproveitamento hidroeléctrico no río Mandeo, promovido pola entidade Sociedad Española de Generación Eléctrica, S.L.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de declaración do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 19 de abril de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental para o proxecto de aproveitamento hidroeléctrico no río Mandeo, nos concellos de Coirós e Paderne (A Coru

ña), promovido por Segel, S.L., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2001.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Presidente de Augas de Galicia

ANEXO

Resolución do 19 de abril de 2001, pola que a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formula a declaración de impacto ambiental para o proxecto de aproveitamento hidroeléctrico no río Mandeo, nos concellos de Coirós e Paderne (A Coruña), promovido por Segel, S.L.

Antecedentes.

O Decreto 63/1997, do 14 de marzo, polo que se regula o exercicio de determinadas funcións en relación coa tramitación dos aproveitamentos hidroeléctricos con potencia nominal non superior a 5.000 quilovatios nas bacías de Galicia Costa, faculta a Augas de Galicia para realiza-las funcións de tramitación e cualificación dos anteditos proxectos.

Considerando o anterior e o indicado no Decreto 442/1990, de avaliación de impacto ambiental de Galicia, o proxecto obxecto desta resolución foi cualificado como sometido a avaliación de impacto ambiental por Augas de Galicia.

En cumprimento do establecido no artigo 5.2º do antedito Decreto 442/1990, con data 12 de xaneiro de 2001 (DOG nº 121), sometéronse a información pública a petición de concesión e autorización administrativas, o proxecto e o estudio ambiental correspondente ó aproveitamento hidroeléctrico no río Mandeo.

O obxecto do proxecto é a instalación e explotación dun aproveitamento hidroeléctrico de tipo fluente no río Mandeo, entre as cotas 39 e 10, nos concellos de Coirós e Paderne (A Coruña), para un caudal máximo de 23.000 l/sg.

O tramo afectado atópase en bo estado de conservación, con vexetación densa. A ladeira atópase cuberta por unha mestura de árbores frondosas (carballos e castiñeiros) na parte máis próxima ó curso e árbores de repoboación (eucaliptos e piñeiros) na parte superior da ladeira, mentres que na ribeira aparecen principalmente amieiros, salgueiros e freixos, segundo se indica no estudio ambiental.

No anexo I recóllese un resumo do proxecto.

Con data do 5 de abril de 2001 ten entrada nesta dirección xeral o expediente, remitido por Augas de Galicia, incluíndo os informes elaborados polas direccións xerais de Industria, Patrimonio Cultural, Urbanismo e Montes e Medio Ambiente Natural, así como as alegacións presentadas durante o trámite de información pública.

No anexo II resúmense os anteditos informes e no anexo III as alegacións presentadas.

Con data do 4 de xaneiro de 2001 ten entrada o informe elaborado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e con data 1 de febreiro de 2001 o da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

Realizada a tramitación, conforme se establece no artigo 5.3º do Decreto 442/1990, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula a declaración de efectos ambientais de proxecto de aproveitamento hidroeléctrico no río Mandeo, promovido por Segel, S.L. entre as cotas 39 e 10.

O órgano substantivo para este proxecto é Augas de Galicia, e o órgano ambiental a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación presentada polo promotor, titulada:

Estudio de impacto ambiental do aproveitamento hidroeléctrico no río Mandeo. Xuño 2000.

Proxecto de aproveitamento hidroeléctrico no río Mandeo. Xuño 2000.

E considerando os informes desfavorables emitidos polas direccións xerais de Patrimonio Cultural e Montes e Medio Ambiente Natural, nos que respectivamente se sinala:

-O aproveitamento afecta directamente ó lugar de Chelo, declarado paisaxe pintoresca polo Decreto 2646/1972, do 18 de agosto.

-O tramo afectado atópase na zona salmoneira do río Mandeo, afectando integramente ó único tramo do curso utilizable por esta especie.

-Prodúcese unha perda de hábitats reófilos augas arriba do azude, imprescindibles para os salmónidos (salmón, reo e troita).

-A construcción deste aproveitamento compromete a permanencia das poboacións de salmón do río Mandeo.

-A nova central orixinaría efectos sinérxicos e acumulativos coa central hidroeléctrica Mandeo-Zarzo, central que xa supón un forte impacto no río Mandeo.

-O tramo seleccionado atópase na proposta de lugar de importancia comunitaria denominada Betanzos-Mandeo, da Rede Natura 2000, con presencia do hábitat prioritario 91EO, bosques aluviais residuais (Alnion glutinosus-incanae).

Esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación, en virtude do disposto no Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia, resolve para os sos efectos ambientais a non viabilidade do proxecto da central hidroeléctrica no río Mandeo, entre as cotas 39 e 10, promovido por Segel, S.L.

1. Condicións adicionais.

1.1. Para efectos de seguimento da presente declaración o órgano substantivo comunicaralle o órgano ambiental a data de notificación ó promotor.

1.2. A presente declaración poderá ser revisada no suposto de que se produza algunha modificación substantiva na fundamentación fáctica ou xurídica que se desenvolve nesta.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo do proxecto

O obxecto do proxecto é a instalación dun aproveitamento hidroeléctrico de tipo fluente no río Mandeo, entre as cotas 39 (aliviadoiro) a 10 (restitución), para un caudal máximo de 23.000 l/sg.

As características básicas do aproveitamento son:

-Azude: de gravidade de planta curva e altura variable entre 3 e 5 m sobre o leito do río, con escala de peixes na marxe dereita.

-Conducto de derivación: discorre pola marxe esquerda, cunha lonxitude de 1.800 m e 3.300 mm de diámetro.

-Conducto forzado: vai unido ó de derivación, ten unha lonxitude de 85 m e diámetro de 3.000 mm.

-Edificio da central, con dimensións totais en planta de aproximadamente 231 m, aloxará no seu interior unha turbina Kaplán de eixe vertical, con potencia nominal de 4.965 kW.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe no que conclúe que o aproveitamento afecta directamente o lugar de Chelo, declarado paisaxe pintoresca polo Decreto 2646/1972, do 18 de agosto (BOE nº 236 do 2 de outubro), polo que considerando o establecido na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, no Real decreto 1131/1988, do 30 de setembro, referente á execución do Real decreto legislativo de avaliación de impacto ambiental e polo Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental, emite informe desfavorable.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural emite informe no que conclúe:

-O tramo afectado atópase na zona salmoneira do río Mandeo, afectando integramente o único tramo do curso utilizable por esta especie.

-A central de Mandeo-Zarzo xa supón un forte impacto do río Mandeo, afectando a parte do tramo salmoneiro. O seu funcionamento con regulación supón un forte impacto a este río.

-A nova central orixinaría efectos sinérxicos e acumulativos ós desta central operativa.

-Prodúcese unha perda de hábitats reófilos augas arriba do azude, imprescindibles para os salmónidos (salmón, reo e troita).

-As posibles medidas de minimización de impactos non evitan, na súa totalidade, os efectos negativos deste tipo de aproveitamentos. Non serve de nada franquea-lo paso augas arriba ós reproductores se os xuvenís van ser turbinados na súa baixada.

-A construcción deste aproveitamento compromete a permanencia das poboacións de salmón do río Mandeo.

-O tramo seleccionado atópase na proposta de lugar de importancia comunitaria denominada Betanzos-Mandeo, da Rede Natura 2000, con presencia do hábitat prioritario 91E0, bosques aluviais residuais (Alnion glutinosus-incanae).

Por todo isto, considérase ambientalmente inviable o aproveitamento proposto.

A Dirección Xeral de Industria emite informe favorable.

A Dirección Xeral de Urbanismo emite informe no que conclúe:

-Os terreos nos que se sitúan as obras están clasificados nas normas subsidiarias de planeamento municipal como solo non urbanizable de protección especial de interese ecolóxico e paisaxístico (Coto de Chelo e Promontorio de Espenuca), e como non urbanizable de protección de canles.

-A este tipo de solo debe aplicarse o réxime de solo rústico da Lei do solo de Galicia, sendo de aplicación os artigos 77 e 79, en relación cos artigos 9 e 20 da Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoración. Non obstante, e dadas as características de actuación, podería chegarse a considerar que supera os límites do antedito artigo 77, polo que sería precedente a redacción dun plan especial de infraestructuras dos establecidos no artigo 26 da Lei do solo.

-Debido á incidencia territorial que os aproveitamentos hidroeléctricos poden ter na Comunidade Autónoma de Galicia e a súa posible demanda xeneralizada, non deberían ser tratados caso por caso. Poden ter un carácter que vai máis alá do municipal, polo que tamén podería redactarse un Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal do artigo 22 da Lei de ordenación do territorio de Galicia.

O Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural da Coruña emite informe negativo sobre o proxecto presentado por considerar que:

-Na zona están establecidas as únicas poboacións estables de salmón da provincia.

-A declaración de lugar de interese comunitario da zona.

-A falta de rigorosidade do estudio de efectos ambientais.

-A presencia dunha central hidroeléctrica na zona, que segundo estudios realizados por técnicos cualificados está producindo un impacto negativo no ecosistema acuático.

ANEXO III

Resumo das alegacións

Concello de Paderne, remite certificado do acordo adoptado no pleno municipal en sesión extraordinaria, polo que se aproba a moción da alcaldía sobre centrais hidroeléctricas na bacía do río Mandeo.

Así mesmo, remite informe no que se sinala:

-O proxecto presentado é insuficiente e inexacto (falta de topografía de detalle, establecemento e valoración inadecuada no cadro de medicións e orzamento, etc).

-O estudio de impacto ambiental presenta erros.

-Considérase imprescindible a emisión de dictame de Patrimonio da Xunta de Galicia.

-O espacio está incluído na proposta de Rede Natura 2000, polo que unha actuación deste tipo incidiría moi negativamente na zona natural.

-Crea serios problemas sociais, xa que degrada unha importante zona natural e en especial, priva en parte do ano o uso da zona recreativa de Chelo.

-O aproveitamento de 23 m/s é excesivo.

-O plan de vixilancia ambiental é insuficiente para valora-los posibles danos.

-Establécense unicamente unha serie de automatismos para a seguridade das instalacións, non se garante a existencia de persoal na central que poida controlar calquera fallo mecánico, co conseguinte perigo para persoas e bens.

-O concello oponse a que dunha vía de titularidade pública parta unha conexión cara ó azude, polo seu efecto barreira para a fauna e o incremento de paso cara a esa parte do río, co importante dano ecolóxico afectado.

-Non se consideran as afeccións provocadas ata a data na fauna e flora polos aproveitamentos existentes na bacía do río Mandeo.

-Producíronse nos últimos anos perdas de vidas no río como consecuencia do aumento do nivel das augas trala apertura de comportas dos aproveitamentos existentes.

O Concello de Betanzos remite copia do acordo que adoptou no Pleno da Corporación municipal, no que se recolle:

-Apoia-la moción da Alcaldía do Concello de Paderne en defensa dunha moratoria indefinida na construcción de centrais hidroeléctricas na bacía do río Mandeo.

-Solicitar ós sectores implicados na defensa dos ríos e da natureza, apoio a esa proposta.

-Solicitar a Augas de Galicia que facilite os medios suficientes para que os concellos afectados poidan emiti-los informes preceptivos e que se dea un prazo suficiente ó abeiro dos artigos 58.2º da Lei de bases de réxime local e 83.3º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas.

-Francisco Quintela Requeijo, alcalde presidente do Concello de Coirós, e na súa representación, expón:

-Con data 5 de decembro ese concello emitiu informe en contra do proxecto, de acordo con:

-O rexeitamento anterior a un proxecto similar, practicamente á mesma altura, e a deterioración que está a sufri-lo río Mandeo cos aproveitamentos hidroeléctricos existentes e recentemente aprobados, augas arriba no termo de Aranga.

-Ante a imposibilidade de control sinxelo dos caudais mínimos e a inexistencia de medios para o seu control, como estacións de aforo, o aproveitamento é de tódolos xeitos inadmisible.

-A valoración efectuada no estudio non é admisible, ó supo-los impactos como positivos ou moderados, ademais de non propoñer medidas correctoras e de afirma-la incidencia económica positiva, xa que non se xerará ningún posto de traballo nin supón ningunha mellora á rede eléctrica.

Por todo o anterior solicita se teña por presentada a súa oposición á instalación do aproveitamento hidroeléctrico.

A sociedade de cazadores Pedrapartida remite escrito de alegacións no que recolle:

-A xestión do coto privado de caza nº10090 recae nesa sociedade.

-A totalidade da zona de obra e subsidiarias está comprendida dentro de terreos de aproveitamento cinexético moi elevado.

-A zona de construcción da minicentral é o único paso para a interrelación das especies, polo que se chegaría á endogamia, coa desaparición das especies.

-Témese a experiencia negativa do actual funcionamento da central Mandeo-Zarzo, que nas aperturas das turbinas provoca tales avalanchas que provoca o afogamento a corzos e xabarís, sen contar cos humanos, o máis importante.

-Manifesta-lo seu rexeitamento á conveniencia da instalación da minicentral que, de producirse, vai ocasionar danos irreparables en tódalas especies cinexéticas.

-Consideran que:

-A zona está declarada como protexida (Rede Natura 2000) e polo tanto deberá ser excluída de calquera modificación ambiental.

-De permitirse a antedita obra, anticípanse, ademais das alegacións e considerandos, a indemnización correspondente, que ascende a un total de 13.850.000 pesetas.

-Polo anteriormente exposto, solicitan que se teña en conta o contido do escrito e se notifique calquera acordo como parte interesada.

Navarro Generación, S.A. e Unión Fenosa Generación, S.A. presentan escritos de alegacións similares, en calidade de arrendatario e concesionario da Central de Mandeo-Zarzo, respectivamente, nos que se recolle:

-O aproveitamento solicitado ten a súa captación augas abaixo da antedita central, que se atopa en explotación.

-O peticionario non presenta plano de planta do azude de derivación con representación das curvas de nivel do terreo. Comprobada a largura do río na zona seleccionada demóstrase claramente que a lonxitude de coroación do aliviadoiro, necesaria para desauga-la avenida de cálculo, é moi superior ó largo dispoñible, polo que, ó ser sensiblemente menor a lonxitude do aliviadoiro realizable, a sobreelevación da lámina de auga aumentará significativamente.

-Debido á presencia da central de Mandeo-Zarzo considérase necesario amplia-lo período de retorno a estudiar ós 500 anos, utilizando o método de Fuller ou outro semellante, que se adapte a este tipo de ríos.

-O proxecto non presenta un estudio de curvas de remanso. Este estudio considérase fundamental pola posible perturbación no desaugamento de enchentas na sección do río correspondente á central de Mandeo-Zarzo.

-O peticionario non xustifica cómo vai garanti-los caudais ecolóxicos ofrecidos, coñecendo a existencia augas arriba doutra central, con caudais establecidos por concesión.

-No ano 1999 a Dirección Xeral de Medio Ambiente Natural da Xunta de Galicia emitiu informe desfavorable da petición do expediente AC/73/98P, que ocupaba un tramo semellante ó solicitado actualmente; declarándose non viable pola declaración de efectos ambientais.

De acordo co anterior solicita que sexa denegada a petición de concesión.

A sociedade de pescadores Río Mandeo presenta escrito de alegacións no que se recolle:

-O val do río Mandeo, e en especial o Couto de Chelo e Picoto da Espenuca, está cualificado polo concello como solo non urbanizable de interese ecolóxico e paisaxístico.

-A Xunta de Galicia ten declarado como espacio natural o dito contorno, dentro da Rede Europea Natura 2000.

-Tanto a captación (lugar de Bacelo) como a restitución (Chelo) son lugares emblemáticos, polos mananciais de augas medicinais e pola afluencia masiva de turistas, escolares e pescadores.

-Lugar de Chelo está declarado paisaxe pintoresca no Decreto 2646, do 18 de agosto de 1972.

-Foi rexeitado un proxecto anterior (expediente AC/73/98P) de características similares.

-Desde hai anos, se están a sufri-las consecuencias nefastas do aproveitamento da central de Mandeo-Zarzo.

-O caudal ecolóxico proposto é insuficiente para a zona en cuestión (importante zona de freza de salmóns e reos). Ademais, por experiencia, estes nunca se cumprirían, ó non contemplarse no proxecto-intencionadamente-unha estación de aforamento. Non se poden admiti-las afirmacións respecto dos salmóns contidas na documentación.

-Non se considera que se reflictan axeitadamente aspectos das obras como as gabias precisas, o obstáculo que representa o azude ou as reixas na toma de auga.

-Tanto a flora como a fauna catalóganse copiando de inventarios preexistentes.

-A fauna do río case non se menciona ou parece desprenderse que é de pouca importancia.

-A valoración de impactos efectuada (positivos ou moderados-temporais) non se corresponde coa realidade (severos e permanentes).

-Non vai existir incidencia económica positiva para a zona.

-Non se puntualizan as medidas correctoras.

Por todo o anteriormente alegado solicitan a nulidade do estudio e proxecto da minicentral.

A Asociación Ecoloxista Cempés remite escrito de alegacións no que sinala:

-A central e encoro proxectados constitúen un problema ambiental ó varia-lo nivel de auga e o seu réxime de circulación, e transformar bruscamente o leito no que se pretende actuar.

-A zona afectada está dedicada tradicionalmente a actividades de lecer e educación.

-O río Mandeo representa unha das bacías prioritarias dentro do Plan de Recuperación do Salmón Galego, e foi obxecto de investimentos provenientes, entre outros, da Comunidade Europea.

-Producirase contaminación por incremento da turbidez e achega de sólidos cara ó leito fluvial.

-O obstáculo que suporía o azude e a diminución do caudal produciría unha rotura do continuo hidrolóxico.

-O estudio para a determinación do caudal ecolóxico está manipulado en función da eficacia e rendemento productivo do proxecto, polo que resulta insuficiente.

Por todo o anterior solicitan que se denegue a autorización.

A Asociación de Veciños Frai Pedro, remite escrito de alegacións no que recollen:

-O Concello de Coirós declarou nas normas subsidiarias de planeamento as beiras do río Mandeo como solo non urbanizable de interese ecolóxico e paisaxístico, existindo unha protección de canles cunha normativa que se vai aplicar.

-Non hai creación de postos de traballo, nin se mellora a subministración eléctrica para os concellos afectados.

-Cando se produce a descarga ponse en risco a vida humana.

-O caudal que se vai detraer deixará o leito sen tan sequera o caudal ecolóxico, como se constata noutras explotacións.

-A deterioración ecolóxica e paisaxística que sufrirá a ribeira por mor das obras sería irrecuperable.

Por todo o exposto solicitan a denegación da concesión.