Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Martes, 10 de xullo de 2001 Páx. 9.273

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2001 pola que se fai público o contido do convenio de apoio financeiro ó sector pesqueiro de Galicia subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras.

Con data do 21 de xuño o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e 18 entidades financeiras asinaron un convenio co obxecto de establecer unha liña de axudas de apoio financeiro ó sector pesqueiro galego, complementarias das axudas directas concedidas ó abeiro do Decreto 201/2000, da Consellería

de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, someténdose ás directrices tanto horizontais como sectoriais dictadas pola Comisión Europea, ás normas específicas contidas no citado convenio e ás que posteriormente se poidan dictar para o seu funcionamento operativo.

Polo que antecede, e en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12 a) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica e do artigo 11.1º a) do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento do Igape,

RESOLVO:

Facer público o texto do convenio coas entidades financeiras que figura como anexo I e a relación de entidades que o subscribiron que figura como anexo II.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2001.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

ANEXO I

Convenio de apoio financeiro ó sector pesqueiro galego subscrito entre o Igape e as entidades financeiras

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2001.

O presente convenio, asinado dunha parte polo presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), José Antonio Orza Fernández e doutra parte por... (en diante a entidade de crédito), representada por D/Dª..., con poder suficiente, formalízase co obxecto de establecer unha liña de apoio financeiro específico para o sector pesqueiro de Galicia, dentro do marco da política de apoio á pequena e mediana empresa emprendida pola Xunta de Galicia.

En tanto non se pronuncie a Comisión Europea acerca da compatibilidade coa normativa comunitaria do novo decreto de incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, axustarase ás directrices tanto horizontais como sectoriais dictadas pola Comisión Europea así como ós límites de intensidade autorizados a Galicia no mapa rexional de axudas de España para o período 2000-2006.

Conscientes da importancia que o sector pesqueiro galego ten dentro do tecido socioeconómico, ponse en marcha un programa de financiamento dos investimentos que estas empresas promovan; consistindo a axuda na subsidiación do tipo de xuro dos préstamos que se concerten coas entidades de crédito colaboradoras.

Estes préstamos poderán ser subsidiados polo Igape, con suxeición ás seguintes

Cláusulas

Primeira.-Obxecto e dotación orzamentaria.

O presente convenio ten por obxecto defini-los termos de colaboración entre... e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa finalidade de establecer liñas de financiamento subsidiado para titulares de empresas pertencentes ó sector pesqueiro de Galicia, someténdose ás directrices horizontais e sectoriais dictadas pola Comisión Europea, ás normas específicas contidas no presente

convenio e ás que posteriormente se poidan dictar para o seu funcionamento operativo.

As axudas establecidas neste convenio son complementarias das establecidas no Decreto 201/2000, do 6 de xullo, e nas ordes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia de datas 14 de xullo de 2000, reguladora de axudas á renovación da flota e modernización de buques, 17 de xullo de 2000 reguladora de axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización de productos, e 26 de xullo de 2000 reguladora de axudas ós investimentos en acuicultura mariña.

As axudas reguladas neste convenio financiaranse con cargo ós orzamentos do Igape 2001-2006, condicionándose a súa concesión á existencia previa de crédito adecuado e suficiente. Para o ano 2001, o crédito dispoñible para a concesión da axuda ascende a un máximo de 1.200 millóns de pesetas (7.212.145,25 euros), que se financiarán con cargo á partida 02.01.01/01/10.656700. Durante a vixencia do convenio, anualmente publicarase no DOG o límite de crédito dispoñible para a concesión de axudas e as partidas orzamentarias asignadas ó seu financiamento.

Segunda.-Beneficiarios.

2.1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas no presente convenio aqueles armadores, empresas de manipulación, transformación e comercialización de productos de pesca e titulares de establecementos de cultivos mariños, con centros productivos situados na Comunidade Autónoma de Galicia, que formalicen operacións de préstamo ó abeiro do presente convenio, para financiar proxectos de investimento subvencionados pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia conforme as ordes da citada consellería do 14 de xullo, 17 de xullo ou 26 de xullo de 2000.

2.2. En calquera caso, os beneficiarios das axudas previstas neste convenio deberán te-la consideración de pequenas e medianas empresas (Pemes) conforme a definición adoptada pola Comisión da Unión Europea do 3 de abril de 1996. Para estes efectos, terá a consideración de PEME a unidade económica con personalidade física ou xurídica que reúna os seguintes requisitos:

a) Que teña menos de 250 traballadores.

b) Que teña un volume de negocios anual non superior a 40 millóns de euros, ou ben un balance xeral anual, activo total, non superior a 27 millóns de euros, e

c) Que cumpra o criterio de independencia tal como se define a continuación:

Consideraranse empresas independentes as empresas nas que o 25% ou máis do seu capital ou dos seus dereitos de voto non pertenzan a outra empresa, ou conxuntamente a varias empresas que non respondan á definición de PEME. Este límite poderá superarse nos dous casos seguintes:

-Se a empresa pertence a sociedades públicas de participación, sociedades de capital risco ou investidores institucionais, sempre que estes non exerzan,

individual ou conxuntamente, ningún control sobre a empresa;

-Se o capital está distribuído de tal forma que non é posible determinar quén o posúe e se a empresa declara que pode presumir que o 25% ou máis do seu capital non pertence a outra empresa ou conxuntamente a varias empresas que non respondan á definición de PEME.

Para o cálculo dos límites establecidos nas alíneas a) e b) engadiranse as cifras correspondentes da empresa beneficiaria e de tódalas empresas nas que posúa directa ou indirectamente o 25% ou más do seu capital ou dos dereitos de voto.

Os solicitantes deberán acreditar esta circunstancia segundo o formulario establecido no anexo I a este convenio.

Terceira.-Vixencia e prazo de presentación de solicitudes.

O presente convenio entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e o prazo de presentación de solicitudes de subsidiación nas entidades financeiras finalizará o 30 de xuño de 2006.

Cuarta.-Modalidade e destino das axudas.

A axuda consistirá na subsidiación dos tipos de xuro dos préstamos concertados ó abeiro do presente convenio e destinados ó financiamento de proxectos de investimento subvencionados ó abeiro das ordes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura de datas 14 de xullo, 17 de xullo e 26 de xullo de 2000.

Quinta.-Características das operacións de préstamo.

5.1. Porcentaxe de financiamento:

O importe dos préstamos con dereito a subsidiación non poderá exceder, con carácter xeral, do 70% do investimento subvencionable aprobado na correspondente resolución de axuda da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

5.2. Prazos de amortización e subsidiación:

O prazo máximo de amortización do préstamo será, con carácter xeral, de 12 anos, incluídos 4 anos, como máximo, de carencia.

Consideraranse válidas as formalizacións dos préstamos que, por axustaren a última amortización ó vencemento dun trimestre natural, excedan o cómputo de anos, considerado este de data a data.

As amortizacións serán realizadas polo prestameiro en cotas trimestrais iguais, con vencemento o último día do trimestre natural, debendo recolle-la póliza ou escritura o número de cotas e as datas nas que se producirán a primeira e a última. As cotas de amortización poderán arredondarse en miles de pesetas acumulando na última a diferencia ata completa-lo total para amortizar.

5.3. Axuda financeira, tipos de xuro, comisións.

5.3.1. A axuda financeira das operacións acollidas a este convenio será de 4,50 puntos.

A axuda financeira que se conceda pagarase dunha soa vez e para o seu cálculo procederase do seguinte modo:

a) Calcularanse en pesetas correntes os valores absolutos dos xuros subsidiados correspondentes ó período de vixencia do préstamo. Para o dito cálculo tomarase como tipo de xuro nominal o vixente no momento

da formalización e axustarase, se é o caso, ó establecido na cláusula 5.3.3.

b) Actualizaranse, á data de formalización do préstamo, os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro establecido na Lei de orzamentos xerais do Estado correspondente ó ano de formalización do préstamo (5,5% para o ano 2001, de acordo coa Lei 13/2000, do 28 de decembro).

c) O importe resultante da liquidación anticipada destinarase á amortización anticipada do principal do préstamo, non podendo a entidade financeira cobrar comisión ningunha pola dita amortización.

O valor actualizado para o pagamento será calculado do seguinte modo:

R Ti

( 1 + d )

4

Onde:

n=trimestres de vixencia.

Ti=subsidiación do trimestre.

d=taxa de actuación (5,50%).

5.3.2. Tipo de xuro:

O tipo de xuro nominal anual para as operacións de préstamo concertadas e acollidas ó presente convenio será variable por semestres naturais de acordo coa seguinte norma:

a) Tipo de referencia: para o primeiro semestre de cada ano calcularase como a media aritmética simple dos tipos diarios do euribor a prazo de 6 meses correspondentes ó mes de novembro do ano anterior. Para o segundo semestre será a media aritmética simple dos tipos diarios do euribor a prazo de 6 meses correspondentes ó mes de maio do mesmo ano.

b) Tipo adicional: será o que libremente pacten as partes sen que en ningún caso poida exceder de 1,15 puntos.

c) O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadirlle ó tipo de referencia, o tipo adicional que pacten as partes. Se o tipo de xuro resultase con varios decimais, arredondarase ata a máis próxima vixésima parte do punto.

Para os efectos deste convenio, enténdese por euribor (Euro Interbank Offered Rate = tipo interbancario ofrecido en euros) a prazo de 6 meses, como o tipo de xuro de oferta, para depósitos interbancarios en euros a prazo de 6 meses, publicado pola Federación Bancaria Europea ou pola entidade pública ou privada, española ou da Unión Europea, designada para isto.

No caso de que desaparecera o euribor, o tipo de xuro variará por semestres naturais de acordo coa seguinte norma:

a) Tipo de referencia: para o primeiro semestre de cada ano, será o tipo de rendemento interno no mercado secundario da débeda pública de prazo entre dous e seis anos, publicado polo Banco de España, correspondente ó mes de novembro do ano anterior. Para o segundo semestre de cada ano, será o tipo de rendemento interno no mercado secundario da débeda pública de prazo entre dous e seis anos, publi-

cado polo Banco de España, correspondente ó mes de maio do mesmo ano.

b) Tipo adicional: será o que libremente pacten as partes sen que en ningún caso poida exceder de 0,65 puntos.

c) O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadirlle ó tipo de referencia, o tipo adicional que pacten as partes. Se o tipo de xuro resultase con varios decimais, arredondarase ata a más próxima vixésima parte do punto.

O tipo de xuro de referencia para cada semestre será comunicado polo Igape ás entidades financeiras e publicado no Diario Oficial de Galicia.

Sen embargo, para aqueles préstamos que se formalicen durante o ano 2001, o tipo de xuro nominal dos ditos préstamos e para este ano será de 5,75%.

5.3.3. Tipo de xuro resultante para o beneficiario.

Cos efectos de aplicación da subsidiación, o tipo de xuro resultante para o beneficiario, é dicir, o nominal menos os puntos de subsidiación, non poderá ser inferior ó 2%. No caso de que o tipo resultante sexa inferior ó dito límite, reducirase a subsidiación nos puntos correspondentes.

5.3.4. Liquidación de xuros.

A liquidación periódica de xuros, igual que as amortizacións, será realizada trimestralmente pola entidade financeira ó beneficiario o último día do trimestre natural.

Os trimestres serán sempre de 90 días e tódolos meses de 30 días, computándose estes para a liquidación desde a data de disposición, incluída esta.

5.3.5. Comisións.

As entidades financeiras prestamistas destas operacións subsidiadas poderán percibir por tódolos conceptos e dunha soa vez, unha comisión máxima dun 1%. Esta comisión non será subvencionable.

5.3.6. As referencias que se fan neste convenio ó tipo de xuro, entenderanse sempre ó tipo de xuro nominal anual.

Sexta.-Tramitación.

6.1. Solicitudes e documentación.

As solicitudes de subsidiación presentaranse nas entidades financeiras, no modelo normalizado que se distribuirá a través destas e será publicado no Diario Oficial de Galicia (anexo 7).

Á solicitude xuntaráselle a documentación establecida no anexo 2, por duplicado exemplar. A documentación deberá achegarse en orixinal ou copia cotexada cos orixinais pola entidade financeira.

As solicitudes presentadas por sociedades civís ou comunidades de bens deberanse tramitar a nome dos titulares que formalizarán o préstamo, seguido da denominación da sociedade civil ou comunidade de bens.

6.2. Coa presentación da instancia de solicitude, as empresas que se acollan ás axudas establecidas no presente convenio apoderan a entidade financeira para a realización ante o Igape de todos aqueles trámites nos que así se prevexa neste convenio. A este respecto, o Igape considerará a actuación da entidade financeira coma se fora propia da empresa solicitante.

6.3. O impreso de solicitude constará de cinco exemplares.

-Orixinal e primeira copia para Igape.

-Segunda copia para Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

-Terceira copia para entidade financeira.

-Cuarta copia para solicitante.

A entidade financeira datará e selará os cinco exemplares do impreso de solicitude, entregando ó solicitante a súa correspondente copia. A entidade financeira deberá centraliza-la recepción das solicitudes unha vez seladas polas súas distintas sucursais, tendo un prazo de 30 días para resolve-la petición de préstamo.

As entidades financeiras remitirán ó Igape as solicitudes coa documentación anexa, acompañados da comunicación de concesión do préstamo segundo modelo establecido no anexo 3. Así mesmo, remitirán á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura o seu correspondente exemplar de solicitude coa documentación anexa. A presentación no Igape realizarase mediante escrito no que se relacionen os expedientes remitidos (nº, nome e importe).

O último día hábil para a súa presentación será o 31 de xullo de 2006. As solicitudes presentadas fóra deste prazo, serán obxecto de resolución de arquivo, asumindo a entidade financeira toda a responsabilidade polos prexuízos que iso poida supor á empresa solicitante.

6.4. Dentro dos dez días seguintes á recepción das solicitudes, o Igape comunicará ós solicitantes a data na que as solicitudes foron recibidasas polo Igape, o prazo máximo establecido para a resolución e notificación do procedemento e para os efectos do silencio administrativo.

6.5. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos neste convenio ou non está acompañada da documentación esixida, requirirase o solicitante e a entidade financeira para que no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ó requirimento se emende a falta ou se presenten os documentos preceptivos, con indicación de que, en caso contrario, se considerará desistido da solicitude, logo de resolución declarativa de tal circunstancia. O requirimento á entidade financeira, realizarase vía fax.

6.6. Para os efectos da resolución da solicitude, o Igape solicitará informe á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura en relación á adecuación ó proxecto de investimento subvencionable ó abeiro da normativa específica que resulte aplicable. A emisión de informe favorable da citada consellería será requisito previo necesario para a concesión da axuda polo Igape.

6.7. Instruído o procedemento pola Área de Financiamento do Igape e inmediatamente antes de redactar proposta de resolución, porase de manifesto ós interesados, para que no prazo de 10 días poidan alegar e presenta-los documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderá prescindirse do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

6.8. A Dirección da Área de Financiamento e a Dirección Xeral do Igape elevará proposta de resolución ó presidente do Igape, que incluirá os puntos de subsidiación propostos, tipo mínimo a cargo do beneficiario, importe, prazo e condicións financeiras do préstamo subsidiable, o importe do investimento subvencionable e a porcentaxe de financiamento proposto. As propostas de denegación de solicitudes deberán detalla-la causa.

As solicitudes de axuda resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas no Igape, e ata esgotárense as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas.

6.9. Concesión.

O Igape notificará ó solicitante e comunicará á entidade financeira a concesión ou denegación da subsidiación. O beneficiario deberá aceptar expresamente a resolución de concesión. A aceptación formalizarase na copia da resolución que para tal efecto se remitirá xunto coa resolución de concesión e que deberá ser devolta ó Igape debidamente cumberta.

Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses desde a súa notificación. Potestativamente, poderá interpoñerse recurso de reposición perante o conselleiro de Economía e Facenda no prazo dun mes desde a súa notificación.

O prazo máximo para notifica-la resolución do procedemento será de 4 meses desde a data de presentación da solicitude da axuda. O dito prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido tal prazo sen que se notifique resolución expresa, poderá entenderse desestimada.

6.10. As axudas concedidas ó abeiro do presente convenio para proxectos que superen os 50 millóns de pesetas de investimento subvencionable (ou o seu contravalor en euros), serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, nos termos establecidos no artigo 11 do Regulamento 287/2000, de desenvolvemento do réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

6.11. Formalización.

A entidade financeira e o solicitante deberán formaliza-lo préstamo con posterioridade á resolución de concesión da axuda, e mediante escritura pública ou póliza intervida por fedatario público, de acordo coas seguintes condicións:

O préstamo deberá recolle-la característica de estar acollido ás axudas previstas neste convenio (clave SP/01); figurará na póliza ou escritura o tipo de xuro nominal anual da operación, o sistema de variación para os próximos exercicios, os puntos de subsidiación concedidos e o límite que corresponda para os efectos de aplicación da subsidiación establecido na cláusula 5.3.3.

O prazo máximo para a formalización do préstamo será de 5 meses, contado desde o día seguinte á data de notificación da concesión ó interesado. Finalizado o prazo sen que se formalice o préstamo, dictarase resolución tendo o solicitante por renunciado e ordenando o arquivo do expediente, salvo que, logo de solicitude razoada de prórroga deste, presentada no

Igape dentro do prazo e acreditando a conformidade da entidade financeira, o Igape autorice a dita prórroga.

A entidade financeira remitirá ó Igape copia cotexada da póliza ou escritura de préstamo, coa maior brevidade e, en todo caso, con anterioridade á presentación da documentación xustificativa establecida na cláusula 10.

6.12. Disposición do préstamo.

O período de disposición do préstamo e de realización dos investimentos non poderá supera-la data pactada no contrato de préstamo para o aboamento da primeira amortización de principal.

As disposicións realizaranse a través dunha conta específica na que se reflectirán única e exclusivamente os movementos habidos na operación de préstamo.

Á formalización do préstamo ou, en todo caso, previamente á utilización dos fondos, a entidade financeira requirirá ós beneficiarios a documentación (facturas, contratos, certificacións de obra, etc.) que acredite a execución do investimento subvencionable, pagado e pendente de pagamento. A disposición dos fondos irá destinada ós pagamentos pendentes do investimento. Non obstante, tamén poderá admitirse a disposición do préstamo con destino á cancelación, en todo ou en parte, de préstamos ou créditos que se destinasen ó pagamento do investimento subvencionable, agás que estes préstamos gocen xa dalgunha bonificación ou axuda.

A entidade financeira deberá conservar copias cotexadas dos documentos que xustifiquen o investimento total subvencionado, así como dos medios utilizados para o seu pagamento, debendo emitir unha vez executado o proxecto certificación de xustificación de investimentos. A certificación de xustificación de investimentos emitida pola entidade financeira deberá conte-los datos do importe do investimento subvencionable xustificado e a porcentaxe que este representa respecto da totalidade do investimento aprobado e, a parte do préstamo disposto utilizado para o pagamento do investimento xustificado, de acordo co modelo establecido no anexo 5.

Sétima.-Xustificación do proxecto, liquidación e pagamento da subsidiación.

7.1. Á finalización do período de disposición do préstamo subsidiado, os beneficiarios deberán solicitar a través da entidade financeira, o cobramento da subvención concedida, xuntando para tal efecto solicitude de cobro de subvención segundo modelo establecido no anexo 6 e declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas polo beneficiario para o mesmo proxecto, segundo o modelo do anexo 4.

7.2. No prazo máximo de catro meses desde a finalización do período de disposición do préstamo, a entidade financeira remitirá ó Igape a documentación fornecida polo beneficiario establecida no número anterior, acompañada da certificación de xustificación de investimentos e das copias cotexadas dos documentos xustificativos do investimento total subvencionado e dos medios utilizados para o seu pagamento, referidas na cláusula 6.12.

7.3. O Igape poderá solicitar á entidade financeira ou ó beneficiario a información adicional que considere oportuna para os efectos dunha correcta análise da xustificación da realización do proxecto.

7.4. O Igape remitirá a documentación xustificativa do proxecto á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, co obxecto de que informe sobre a adecuación do investimento realizado á finalidade prevista. A emisión previa de informe favorable da Consellería Sectorial resultará necesaria para proceder ó pagamento da axuda do Igape.

7.5. De acordo co establecido no artigo 15.3º do Decreto 278/2000, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, a comprobación material do investimento aprobado para préstamos cunha subsidiación superior ós 10.000.000 de pesetas (ou o seu contravalor en euros) substitúese por xustificación documental consistente na certificación bancaria de xustificación de investimentos acompañada de copias cotexadas de documentación xustificativa da realización do investimento e do seu pagamento, todo isto sen prexuízo da posibilidade de realización polo Igape de calquera outras actuacións de control e inspección que poida considerar oportunas.

Oitava.-Pagamento da subsidiación.

Unha vez xustificada adecuadamente a realización do proxecto a xuízo do Igape e emitido o informe favorable da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, procederase ó pagamento da subvención, dunha soa vez, a través da entidade financeira prestamista.

A subvención terá que se destinar á amortización anticipada do principal do préstamo, polo que, unha vez aplicada, a entidade financeira deberá presentar no Igape, no prazo de 30 días desde a data de pagamento da subvención, certificación acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

O importe da subvención anticipada será o importe correspondente, de acordo co establecido na cláusula 5.3.1. Este importe non poderá superar, en ningún caso, o 10% do investimento subvencionable, en caso contrario limitarase a dita cifra.

Novena.-Prórroga de prazos.

En atención ó disposto polo artigo 49 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as prórrogas dos prazos establecidos neste convenio solicitaranse ó Igape cunha antelación mínima de 10 días hábiles ó vencemento do prazo que se vai ampliar, co obxecto de que o instituto poida resolvelas con anterioridade á súa expiración.

Décima.-Modificacións.

10.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

10.2. O presidente do Igape poderá acorda-la modificación da resolución de concesión por instancia do

beneficiario, sempre que a modificación do proxecto non desvirtúe a finalidade da axuda, non exista prexuízo a terceiros, e os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

As solicitudes de modificación, acompañadas de memoria xustificativa, presentaranse ó Igape a través da entidade financeira. Toda modificación do proxecto de investimento subvencionado deberá obter informe favorable da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, con carácter previo á súa resolución.

10.3. A resolución de modificación establecerá as novas condicións da concesión e, se é o caso, decretará o reintegro do indebidamente percibido. En ningún caso a resolución de modificación implicará aumenta-la contía do préstamo subsidiable inicialmente aprobado.

10.4. O cambio de beneficiario da axuda poderá ser autorizado polo presidente do Igape nos supostos de sucesión de empresa e de transformación da forma xurídica do beneficiario, sempre que se acredite documentalmente a subrogación na totalidade dos dereitos e obrigas derivados do proxecto subvencionado, e especificamente do préstamo subsidiado, así como o cumprimento dos requisitos establecidos no número 10.2.

10.5. O presidente do Igape poderá autorizar, por instancia do beneficiario, a formalización do préstamo cunha entidade financeira distinta da que tramitou a solicitude. Para estes efectos, solicitarase o cambio a través da nova entidade financeira prestamista, achegando nova comunicación de concesión de préstamo e declaración xurada da inexistencia de variación na restante documentación do expediente.

Décimo primeira.-Perda da subvención.

1. Procederá ó reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, xunto cos xuros de demora producidos desde o pagamento, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obte-la subvención sen reuni-los requisitos esixidos.

c) Incumpri-la finalidade para a que a subvención foi concedida.

d) Incumpri-las condicións impostas ó beneficiario co motivo da concesión da subvención.

e) Cando o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia con outras, supere o custo do proxecto ou o límite de intensidade de axuda establecido pola normativa comunitaria.

2. O alcance do incumprimento determinarase en función do grao e entidade da condición incumprida, e, se é o caso, proporcionalmente ó investimento non xustificado. A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á súa apreciación conxunta.

Se o incumprimento superara o 50% do investimento subvencionable aprobado, considerarase total, sendo causa de revogación da axuda e de reintegro da totalidade das cantidades percibidas.

As cantidades a reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de apli

cación para o seu recobramento, se é o caso, a vía de constrinximento.

3. O procedemento para declara-lo incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ó disposto no artigo 20 do Decreto 287/2000, de desenvolvemento do réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, os beneficiarios e entidades financeiras sométense ó réxime de infraccións e sancións establecido no artigo 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, desenvolvido no capítulo VII do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Décimo segunda.-Compatibilidade.

Non se poderán acoller ás axudas establecidas neste convenio aqueles proxectos que se vaian financiar, en todo ou en parte, mediante créditos, préstamos ou contratos de leasing que teñan calquera tipo de subvención encamiñada a mellora-las condiciones financeiras respecto das normais do mercado.

A concesión das axudas deste convenio queda supeditada ó cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Nos ditos termos, serán compatibles con calquera outras axudas públicas ou privadas -salvo as referidas no parágrafo anterior-, pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán supera-los límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea.

Para o cálculo da intensidade da axuda de subvención do tipo de xuro se procederá da seguinte forma:

-Calcularanse en pesetas correntes (ou o seu contravalor en euros) os valores absolutos das subvencións que se percibirán.

-Actualizaranse, ó ano da concesión das axudas, os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro.

Décimo terceira.-Control.

Os beneficiarios, quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que efectúe o Igape para verifica-la aplicación das axudas ás finalidades aprobadas e o cumprimento dos requisitos e condicións establecidos, así como ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás que, se é o caso, poida efectua-la a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, debendo facilitar toda a información requirida polos citados organismos.

Décimo cuarta.-Obrigas das entidades financeiras.

1. A entidade financeira asinante comprométese a:

a) Concede-los préstamos nos termos e condicións establecidos neste convenio.

b) Colaborar na tramitación dos expedientes de axuda, cumprindo os prazos e demais formalidades establecidas no presente convenio.

c) Manter ó dispor do Igape a documentación relativa á personalidade xurídica das sociedades (escritura de constitución e estatutos) e a capacidade do asinante da solicitude (poder de representación).

d) Acatar e cumprir cantas normas de carácter operativo dicten o Igape para a mellor administración e control das operacións incluídas neste convenio.

e) Remitir ó Igape as aclaracións que solicite respecto da documentación relativa á xustificación, liquidación e aboamento das subsidiacións, así como someterse ás actuacións de comprobación que respecto da xestión dos fondos poida efectua-lo Igape ou calquera dos organismos referidos na cláusula 15.

2. A entidade financeira asinante comprométese, así mesmo, a responder subsidiariamente co beneficiario, do reintegro das axudas indebidamente percibidas por este, cando por neglixencia grave ou dolo da entidade financeira, se permitira dispor indebidamente dos fondos da conta restrinxida do préstamo para finalidades distintas das aprobadas, e iso dera lugar a resolución administrativa firme, declarativa da obriga de reintegro de cantidades indebidamente percibidas.

Non se considerarán no suposto anterior os simples erros materiais ou aritméticos nos que non interveña neglixencia grave ni dolo.

Décimo quinta.-Denuncia do convenio.

Será causa suficiente para a resolución do presente convenio o incumprimento por unha das partes de calquera das súas cláusulas, logo de denuncia da contraria cun mínimo de 30 días de aviso previo.

A resolución suporá en todo caso deixar atendidas fronte ós beneficiarios as obrigas xa legalmente contraídas polas dúas partes.

Décimo sexta.-Seguimento do convenio.

O seguimento do convenio realizarase a través dunha comisión de vixilancia e seguimento, integrada pola entidade financeira, representantes do Igape e da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, que terán reunións con periodicidade trimestral ou ben convocando separadamente a cada unha delas.

O Igape fará públicos os resultados do convenio de forma periódica.

Décimo sétima.-Publicidade.

As entidades financeiras asinantes comprométense a amosar, nas súas distintas sucursais, a publicidade facilitada polo Igape e a colaborar na correcta difusión desta liña de axudas.

Con obxecto de lograr maior coordinación, os proxectos e campañas publicitarias que, se é o caso, realicen as entidades financeiras sobre este convenio, deberán contar coa autorización previa do Igape.

Décimo oitava.-Natureza.

O presente convenio ten natureza administrativa correspondendo ó Igape a interpretación de seu contido.

Pola entidade financeira:

Asdo.:

DNI:

Polo Igape:

Asdo.: José Antonio Orza Fernández.

Presidente do Igape.

ANEXO II

Relación de entidades financeiras colaboradoras

Caixas.

Caixanova.

Caixa Galicia.

La Caixa.

Caja España.

Bancos.

Banco Atlántico.

Banco Bilbao Vizcaya Argentaria.

Banco Santander Central Hispano.

Banco Español de Crédito.

Banco Espírito Santo.

Banco Etcheverría.

Banco de Galicia.

Banco Gallego.

Banco Herrero.

Bankinter.

Banco Pastor.

Banco Popular.

Banco Simeón.

Banco Urquijo.