Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Martes, 10 de xullo de 2001 Páx. 9.262

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 4 de xullo de 2001 pola que se clasifica como mixta a Fundación Náutico-Deportiva Rías do Sur.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Naútico-Deportiva Rías do Sur, con domicilio na rúa Xoaquín Costa, 25-1º (Pontevedra).

Supostos de feito.

1. José Ramón Meiriño González, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 26 de xuño de 2001, formulou solicitude de clasificación para efectos da sua inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Pontevedra, o día 14 de xuño de 2001, ante o notario Luís Darrieux de Ben, co número 582 do seu protocolo por María Nieves Gil Miguel que intervén en nome e representación do Club Natación Rías Baixas, Alberto Rodríguez González que intervén en nome e representación da entidade Amigos Fundadores da Piscina Olímpica e José Ramón Meiriño González que intervén en nome e representación do Club Natación Galaico.

3. Segundo consta no artigo 6 dos estatutos, é obxecto da fundación a realización de actividades deportivas e recreativas encamiñadas á promoción e fomento dos recursos deportivos de Galicia, especificamente de Pontevedra e a súa área de influencia, para o que:

a) Participará activamente na creación da infraestructura necesaria para a práctica dos deportes de natación e outros deportes naúticos, nas súas facetas de lecer, rehabilitación e competición.

b) Promoverá, facilitará e divulgará actividades de competición dos deportes de natación e outros deportes náuticos.

c) Terá plena liberdade para determina-las súas actividades, podendo selecciona-los obxectivos que estime máis adecuados ás circunstancias de cada momento.

4. O padroado da fundación estará constituído polo presidente da Asociación Amigos da Piscina Olímpica como presidente, o presidente do Club Natación Galaico como vicepresidente e o presidente do Club Natación Rías Baixas como vocal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como mixta da Fundación Náutico-Deportiva Rías do Sur, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo esta

blece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 3 de xullo de 2001.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta a Fundación Náutico-Deportiva Rías do Sur e adscribila á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública