Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Venres, 06 de xullo de 2001 Páx. 9.106

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 155/2001, do 18 de maio, polo que se acepta a cesión a título gratuíto á Comunidade Autónoma de Galicia dunha parcela, no termo municipal do Porriño (Pontevedra), para a construcción dun novo edificio para os xulgados do Porriño.

O Pleno da Corporación municipal do Concello do Porriño, reunido en sesión celebrada o día 23 de novembro de 2000, acordou ceder á Comunidade Autónoma de Galicia unha parcela de 1.080 m de superficie, no termo municipal do Porriño (Pontevedra), para a construcción dun novo edificio para os xulgados do Porriño.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles sobrepase o seu valor intrínseco; ben que non se consideran carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello do Porriño acordou a cesión e, logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día dezaoito de maio de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta dunha parcela de 1.080 m de superficie, situada no termo municipal do Porriño (Pontevedra), que a seguir se describe:

Urbana.-Soar chamado Regaverdella e Gulpilleira sita na parroquia e municipio do Porriño. Linda: norte, en lonxitude de vinte metros, viario do PXOM que separa do resto do predio matriz; sur, en igual lonxitude, rúa Fernández Areal; leste, en lonxitude de cincuenta e catro metros, resto do predio matriz; oeste, en igual lonxitude, terreo do concello.

Inscrita a favor do Concello do Porriño no tomo 961, libro 182 do Porriño, folio 13, predio nº 29.837 inscrición 1ª.

Artigo 2º

A parcela cedida destinarase á construcción dun novo edificio para os xulgados no Porriño.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á

formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, dezaoito de maio de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda