Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Martes, 03 de xullo de 2001 Páx. 8.962

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 18 de maio de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de limpeza de edificios e locais.

Visto o texto do convenio colectivo do sector da limpeza de edificios e locais, co nº de código 3600895, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 11-5-2001, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Limpieza de Edificios y Locales de Pontevedra, e, da parte social, polas centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG, o 27-4-2001. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios

colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 18 de maio de 2001.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo provincial do sector de limpeza de edificios e locais

Capítulo I

Ámbito de aplicación e duración

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio colectivo afecta a todo o persoal e empresas que se rexen pola ordenanza laboral para as empresas dedicadas á limpeza de edificios e locais do 15 de febreiro de 1975, comprendendo o seu ámbito de aplicación a provincia de Pontevedra, así como os novos centros de traballo que no ámbito desta provincia se creen ou instalen.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Atópanse incluídos no ámbito de aplicación deste convenio tódolos traballadores/as dependentes destas empresas, quedando excluídas aquelas persoas que de acordo coa ordenanza laboral vixente poidan saír do seu ámbito.

Artigo 3.-Duración e vixencia.

Este convenio terá unha duración de dous anos, contados do 1 de xaneiro de 2001 ó 31 de decembro do ano 2002. Entrará en vigor ós 10 días da súa sinatura, se ben os seus efectos económicos pactados terán efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2001 en tódolos conceptos.

Entenderase prorrogado tacitamente por períodos anuais sempre que por calquera das partes non sexa denunciado cando menos con tres meses de antelación ó seu vencemento ou de calquera de súas prórrogas. Caso de non chegar a unha negociación despois de realizada a denuncia, o texto do convenio quedará prorrogado, non así os conceptos salariais que aumentarán de acordo coa subida do IPC real.

Capítulo II

Xornada, vacacións, horas extras, licencias

Artigo 4º.-Xornada laboral.

A xornada laboral ordinaria será de 39 horas semanais de traballo efectivo.

Nos supostos de xornada continuada establecerase un período de descanso obrigatorio de 20 minutos, que se computará como tempo de traballo efectivo, sen prexuízo das condicións máis favorables existentes nas empresas. É dicir, as que teñan máis dos vinte minutos agora establecidos.

Os traballadores/as disporán de tres días de descanso ó ano, que se desfrutarán os días Sábado Santo, 24 e 31 de decembro. Aqueles/as traballadores/as para os que eses días non sexan laborables, desfrutaranos nas datas que acorden empresario e traballador/a.

Cando se amplie a xornada nun centro de traballo, ou se xubile calquera traballador/a, terán preferencia para o incremento da xornada laboral os/as traballadores/as que presten servicios no dito centro, independentemente que sexan de contratación fixa ou eventual, o único requisito será ter 4 meses de antigüidade no centro de traballo e non ter xornada completa, tendo en conta tódalas empresas onde traballa. Caberán excepcións cando existan razóns organizativas ou productivas xustificadas.

O incremento salarial que supoña o aumento de xornada non afectará o importe do complemento antigüidade que o/a traballador/a viñese percibindo.

Artigo 5º-Traballo en domingos e festivos.

O/a traballador/a cunha xornada laboral que se desenvolva en domingo, ou días festivos, terá opción a:

a) O aboamento, segundo o pactado neste convenio.

b) A acumula-lo descanso ós días de vacacións regulamentarias.

c) Desfrutar, en compensación, dun día de descanso semanal.

Por outra banda, o traballador/a que preste servicio como mínimo 2 domingos nun mes, terá dereito a un día adicional de descanso sen prexuízo doutros dereitos que lle puideran corresponder.

Os festivos terán a mesma consideración que os domingos para efectos do descanso adicional regulado anteriormente.

Así mesmo, se un traballador/a presta os seus servicios tres domingos ó mes durante dous meses consecutivos, terá dereito a un día máis de descanso.

Artigo 6º.-Vacacións.

O persoal afectado por este convenio desfrutará de 30 días ininterrompidos de vacacións anuais retribuídas, a desfrutar entre os meses de xuño a setembro, ámbolos dous inclusive. O inicio das vacacións terá lugar en día laborable que non sexa nin sábado, domingo, festivo ou día de descanso.

En cada empresa elaboraranse as quendas correspondentes. Para a elección de quenda por parte dos traballadores/as, seguirase en cada empresa unha orde rotativa de preferencia, de tal maneira que quen

tivo preferencia de elección de quenda no ano anterior é o último á hora de elixir quenda no ano seguinte. Así mesmo, o traballador/a pluriempregado/a coordinará as súas vacacións nas ditas empresas para desfrutalas de forma conxunta, tomando como dato base a empresa onde traballa maior número de horas semanais; en todo caso aqueles traballadores/as que presten servicios en empresas que pechan por período vacacional, entenderase este como período de referencia a coordinar.

O seu aboamento farase en función do salario base do convenio, antigüidade, complemento de asistencia, complemento de transporte e complemento de nocturnidade. Os complementos de asistencia e transporte aboaranse como rateo do tempo traballado durante o ano.

Os traballadores/as que con anterioridade ó período vacacional se encontren en situación de IT, terán dereito ó seu desfrute sempre que causen alta antes de finaliza-lo ano natural en curso.

O empresario saínte dunha contrata adxudicada a outra empresa estará obrigado a liquida-la parte proporcional que lle corresponda ó/ás traballadores/as no concepto de vacacións.

Artigo 7º.-Horas extraordinarias.

Durante a vixencia deste convenio non se farán horas extraordinarias, non obstante poderán facerse horas extraordinarias debidas a forza maior e as de carácter estructural.

En relación ó obxectivo de estimula-la creación de emprego a través da reducción de horas extraordinarias, as partes coinciden na importancia do estricto cumprimento do ET.

No caso de facerse horas extraordinarias serán aboadas nas seguintes contías:

Hora extra: 850 pesetas (5,11 euros).

Hora en domingo e festivo: 1.000 pesetas (6,01 euros).

Artigo 8º.-Licencias.

Logo de solicitude dos traballadores/as afectados considerarase licencia retribuída polo tempo e nos casos seguintes:

a) Matrimonio ou unión de feito do traballador/a: 15 días naturais.

b) Matrimonio de pais, pais políticos, fillos ou parentes que convivan co traballador/a: 1 día natural.

c) Parto de esposa: 5 días laborables.

d) Falecemento, enfermidade grave, accidente e hospitalización:

-Do cónxuxe ou compañeiro/a: 5 días naturais.

-Pais, pais políticos e fillos: 3 días naturais.

-Irmáns e parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 2 días naturais.

Se entre o traballador/a e os parentes anteriormente detallados houbera convivencia, a licencia sería de 5 días naturais. O mesmo ocorrería se o falecemento, accidente, e hospitalización ou enfermidade grave dos parentes anteriores se producise fóra da localidade.

e) Falecemento de tío: 1 día natural. Se houbera convivencia entre o traballador/a e o falecido, a licencia sería de 2 días naturais.

f) Traslado de domicilio: 2 días laborables.

g) Os/as traballadores/as que cursen con regularidade estudios para a obtención dun título oficial académico ou profesional, terán dereito a un permiso retribuído de ata 6 días ó ano para concorrer a exames, logo de comunicación do traballador/a á dirección da empresa con quince días de antelación e xustificación correspondente.

h) As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal nunha hora coa mesma finalidade.

Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou polo pai no caso de que ambos traballen.

A concreción horaria e a determinación do período de desfrute do permiso da lactación e da reducción de xornada corresponderá ó traballador/a, dentro da súa xornada ordinaria.

O traballador/a deberá avisa-lo empresario con 15 días de antelación da data en que se reincorporará á súa xornada ordinaria.

As discrepancias xurdidas entre empresario e traballador/a sobre a concreción horaria e a determinación dos períodos de desfrute previstos serán resoltos pola xurisdicción competente o través do procedemento establecido no artigo 138 bis da Lei de procedemento laboral.

Quen por razóns de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de 6 anos ou minusválido físico, psíquico ou sensorial, que non desenvolva unha actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario entre, alomenos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Terá o mesmo dereito quen precise encargarse do coidado directo dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo e que non desenvolva actividade retribuída.

A reducción de xornada, completada neste punto constitúe un dereito individual dos traballadores/as, homes ou mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limita-lo seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.

i) Igualmente o traballador/a, solicitándoo coa debida antelación, terá dereito a dispoñer de ata 5 días de licencia, non retribuídas pola empresa, a desfrutar durante o ano natural.

k) Todo o traballador/a que unha vez iniciada a súa xornada de traballo e que no seu transcurso se sentise enfermo, ou recibise notificación de accidente ou enfermidade grave dalgún familiar ata segundo grao, e tivese que abandona-lo seu posto de traballo, con posterior xustificación médica, percibirá o importe total da dita xornada, sempre que traballase media. No casos de licencia, esta comezará a cumprirse a partir do día seguinte.

As referencias que nos puntos anteriores se fan ó cónxuxe, entenderanse feitas, tamén, á compañeira/o que de xeito estable e en situación de feito asimilable ó matrimonio conviva co traballador/a, logo de certificación de convivencia que acredite a dita situación.

Artigo 9º.-Excedencias.

Todo traballador/a fixo cunha antigüidade alomenos dun ano na empresa terá dereito a que se lle recoñeza a excedencia voluntaria por un prazo non inferior a seis meses e non maior a cinco anos.

O/a traballador/a excedente, cando a súa categoría se atope entre os pertencentes ós grupos de persoal subalterno e obreiro, terá dereito á reserva do seu posto de traballo durante un período máximo de dous anos. A reincorporación á empresa solicitarase cun aviso previo de tres meses.

Excepcionalmente, cando a solicitude de excedencia sexa por un tempo máximo de dous anos, o traballador terá dereito a reintegrarse na empresa durante o prazo de dos seis primeiros meses da dita excedencia, dispoñendo o empresario dese mesmo prazo dos seis meses para proceder á súa reincorporación. En todo caso, o traballador/a terá que poñer en coñecemento do empresario a súa intención de volver á empresa cunha antelación mínima dun mes. Pasados os seis primeiros meses de exercicio da excedencia sen que o traballador fixera uso do seu dereito xa non poderá volver á empresa ata esgota-lo período total de excedencia solicitada.

As traballadoras e traballadores terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo/a tanto que o sexa por natureza por adopción nos supostos de acollemento tanto permanente como preadoptivo contados desde a data de nacemento ou, no seu caso, da resolución xudicial ou administrativa.

Tamén terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a un ano, salvo que se estableza unha duración maior por negociación colectiva, os traballadores/as para atende-lo coidado dun familiar, ata o 2º grao de consanguinidade ou afinidade, que por por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo e non desenvolva actividade retribuída.

A excedencia prevista neste punto constitúe un dereito individual dos traballadores/as, homes ou mulleres, non obstante, se dous ou máis traballadores/as da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limita-lo seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.

Cando un novo suxeito causante dera dereito a un novo período de excedencia, o inicio desta dará fin ó que, se é o caso, se viñese desfrutando.

O período en que o traballador/a permaneza en situación de excedencia conforme o establecido neste artigo será computable para efectos de antigüidade e o traballador/a terá dereito a asistencia a cursos de formación profesional á participación do cal deberá ser convocado polo empresario, especialmente con ocasión da súa reincorporación. Durante o primeiro ano terán dereito á reserva do seu posto de traballo. Trancorrido o dito prazo, a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

Artigo 10º.-Asistencia a consultorios médicos.

Tódolos/as traballadores/as terán dereito a tres horas retribuídas pola empresa cada vez que teñan que asistir á consulta do médico de cabeceira. Cando o médico de cabeceira que lle correspondera ó traballador/a tivese o seu consultorio en localidade distinta daquela na que prestan os seus servicios os/as traballadores/as, estas disporán do tempo necesario.

O/a traballador/a que teña que acudir a un consultorio médico estará obrigado a avisar anticipadamente á empresa, a cal, porá á disposición do traballador/a o xustificante correspondente, que deberá devolverlle á empresa unha vez cuberto polo médico.

Para a súa asistencia á consulta do especialista, os traballadores terán dereito a todo o tempo necesario logo de presentación do volante do médico de cabeceira. Ademais terán dereito un día de asistencia ó especialista fóra da localidade.

Así mesmo, terán dereito a 3 horas retribuídas para asistir a consultorio médico con fillos menores de 14 anos ou parentes minusválidos físicos ou psíquicos calquera que sexa a súa idade, cun máximo de tres veces ó mes, sempre que a súa xornada laboral sexa coincidente co horario de consulta médica e co horario do seu cónxuxe ou compañeiro ou compañeira. Os procesos de rehabilitación non terán a consideración de consulta médica para efectos do dereito regulado anteriormente.

Capítulo III

Mellora nas condicións de traballo

Artigo 11º.-Cambio de postos de traballo por embarazo.

-Suspensión con reserva do posto de traballo.

No suposto de parto, a suspensión terá unha duración de 16 semanas, que se desfrutarán de maneira interrompida, ampliables no suposto de parto múl

tiple en dúas semanas máis por cada fillo/a a partir do segundo. O período de suspensión se distribuirá a opción da interesada sempre que 6 semanas sexan inmediatamente posteriores o parto. No caso de falecemento da nai, o pai poderá facer uso da totalidade ou, se é o caso, da parte que reste do período de suspensión.

Non obstante o anterior, e sen prexuízo das 6 semanas inmediatas posteriores ó parto de descanso obrigatorio para a nai, no caso de que o pai e nai traballen, esta ó iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar por que o pai desfrute dunha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior o parto ben de forma simultánea ou sucesiva co da nai, salvo que no momento da súa efectividade na incorporación ó traballo da nai supoña un risco para a súa saúde.

Nos supostos de adopción e acollemento tanto preadoptivo como permanente, de menores de ata 6 anos a suspensión terá unha duración de 16 semanas ininterrompidas, ampliable no suposto de adopción ou acollemento múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo, contadas á elección do traballador/a, ben a partir da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, ben a partir da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción. A duración da suspensión será, así mesmo, de 16 semanas nos supostos de adopción e acollemento de menores maiores de 6 anos de idade cando, se trata de menores discapacitados ou minusválidos ou que polas súas circunstancias e experiencias persoais ou que por prover do estranxeiro, teñan especiais dificultades de inserción social e familiar debidamente acreditadas polos servicios sociais competentes. No caso de que a nai e o pai traballen, o período de suspensión distribuirase a opción dos interesados, que poderán desfrutalos de xeito

simultáneo ou sucesivo, sempre que con períodos ininterrompidos e cos límites sinalados.

Nos casos de desfrute simultáneo de períodos de descanso, a súa suma non poderá exceder das 16 semanas previstas nos puntos anteriores ou das que correspondan no caso de parto múltiple.

Os períodos ós que se refire este artigo poderán desfrutarse en réxime de xornada completa ou a tempo parcial, logo do acordo entre os empresarios e os traballadores/as afectados/as, nos termos que regulamentariamente se determinen.

Nos supostos de adopción internacional cando sexa necesario o desprazamento previo dos pais ó país de orixe do adoptado, o período de suspensión, previsto para cada caso neste artigo, poderá iniciarse ata 4 semanas antes da resolución pola que se constitúe á adopción.

-Protección á maternidade.

1. A avaliación dos riscos a que se refire o artigo 16 da lei deberá comprender-la determinación da natureza, o grao e a duración da exposición das traballadoras en situación de embarazo ou parto reciente a axentes, procedementos ou condicións de tra

ballo que poidan influir negativamente na saúde das traballadoras ou do feto, en calquera actividade susceptible de presentar un risco específico. Se os resultados da avaliación revelasen un risco para a seguridade e a saúde ou unha posible repercusión sobre o embarazo ou a lactación das citadas traballadoras, o empresario adoptará as medidas necesarias para evita-la exposición ó dito risco, a través dunha adaptación das condicións ou do tempo de traballo da traballadora afectada. As ditas medidas incluirán, cando resulte necesario, a non realización de traballo nocturno ou de traballo a quendas.

2. Cando a adaptación das condicións ou do tempo de traballo non resultase posible ou, a pesar de tal adaptación, as condicións dun posto de traballo puideran influír negativamente na saúde da traballadora embarazada ou do feto, e así o certifiquen os servicios médicos do Instituto Nacional da Seguridade Social ou das mutuas, co informe do médico do Servicio Nacional da Saúde que asista facultativamente á traballadora, esta deberá desenvolver un posto de traballo ou función diferente e compatible co seu estado. O empresario deberá determinar, logo da consulta cos representantes dos traballadores/as, a relación dos postos de traballo exentos de riscos para estos efectos.

O cambio de posto ou función levarase a cabo de conformidade coas reglas e criterios que se apliquen nos supostos de mobilidafe funcional e terá efectos ata o momento no que o estado de saúde da traballadora permita a súa reincorporación ó anterior posto.

No suposto de que, incluso aplicando as reglas sinaladas no parágrafo anterior, non existise posto de traballo ou función compatible, a traballadora poderá ser destinada a un posto non corresponde ó seu grupo ou categoría equivalente, pero conservará o dereito ó conxunto de retribucións do seu posto de orixe.

3. Se o dito cambio de posto non resultara técnica ou obxectivamente posible, ou non poida razoablemente esixirse por motivos xustificados, poderá declararse o paso da traballadora afectada á situación de suspensión do contrato por risco durante o embarazo, prevista no artigo 45.1º d) do Estatuto dos traballadores, durante o período necesario para a protección da súa seguridade ou da súa saúde e mentres persista a imposibilidade de reincorporarse ó seu posto anterior ou a outro posto compatible co seu estado.

4. O disposto nos números 1 e 2 deste artigo será tamén de aplicación durante o período de lactación, se as condicións de traballo puideran influír negativamente na saúde da muller ou do fillo/a e así o certifique o médico que, no réxime da Seguridade Social aplicable, asista facultativamente a traballadora.

5. As traballadoras embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, para a realización de exames prenatais e técnicas

de preparación ó parto, logo de aviso ó empresario e xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada de traballo.

-Situación protexida.

Para os efectos da prestación económica por risco durante o embarazo.

As mulleres embarazadas terán dereito a que se lles cambie de posto de traballo a outro máis acorde co seu estado, non estando obrigadas en ningún caso a desempeña-las súas funcións en lugares radiactivos, infecciosos ou perigosos para o seu embarazo.

Esta situación dará lugar a unha suspensión do contrato de traballo cunha duración máxima de dezaseis semanas, remitíndonos ó Decreto lei do 3 de marzo de 1989. Durante o período citado a traballadora terá dereito ó aboamento das prestacións económicas correspondentes, con cargo á Seguridade Social e completado ata o 100% do salario como para o caso de baixas por enfermidade ou accidente.

Artigo 12º.-Control médico obrigatorio.

Todo o persoal comprendido neste convenio terá dereito a unha revisión médica a cargo da empresa cada seis meses.

Artigo 13º.-Roupas de traballo.

Proverase a tódolos/as traballadores/as de roupas de traballo adecuadas para traballar en lugares radioactivos ou infecciosos. Concederase a todo o persoal a adecuada e regulamentaria roupa de traballo, fundas para o persoal masculino e batas para o persoal feminino cada seis meses, zapatillas cada tres meses ou ben zocos cada seis meses e guantes cada dez días.

Os cristaleiros serán provistos de roupa de auga.

Con carácter exclusivo para centros hospitalarios e clínicos, as batas poderán cambiarse, de mutuo acordo e para todo o persoal do centro de traballo, por chaquetiña e pantalón.

Artigo 14º.-Vestiarios.

As empresas virán obrigadas a solicitarlles ós seus clientes que se facilite un cuarto apropiado ás necesidades do persoal.

Artigo 15º.-Seguro de accidentes.

As empresas afectadas por este convenio colectivo subscribirán pólizas de seguro colectivo de accidentes de traballo en favor de tódolos/as traballadores/as que teñan máis de media xornada e daqueles que, calquera que sexa a súa xornada, realicen tarefas con certo risco ou se dediquen de xeito habitual á limpezas de cristais a alturas superiores a 1,80 m.

O resto dos/as traballadores/as tamén estarán incluídos na mencionada póliza, se ben, neste caso os capitais asegurados que se indican, reduciranse á metade.

O dito seguro cubrirá, con carácter xeral, as seguintes garantías mínimas:

-Morte ou invalidez total: 2.250.000 pesetas.

-Invalidez absoluta ou grande invalidez: 2.750.000 pesetas.

As ditas continxencias deberán derivar en calquera caso de accidente laboral incluído o accidente in itinere e as indemnizacións fixadas serán totalmente independentes daquelas que lles correspondan ós/ás traballadores/as en virtude de lexislación laboral vixente.

Capítulo IV

Adscrición do persoal

Artigo 16º.-Adscripción de persoal.

1. Ó termo da concesión dunha contrata de limpeza os traballadores/as da empresa contratista saínte pasarán a estar adscritos á nova titular da contrata, quen se subrogará en tódolos dereitos e obrigas, sempre que se dea algún dos seguintes supostos:

a) Traballadores/as en activo que presten os seus servicios no dito centro cunha antigüidade mínima dos catro últimos meses, sexa cal for a modalidade do seu contrato de traballo.

b) Traballadores/as que, no momento do cambio de titularidade da contrata se atopen enfermos, accidentados, en excedencia, no servicio militar ou situación análoga, sempre e cando teñan prestado os seus servicios no centro obxecto de subrogación con anterioridade á suspensión do seu contrato de traballo e que reúnan a antigüidade mínima establecida no punto a).

c) Traballadores/as que, con contrato de interinidade, substitúan a algún dos traballadores nomeados no punto anterior.

d) Traballadores/as de novo ingreso que por esixencias do cliente se incorporaran ó centro como consecuencia de ampliación de contrata, dentro dos catro últimos meses.

e) O persoal incorporado pola anterior titular a este centro de traballo dentro dos catro meses seguirá pertencendo á dita empresa e non se producirá a subrogación citada, salvo que se acredite a súa nova incorporación ó centro e á empresa.

2. Tódolos supostos anteriormente previstos deberán acreditarse verídica e documentalmente pola empresa saínte á entrante no prazo de tres días hábiles, mediante os documentos que se detallan ó final deste artigo.

O indicado prazo contarase desde o momento en que a empresa entrante comunique veridicamente á saínte e á Asociación Provincial de Empresarios de Limpiezas de Edificios y Locales de Pontevedra, se-la nova adxudicataria do servicio. De non cumprir este requisito a empresa entrante, automaticamente e sen máis formalidades, subrogarase en todo o persoal que presta os seus servicios no centro de traballo.

En calquera caso, o contrato de traballo entre a empresa saínte e os traballadores/as só se extingue no momento no que se produza o dereito a subrogación deste á nova adxudicataria.

3. Non operará a subrogación no caso dun contratista que realice a primeira limpeza e que non teña subscrito contrato de mantemento.

4. Se a subrogación dunha nova titular da contrata implicase que un traballador/a realizase a súa xornada en dous centros distintos, afectando a un só deles o cambio de titularidade da contrata, os seus titulares xestionarán o pluriemprego legal do traballador/a, así como o desfrute conxunto do período vacacional, aboándolle a empresa saínte a liquidación por partes proporcionais das pagas correspondentes. Esta liquidación non implicará o finiquito se continúa traballando para a empresa.

5. A aplicación deste artigo será de obrigado cumprimento ás partes que vincula, empresa cesante, nova adxudicataria e traballador/a.

Non desaparece o carácter vinculante deste artigo no caso de que a empresa adxudicataria do servicio suspendese este por un período inferior a dous meses; o dito persoal con tódolos seus dereitos adscribirase á nova empresa.

Documentos a facilitar pola empresa saínte á empresa entrante:

-Certificado do organismo competente de estar ó corrente no pagamento á Seguridade Social.

-Fotocopia das catro últimas nóminas mensuais dos traballadores afectados.

-Fotocopia dos TC-1 e TC-2 de cotizacións á Seguridade Social dos catro últimos meses.

-Relación de persoal na que se especifique nome e apelidos domicilio, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, xornada, horario, modalidade da súa contratación e data de desfrute das súas vacacións.

-Copia de documentos debidamente dilixenciados por cada traballador afectado no que se faga constar que este recibiu da empresa saínte a súa liquidación de partes proporcionais dos seus haberes ata o momento da subrogación, non quedando pendente ningunha cantidade. Este documento deberá estar en poder da nova adxudicataria na data do inicio do servicio como nova titular.

Artigo 17º.-Traslados a centros de traballo.

Co fin de evitar posibles actuacións unilaterais por parte das empresas, cando un traballador/a leve dous meses ininterrompidos prestando os seus servicios nun centro de traballo da mesma empresa, quedará fixo, salvo que por parte da dirección do centro no que presta os seus servicios, existan queixas razonadas e xustificadas con respecto ó cumprimento do traballo do productor, ou por necesidade evidente da empresa de ocupa-lo/la noutro centro de traballo por enfermidade, vacacións e demais licencias do cadro de persoal. O dito traslado non poderá ser superior a trinta días dentro do mesmo ano. O posto de traballo do traslado non poderá ser ocupado. No momento de proceder ó traslado, a empresa estará obrigada a comunicárllelo ós repre

sentantes legais dos traballadores/as co fin de busca-la solución menos gravosa para o persoal. O empresario estará obrigado, por outra parte, a respecta-la quenda que teña establecida o/a traballador/a, sempre que este realizase xornada completa nun único centro de traballo e existira outro centro de traballo coa mesma quenda.

Artigo 18º.-Altas na Seguridade Social.

A empresa estará obrigada a entregarlles os/as traballadores/as fotocopia da alta na Seguridade Social, para o que disporá dun prazo de dúas semanas desde a súa incorporación ó traballo.

Igualmente, a empresa estará obrigada a colocar fotocopia dos boletíns de cotización nun taboleiro de anuncios nas oficinas.

Igualmente, a empresa está obrigada a facilitarlle ó comité de empresa ou delegados/as de persoal, fotocopia dos boletíns de cotización.

Artigo 19º.-Finiquitos.

Os finiquitos carecerán de efectos liberatorios se, logo de petición escrita do/a interesado/a, non estivera visado polo comité de empresa, delegado/a de persoal ou, no seu defecto, polo sindicato ó que estea afiliado o/a traballador/a.

Artigo 20º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións económicas e de calquera índole contidas neste convenio teñen carácter de mínimas, polo que os pactos, cláusulas ou situacións implantadas polas empresas e que impliquen condicións máis beneficiosas para os traballadores/as verbo deste convenio subsistirán para aqueles que as veñen desfrutando, pero sen que poidan interpretarse que sobre as chamadas condicións máis beneficiosas, teña que computarse o melloramento económico que supón este convenio.

Artigo 21º.-Absorción.

As melloras económicas contidas no seu conxunto neste convenio compensarán e absorberán aquelas melloras que se producisen voluntariamente e que veñan así cualificadas na nómina polas empresas desde a sinatura do último.

Capítulo V

Retribucións

Artigo 22º.-Salarios.

As retribucións correspondentes ás distinta categorías do persoal afectado por este convenio fixanse na táboa salarial anexa que supoñen un incremento do 3% para o ano 2001, sobre as táboas correspondentes o ano 2000 e un incremento do IPC real do ano 2001 para o segundo ano de vixencia, sobre as táboas de 2001.

No caso de que o IPC rexistrase a 31-12-2001 un incremento superior ó 3% farase unha revisión salarial no exceso e con carácter retroactivo.

No caso de que o IPC rexistrase a 31-12-2002 un incremento superior ó incrementado no aumento salarial do ano 2002, farase unha revisión salarial no exceso e con carácter retroactivo.

O aboamento dos salarios deberá efectuarse nos días 30 ó 31 do mes no que se devenguen e como máximo o día 3 do mes seguinte.

Artigo 23º.-Antigüidade.

Os/as traballadores/as fixos comprendidos no ámbito de aplicación deste convenio, desfrutarán, como complemento persoal de antigüidade, dun aumento periódico por cada tres anos de servicio prestado na mesma empresa, na contía do cinco por cento para cada trienio sobre o salario base.

Artigo 24º.-Pagas extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio percibirá as gratificacións extraordinarias correspondentes a xullo e Nadal, na contía, cada unha delas, dunha mensualidade de salario base do convenio máis antigüidade, se é o caso.

As ditas pagas extraordinarias de xullo e Nadal percibiranse na súa integridade, independentemente de que o traballador estivera en situación de IT durante o período de devengo de cada unha delas, e serán aboadas entre os días 10 e 20 dos respectivos meses.

Igualmente percibirán entre os días 10 ó 20 do mes de marzo unha paga de beneficios, na contía dunha mensualidade de salario base do convenio, máis a antigüidade, se é o caso. A dita paga haberá de referirse ó ano natural anterior, aboándose a pro rrata dos días traballados. Non obstante o anterior, esta paga percibirase na súa integridade, independentemente de que o traballador/a estivera en situación de IT durante o período de devengo da dita paga.

O persoal que desfrute de vacacións durante o mes de xullo terá dereito a un anticipo do 90% do importe da paga extraordinaria de xullo, sinalada no parágrafo primeiro.

Artigo 25º.-Complemento de transporte e locomoción.

Os/as traballadores/as afectados/as por este convenio percibirán en concepto de complemento de transporte no ano 2001 a cantidade de 10.784 pesetas mensuais (64,81 euros), efectuándose o seu devengo en 12 pagas. Por cada día de ausencia ó traballo descontarase a cantidade de 484 pesetas (2,91 euros).

Para o ano 2002 percibiranse en concepto de complemento de transporte o IPC real do ano 2001.

Dado as especiais características do sector o complemento de transporte aboarase a pro rrata do tempo traballado, non tendo este concepto a consideración de salario a ningún efecto, polo cal non se computará para o cálculo de antigüidade, gratificacións extraordinarias, paga de beneficios, etc. e tampouco se per

cibirá cando se atope en situación de incapacidade temporal, queda tamén exento de cotización á Seguridade Social.

Os/as traballadores/as que teñan que utilizar vehículos para o traslado entre varios centros, de traballo terán dereito ó aboamento dun complemento de transporte na cantidade que pagara en medios normais de locomoción.

Artigo 26º.-Complemento de asistencia.

Para o ano 2001, establécese a cantidade de 7.674 pesetas/mes (46,12 euros). Por cada día de ausencia ó traballo descontarase a cantidade de 344 pesetas (2,07 euros), non considerándose como ausencia, para estes efectos, o descanso semanal ó que teña dereito o traballador/a.

Para o ano 2002 percibiranse en concepto de complemento de transporte o IPC real do ano 2001.

Este complemento de asistencia aboarase á pro rrata do tempo traballado.

Artigo 27º.-Complemento de toxicidade, perigosidade e nocturnidade.

O complemento fixado no punto a) do artigo 53 da vixente ordenanza, sobre labores tóxicos ou perigosos, queda establecido na contía do 30% do salario base de cada categoría.

O complemento de nocturnidade previsto no punto b) do mesmo corpo legal, percibirase na contía do 35% sobre o salario base de cada categoría. Os/as traballadores/as de nova contratación percibirano igualmente.

Os/as traballadores/as que teñan dereito a percibi-lo complemento de nocturnidade percibirano na contía establecida no texto do convenio e sobre o salario base mensual de trinta días, aboándose a pro rrata do tempo traballado.

O complemento de perigosidade pagaráselles ós/ás traballadores/as que habitualmente presten os seus servicios sobre estada, ou cas pés sobre escaleira situados a unha altura superior a 1 m 80 cm. Este complemento aboarase por tempo efectivo de traballo.

Artigo 28º.-Incapacidade temporal.

No caso de IT derivada de accidente laboral, tanto o acaecido no centro de traballo como o accidente in itinere, a empresa estará obrigada a completa-la prestación económica da Seguridade Social ata o importe íntegro do seu salario base do convenio máis a antigüidade máis o complemento de asistencia, desde o primeiro día da baixa.

Por outra banda, nos supostos de IT, calquera que fose a súa causa, que motiven a hospitalización do traballador/a, as empresas completarán durante a hospitalización a prestación económica da Seguridade Social ata o importe íntegro do seu salario convenio máis a antigüidade e complemento de asistencia, se é o caso.

Se o/a traballador/a sufrira intervención cirúrxica, a obriga das empresas de completa-la prestación á Seguridade Social estenderíase ó período de convalecencia e cunha duración máxima de noventa días naturais.

Artigo 29º.-Axudas de custo.

Os/as traballadores/as que por razóns de prestación de servicio sexan desprazados a lugares de traballo sitos fóra do municipio da súa residencia e que non teñan a condición de traslado do artigo 40 do Estatuto dos traballadores, terán dereito á indemnización polos gastos orixinados que recibirá o nome de axuda de custos, devengando media axuda de custos cando o traballador/a deba realizar unha comida, axuda de custos completa, cando deba realizar dúas comidas, e axuda de custos completa con pernoctación cando deba efectuar dúas comidas e pernoctar fóra do domicilio do traballador/a.

A contía das axudas de custo será a seguinte:

Ano 2001:

-Media axuda de custos: 2.095 pesetas/día (12,59 euros).

-Axuda de custos completa: 3.722 pesetas/día (22,37 euros).

-Axuda de custos con pernoctación: 6.205 pesetas/día (37,29 euros).

No ano 2002 aplicarase o aumento pactado, o IPC real do ano 2001.

Capítulo VI

Acción social

Artigo 30º.-Xubilación.

Os/as traballadores/as que cumpran a idade de 64 anos e demais requisitos esixidos poderán acollerse á modalidade de xubilación determinada no Real decreto lei 14/1981, do 20 de agosto, e Real decreto 1194/1985. As empresas obrigadas a contratar simultaneamente no lugar da/o xubilado/a a outro traballador/a que sexa titular de dereito a calquera das prestacións económicas de desemprego ou mozo demandante de primeiro emprego, tal e como dispoñen as normas citadas.

Establécese un premio por xubilación anticipada coas seguintes escalas:

De mutuo acordo entre ambas partes:

Ós 60 anos: 6 mensualidades de salario real.

Ós 61 anos: 4 mensualidades de salario real.

Ós 62 anos: 2 mensualidades de salario real.

Opción do traballador/a:

63 e 64 anos: 2 mensualidades de salario real.

Co fin de contribuír á realización dunha política de promoción de emprego, a xubilación, para o persoal fixo da empresa, terá carácter de forzosa ó cumpri-lo traballador/a a idade de 65 anos, establecéndose un premio dunha mensualidade de salario real.

Aquelas/es traballadores/as que, ó chegaren a esta idade, non teñan cumprido o período mínimo de cotización á Seguridade Social para causaren dereito á referida prestación, poderán continuar prestando servicios ata cumpriren o citado período de cotización, momento no que se causará baixa de xeito inmediato.

A empresa cubrirá o posto de traballo segundo necesidades de servicio, non tendo que ser coincidente a xornada efectiva de traballo do que se xubila coa do traballador/a entrante.

Artigo 31º.-Medidas de fomento de emprego e da contratación temporal.

Co fin de fomenta-la contratación e debido ós límites a esta impostos a causa das últimas modificacións lexislativas, as partes acordan que a duración máxima do contrato eventual por circunstancias de producción será de 12 meses nun período de 15. Poderán acollerse a esta disposición os contratos que estean en vigor na data de publicación deste convenio e aínda non esgotaran a súa duración máxima. Tendo unha indemnización de 8 días de salario por ano, segundo o Real decreto 5/2001.

Nos casos nos que os/as traballadores/as asinen baixas voluntarias nas empresas, non terán validez se non van acompañadas da sinatura dun delegado/a de persoal ou membro do comité de empresa.

Capítulo VII

Acción sindical

Artigo 32º.-Acción sindical e garantías de cargos sindicais.

En todo o relacionado con este tema haberá que aterse ó disposto nos artigos 61 e seguintes do Estatuto dos traballadores, determinándose que cando un representante legal deba saír da empresa para exercer funcións de representación deberá comunicalo a esta o día anterior, agás situacións excepcionais que se terán que xustificar posteriormente. Como xustificante será válido o comprobante dos organismos oficiais ou da central sindical correspondente.

Os/as delegados/as sindicais terán 20 horas mensuais retribuídas para realiza-lo seu cometido de representación nas empresas con mais de 25 traballadores/as.

Poderanse formar seccións sindicais, en tódalas empresas de máis de 50 traballadores/as, como se estipula na Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto de liberdade sindical.

Será obrigatorio colocar un taboleiro de anuncios para a información sindical, nas empresas que teñan centros de traballo con máis de 6 traballadores/as, que se axustará ó disposto no Estatuto dos traballadores.

De acordo co establecido no artigo 68 e) do Estatuto dos Traballadores, en cada empresa se poderá establece-la acumulación do crédito horario dos

representantes legais dos traballadores (delegados de persoal ou membros do comité de empresa) nun ou varios dos seus membros dunha mesma organización sindical, sen supera-lo máximo total de noventa horas.

Tanto o cedente como o cesionario do crédito horario deberán comunicarlle por escrito á dirección da empresa a cesión e acumulación de horas, cunha antelación de 5 días, na que figurará o seguinte:

-Nome do cedente e do cesionario.

-Número de horas cedidas e período polo que se efectúa a cesión, que haberá de ser por meses completos, ata un máximo dun ano.

Artigo 33º.-Asembleas.

Os traballadores/as dunha mesma empresa terán dereito a reunirse en asemblea, unha vez ó mes e por un tempo máximo de dúas horas durante a xornada debendo comunicarlle á empresa a súa celebración cunha antelación de 48 horas, agás situacións excepcionais de conflicto ou folga, na que bastará con preavisar con 24 horas de antelación.

Artigo 34º.-Formación.

As empresas de limpeza colaborarán coas organizacións empresariais e sindicatos para as realizacións de cursos de formación para os/as traballadores/as, segundo o acordo de formación continua, sendo as organizacións empresariais e sindicatos os órganos autorizados e con competencias para desenvolve-lo dito labor.

Os/as traballadores/as que participen en cursos de formación continua teráselles en conta estes para efectos de promoción interna e de acceso as categorías superiores.

Artigo 35º.-Partes asinantes.

As partes asinantes deste convenio son, en representación dos traballadores, as centrais sindicais Comisiones Obreras (CC.OO), Unión General de Trabajadores (UGT) e Confederación Intersindical Galega (CIG).

En representación dos empresarios, a Asociación Provincial de Empresarios de Limpiezas y Locales de Pontevedra.

Para a interpretación e cumprimento das cláusulas deste convenio, e en xeral, para atender cantas cuestións deriven da súa aplicación, establécese unha comisión paritaria que estará integrada por 4 representantes empresariais e 4 representantes dos traballadores, todos eles de entre os integrantes da comisión do convenio.

Independentemente da interpretación e seguimento do convenio a dita comisión reunirase polo menos unha vez cada tres meses, durante a vixencia deste convenio, co obxecto de analizar e estudia-la problemática do sector no seu sentido máis amplo.

Artigo 36º.-Comisión paritaria.

Créase unha comisión paritaria do convenio, formada por representantes de ambas partes, e cunha

finalidade que será a de vixia-lo cumprimento do convenio e da normativa laboral, en xeral.

Artigo 37º.-Empresas de traballo temporal.

As empresas de limpeza non poderán contratar a través das empresas de traballo temporais (ETT) tanto para substitucións de vacacións, IT, etc. Así como, calquera posto novo de traballo (ampliación de cadro de persoal, postos de nova creación, etc).

En calquera caso garantirán que os traballadores/as postos a súa disposición teñan os mesmos dereitos laborais e retributivos que lles corresponden ós/ás traballadores/as en aplicación deste convenio.

Artigo 38º.-Lexislación subsidiaria.

En todo aquilo que non quede determinado especificamente neste convenio, haberá que aterse ó disposto pola ordenanza de traballo para as empresas dedicadas á limpeza de edificios e locais, aprobada con data do 15 de febreiro de 1975, e no que nela non estea previsto ou regulado, serán de aplicación esas normas establecidas na lexislación laboral xeral.

No suposto de derrogación da ordenanza laboral de limpeza de edificios e locais, os aspectos non regulados neste convenio provincial e que se recollan na ordenanza laboral derrogada, pasarán a formar parte provisionalmente do convenio provincial, mentres non se negocie un convenio colectivo de ámbito superior que a substitúa.

Nos artigos 8º, 9º, 11º reprodúcese a Lei de protección e conciliación familiar, calquera cambio que afecte á dita lei modificará automaticamente estos artigos.

Artigo 39º.-Dereitos lingüísticos e normalización do galego.

Os traballadores/as teñen dereito a desenvolve-la súa actividade laboral e profesional en lingua galega, como lingua propia de Galicia (artigo 5.1º do Estatuto de autonomía), e a recibir formación lingüística para mellora-lo servicio ó público no seu posto de traballo.

No seo da empresa a dirección e os representantes dos traballadores/as fomentarán o uso, da lingua galega nas actividades internas e nas súas relacións.

Artigo 40º.-Emprego fixo.

As partes asinantes deste convenio, en prol dunha maior estabilidade no emprego, acordan fomenta-la contratación indefinida, establecendo como cadro de persoal fixo mínimo das empresas do 40% do cadro de persoal total, entendendo por esta a media dos últimos 12 meses.

Disposición adicional

1. As diferencias ou atrasos salariais producidos como consecuencia da aplicación retroactiva dos efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2001,

serán aboados polas empresas no prazo máximo de 45 días naturais contados desde a data da resolución do delegado provincial de traballo, acordando a súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos e a súa publicación no BOP.

2. As partes asinantes comprométense antes do 31-12-2001 a xuntar a comisión paritaria do convenio para valorar os novos premios de xubilación.

Táboas de salarios 2001

Limpeza de edificios e locais

CategoríaPesetasEuros

Grupo I: persoal directivo e técnico

-Subgrupo I: persoal directivo
Director240.8461.447,51
Director comercial218.6931.314,37
Director administrativo218.6931.314,37
Xefe de persoal218.6931.314,37
Xefe de compras218.6931.314,37
Xefe de servicios218.6931.314,37

-Subgrupo II: persoal titulado
Titulado grao superior173.4121.042,23
Titulado grao medio154.052925,87
Titulado laboral ou profesional131.014787,41

Grupo II: persoal administrativo
Xefe administrativo de 1ª163.775984,31
Xefe administrativo de 2ª153.179920,62
Caixeiro138.728833,77
Oficial de 1ª131.016787,42
Oficial de 2ª116.572700,61
Auxiliar102.114613,72
Telefonista101.099607,62

Grupo III: mandos intermedios
Encargado xeral153.206920,79
Supervisor ou encargado de zona138.729833,78
Supervisor ou encargado de sector127.178764,36
Encargado de grupo ou edificio110.024661,26
Responsable de equipo105.607634,71

Grupo IV: persoal subalterno
Ordenanza101.100607,62
Almaceneiro101.100607,62
Listeiro101.100607,62

Grupo V: persoal obreiro
Especialistas111.470669,95
Peón especialista102.150613,93
Limpador ou limpadora101.077607,49
Conductor-limpador120.071721,64

Grupo VI: persoal oficios varios
Oficial111.460669,89
Axudante102.150613,93
Peón101.077607,49